Implicación familiar na educación

Reflexións

Gonzalo Xosé Francisco da Rocha
Profesor de Ciencias Sociais
IES S. Basanta Silva. Vilalba

 

Este traballo xorde da necesidade de coñecer dun xeito cuantitativo e cualitativo como a implicación dos pais e nais na educación dos seus fillos estimula o éxito académico. Tamén quere orientar sobre as posibles mellorías que se poden introducir para que o proceso educativo desenvolvido nos centros sexa complementado coa activa participación dos proxenitores ou titores legais do estudantado. É froito do seguimento seriado das visitas e reunións informativas que o profesor mantén coas familias. O seu obxectivo, ademais da reflexión, é mellorar aqueles condicionantes que o corpo docente solicitamos dos fogares, primeiro ámbito educativo dos fillos.

Xa hai máis de vinte anos que o filósofo Fernando Savater na súa obra El valor de educar (1997) dedicaba o capítulo específico «El eclipse de la familia» a esta cuestión e argumentaba que «... todo iso conforma o que os estudosos chaman socialización primaria do neófito, pola cal este se converte nun membro estándar da sociedade. Despois, a escola, o grupo de amigos, o lugar de traballo etc. levarán a cabo a socialización secundaria». Pero nesta mesma obra anuncia xa que «cada vez con maior frecuencia, os pais e outros familiares a cargo dos nenos senten desánimo ou desconcerto ante a tarefa de formar as pautas mínimas da súa conciencia social e abandónanas aos mestres».

Desde a investigación de varios autores das universidades da Coruña e Oviedo (2014), existe unha reflexión sobre o tema que os leva a concluír que «parece que a implicación parental produce efectos diferenciais sobre o rendemento». Non só, pois convídase a «desenvolver formas de comunicación bidireccional escola-casa e casa-escola sobre os  programas do centro e do progreso do alumnado. Esta comunicación implica incrementar o entendemento e a cooperación entre o fogar e a escola e que o estudantado vexa que os seus pais e profesores están en contacto para axudarlle a ter éxito».

Con estes referentes e unha vocación de investigación inicial, desde a función titorial desenvolvida ao longo de anos sucesivos, no curso 2018/19 deuse nunha recollida sistemática das cantidade de entrevistas para comprobar se se cumpría e en que maneira a hipótese. A continuación, temos os resultados.

Contextualización socioeconómica

Vilalba, cabeceira da comarca da Terra Chá, suma actualmente case 10.000 habitantes dos que pouco máis dun terzo reside na vila, mentres segue a conservar unha boa proporción no ámbito rural con trinta parroquias nos seus 379 km2 de extensión. É un dos termos municipais máis grandes de Galicia. A perda de poboación é continua nas últimas décadas, tanto nas aldeas como na propia capital. A poboación, ademais, está moi envellecida: se no ano 2000 a matrícula do centro educativo acadaba os 1000 alumnos/as, ás portas do ano 2020 reduciuse a 550 aproximadamente.

A súa renda bruta no presente acada os 18.905 euros (Galicia, 23.294 euros). A industria está ligada ao aproveitamento agrogandeiro no sector lácteo e derivados. Con 10.200 vacas en 1100 granxas só en Vilalba, xunto coa Pastoriza, Castro de Rei e Cospeito, fan da Terra Chá a principal comarca gandeira, participando na potencia láctea galega nos dez primeiros postos no ámbito europeo. O sector forestal tamén ten importancia, con 74.000 m3 de madeira cortada, o que a sitúa á cabeza da produción do país. Toda a bacía hidrográfica foi recoñecida no ano 2002 pola UNESCO como reserva da biosfera Terras do Miño cun valor natural aínda por explotar con actividades de ocio, cultura e lecer.

Lexislación xeral

O marco legal estableceu na LOE (Lei orgánica da educación, do 3 de maio 2006), na súa disposición final primeira, segundo punto, que aos pais, nais e/ou titores legais...como primeiros responsables da educación dos seus fillos,  correspóndelles:
    a) Adoptar as medidas necesarias, ou solicitar a axuda correspondente en caso de dificultade, para que os seus fillos cursen as ensinanzas obrigatorias e asistan regularmente a clase.
    b) Promover, na medida das súas posibilidades, os recursos e as condicións necesarias para o proceso escolar.
    c) Estimulalos para que leven a cabo as actividades de estudo que lles encomenden.
    d) Participar de maneira activa nas actividades que se establezan en virtude dos compromisos educativos que os centros establezan coas familias, para mellorar o rendemento dos seus fillos.
    e) Coñecer, participar e apoiar a evolución do seu proceso educativo, en colaboración co profesorado e os centros.
    f) Respectar e facer respectar as normas establecidas polo centro, a autoridade e as indicacións ou orientacións educativas do profesorado.
    g) Fomentar o respecto de todos os compoñentes da comunidade educativa.

