O Espazo Fedelleiro da EEI de Barrionovo

A creación, uso e repercusión do espazo creativo na biblioBN
Neste artigo preséntase unha síntese do proceso de creación do espazo fedelleiro da nosa biblioteca escolar. Faise tamén referencia á utilización deste espazo por parte do alumnado, profesorado e familias do centro e os resultados da súa creación e uso.

Aida Dourado Gantes, mestra especialista en Audición e Linguaxe
Integrante do equipo de biblioteca e coordinadora TIC. EEI Barrionovo (Arteixo-A Coruña)
aidadourado@edu.xunta.es

 

 

A EEI Barrionovo é unha escola de tres unidades de educación infantil situada en Pastoriza, Arteixo (A Coruña).

No curso actual contamos con 38 alumnas e alumnos distribuídos en cuarto, quinto e sexto de infantil e con sete mestras (cinco mestras de educación infantil, unha especialista en Lingua Inglesa e unha especialista en Audición e Linguaxe), tamén contamos cunha coidadora compartida dous días á semana. 

Levamos sete cursos traballando cun proxecto anual de centro, coordinado desde a biblioteca escolar. A biblioteca tamén está integrada no PLAMBE desde hai sete cursos. A liña do PLAMBE é a biblioteca como xeradora dos proxectos de traballo e centro de recursos para a aprendizaxe. Formamos parte do proxecto Escornabots na biblioteca escolar desde a primeira convocatoria e desde este curso denominado Biblioteca creativa. Tamén é o segundo curso que estamos incluídos no proxecto LÍA.2

As familias son informadas na reunión do inicio do curso da programación de cada un destes programas de bibliotecas e na do final do curso reciben tamén a información do traballo realizado ao longo do ano. Estas programacións son avaliadas trimestralmente, igual ca o resto de programacións e coordinacións, e a finalidade é comprobar o cumprimento dos obxectivos e a posible desviación destes.

Con todo este longo percorrido de traballo na biblioteca escolar e adaptándonos aos novos programas impulsados desde a Dirección Xeral de Centros e Recurso Humanos de traballo coa robótica, impresión 3D, cultura maker e colaborativa… decatámonos de que o noso espazo de biblioteca, a biblioBN, quedaba pequeno en espazos e materiais. Precisabamos dun espazo máis amplo e accesible para poder situar os fondos bibliográficos, as ferramentas TIC e o material manipulativo.

As tecnoloxías sempre tiveron un gran peso no noso centro debido a que cremos que esta linguaxe forma xa parte da nosa vida educativa e, como tal, procuramos desenvolvela na busca, tratamento e exposición da información, no fomento da creatividade, no traballo lectoescritor, no fomento da lectura, na competencia matemática e na diversidade e autonomía do alumnado. Todo este traballo é difundido á comunidade educativa para adquirir conciencia da importancia desta linguaxe para o futuro dos seus fillos e fillas.

Durante o curso 2016/17 recibimos axudas extra para equipamento, así como orientación da Asesoría de Bibliotecas Escolares, tamén contamos coa axuda do Concello, así que decidimos habilitar unha aula da planta baixa, antes destinada a usos múltiples, como extensión da biblioBN e bautizámola como espazo fedelleiro. Este nome xurdiu da concepción deste espazo como un lugar de acción, experimentación, manipulación, creación e xogo. Foron trasladados aquí os fondos pertencentes ao medio, arte e números, xunto con todas as ferramentas TIC coas que contaba o centro.

 

Grazas ás dotacións económicas dos programas de Bibliotecas Escolares, xunto coa dotación do Concello do proxecto Arteixo Innovación, puidemos mercar recursos para este novo espazo. Adquirimos así máis ferramentas TIC: impresora 3D, dúas mesas multitáctiles, mesa de luz, un monitor táctil… e materiais de manipulación de xogo non estruturado, xunto con materiais sensoriais. Recompilamos todo o material de manipulación espallado polas aulas (teas, tapóns, botellas, botóns…) e organizámolo en cubetas transparentes que foron rotuladas co seu contido (con imaxes e palabras) para facilitar así a súa identificación. Transformamos a porta nun encerado cun vinilo branco e nunha parede construímos un muro Lego. No curso actual estamos a traballar na elaboración dun muro Scrabble para a composición de palabras imprimindo as pezas na impresora 3D e tamén adquirimos un tipi para a creación dun espazo de acougo. E non podemos esquecer o lugar destacado que ocupan os escornabots, os seus modelos, recambios de pezas plásticas, caixa de ferramentas e de electrónica.

 

A creación deste espazo supuxo brindarlles un ambiente aberto e creativo a alumnado, profesorado e familias, onde se levan a cabo actividades de manipulación, artísticas, lúdicas, multimedia… que fomentan e promoven o acceso a unha alfabetización múltiple e a unha aprendizaxe colaborativa.

A presenza de materiais sensoriais e de xogo non estruturado favorece a súa utilización por parte da totalidade do alumnado. Para que o espazo fedelleiro se converta nunha biblioteca inclusiva, intentamos eliminar as barreiras materiais e actitudinais. Creamos un espazo amplo cos materiais presentados dunha forma visual e accesible, onde todos os nenos e todas as nenas interactúan dunha forma igualitaria e normalizadora.

Para a utilización do espazo fedelleiro existe un horario onde cada aula e especialidade conta con sesións asignadas para actividades sistemáticas. Os luns son para o alumnado de Audición e Linguaxe, durante ese día as sesións de estimulación da linguaxe e reforzo educativo realízanse alí, empregando os escornabots, as mesas multitáctiles, a mesa de luz, os materias sensoriais e de manipulación…

 

Cada aula coa súa titora realiza alí un taller de Mates onde o alumnado traballa con figuras xeométricas, tangrams de cores, de píxeles, regretas de madeira, xogos de equilibrio, bloques lóxicos, xogos de memoria, material magnético para construír figuras e obxectos en 3D…

 

Outra actividade sistemática realizada no espazo fedelleiro son as actividades internivel, onde grupos heteroxéneos de cada aula interactúan entre si colaborativamente para a realización de actividades de creación artística empregando troncos, pezas e rochas de madeira, bobinas, las, xeocortizas, pedras, cunchas, casetes…

 

As sesións do taller TIC, co que pretendemos lograr o uso autónomo por parte do alumnado das ferramentas e programas cos que conta o noso centro, lévanse a cabo tamén no espazo fedelleiro. Todo o traballo deste taller e as producións do alumnado difúndense á comunidade educativa mediante o blog de TicsBn que está aloxado dentro do blog da biblioBN.

Ademais de todas as actividades co alumnado, este espazo está aberto ás familias os martes en horario de 16:00 a 18:00, para que poidan gozar xunto cos seus fillos e fillas de todos os recursos e materiais que alberga.

Xunto coas anteriores actividades sistemáticas, o espazo fedelleiro é utilizado tamén para a realización de encontros, encontXos, poesías express, obradoiros de cociña ou de horto e concertos.

Grazas ao seu uso, materiais e dinamización, o espazo fedelleiro representa para a nosa comunidade educativa un lugar vivo, sempre en proceso de cambio e rexeneración, un moi frecuentado punto de encontro para o traballo e momentos de lecer e, por riba de todo, conforma o centro creativo das nosas aprendizaxes do que presumimos con moito orgullo.

 

 

Sección: