Deixando pegadas

Plan Proxecta Protexe os animais. Unha experiencia educativa innovadora
Nos últimos anos o CRA Raíña Aragonta está á procura de metodoloxías innovadoras e motivadoras tanto para o alumnado coma para o profesorado. Por este motivo, este centro, desde o curso 2013/14, vén participando de diferentes programas deste plan e atopando neles un gran recurso que serve, ademais, como nexo de unión á hora de fortalecer a cohesión de grupo, tan importante nun colexio rural agrupado coma o noso. O programa desenvolvido no curso 2017/18 supuxo un antes e un despois, xa que implicou a toda a comunidade educativa nel e impulsou a ilusión e motivación entre todos os seus membros. Reflexo desta ilusión foi ser galardoados co terceiro premio da convocatoria dos Premios Plan Proxecta 2017/18.

Mónica Rodríguez Vázquez, mestra de educación infantil
rodriguezvazquez@edu.xunta.es
María Feijoó Ramos, mestra de educación infantil
mariafeijoo@edu.xunta.es
CRA Raíña Aragonta (Salceda de Caselas-Pontevedra)

 

 

Quen somos e onde nos atopamos?

Somos o Colexio Rural Agrupado (CRA) Raíña Aragonta e estamos situados no concello de Salceda de Caselas, na provincia de Pontevedra, un dos concellos cun maior índice de poboación infantil de Galicia. O noso cole está formado por 15 unidades de educación infantil, 7 delas son aulas mixtas con alumnado de 3, 4 e 5 anos que se atopan nas diferentes parroquias do concello e na zona urbana de Salceda están situadas as restantes aulas, onde o alumnado está agrupado por niveis, en cuarto, quinto e sexto de educación infantil. O claustro está formado por 25 mestres e un total de 265 alumnos.

Todas as nosas aulas se caracterizan por estaren situadas en contornas naturais, rodeadas de natureza, incluso o edificio situado no centro da poboación de Salceda a carón dunha senda peonil, onde a miúdo os nenos están en contacto co que coñececemos como animais de compañía, ás veces mascotas acompañadas polos seus donos, pero tamén é frecuente ver cans ou gatos sos que andan arredor das escolas.

A nosa traxectoria no Plan Proxecta

O CRA Raíña Aragonta ten xa certa traxectoria en diferentes Plan Proxecta. No curso 2013/14, fixo do Proxecto Ríos o seu eixe fundamental de traballo e, no curso 2014/15, participou do Proxecta Móvete +.

É certo que para este centro resulta un tanto complicado poder participar dalgúns dos temas que máis motivan a toda a comunidade educativa, posto que o feito de ter alumnado unicamente de educación infantil fai que as posibilidades de participación nalgúns dos Proxecta se vexan limitadas, xa que moitos dos programas que se ofertan van dirixidos a alumnado de etapas educativas superiores á nosa.

O equipo directivo e os mestres do CRA Raíña Aragonta, alá polo curso 2013/14, vimos o feito de participar no Plan Proxecta como unha oportunidade para implicar a todo o centro, xa que as características inherentes a un centro rural agrupado dificultan moitas veces o traballo coordinado. Un dos principais motivos é a separación física existente entre as diferentes aulas, o que fai que ás veces a coordinación entre o profesorado sexa moito máis complexa ca nun centro con outro tipo de realidade.

Todo o profesorado dun CRA é itinerante para todos os efectos e tan só ten as tardes dos martes para poder reunirse e intercambiar ideas e experiencias, o que fai moi complicado traballar nun proxecto común. A todo isto temos que sumar a dificultade engadida do elevado número de alumnos cos que conta este centro, a diferenza doutros CRA da comunidade.

Tras aquela primeira experiencia, e unha valoración positiva, a motivación por participar curso tras curso en diferentes programas do Plan Proxecta foi medrando entre a comunidade educativa ata chegar a este pasado curso 2017/18, onde os resultados do traballo en equipo e a ilusión dos mestres quedaron patentes ao recibirmos o terceiro premio na convocatoria dos Premios Plan Proxecta.

Por que nos embarcamos nesta aventura?

Como mestres e mestras de educación infantil temos moi claro que as aprendizaxes dos pequenos deben estar ligadas á súa vida máis próxima e á súa experiencia. As aulas que forman o noso centro están enmarcadas nun contorno rural e semirrural, onde o alumnado está en contacto directo coa natureza, as nosas escolas están abertas ao contorno, polo que hai que destacar que son numerosas as ocasións nas que, como xa mencionamos anteriormente, os nenos atopan cans e tamén gatos arredor do centro, moitas veces extraviados e sen dono, o que fai que os nenos lles transmitan aos mestres a súa inquedanza polo animal, preguntan que podemos facer por eles, se podemos traelos á aula ou incluso queren levalos para as súas casas.