É a primeira lei orgánica de educación que recolle de maneira explícita esta dimensión da educación: a responsabilidade e implicación da familia. En leis previas, o motivo de atención do proceso educativo, partindo do alumnado, protagonista principal, foi engadindo, sucesivamente, o corpo docente e finalmente as familias e a propia sociedade no seu conxunto, pois o centro escolar é unha peza máis entre todas as que educan.

A proposta de investigación da Universitat Rovira i Virgili recibida no centro escolar e que se presenta máis adiante xa advertía explicitamente da pouca análise que hai con respecto a este tema despois dun tempo de percorrido suficiente para facer unha avaliación. A presente colaboración é unha primeira aproximación no noso centro educativo da que se poden concluír resultados indicativos, como se verá a continuación.

Datos estatísticos. Análise

A realidade é moi diversa e a continuación, nas táboas propostas, pódese comprobar como a implicación das familias, por medio das entrevistas co profesorado, en tres grupos de cuarto curso da ESO, dá resultados determinantes.

Táboa 1. Relación entre a nota final e o número de entrevistas

 

Nesta primeira táboa compróbase, tanto nos valores totais como parciais, que 4.º ESO-B (51 entrevistas anuais) supera a 4.º ESO-C (36 visitas anuais) e a 4.º ESO-D (22 visitas anuais). Estas diferenzas tamén se constatan nas tres avaliacións. No grupo de 4.º ESO-B, na primeira  avaliación, todas e cada unha das nais asistiron a unha entrevista, dato que non se dá nos outros grupos. De inmediato xorde a correlación coa nota media final deste grupo en xuño (7,21 puntos) en relación coa maior frecuencia de entrevistas coas familias.

Táboa 2. Frecuencia da nota media final do alumnado por grupos

 

Tal é como se mostra, no grupo 4.º ESO-B, a moda está entre 7-8 puntos, notable, pois ata catorce alumnos obteñen este resultado. No seguinte grupo de 4.º ESO-C, a moda está nos 7 puntos de maneira máis concentrada, pois ata dez alumnos obteñen ese resultado. O contraste é evidente co grupo 4.º ESO-D, onde a moda aparece difusa nas notas máis baixas, pois ata dezasete alumnos, de vinte e cinco totais, teñen notas medias entre os 4, 5 e 6 puntos. Tan só seis alumnos acadan o notable (con 7 puntos) e mesmo catro alumnos obteñen unha nota media de 4 puntos.


Táboa 3. Frecuencia de materias suspensas por grupos

 

Tamén é elocuente tanto a diferenza entre a frecuencia das materias suspensas, onde destaca que en 4.º ESO-B e 4.º ESO-C ata 14 alumnos/as non suspenden ningunha. En 4.º ESO-D (con 25 alumnos/as) baixa a 6 alumnos/as. Neste grupo destaca a cantidade de materias que teñen pendentes de cursos anteriores, ata 10, fronte aos outros grupos.

En 4.º ESO-B, a materia con máis suspensos é Física e Química (7 casos), seguida de Matemáticas (4 casos) e de Castelán e Inglés (3 casos, respectivamente). No caso de 4.º ESO-C, a materia con máis suspensos é Matemáticas (6 casos), seguida de Inglés (2 casos) e Galego (1 caso). En 4.º ESO-D, a materia con máis suspensos é Matemáticas (12 casos), Castelán (11 casos), Inglés (10 casos) e Galego (9 casos).

Táboa 4. Frecuencia de entrevistas cos proxenitores por grupos

 

Nesta táboa podemos comprobar como, efectivamente, a frecuencia de entrevistas tamén está directamente relacionada cos resultados académicos, pois no grupo de 4.º ESO-B ata 10 familias mantiveron tres entrevistas co profesorado e 9 familias mantiveron dúas entrevistas ao longo do curso. Para o caso de 4.º ESO-C detectamos un panorama máis difuso, pois 8 familias mantiveron dúas entrevistas e 5 familias mantiveron unha soa entrevista. Só en 3 casos as familias chegaron a ter catro entrevistas. Para rematar, en 4.º ESO-D sorprende que ata 14 familias nunca viñeron a unha entrevista co profesorado e incluso en catro casos foi o profesor-titor quen as solicitou, das cales, nun caso, non foi atendida esa solicitude. Chama a atención que este grupo, ademais, é máis numeroso e que 9 alumnos/as proceden dun programa específico PMAR (Programa de mellora e aprendizaxe e rendemento), se cadra, moito máis necesitados dun apoio específico e unha atención especial.

Propostas

Unha vez tiradas conclusións sobre como, efectivamente, implicación familiar e rendemento escolar van da man, cómpren algunhas propostas para quen estea interesado no tema.

