Nicolasa Añón, a do verso apagado

Ramón Blanco
Profesor de Lingua Galega e Literatura

 

En 1886 Nicolasa Añón Paz, poeta campesiña nacida en 1810 en Boel (Outes), recibe na aldea a visita do xornalista Lisardo Rodríguez Barreiro, quen a inmortaliza nunha reportaxe onde dá a coñecer dous poemas dela en galego que pasaron por ser practicamente a súa obra coñecida. Mais pouco antes, en 1885, un tal Jacobo Lema Fernández xa confeccionara un manuscrito con algunhas composicións da irmá maior de Francisco Añón.

O corpus poético coñecido viuse notablemente incrementado no ano 2014, grazas a que o manuscrito lle fora confiado polo seu propietario (o finado Francisco Martelo Blanco) á Asociación Cívico Cultural Terra de Outes para levar a cabo a súa publicación. Desde agora este texto haberá que telo en conta, na literatura en xeral, como un dos primeiros testemuños de «escritoras» contemporáneas.

Seguindo o ronsel de Lisardo Rodríguez Barreiro, a singularidade desta poeta campesiña chamou inmediatamente a atención de Manuel Ossorio y Bernard (quen lle reserva unha entrada nun dicionario de escritoras españolas en 1890). Haberá que agardar á segunda metade do século XX para que volva difundirse a súa figura, en pequenos apartados de traballos académicos ou nalgún texto divulgativo, baseándose sempre en última instancia nos datos achegados por Lisardo R. Barreiro e recuperados por Ricardo Carvalho Calero, quen inclúe a Nicolasa Añón, «ao agarimo da sombra do seu irmán», na súa monumental Historia da literatura galega contemporánea. Tamén Xesús Alonso Montero redacta unha pequena entrada para a Gran Enciclopedia Gallega. Despois, as autoras que máis e mellor a reivindicaron, como arquetipo da poeta en circunstancias adversas, foron Xosefina López de Serantes, Carmen Blanco e Aurora Marco.

No 2004 inaugurábase a exposición «Añón, precursor do Rexurdimento». No panel titulado «Nicolasa Añón Paz: O verso apagado» destacaba unha fermosa orla central baleira; o público debía imaxinar como era aquela labrega do mil oitocentos e pico. Pretendíase simbolizar así a invisibilidade da poeta. Nin un retrato temos que nola recorde. Dela só ficaron as ruínas dunha casa... Por iso neste artigo afondaremos na vida e na obra da irmá maior do tamén poeta Francisco Añón, unha fistora cuxo verso estivo demasiado tempo apagado.

Biografía de Nicolasa Añón

Nicolasa Añón Paz naceu o 28 de febreiro de 1810 en Boel, freguesía de San Pedro de Outes (concello de Outes, A Coruña). Era a lexítima primoxénita de Vicenta Paz Rodríguez e Fernando Añón Taboada, unha familia de labradores cun bo status social. Despois dela o matrimonio Añón Paz aínda tería outros dous fillos: Francisco de Borja Añón Paz (1812-1878), poeta precursor do Rexurdimento, e mais Tomás Francisco Añón Paz (1814-1896), labrador.

Ao parecer Nicolasa non tivo moita escola, por non dicir ningunha. Ela mesma confesará, como veremos, que case só sabía escribir o seu nome. Non correu a sorte do segundo irmán: apadriñados os dous polo mesmo cura, este só debeu guiar o rapaz nas primeiras letras para despois encarreiralo ao seminario. Daquela o sistema educativo estaba pouco organizado, sobre todo nas zonas rurais, onde eran frecuentes as escolas de ferrado. Cubertos e cociñas servían de aula, cando as obrigas do campo non impedían a asistencia. A escolarización non chegaba á totalidade da poboación e menos se se trataba das rapazas.

Nicolasa Añón casou para a casa con Pedro Buján Coiradas, un mozo de Pazos, da veciña freguesía de Santa María de Entíns (de onde tamén era oriúnda a nai dela). A voda celebrouse o 23 de xuño de 1829; tiña a noiva dezanove anos. Deste casal naceron tres fillos: Jesús, Eduardo e José.