De aí xurdíu o interese dos nenos e nenas polos coidados e atención dos animais, interese que nós como mestres aproveitamos como punto de partida para comezar con este proxecto.

Cales foron os nosos propósitos?

Neste proxecto cooperativo, intentamos achegar o noso alumnado á importancia de coidar o medio que nos rodea, facendo fincapé nos animais, tanto naqueles que podemos ter na casa como mascotas coma naqueles que podemos encontrar no medio no que vivimos, animais que se poden atopar na contorna de modo salvaxe, animais que están extraviados, incidindo no feito de que todos e cada un dos animais necesitan ser respectados e coidados.

Tal e como se indicou ao principio deste documento, no noso centro escolarízanse nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos, polo que os mestres participantes consideramos de vital importancia establecer as bases cara ao respecto e o coidado dos animais, xa que son eles os que construirán o futuro e en moitas ocasións os nenos e nenas trasladan as aprendizaxes ás súas casas. Por este motivo consideramos necesario que, de maneira práctica e tomando como punto de referencia os coñecementos do alumnado, se establecesen os cimentos para que adquiran aprendizaxes relacionadas cos coidados básicos das mascotas, así como coa importancia do labor realizado desde os refuxios e protectoras de animais.

Deixamos pegadas abrangue varios proxectos que se levaron a cabo desde o programa Protexe aos animais, dos que imos destacar principalmente dous. Por unha banda, co desenvolvemento do proxecto As nosas mascotas pretendiamos que o alumnado coñecese os coidados principais das mascotas que teñen na casa. Doutra banda, o proxecto Colabora tivo por obxectivo principal concienciar sobre a importancia do traballo que se realiza desde as protectoras, así como sobre a importancia de adoptar mascotas.

Os principais obxectivos que se estableceron no proxecto foron os seguintes:

  • Discriminar entre animais domésticos e animais salvaxes.
  • Explorar as características e curiosidades dos animais domésticos.
  • Descubrir e valorar o traballo realizado polos veterinarios.
  • Comprender a función das asociacións protectoras de animais.
  • Valorar o traballo realizado por estas.
  • Expresar corporalmente emocións e sentimentos.
  • Participar con gusto de actividades de dramatización.
  • Coñecer os pasos que hai que seguir ante o abandono de animais.
  • Expoñer os coñecementos adquiridos de forma verbal e gráfica.
  • Desenvolver a creatividade por medio de elaboración de traballos conxuntos.
  • Tomar parte de iniciativas que teñen como finalidade mellorar as condicións de vida dos animais.

 

Como se desenvolveu Deixando pegadas?

Tendo en conta que traballamos con nenos de idades moi temperás, para levar a cabo o proxecto As nosas mascotas tomamos como punto de partida a creación dunha mascota, Bruma, unha cadela de can de palleiro que utilizamos de base como núcleo motivador para o alumnado.

A elección dun can de palleiro como mascota para o proxecto tivo a súa orixe na programación dunha actividade para o mes de maio, actividade que propuxo a ANPA do centro. Nesta actividade, unha asociación que se dedica á cría desta raza de cans achegou os nenos a un maior coñecemento destes, amosando o gran número de habilidades que posúen.

Pois ben, a partir da creación de Bruma, a nosa mascota de can de palleiro, e do seu achegamento a todos os nenos participantes do proxecto puxemos en marcha as primeiras actividades do proxecto.

En primeiro lugar, en cada un dos edificios das aulas nas que traballamos no Plan Proxecta, creamos un mural onde todos aqueles nenos que tiñan mascotas na súa casa ou na dalgún familiar poñían unha ou varias fotos para lles dar a coñecer aos seus compañeiros o animal do que posteriormente lles falaban.

Unha vez que os murais estiveron un tempo expostos, retiramos as fotos e creamos un libro viaxeiro, coa finalidade de que os nenos e nenas das diferentes aulas unitarias e da sede mantivesen dalgún xeito o contacto e puidesen realizar un traballo común a pesar da distancia física. Creamos así o Libro das mascotas.

Bruma, a nosa mascota, foi protagonista tamén dun cómic viaxeiro, realizado polos alumnos de todas as aulas, no que iamos narrando as aventuras dunha cadeliña perdida que atopa unha boa familia onde vivir.


Tamén se realizaron actividades como levar un animal á escola, onde o alumnado e as familias acudían coas súas mascotas: tivemos a visita de diferentes razas de cans, tamén coellos de compañía, diferentes paxaros e incluso tartarugas. Os nenos e nenas gozaron dunha mañá diferente, na que puideron interactuar cos diferentes animais e aprender un pouco máis dos coidados que precisan e da atención que se lle debe de dar a cada un deles segundo as súas características.

Como complemento a estas actividades realizamos unha visita a unha clínica veterinaria próxima ao centro. Hai que destacar que esta foi unha das actividades que máis interese espertou nos pequenos, pois o feito de saír do contorno da escola e coñecer as instalacións da clínica por dentro resultou especialmente motivador para eles.

Continuando co desenvolvemento deste proxecto en concreto e aproveitando a visita ao centro da Garda Civil, solicitamos que algún membro do Seprona acudise á visita. Estes explicáronlles aos rapaces cales son os seus labores e as súas funcións no que respecta á protección da natureza en xeral. Os nenos e nenas descubriron a necesidade de ter identificadas as súas mascotas e as consecuencias de non facelo.

Outro dos proxectos desenvolvidos que nos parece importante dar a coñecer é  o que titulamos Colabora. Este xurdiu coa finalidade de concienciar os rapaces da importancia da adopción das mascotas en lugar de mercalas. Decatámonos de que moitos dos nenos e nenas descoñecían a posibilidade da adopción de animais de compañía e da existencia de protectoras. Así pois, buscamos algunha protectora do contorno que nos puidese servir de referencia para ofrecerlle información próxima ao alumnado. Puxémonos en contacto coa protectora de animais Aloia, situada na localidade de Tui e moi próxima a Salceda de Caselas. Unha das súas voluntarias e colaboradora acudiu ás diferentes unitarias e á sede do centro para explicarlles aos nenos que é unha protectora, en que consiste o traballo que se realiza nelas e que animais podemos atopar.

Unha das inquedanzas que lles transmitiu a nosa invitada da protectora foi as dificultades coas que se atopan en moitas ocasións para manter a todos os animais que alí se atopan, xa que en numerosas ocasións están desprovistos de suficientes alimentos, produtos de limpeza e hixiene… Todo o aprendido coa voluntaria da protectora motivou os nenos para buscar algún xeito de fomentar a adopción destes animais entre os veciños do contorno de Salceda e de que maneira desde o centro poderiamos axudalos a, dentro das nosas posibiliades, cubrir aquelas necesidades máis urxentes que tiñan.

Entre todos os nenos das aulas participantes do Plan Proxecta elaboramos un almanaque do ano 2018, realizado con debuxos relacionados coas mascotas e co seguinte lema: “Non merques un can de raza, adopta un sen casa”.
A súa finalidade foi, ademais de promover a adopción de animais, recadar alimentos e produtos de limpeza para a protectora Aloia, de xeito que cada familia trocase un almanaque por algún destes produtos.

Que máis aprendemos?

Ademais dos proxectos realizados, e tendo en conta que na educación infantil traballamos sempre desde un enfoque globalizador, hai que destacar que todas aquelas actividades que se realizaron dentro das aulas estaban relacionadas coa temática que estabamos a traballar dentro do Plan Proxecta. Deste xeito, realizáronse lapbooks, murais conceptuais sobre o aprendido, xogos de bingo, animais a través da arte (Galo de Miró), talleres de cociña saudable elaborando animais con froita, talleres de ioga…


Cómpre destacar tamén que, dentro do noso obxectivo de traballar cara a metodoloxías cada vez máis innovadoras e aproveitando que o noso centro está a introducirse dentro do campo da robótica, o fixemos sen deixar de lado a temática que nos ocupaba.

Quen fixemos posible este proxecto?

Nestes proxectos estiveron implicados todos os mestres participantes do Plan Proxecta, posto que as propias características do noso centro fixeron que os mestres titores desenvolvesen as diferentes actividades nas súas aulas e os mestres de apoio e especialistas servisen de nexo de unión entre as diferentes aulas. O papel destes foi fundamental xa que que ao itinerar polas diferentes unitarias do centro e participar en todas as actividades colaboraron trasladando toda a información e propostas ao resto de grupos.

Estes proxectos foron unha parte fundamental da toma de conciencia de grupo, moitas veces complicada nos colexios rurais agrupados, precisamente pola distancia de espazos físicos da que falabamos anteriormente. Coas actividades deseñadas e propostas nos dous proxectos que lles presentamos, tanto o profesorado coma o alumnado traballou de xeito colaborativo e cooperativo, realizando moitas delas conxuntamente.

Un centro aberto á comunidade educativa

Tal e como se plasmou na descrición dos proxectos, en todo momento se buscou a implicación de toda a comunidade educativa, tanto coa participación das familias, colaborando co centro nas actividades propostas, como foi a visita das mascotas, coma coas achegas voluntarias de alimentos e produtos de hixiene. Contamos, pola súa vez, coa colaboración de diferentes organismos e asociacións, tamén do propio Concello, que cooperou co centro na difusión do proxecto, así como en todas as actividades nas que precisamos da súa axuda. Ademais, sendo coñecedores de que estabamos a traballar nun proxecto relacionado cos animais, ofrecéronnos a visita a unha exposición de réptiles na casa do concello, á que acudimos cos rapaces para poder aprender algo máis sobre estes. Hai que destacar sobre todo a colaboración da clínica veterinaria Low Cost Veterinarios, da protectora Aloia, así como a visita do Seprona ao centro, xa que foron claves para o éxito do noso proxecto.

A ANPA, unha vez que foi coñecedora da intención do centro de participar no Plan Proxecta con esta temática, comezou a buscar desde un primeiro momento algunha actividade relacionada cos animais, en concreto coas mascotas e animais de compañía. Así pois, puxéronse en contacto coa Asociación de Cans de Palleiro e puidemos ver no auditorio do concello unha exhibición de can de palleiro que interactuaba cos nenos e nenas.

Dalgún xeito, sentimos que toda a comunidade educativa se viu implicada en maior ou menor medida no proxecto que estabamos a desenvolver, o que valoramos dun xeito moi positivo, posto que, como ben comentamos anteriormente, para nós é todo un logro o feito de que tanto o alumnado coma o resto da comunidade interioricen a toma de conciencia dun colexio rural agrupado como centro educativo que traballa en conxunto e de xeito coordinado a pesar da súa distancia física entre as aulas.

Cales foron os froitos do noso traballo?

O mellor reflexo de todos os produtos acadados co desenvolvemento destes proxectos quizais pode quedar impreso nas fotos que lles incluímos neste artigo e todo o recollido na web do centro, pero para nós o maior produto final, sen dúbida ningunha, é a toma de conciencia dos nenos do coidado que precisan os animais, como seres vivos que son, e da necesidade de tratalos como tal. E sobre todo a implicación das familias, motivadas polos seus fillos, no tocante á colaboración coa protectora dos animais.

Como o conseguimos?

A comunidade educativa do CRA Raíña Aragonta fixo unha clara aposta polo respecto polos animais, tendo como base en todo momento unha metodoloxía colaborativa e inclusiva, dando resposta á complexidade de intereses, problemas e necesidades que se dan na realidade educativa do centro, de xeito que se contribuíu a compensar desigualdades facendo efectivo o principio de equidade.

A aceptación da diversidade do noso centro supuxo realizar unha análise e reflexión sobre o alumnado aceptando que cada un deles ten os seus propios ritmos e intereses, capacidades e necesidades, aspecto que se intensifica se contamos que neste proxecto participan nenos e nenas que entran por primeira vez na escola, con tres anos (en ocasións aínda están por cumprilos), e por outra banda alumnos de cinco e seis anos, todos eles compartindo unha mesma aula, polo que en todo momento se utilizaron estratexias metodolóxicas para garantir unha ensinanza acorde coa diversidade existente en cada aula.

No noso centro non concibimos a aprendizaxe se non é en equipo, todas as actividades que se programaron tomaron como base a aprendizaxe cooperativa, en gran e en pequeno grupo, de modo que non centramos o foco de coñecemento unicamente na nosa aula senón que abrimos as portas a experiencias de compañeiros, polo que se realizaron actividades en colaboración, garantindo deste modo a socialización, coherencia e coordinación, de tal forma que potenciamos no noso alumnado unha serie de habilidades de pensamento que o axuden a atoparlles sentido ás experiencias que lles ofrecemos, é dicir, involucrarse en proxectos con xogos e actividades que estimulen a observación, indagación, imaxinación, buscando alternativas, formulando hipóteses, anticipando consecuencias…

Se tomamos como base a apertura do noso centro ao contorno, neste momento cobran especial relevancia a participación das familias nas diferentes actividades, xa que consideramos as familias como un contexto educativo primordial. Deste modo configuráronse como un dos piares máis relevantes para a realización de actividades que fixeron posible este proxecto.

As NNTT constituíron unha ferramenta imprescindible e facilitadora para construír aprendizaxes, permitindo compartir, construír coñecemento, intercambiar ideas e acceder a unha gran cantidade de información e recursos virtuais. En todo momento pretendemos optar por un modelo de ensino activo, considerando a aula como un foro de construción de coñecementos, onde o alumnado foi o protagonistas da súa aprendizaxe e os mestres realizamos un papel de guía desta tarefa.

Conseguimos o que nun principio pretendiamos?

Neste proxecto a avaliación é un elemento dentro do proceso de ensino-aprendizaxe de vital importancia, xa que nos permite medir o grao de desenvolvemento das capacidades dos nenos e o noso labor como docentes, o que garante un proceso de calidade e mellora.

Deste xeito realizouse unha valoración inicial, onde puidemos recadar información sobre os coñecementos que os nosos alumnos e alumnas tiñan sobre o que iamos comezar a traballar. As asembleas realizadas cos nenos e nenas servíronnos para coñecer cales eran as inquedanzas e intereses fundamentais do alumnado sobre o tema que nos ocupaba. Descubrimos que moitos deles si tiñan animais na casa, pero que eran moitos os que descoñecían todos os coidados que estes precisan xa que, na maior parte dos casos, eran os adultos da familia os que se ocupaban deles. Utilizamos contos, láminas, vídeos e realizamos dramatizacións como elementos motivadores.

Descubrimos a través das actividades iniciais que os nenos e nenas descoñecían o mundo das protectoras, a posibilidade de adopción de mascotas e o labor tan importante que realiza este tipo de organizacións dun xeito totalmente desinteresado. Toda a información que recollemos a través destas actividades serviulle ao profesorado para facer unha valoración inicial e pensar no que lle queriamos transmitir ao noso alumnado ao longo de todo o proxecto.

Doutra banda, en todo o proceso adquiriu especial relevancia a avaliación continua, polo que en todas as reunións que fixemos o equipo partícipe do Plan Proxecta valorabamos se as actividades que estabamos a facer se axeitaban ao grao evolutivo do alumnado, se os resultados coincidían co que nun primeiro momento proxectaramos con cada unhas delas, de modo que puidemos ir modificando o camiño que nun principio nos propuxeramos, de forma que se garantía a súa evolución no proceso de aprendizaxe.

Así, avaliando o proceso decatámonos de que, para achegar os nenos e nenas á realidade das protectoras de animais, precisabamos non só explicarlles en que consistían senón buscar a alguén que vivise a súa realidade no seu día a día. Por este motivo, decidimos contactar coa protectora de animais Aloia e foi unha voluntaria desta a que durante varios días conviviu co alumnado amosándolle a realidade desta.

Igualmente, valorando o descoñecemento dos nenos e nenas sobre os coidados que require unha mascota, consideramos que quizais os mestres non eramos os máis indicados para transmitir esta información axeitadamente, polo que recorremos a unha clínica veterinaria do concello, que desinteresadamente recibiu os pequenos e resolveu todas as dúbidas que eles lle presentaron.

Ao longo de todo este proceso fomos quen de observar como estas actividades reultaban especialmente motivadoras para os nenos e nenas.

Xa por último, realizamos unha avaliación final co obxectivo de botar unha ollada para atrás de todo o camiño feito, de modo que puidemos deixar constancia de todas aquelas dificultades que nun primeiro momento atopamos e que supuxeron un reto, se fomos capaces de superalas co fin de servir de aprendizaxe cara aos próximos proxectos en común.

Nesta avaliación final, non só avaliamos os obxectivos que nos propuxeramos inicialmente senón que para nós foi fundamental decatarnos de como este proxecto abrangueu toda a comunidade educativa, poñendo como exemplo a participación das familias na actividade proposta co almanaque solidario, onde conseguimos enviar á protectora de animais numeroso material que sería de grande utilidade para eles. Nesta avaliación final, fíxose unha análise de como todos os equipos de coordinación, así como as diferentes dinamizacións do centro, buscaron a adecuación das actividades propostas ao longo do curso, de xeito que o eixe central de todas elas fose a temática do Plan Proxecta.

E para rematar?

Consideramos que os resultados que se acadaron coa realización deste proxecto foron moi positivos. Desde o primeiro momento o profesorado mostrouse colaborador e participativo, motivación que se trasladou ao alumnado, o que fixo que a comunidade educativa se concienciase da importancia de coidar e respectar o medio ambiente e os animais que nel viven.

Isto fai que a realización deste proxecto cobre sentido e que os coñecementos que se crearon no noso alumnado non quedaron dentro das catro paredes da aula senón que son transmitidos a toda a comunidade educativa. Comunidade que en todo momento se mostrou implicada e colaboradora para poder facer efectivas as actividades propostas e analizadas anteriormente, sacando así o máximo proveito dos recursos dispoñibles. Resultou ser unha experiencia de aprendizaxe para a vida moi significativa e gratificante.


 

 

Sección: