A paisaxe sonora. Unha aproximación pedagóxica

Con este material preténdese colaborar nos procesos de alfabetización sonora do alumnado da ESO e bacharelato. Para acadar este fin proponse unha achega creativa á práctica da gravación de campo e a súa transformación no contexto da fonografía, a composición de paisaxes sonoras e a música electroacústica, tratando temas transversais que poden servir como contido en diversas materias (Música, Paisaxes de Galicia, Tecnoloxía, Xeografía e Historia etc.).

Xoán-Xil López Rodríguez
Profesor de Música no IES Plurilingüe de Ames
xoanxil@gmail.com

 

O material que aquí se presenta foi realizado grazas a unha licenza de formación concedida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria durante o o curso 2016/17.

Contextualización

Onde queira que esteamos o que oímos máis frecuentemente é ruído. Cando o ignoramos, moléstanos. Cando o escoitamos, atopámolo fascinante. John Cage (compositor)

A música é son humanamente organizado. John Blacking (etnomusicólogo)

Partindo destas dúas ideas/premisas, o que se propón nestas cinco unidades é achegarse ao proceso de creación musical desde unha perspectiva diferente, pivotando sobre tres eixes que cobraron unha especial relevancia nos últimos anos.
Por unha parte, o movemento nacido en Canadá na década dos setenta do século pasado que desenvolve traballos sobre a idea da paisaxe sonora e que estaba vinculado a certas tendencias ecoloxistas. En segundo lugar, a gravación de campo de sons da nosa contorna como unha práctica artística (fonografía) equivalente en certa medida á arte fotográfica na imaxe e, por último, a creación sonora electroacústica, centrándome especialmente no ámbito da música concreta que consiste na composición de obras a partir da captación e manipulación de sons convencionais.
O interesante desta achega é que abordaremos o proceso compositivo desde un punto de vista diferente ao enfoque tradicional baseado na escritura musical e na interpretación de obras.
Traballamos directamente co material sonoro situándonos nun nivel medio no que non falamos de notas ou articulacións senón que xogamos coas masas sonoras e os timbres manipulados e combinados para crear pezas musicais coa axuda de medios dixitais.
Ao mesmo tempo, estaremos relacionándonos cos sons que nos rodean, o que nos permite propoñer múltiples reflexións sobre o contexto no que vivimos e as dinámicas acústicas dese ámbito.

Obxectivos
O obxectivo é tratar cun enfoque práctico as estéticas sonoras antes mencionadas, partindo dos sons da nosa contorna que tradicionalmente catalogamos como “ruídos”. Para acadar este fin, é preciso romper os prexuízos que temos en relación coas músicas contemporáneas, especialmente a música electroacústica, a través de actividades que permitan entender os criterios nos que se sitúan e realizar traballos circunscritos a estes ámbitos, aprendendo técnicas de composición non convencionais asistidas por ordenador.
Será preciso familiarizar o alumnado tanto co uso de ferramentas de captura, edición e creación sonora, empregando medios tecnolóxicos aplicados aos procesos creativos, como cos conceptos teóricos nos que se enmarcan este tipo de traballos.
Os obxectivos poderían resumirse do seguinte xeito:

  • Comprender e contextualizar algúns dos cambios que se produciron na música desde finais do século XIX coa aparición dos primeiros sistemas de captura do son.
  • Expandir a capacidade creativa musical coa utilización de medios tecnolóxicos.
  • Comprender os diferentes procesos utilizados na produción da música actual.
  • Educar unha escoita do fenómeno sonoro máis alá do feito musical atendendo aos sons que nos rodean.
  • Achegarse ao concepto de paisaxe sonora e ás súas implicacións non só estéticas (fonografía) senón tamén culturais (antropoloxía sonora, xeografía etc.).
  • Experimentar cos modos de representación da paisaxe sonora utilizando sistemas de xeolocalización (cartografías sonoras, locative audio etc.)
  • Comprender as posibilidades do son como xerador de sentido noutros medios como o cine, a radio ou os videoxogos.
  • Aprender a utilizar o equipamento de audio necesario para a creación e difusión de contidos sonoros, centrándonos especialmente na captación de sons ambientais con dispositivos móbiles fóra do estudio de gravación.
    Aprender a editar estes audios correctamente (corrección de erros, ecualización, normalización, formatos etc.).
    Crear obras electroacústicas a partir da combinación e das múltiples transformacións destes sons mediante o uso de software libre facendo do proceso compositivo unha tarefa accesible baseada na reelaboración e resignificación sonora.

Descrición dos contidos

Ecoloxía acústica e análise sonora

Empezaremos cunha introdución aos traballos realizados no contexto da paisaxe sonora, o seu potencial como forma de expresión, pero tamén como un concepto utilizado en diferentes ámbitos (xeografía, antropoloxía etc.) para analizar o seu obxecto de estudo con maior amplitude. Trátanse aspectos como o propio concepto de paisaxe sonora e a súa relación coa ecoloxía acústica, os tipos de paisaxes e ofrécense propostas para a súa análise.

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/espazo/repositorio/cont/paisaxe-sonora-ecoloxia-acustica-e-analise-sonora

Microfonía e técnicas de gravación

Nesta segunda unidade centrámonos nos aspectos técnicos da gravación de sons do noso contorno orientado á captura de paisaxes sonoras tendo en conta as peculiaridades do material co que estamos a traballar. Abórdanse cuestións sobre o funcionamento dos micrófonos, os diferentes tipos, os usos e aplicacións de cada un deles, un laboratorio básico de construción de micrófonos (binaural e de contacto), as técnicas de gravación e a aproximación á fonografía como unha forma de expresión artística.

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/espazo/repositorio/cont/paisaxe-sonora-microfonia-e-tecnicas-de-gravacion

A edición de audio

Agora temos que aprender a editar as paisaxes sonoras que gravamos para sacar o máximo partido do material sonoro mediante técnicas sinxelas dispoñibles en calquera editor de audio estándar. Ademais do funcionamento básico dun editor, trataremos cuestións relativas ao proceso (ecualización, compresión, normalización etc.) e a montaxe multipistas.

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/espazo/repositorio/cont/paisaxe-sonora-edicion-de-audio

Cartografías sonoras

É un dos xeitos máis interesantes que ofrece Internet para amosar as nosas coleccións de paisaxes sonoras e o uso de mapas interactivos nos que xeolocalizar os audios acompañados doutros medios (imaxes, textos etc.). Isto permitiranos crear cartografías individuais ou colaborativas baseadas en gravacións de campo.

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/espazo/repositorio/cont/paisaxe-sonora-cartografias-sonoras

Creación de sons da contorna

Por último, veremos outras posibilidades de traballo coas nosas gravacións dentro do contexto da música contemporánea. Partindo de gravacións propias ou alleas, podemos crear pezas sonoras manipulando estes materiais para crear un universo sonoro propio e persoal.

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/espazo/repositorio/cont/paisaxe-sonora-creacion-con-sons-da-contorna

Metodoloxía

O traballo desenvolverase atendendo a contidos prácticos e teóricos interrelacionados.
Os contidos teóricos parten de información textual e visual (imaxes e vídeos) incluíndo a suxestión a outros contidos dispoñibles na rede mediante hipervínculos a obxectos de aprendizaxe complementarios. A finalidade destas seccións é contextualizar as actividades que se propoñen mediante o coñecemento de obras destacadas nos diferentes ámbitos de actuación, facilitando a descuberta de novas formas de expresarse a través da creación sonora arredor de tres grandes liñas de traballo: a gravación de sons ambientais, a edición e montaxe de ambientacións sonoras e o procesado e manipulación do son para crear composicións electroacústicas.
A intención é que o material sirva tamén para que tanto o profesor como o alumno deseñen ou realicen traballos abertos en relación cos contidos tratados, incentivando a experimentación e buscando crear situacións de aprendizaxe nas que o alumnado poida desenvolver a súa creatividade.
Os contidos prácticos teñen como finalidade que o alumno se familiarice con estas ferramentas de captación, edición, creación e difusión sonora mediante o uso creativo e a experimentación cos dispositivos que ten ao seu alcance.
Os softwares utilizados son Audacity e Soundgrain xunto cos editores de mapas Umap e Playermap.