Transcorreu a súa vida dedicada ao oficio de labrega, ademais das típicas tarefas domésticas. Era «una labradora campesina», tal como se nos di no mesmo título da obra que recolle os seus poemas, e teremos ocasión de comprobalo en moitos dos seus versos, nos que lembra esta condición, a xeito de captatio benevolentiae, desculpándose por deixar de atender o becerro ou o legón por causa de imaxinar versos.

Por fin deixou falar a súa memoria en 1885, con setenta e cinco anos feitos, para ditarlle as súas composicións a Jacobo Lema Fernández, quen as recolleu no manuscrito que publicou hai catro anos a Asociación Cívico Cultural Terra de Outes.

En 1886, un xornalista noiés virá a Boel coñecer a Nicolasa, a irmá do poeta Añón, e deixará unha preciosa reportaxe como lembranza daquel encontro.

O 1 de novembro de 1887, a consecuencia dunha pulmonía, faleceu no seu domicilio (Boel, núm. 73), na mesma casa onde nacera setenta e sete anos antes. Da vivenda xenuína só fican as ruínas, parcialmente integradas nunha «nova» edificación onde figura unha placa que unicamente conmemora ao poeta Francisco Añón.

Na mañá do 2 de novembro de 1887 foi enterrada no cemiterio parroquial de San Pedro de Outes. Ao día seguinte doce sacerdotes celebráronlle o funeral. Deixaba viúvo a Pedro Buján e tamén a sobreviviron os tres fillos. Pola acta parroquial sabemos que Jesús, o máis vello, era cura en San Martín de Olveira (Dumbría). E este dato, alén da información socioeconómica que achega, podería ter certa importancia, como se verá.

Nicolasa Añón entra na historia da literatura

O escritor Lisardo Barreiro (Noia, 1862 - Vilagarcía de Arousa, 1943) legounos un testemuño directo sobre esta muller na reportaxe «La hermana de Añón», que foi incluída en 1890 no libro Esbozos y siluetas de un viaje por Galicia.

En 1886 (oito anos despois da morte de Francisco Añón) Lisardo Barreiro foi desde Noia a Boel para coñecer a irmá do poeta, da que, como soubera por «un amigo del viejo bardo», este dicía: «–¡Ay, si ella estudiase algo, si siquiera pudiese leer cuatro versos, los suyos harían perder la memoria de los míos!».

Un día dos primeiros de maio, moi cedo, remonta o Tambre nun bote procedente da Barquiña (Noia) e toma terra en Outes ás nove da mañá. Desde a Serra, o alcalde, «persona muy entusiasta del poeta», acompáñao á casa de Añón, humilde morada cunha única porta. Un enorme can recíbeos con ladridos de desconfianza. Por riba da media porta aparece un neto de Nicolasa. Este vai a través de hortas e leiras na busca da avoa. «Y al poco rato, en un decir Jesús, acercósenos una mujer que, limpiándose con el dorso de la mano el copioso sudor que chorreaba su frente, ni amplia ni estrecha, pero majestuosa, trataba de alisarse con las dos manos alguna guedeja que se le había sublevado con la prisa, y recogía el mandil de picote por una de las puntas colgantes, que sujetó en las trenzas de la cintura para que el delantal ofreciese por su revés la parte más aseada…».

O entendemento é mutuo desde o primeiro momento e charlan demoradamente. Primeiro falan do irmán falecido. Logo vai chegando o mediodía e a calor abrasa, non hai brisa que refresque o caldeado ambiente, mais eles repousan na horta, cerca dun fresco regueiro que pasa cun murmurio monótono. Case no medio desta horta érguese a casiña onde viñeron ao mundo os irmáns Añón: «La vivienda es por demás humilde, de un sólo piso y con dos vidrieras pintorreadas de verde. (…) Los cerezos, cuando están cargados del carnoso y colorado fruto, dejan caer, rendidos por el peso, sus ramas tragonas sobre el tejado, y el níspero, el nogal, el naranjo y otros árboles frutales, que hermosean el huerto, prestan a la casita benéfica sombra». O idilio continúa na descrición da encantadora paisaxe: «la vegetación por todas partes brota lozana escalando las lomas y osando á cegar el río Tines que se arrastra majestuoso por el llano, sonoro y alborozado, como riéndose de los alisos y juncales que le salen al paso profusamente junto al molino maquilón».

O cronista xanta coa familia de Nicolasa Añón na horta. Ben entrada a tarde, varios parentes iranse alternando nun improvisado recital de textos de Francisco Añón, aqueles poemas que nunca deixaron de ser recitados na terra natal do poeta, memorizados polos campesiños, quen mellor compartían ese código popular. «El borracho y el eco» e outros divertimentos voaron libres desde as nosas tabernas e tantas romarías ata as sociedades de emigrantes na América, e máis alá. Un deses famosos (e fermosos) poemas de Francisco Añón é o titulado «Á OS DIAS DE N…..», tal como o editou Andrés Martínez Salazar. Malia as confusións e dúbidas que ten xerado, motivadas por figurar nalgunha outra edición a mencionada «hirmán» con xénero en masculino, todo parece indicar que vai dirixido a Nicolasa.

Mais volvamos a maio de 1886. Noutro momento do relato, Barreiro trasládanos «las impresiones recibidas durante mis coloquios con la hermana del poeta». Mentres agardara por ela, como esta estaba a labrar no campo, imaxináraa nova. Mais non era tal; reproduzo agora o seu retrato: «La señora Nicolasa lleva encima de sí 76 inviernos con todas sus crudezas y desengaños, porque para ciertos seres las olas del Océano turbulento de la existencia, como las otras olas del mar, son siempre amargas.

Á pesar de su senectud y sus achaques, la pobrecita anciana toma parte activa en las faenas agrícolas, y reparte el tiempo que éstas le dejan libre, entre los cuidados de la familia —de la cual es su providencia— y los laboreos domésticos y, más que nada, el precuro de las gallinas.

Sus miradas, expresivas y melancólicas, sus modales, hasta sus genialidades recuerdan el temperamento de Añón.

Es modesta en el decir, y dice sus palabras con una dulzura, con acento tal de sentimiento, que da gloria el oirla, sobre todo si habla de Farruco: porque he de advertir que la señora Nicolasa no emplea otra lengua para expresarse que la hablada en nuestras montañas. Nuestro idioma en su boca sufre una especie de sublimación: parece más rítmico, más suave, más original que el que se habla en otras partes de la región. Quizás esto se explica considerando que, en aquellos apartados lugares, los más rústicos usan los verdaderos giros sintáxicos del gallego (…).

En sus buenos tiempos, en el alborear de la adolescencia, cuando se sueña y se ama, Nicolasa tenía un buen parecer; al presente sólo ofrece —cual las grandezas que fueron— débil trasunto de sus juveniles esplendores.

Las estrecheces y perplejidades del hogar minaron aquel organismo vigoroso, y por más que ella quiere aun echárselas de rufa, el padrón de sus años ha puesto una veneranda toca de canas en su cabeza, que tiene algo de la siniestra blancura de la mortaja!».

Chegado un intre da conversa o xornalista pídelle á poeta algúns versos. Esta responde: –«Non señor, de pruma non lle sei nada, é cuaseque non poño máis qu’o meu nome. ¡S’inda lle fora algún tempo!… Pero-o qu’é-hoxe, leve xuncras si d’esas lérias m’acordo; e de contra paseille moitos traballiños e sufrín moitas angueiras! Quén-os facía muy ben era Farruco; porque como deprendera…». E ante a insistencia do interlocutor, desexoso de coñecer os versos, prodúcese este diálogo: «–Señor, non lle valen nada, porqu’eu maxinos así coma quen non quer a cousa, mentras debullo n’o millo ou acomerando as vacas.

Pero, señora Nicolasa ¿usted está hablando en verso?… Voy á apuntarlos.

Non faga bulra…».

Lisardo Barreiro colle o lapis e a carteira, disposto a escribir, e Nicolasa ofrécese a ditarlle os que garda na memoria. «Y comenzó recitándome un precioso romance octosílabo, y en el cual á pesar de las naturales incorrecciones, se vislumbran los chispazos de una fantasía de poeta, se ve el claro-oscuro aquél que tanto distingue las poesías de Añón cuando ríe y llora; salían los versos de sus lábios, frescos, sonoros, como mana el agua cristalina de la tosca fuente de la aldea».

Acto seguido reprodúcense fragmentos do romance dedicado á visita do rei Afonso XII a Santiago e vanse intercalando comentarios do xornalista. Unha vez empezado o recital, a catarse é xa inevitable: «La hermana de Añón siéntese herida en los más hondo del alma, de su hermosa alma donde anidaron todas las bondades, donde se cobijaron todos los cariños del hogar doméstico; las agujas del dolor sin nombre clávanse tercamente en su corazón de mujer; escaldan sus ojos lágrimas jamás lloradas, por tan amargas…». E comeza a recitar os dez versos que compoñen a elexía dedicada ao irmán (non recollida no manuscrito de 1885), a que comeza coa seguinte estrofa: «¡Quén me dera ir á Madril / á chorar no campo santo / á rezar por meu hirmán / na cova ondo guindaron!».

Falta pouco para a despedida. A vella poeta volve falarlle do irmán falecido. Pouco despois a barca desanda o percorrido a través do Tins e do Tambre en dirección á Barquiña (Noia), onde chegará xa con noite pecha. As mesmas paisaxes, agora tinxidas polo crepúsculo: «Los barrancos colmábanse de sombras, y del campanario de Entines salían metálicos sonidos que se iban perdiendo poco á poco en los valles vecinos».

Sucedeu en maio de 1886. O relato do encontro, plasmado primeiro nun medio xornalístico e despois no libro de 1890, compleméntase coa reprodución íntegra do romance «Al Rey Don Alfonso XII». E isto formula, cando menos, algunhas dúbidas: Por que non tivo acceso Lisardo Barreiro ao manuscrito que copiara Jacobo Lema aínda o ano anterior? Non estaba en poder da autora? Ou si lle foi ofrecida a lectura do romance nesa copia de 1885 e puido transcribilo (aínda que Nicolasa llo recitase)? E, nese caso, por que ía ocultar a existencia do manuscrito e do resto de poemas (escritos en castelán)?

 

O manuscrito dunha precursora

Os poemas de Nicolasa Añón foron recollidos nun manuscrito encadernado artesanalmente en rústica (cosido e forrado con cuberta de papel), en formato oitavo: mide 110 x 155 mm, obviando o desgaste das follas. A cuberta está en moi mal estado. Aparentemente foi realizada no mesmo tipo de papel ca o interior, mais manchada, verdosa e fusca polo uso e polo paso do tempo. O libriño está composto de cinco cadernos cosidos á man. Na actualidade o libro (apógrafo) de Nicolasa Añón contén 76 páxinas. Escribiuse desde a páxina 3 (deixando fóra, e como número 1, o exterior do plano anterior) ata a 69. Son seis composicións longas (máis outra, breve, do copista), catro en castelán e dúas en galego.

Houbo no século XIX outras mulleres poetas ocasionais en galego: Clara Corral, Emilia Calé (anfitrioa do faladoiro madrileño Galicia Literaria, presidido por Francisco Añón), Fanny Garrido... Desde a segunda metade do século o exemplo de Rosalía de Castro (que, por certo, eclipsa as outras escritoras) e os novos tempos farán aumentar a participación feminina. Porén, Nicolasa Añón mantense no limbo dos manuscritos semisecretos, mesmo amosando (con ironía ou sen ela) certo arrepentimento por atreverse a compoñer versos: «pues mi corazon lo siente / quese encuentre sin principios / la Nicolasa campestre», «Atodos los que leyéren / el mal compuesto borrón / humilde perdon os pide / esta Nicolasa Añón», «atodos pide perdón / la silbestre Nicolasa», «á todos pide perdón / la rustica Nicolása», «De todos cuantos defectos / se encuentren enesta alabánza / de todos pide perdón / la agrícola Nicolasa», «ADios queme llama el Cámpo / y me aguarda el azadón / esta es la despedida / que dá Nicolása Añon», «deixa os versos Nicolasa / mira que verra o becerro / e tamen che verra a baca», «Estos versos mal compostos / son de Nicolasa Añon / q. non tuvo mais prencipios / q os qe tubo o legon»... A autonegación como autora é común ás escritoras que se ocultan baixo pseudónimo.

Agora ben, a obra de Nicolasa Añón, como diría Carvalho Calero (quen se ocupou minimamente dela ao tempo que estudaba a obra de Francisco Añón), é un caso de poesía popular asinada. Incluso pode ser que, alén de facer figurar o nome nos versos do parágrafo anterior (curiosa mestura de atribución da autoría, pudor e captatio benevolentiae), ela mesma estampe a súa rúbrica (sen nome nin apelidos, como sería propio de alguén analfabeto) nalgún lugar do manuscrito.

Veuse repetindo que a transcrición destes versos era responsabilidade do «sacerdote» Jacobo Lema Fernández. El mesmo deixa constancia do seu nome. Mais como dixemos, Jesús Benigno Buján Añón, o fillo maior de Nicolasa, fora párroco no concello de Dumbría (en San Martiño de Olveira e mais no seu anexo Santiago de Olveira), e o tal Jacobo Lema Fernández era en realidade un mestre de instrución primaria, natural de Olveira, falecido aos sesenta e seis anos o 22 de marzo de 1910. Seguramente o mestre, probadamente católico convencido, era bo amigo do cura, as dúas autoridades dun lugar tan pequeno como aínda hoxe en día é Olveira.

En canto á xénese da copia feita en 1885, preséntase unha serie de incógnitas. Non sabemos de quen foi a iniciativa de redactar o libro: estaba advertido Jacobo Lema Fernández do dote versificador da beata Nicolasa ou viuse sorprendido polas súas piadosas composicións e decidiu copialas? Tampouco podemos afirmar rotundamente que a redacción se levase a cabo en Outes: o copista acompañou o cura a Boel ou foi a nai quen visitou o fillo en Olveira e alí coñécea o mestre? E, por non aumentar moito máis as incertezas, era Nicolasa a propietaria do libro? Se o era, por que non llo amosa a Lisardo Barreiro ao ano seguinte? Cando menos este non o cita na reportaxe da súa visita a Boel. Se Nicolasa Añón era analfabeta de pouco lle ía servir o libro, a non ser que se tratase dunha cuestión de prestixio (un libro era un valioso capital cultural), e que llo lesen, cousa que, por outra parte, non precisaba, pois teríao na memoria: a literatura oral producida por Nicolasa Añón, coma tantos outros casos, é, ante todo, e sobre todo, literatura memorística.

Ten especial valor a terceira poesía, en galego; unha das que non se coñecían ata agora: queda así case igualado en número de textos do corpus poético de Nicolasa Añón, pois engádese aos outros dous textos galegos coñecidos desde 1886, cando os publica Lisardo Barreiro.

O eixe temático deste grupo de composicións premeditado é a dedicación á Virxe do Rial (tamén ao Neno Xesús, polo Nadal; nótese a afinidade coa longa tradición, como mínimo desde o século XVII, das panxoliñas galegas de Nadal, do Corpus Christi e da Inmaculada ou da Asunción interpretados ata nas catedrais) e aos actos que teñen que ver coa confraría da Inmaculada Concepción nesa capela, na freguesía de San Ourente de Entíns. Nicolasa Añón, sendo da veciña parroquia de San Pedro de Outes, ten maior querenza polos templos de San Ourente, en cuxa igrexa parroquial tamén se venera a famosa imaxe de san Campio. Isto explicaríase pola súa implicación na confraría da Inmaculada Concepción. Os seus versos son moi diferentes aos que asina seu irmán en «La Virgen del Rial»: «Es la virgen del Rial / una ymagen de madera / a quien el vulgo venera / en vez de la original...»

Malia poderen diferir os dous irmáns en cuestións relixiosas, coinciden ambos en homenaxear o monarca Afonso XII. Francisco Añón escribiulle un soneto e a irmá relata o que viu en Santiago de Compostela (ou o que lle contaron): unha visita real en 1877. Tal como escribiu o propio Carballo Calero, aludindo á poesía de Nicolasa: «A mesma temática, a visita real, témola achado en moitos poetas do dazanove —incluso Francisco Añón—, a maoría dos cales disfarzáronse de labregos pra saudar aos príncipes. Eiquí atopamos, sen disfarce algún, dicindo as súas cobras, unha labrega verdadeira, de nome coñecido».

Houbo un emprego esporádico do galego en varios textos áulicos do XIX, moitas veces postos en boca de labregos (como fai o propio Francisco Añón en «Galicia visitada por los reyes»), mais poucos poden presumir da autenticidade do poema de Nicolasa Añón, quen mesmo se permite denunciar a precaria situación galega: «Moitos deixan do ir ver / por non haver diñeiro non / por que ainda nonse da xunto / para á grande contribucion».

A autora organiza as composicións incluídas no manuscrito en coplas romanceadas, como consecuencia da súa vocación narradora. Ben é certo que toma moitas licenzas en canto á rima, en ocasións algo forzada, mais o molde poético empregado é o esperable. A narración e a descrición (mesmo o diálogo, nun dos poemas galegos) altérnanse nos versos da poeta, como é propio da literatura considerada costumista, onde respira a etnicidade galega do campesiñado (tantas veces socialmente marcado como negativo).

A súa poesía é oral, ou memorística se se quere, por máis que só coñezamos loxicamente a súa transmisión escrita, un soporte secundario. No seu tempo a lingua galega estaba desprestixiada socialmente e non se lle coñecía tradición escrita. Escribir a lingua non era fácil. Rosalía de Castro lamentaba as súas carencias no famoso prólogo de Cantares Gallegos (1863). O galego escrito por Rosalía, de procedencia dialectal ben humilde, e moi interferido polo castelán, non está moi lonxe cualitativamente das escollas compositivas de Nicolasa Añón nin, consecuentemente, do plasmado no manuscrito apógrafo. Jacobo Lema Fernández, ou quen o completase, tivo que sortear o difícil obstáculo da ortografía (isto tamén vale para os textos casteláns, mais sobre todo constátase nos galegos). Ademais da necesidade de representar fonemas inexistentes en castelán, hai que buscar solucións para expresar conceptos especificamente galegos. Desde logo o amanuense do libro non tivo problemas puristas, e non recorre ao hiperenxebrismo nin a excesos vulgarizantes: limítase a plasmar a fala campesiña de Nicolasa Añón.

Nin o copista nin a autora, a diferenza de seu irmán, pretenden fixar unha lingua literaria. Ofrecen todos os elementos propios da gramática inherente ao galego popular, cuxas fontes potenciais de arrequentamento están subordinadas ao castelán, e son directamente peneiradas por este idioma. É unha lingua tan sinxela coma o estilo dos versos que a conteñen.

Mais non por sinxela perde valor a obra de Nicolasa Añón. A publicación do manuscrito, emerxido do limbo dos libros ignotos, forza a resituar esta autora na historia da literatura galega.

 

Bibliografía: 

 

 

AÑÓN PAZ, F. (1889): Poesías. A Coruña: Biblioteca Gallega.

BARREIRO, L. (1890): «La hermana de Añón», Esbozos y siluetas de un viaje por Galicia. A Coruña: Andrés Martínez/Biblioteca Gallega, pp. 35-61.

BLANCO, R. (2014): Poesías de Nicolasa Añón. Outes: Asociación Cívico Cultural Terra de Outes.

BLANCO, R. (2015): «Nicolasa Añón Paz. Unha labrega analfabeta, autora dun libro de versos no século XIX». Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, Álbum de Mulleres (Accesible en: http://culturagalega.gal/album/detalle.php?id=1027).

LEMA FERNÁNDEZ, J. (1885): [Esta] Obra está compuesta [por] una labradora campesina Doña Nicolasa Añón, vecina del lugar de Boel en la parroquia de San Pedro de Outes. S. l. [manuscrito apógrafo].

LÓPEZ DE SERANTES, J. (1982): «Nicolasa Añón, una poetisa de Sierra de Outes que no sabía leer ni escribir». A Coruña: El Ideal Gallego (7-5-1982), p. 32.

 

 

 

Sección: