Aprender a emprender
Patricia García González
Socia-consultora Grupo femxa
pgarcia@femxa.com
Ante a adversidade, ante o descoñecido, todos temos medo.
A reacción primaria e automática ante situacións de pánico é fuxir, como sucede no caso de nos atopar ante un animal perigoso, sobresaltarse ante un ruído repentino ou agocharse no caso de situacións que non esperamos e ante as que non sabemos actuar. Todas estas respostas ante situacións descoñecidas frústrannos porque non fomos capaces de afrontalas e esta frustración, cando se dá unha e outra vez, encérranos nun sentimento de fracaso.
Pero a capacidade de cambiar as nosas reaccións está en nós mesmos. Se atendemos á gráfica de Mihaly Csikszentmihalyi, Flow, vemos no valor X o que el denomina “habilidades” e no valor Y “desafíos”. Un individuo con escasa formación/información, pouco coñecemento (valor X) e con ganas de aprender (valor Y), encóntrase nun estado de crecemento. Non obstante, por moitas habilidades que teña un individuo, se os seus retos son escasos ou nulos, entra nunha fase de aburrimento. O que temos que potenciar é a capacidade de desenvolvemento fomentando a curiosidade, expoñer problemas que lle provoquen ao noso alumnado a necesidade de buscar solucións.
O estímulo que xera un medo canalizado positivamente incítanos a mobilizarnos na busca de solucións. Chegar a solucións xéranos adrenalina positiva, o que nos satisfai, e toda satisfacción recorrente conduce ao éxito.
Esa capacidade de dominar os nosos medos, de canalizalos positivamente na busca de solucións inxéctanos seguridade e confianza e inflúenos notablemente no noso estado de ánimo. Onde antes viamos un problema agora vemos una solución.
De feito, o gran reto é poder proxectar solucións ante posibles problemas que poderemos encontrar. Por exemplo, o desenvolvemento dun proxecto
empresarial; un emprendedor debe imaxinar situacións futuras coas que se pode encontrar na súa empresa. Aproveitemos este gran sentido do ser humano, a capacidade de poder soñar, de imaxinar porque “a visualización te prepara para o éxito” (Erice, 2011).
Cando pensamos en grandes deportistas coma Rafael Nadal, Severiano Ballesteros, entre outros, vemos que o éxito non foi innato. Foi o resultado dun gran sacrificio, da capacidade de afrontar as súas debilidades e de presentar solucións. Rafael Nadal é moi consciente de que o seu saque é peor ca o de Roger Federer, pero... rendeuse? Non, nin moito menos. Día tras día adestra o seu saque, observando e analizando os saques de Roger Federer e intentando melloralos. Se el non se enfrontase a este reto e non se informase de como poder mellorar, o seu triunfo non sería posible. O éxito conséguese a por de esforzo e de crecemento continuos e de sensibilidade por querer mellorar.
Permitámoslle ao noso alumnado que se forme, que teña medo, que se frustre, que busque solucións, para que medre e teña éxito.
- ERICE, J. (2011) Alíate con el miedo. Barcelona, Ed. Empresa Activa