O amplo cuestionario recollido a continuación forma parte, xunto con outras corenta cuestións sobre a estrutura familiar, dun estudo pioneiro que se preocupa pola implicación familiar nos procesos educativos dos fillos e fillas xa que, segundo os propios investigadores argumentan, non existen instrumentos de avaliación significativos sobre esa implicación. Elaborado pola Facultade de Ciencias da Educación e Psicoloxía da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona, da man da profesora Marta Camarero Figuerola, pode ser de utilidade para unha posible autoavaliación.

PARTICIPACIÓN FAMILIAR

1. Asisto a reunións co profesorado para falar da aprendizaxe e comportamento do meu fillo ou filla adolescente.
2. Contacto co instituto do meu fillo ou filla para pedir información.
3. Na casa, limito o tempo que o meu fillo ou filla pasa diante do televisor ou do ordenador.
4. Asegúrome de que o meu fillo ou filla remate os seus deberes.
5. Suxírolles actividades ou excursións ao profesorado.
6. Asisto a talleres ou cursos de formación para pais e nais que ofrece o instituto da miña fila ou fillo.
7. Falo co persoal do instituto sobre as normas da aula e do centro.
8. Asegúrome de que a miña filla ou fillo teña maneira de chegar ao instituto pola mañá.
9. Cóntolle historias á miña filla ou fillo de cando eu ía ao instituto.
10. Asegúrome de que a miña filla ou fillo dispoña de recursos para informarse sobre oportunidades académicas posteriores á educación secundaria (por exemplo, universidades ou FP).
11. Comunícome co persoal se estou preocupado por cousas que a miña filla ou fillo comenta sobre o instituto.
12. Falo co persoal do centro sobre a preparación do meu fillo ou filla para a vida despois do instituto.
13. Asegúrome de que a miña filla ou fillo teña algún sitio tranquilo na casa onde poida facer os deberes.
14. Son voluntario no instituto da miña filla ou fillo.
15. Participo en actividades de recadación de fondos no instituto do meu fillo ou filla.
16. Falo co profesorado sobre os progresos da miña filla ou fillo.
17. Levo á casa material sobre formación profesional ou estudos superiores para a miña filla ou fillo.
18. Participo en actividades sociais, familiares e comunitarias no instituto (representacións, festivais...).
19. Establezo normas claras na casa que a miña filla ou fillo debe obedecer.
20. Falo co persoal do centro cando o meu fillo ou filla ten problemas.
21. Pregúntolle ao meu fillo ou filla como lle foi no instituto.
22. Animo a miña filla ou fillo a que invite os amigos a vir á casa.
23. Falo con outros pais e nais sobre reunións e eventos escolares.
24. Asegúrome de que o meu fillo ou filla teña forma de chegar á casa despois das clases.
25. Falo con persoas do instituto da miña filla ou fillo sobre oportunidades de formación ou desenvolvemento  profesional para min.
26. Falo co persoal do instituto sobre as tarefas que o meu fillo ou filla ten que facer na casa.
27. Falo co persoal do instituto sobre asuntos familiares se afectan ao rendemento da miña filla ou fillo.
28. Falo co meu fillo ou filla sobre como será a súa vida despois de rematar o instituto.
29. A miña filla ou fillo ten asignadas tarefas domésticas.
30. Ensínolle ao meu fillo ou filla como facer tarefas domésticas básicas.
31. Creo que os profesores e o director animan os pais e nais a implicarse no centro.
32. Creo que no centro da miña filla ou fillo os pais e nais se axudan entre si.
33. Axudo o meu fillo ou filla cos contidos académicos que máis lle custan.
34. Falo coa miña filla ou fillo sobre as posibles profesións que lle interesan.
35. Participo en asociacións integradas por familias e persoal do centro do meu fillo ou filla.
36. Falo co persoal do instituto sobre os problemas e procedementos disciplinarios.
37. Axudo a miña filla ou fillo cos deberes ou vouna/o ver cando os está facendo.
38. Falo cos profesores do meu fillo ou filla por teléfono ou correo electrónico.
39. Falo con familiares e amigos sobre como lle vai á miña filla ou fillo no instituto.
40. Falo co meu fillo ou filla sobre para que me serviu estudar.

SEMPRE / HABITUALMENTE / ÁS VECES / NUNCA

 

Por medio desta enquisa pódese comprobar que non é só unha cuestión de reunións periódicas co profesorado, implica outros aspectos: disposición de condicións axeitadas no ámbito doméstico, seguimento da progresión, apoio ás cuestións e desafíos que poidan xurdir... pois os pais e nais son os principais educadores dos fillos e o establecemento de pautas e hábitos axeitados resulta imprescindible.

O espazo de estudo debe ter unhas características básicas: ser sempre o mesmo e estar preparado para esa función, cunha mesa e cadeira proporcionadas. Boa luz natural complementada coa artificial, sen excesos nin carencias. A ventilación anova o aire, achega osíxeno e evita os excesos ou defectos de temperatura que debe roldar os 20 ºC. Os ruídos, músicas e outras distraccións, especificamente os teléfonos móbiles, deben ser xestionados con criterio. Non se trata de prohibir ou permitir totalmente. Dependerá da materia e da intensidade de traballo.

Aspectos máis xerais, pero non menos importantes, teñen que ver coa alimentación, o ocio e o descanso. Unha dieta adaptada á idade que siga os parámetros de saúde recomendados, variada e que evite os alimentos hipercalóricos que actualmente son o maior inimigo. Un ocio que debe incluír a actividade física proporcionada, imprescindible para compensar o tempo de esforzo intelectual. Finalmente, o descanso, cun mínimo de oito horas para durmir, con constancia en horarios e sen dilacións provocadas polas novas tecnoloxías.

Non menos importante é a orientación básica que pode achegar a familia. A axuda na organización e planificación que rexerán as tarefas académicas no fogar. Un horario realista, adaptado e flexible e a asunción da responsabilidade e autonomía segundo a etapa, que permita que tome decisións e que solicite a axuda cando sexa necesario, xa na casa, xa no centro educativo.

As entrevistas periódicas son o complemento definitivo para completar un traballo en equipo entre pais/nais e/ou titores legais e profesorado. Só o feito de acudir supón un recoñecemento á responsabilidade do profesorado no proceso educativo que supón un reforzo da autoridade da institución educadora que o alumnado percibe e acepta. É misión especial das familias diante dos fillos recoñecer e valorar ese traballo docente da mesma maneira que se recoñece e valora o traballo, e sobre todo o esforzo, do fillo como potente estimulador. Sen ese recoñecemento positivo, a tarefa resulta máis difícil para profesorado e alumnado. Poñer en dúbida sistematicamente a dedicación e profesionalidade só entorpece a consecución de logros.

Especificamente, nas entrevistas a predisposición á colaboración establece un ambiente que favorece a comunicación entre ambos os responsables: o fogar e o centro educativo. O alumnado sente esa actuación conxunta como estimulante para o desenvolvemento da súa aprendizaxe. Os datos achegados son concluíntes.

Menos agradables, pero de imprescindible tratamento, certas cuestións son claramente negativas: non prestarlle ningunha atención ao fillo abandonando a obriga moral e legal de educar; non prestar axuda nas dificultades, xa académicas, xa afectivas, que poidan xurdir no período escolar; emitir xuízos de valor negativos, incluídas comparacións despectivas, que danan a autoestima do adolescente; despreocuparse polos malos resultados académicos de maneira que non supoñan unha consecuencia de ningún tipo; sobreprotexer o fillo diante de situacións que ten que afrontar para madurar; desprezar, en familia e na comunidade, a profesionalidade dos docentes e do centro educativo en calquera dos seus aspectos ou manifestacións; solucionarlle as tarefas, xa domésticas, xa escolares, sen que asuma unha responsabilidade acorde coa súa idade; esixir resultados escolares a toda costa e considerar as cualificacións académicas como único referente de valoración  do fillo.

«Os profesores non inventan —no sentido de crear ex novo— as relacións sociais que se dan dentro dos centros. Os valores sociais que dominan nunha sociedade nun momento dado dan forma concreta ao conxunto de roles que desempeña o profesor». En Sociología del profesorado, Fernando Gil Villa, da Universidade de Salamanca, no capítulo titulado «La enseñanza como relación contractual», ao abordar os trazos desa relación, defende que esta debe ser «solidaria» e denuncia que «na maior parte dos centro de ensinanza o profesor non é unha persoa ben coñecida polos pais dos alumnos (...) e case nunca se preocupan (...) polos problemas ou circunstancias persoais daquel de forma que repercuta positivamente no seu traballo e, polo tanto, na educación» e continúa argumentando que, nunha investigación sobre varios centros, «a única razón xeral, entendo por tal a que motivaba máis do 50 % das visitas, era a entrevista co titor, o cal parecía corroborar a hipótese de que os pais están máis que nada motivados polo aspecto puramente académico do centro».
 

 

Bibliografía: 

 

 

Blasco, J. (2018). Los programas para fomentar la implicación parental en la educación sirven para mejorar el rendimiento escolar? Bonalletra Alcompàs.

Gil Villa, F. (1996). Sociología del profesorado. Universidad de Salamanca.

Savater, F. (1997). El valor de educar. Ariel.

VV.AA. (2014). La implicación familiar en el ámbito educativo como herramienta para trabajar el éxito académico. Revista de Psicología y Educación, 9(2), pp. 83-93.

Sección: