A función titorial nos ensinos non universitarios da Comunidade de Galicia
María González Álvarez. Profesora de educación secundaria.
IES A Quintana (Ciaño-Langreo)-Asturias
Consellería de Educación do Principado de Asturias
maria.gz.az@gmail.com
1. Introdución
Sobre a función titorial na Comunidade de Galicia analizamos a formación inicial e permanente de titores e titoras, así como a importancia que teñen determinados temas respecto disto. Estudamos a satisfacción que os responsables da función titorial manifestan que teñen na súa tarefa, así como a importancia que consideran que ten esta para a educación do alumnado e o funcionamento do centro. Pretendemos coñecer a valoración que realizan titores e titoras respecto do recoñecemento que reciben por parte das administracións educativas, do profesorado e das familias do centro sobre o seu traballo. Analizamos, en relación coa responsabilidade titorial, aspectos da súa carreira profesional, a súa posible retribución económica e a colaboración que consideran que reciben por parte do equipo docente, das familias e do equipo directivo. Estudamos como valoran titores e titoras as funcións da titoría establecidas na normativa, así como a dedicación e atención que teñen as devanditas funcións na súa práctica titorial. Os aspectos sinalados analizarémolos segundo variables como o xénero, a idade, o tempo de experiencia docente e na función titorial, titularidade do centro, número de alumnos do centro e número de horas semanais dedicadas á titoría.
En relación coa función titorial, distintos autores entenden (Álvarez-González, 2017; Álvarez-Justel, 2017 e Ceballos, 2017) que debe ser un proceso continuo e sistemático da acción educativa que facilite o proceso de aprendizaxe e alcance o desenvolvemento persoal e integral do alumnado. Os responsables da función titorial coordinan o traballo do equipo docente favorecendo unha práctica educativa coherente e un enfoque globalizador da acción educativa (Valenzuela e Sales, 2016).
Na análise da función titorial considera Álvarez-Justel (2017) que diversos factores da titoría non estiveron totalmente integrados na formación do docente nos seus estudos universitarios, que carecen en moitas ocasións de obxectivos e contidos concretos. Cañas, Campoy e Pantoja (2005) reclaman unha maior formación en técnicas titoriais, máis recursos para levalas a cabo e maior coordinación entre os titores. Segundo Bolívar (2007), debe potenciarse unha formación inicial que conduza a unha profesionalización do profesorado, a cal debe levar a formar un profesional da aprendizaxe á vez que un educador. Para Martín-Moreno (2008), na devandita formación deben incluírse habilidades e actitudes en relación coa igualdade de xénero.
Sinalan Ocampo-Gómez, Caeiro-González e Sarmiento-Campos que os profesionais da educación precisan de alfabetización dixital, entendendo que «esta formación tecnolóxica orientadora resulta insuficiente se non se insire en contextos docentes nos que se apliquen as novas aprendizaxes adquiridas (…) o que require cambios nos modelos organizativos dos centros» (2012: 76).
Respecto das programacións da acción titorial. Nogueira-Pérez, Ceinos-Suárez e Fernández-Rey consideran que existen nos centros de secundaria aínda que o grao de cumprimento non é o adecuado porque «xa sexa por falta de formación específica (…) pola complexidade das tarefas (…) ou por falta de actitude ou compromiso (…), a titoría nos centros de educación secundaria atópase nunha situación de fraxilidade» (2016: 198).
Para Serrano (2009), a satisfacción dos titores na súa tarefa é boa, aínda que están decepcionados coa súa retribución económica e coas posibilidades de desenvolvemento profesional. Coincide co sinalado por Torres-González (2010) respecto de que o profesor-titor de educación secundaria se sente bastante satisfeito no desenvolvemento da súa profesión, aínda que está insatisfeito coa Administración educativa. Así mesmo, López-Gómez (2013) entende que, malia os titores considerárense preparados para exercer o seu labor, non se senten apoiados nela nin que se recompense o seu traballo. A satisfacción laboral para Santos, Godás, Lorenzo e Gómez-Fraguela (2010) podería conformar decisivamente as actitudes dos docentes cara á escola e afectaría positivamente á súa motivación e desempeño. Estudos recentes mostran que a satisfacción laboral do profesorado español diminuíu na última década e que resulta significativamente máis baixa en educación secundaria ca en etapas educativas previas (Gil-Flores, 2017).
Titores e titoras, doutra banda, constitúen, segundo Castro, Expósito, Lizasoain, López e Navarro (2015), un elemento fundamental para facilitar a colaboración, participación e implicación das familias na vida do centro.
2. Método
2.1. Mostra
Co obxecto de coñecer as opinións de titores e titoras dos ensinos non universitarios da Comunidade de Galicia, elaboramos unha proba específica que foi enviada por correo electrónico a unha mostra de centros seleccionados en función da poboación de cada provincia e da súa titularidade. Esta mostra foi extraída do Rexistro Estatal de Centros Docentes non Universitarios do Ministerio de Educación. Solicitamos a colaboración do profesorado no traballo que estamos a realizar respecto da súa función titorial. Engádese a ligazón para xerar o cuestionario no que se poden responder as cuestións expostas, indicando que este se responde cunha aplicación de Google.
O cuestionario cubrírono 161 profesores. O 64,0 % son titoras e o 36,0 %, titores, a súa idade media é de 47,8 anos (desviación 8,5), o seu tempo medio de experiencia docente é de 20 anos (desviación 10,3) e na función titorial 12,5 anos (desviación 9,4). O 95,5 % exerce en centros públicos e tan só o 5,0 %, en privados-concertados. O 4,4 % exerce en educación infantil; o 18,8 %, en educación primaria; o 54,4 %, en educación secundaria obrigatoria; o 10,6 %, en bacharelato; e o 11,9 %, en formación profesional. A media de alumnado do centro é de 426 rapaces. Dedican unha media semanal de 4,5 horas ás súas tarefas de titoría (desviación 2,1).
2.2. Variables e instrumentos
Coa proba que elaboramos pretendemos realizar un estudo exploratorio que nos informe sobre a actual situación da función titorial nos referidos ensinos da Comunidade de Galicia. Analizamos a validez de contido da proba mediante «xuízo de expertos» (Escobar-Pérez e Cuervo-Martínez, 2008). Respecto da validez do constructo, a medida de adecuación mostral de Kaiser-Meyer-Olkin (KMO) ten un valor de .782 e a proba de esfericidade de Bartlett ten un nivel de significación de .000. Na análise factorial, o método de extracción utilizado foi a análise de compoñentes principais e o de rotación Varimax con Kaiser. A rotación converxeu en 12 iteracións. Dez factores explican o 77,3 % da varianza.
Para calcular a fiabilidade da proba utilizamos o coeficiente de Cronbach, o cal alcanza un valor de Alpha = .94 (na escala de 0 a 1) para o total dos 44 elementos analizados. Tres aspectos da valoración da formación inicial e permanente teñen un coeficiente de Cronbach de .83. Nos temas de formación permanente o coeficiente é de .94. Satisfacción, importancia do titor no funcionamento do centro e no ensino do alumnado alcanzan un coeficiente de fiabilidade de .76. O coeficiente da importancia das funcións do titor é de .89. Igual coeficiente ca o da atención e dedicación a distintas funcións do titor. Tocante ao recoñecemento e colaboración, carreira profesional, retribución económica e méritos, o seu coeficiente é de .94.
Neste estudo temos en conta diversas variables de clasificación como o xénero, a idade, tempo de experiencia docente e experiencia como titor, titularidade do centro, número de alumnos do centro e horas semanais dedicadas á titoría. Os aspectos fundamentais que hai que analizar no traballo son:
1. Formación inicial e permanente de titores
2. Temas de formación permanente
3. Satisfacción na actividade titorial
4. Importancia que ten a titoría na educación do alumnado e no funcionamento do centro
5. Recoñecemento que titores e titoras reciben por parte das administracións educativas, profesorado e familias do centro sobre o seu traballo na titoría
6. Valoración respecto de que se teña en conta na súa carreira profesional o exercicio da devandita función, así como a retribución económica que puidese corresponderlles
7. Colaboración que teñen no seu traballo por parte do equipo docente, familias e equipo directivo do centro
8. Importancia que teñen as funcións da titoría para a educación do alumnado e o funcionamento do centro
9. Dedicación que teñen ás devanditas funcións.
3. Resultados
3.1. Formación inicial e permanente
Titores e titoras valoran con 2,4 puntos (nunha escala de 0 a 10 puntos, onde 0 é «nada adecuada» e 10 «moi adecuada») a formación inicial recibida nos seus estudos universitarios respecto da función titorial. Outórganlle unha valoración media de 3,8 puntos á que reciben os actuais estudantes de profesorado. A formación permanente que lles proporcionan as administracións educativas valórana con 3,6 puntos.
3.2. Temas de formación permanente
En relación coa importancia que teñen para a formación permanente de titores os temas que propuxemos (valorados nunha escala de 0 a 10 puntos, onde 0 é «ningunha importancia» e 10 «moita importancia»), observamos que o menor valor se outorga á «normativa» (6,4 puntos) e o maior á «resolución de conflitos e convivencia» (8,9).
Táboa 1. Temas de formación permanente
3.3. Satisfacción do titor na función titorial. Importancia do titor para a educación do alumnado da titoría e para o bo funcionamento do centro
A satisfacción como titor (valorada nunha escala de 0 a 10, onde 0 é «ningunha satisfacción» e 10 «a máxima satisfacción») é de 6,6 puntos, desviación 2,0. O 10,7 % outorga menos de 5 puntos. Titores e titoras outórganlle unha alta valoración á importancia da súa tarefa para a educación do alumnado da titoría: 8,0 puntos (escala de 0 a 10, onde o valor 0 é «ningunha importancia» e o 10 a «máxima importancia»). Para o bo funcionamento do centro, outorgan unha valoración de 8,4 puntos.
3.4. Importancia das funcións da titoría para a educación do alumnado e para o bo funcionamento do centro. Atención e dedicación como titor ás funcións de titoría
A valoración da importancia das funcións da titoría para a educación do alumnado e o bo funcionamento do centro realízase nunha escala de 0 a 10 puntos (onde 0 é «nada importante» e 10 «moi importante»). As devanditas valoracións teñen un percorrido de 1,9 puntos e a de menor valoración é a referida a «coordinar as actividades complementarias do alumnado do grupo» (6,9 puntos) e a de maior, a relativa a «facilitar a integración do alumnado no grupo e fomentar a súa participación nas actividades do centro» (8,8 puntos).
Respecto da atención e dedicación que titores e titoras manifestan que teñen en relación coas súas funcións titoriais, observamos que a súa valoración ten un percorrido de 2,7 puntos, a menor corresponde a «participar na elaboración e desenvolvemento do plan de acción titorial e nas actividades de orientación» (5,9 puntos) e as máis elevadas a «facilitar a integración do alumnado no grupo e fomentar a súa participación» e «informar á familia no relacionado coas actividades docentes e rendemento académico» (8,6 puntos).
Táboa 2. Importancia das funcións do titor para a educación do alumnado da titoría e para o bo funcionamento do centro. Atención e dedicación como titor ás funcións de titoría
3.5. Recoñecemento que ten o titor por parte das administracións educativas, profesorado e familias do centro respecto da súa tarefa. Carreira profesional, retribución económica e méritos
Titores e titoras valoran, nunha escala de 0 a 10 puntos (onde o 0 é «ningún recoñecemento» e o 10 o «máximo recoñecemento») con 3,4 puntos (desviación 2,7) o recoñecemento que entenden que teñen por parte das administracións educativas, o do profesorado con 6,4 (desviación 2,3) e o das familias con 6,6 (desviación 2,1).
Respecto de se os docentes deben ter unha carreira profesional na que se teña en conta ser ou ser titor, valórase con 6,9 puntos, desviación 2,6, (na escala de 0 a 10 puntos, onde 0 é «nada de acordo» e 10 «moi de acordo»). Valórase con 7,8 puntos (desviación 2,7) que o desempeño da función titorial deba ser obxecto dunha retribución económica. Coa mesma puntuación de 7,8 se considera que se teña en conta ser titor nos concursos de méritos e de traslados na función pública e, de ser o caso, constituír mérito profesional nos centros privados.
3.6. Valoración da colaboración que titores e titoras reciben do equipo docente, das familias e do equipo directivo
A colaboración que os titores reciben do equipo docente nas súas tarefas é valorada (nunha escala de 0 a 10, onde 0 é «moi mala» e 10 «moi boa») con 7,3 puntos; a das familias, con 6,5 puntos; e a do equipo directivo, con 7,3 puntos.
4. Discusión
Titores e titoras consultados outorgan unha alta valoración á importancia da súa tarefa para a educación do alumnado da titoría e o funcionamento do centro. Estas valoracións están de acordo co indicado por diversos autores (Álvarez-González, 2017; Cañas, Campoy e Pantoja, 2005; López, 2013), os cales consideran a titoría como un compoñente básico da práctica docente e factor de calidade do ensino.
Os titores entenden que a formación sobre a función titorial nos estudos universitarios debe mellorarse, coincidindo co sinalado por distintos autores (Álvarez-Justel, 2017; Bolívar, 2007; Cañas, Campoy e Pantoja, 2005).
Os responsables da función titorial manifestan que teñen unha aceptable satisfacción na súa función, así o entenden tamén Serrano (2009) e Torres-González (2013). Titores e titoras considéranse aceptablemente apoiados e valorados polo equipo directivo, o profesorado e as familias, non así polas administracións educativas. Coinciden co proposto por Serrano (2009) e Torres-González (2013), os cales consideran que as retribucións no exercicio da devandita función titorial deben mellorarse. Así o indica tamén López-Gómez (2013).
5. Conclusións
Parece que titores e titoras que realizan as súas funcións na Comunidade de Galicia entenden que a súa formación inicial nos seus estudos universitarios, respecto das súas tarefas na función titorial, non foi a adecuada (2,4 puntos); consideran que é mellor, aínda que mellorable, a que reciben os actuais estudantes de profesorado (3,8 puntos) e que tamén cabe mellorar a formación permanente que lles proporcionan as administracións educativas (3,6 puntos). No noso traballo ofrecemos unha serie de temas que os titores e titoras consultados recoñecen como importantes para a súa formación permanente.
A súa satisfacción no exercicio da función titorial ten unha valoración de 6,6 puntos nunha escala de 0 a 10 puntos (onde 0 é «ningunha satisfacción» e 10 «a máxima satisfacción»). Dada a importancia que entenden que ten a función titorial tanto no que se refire á educación do alumnado (8,0 puntos) coma ao bo funcionamento do centro (8,4 puntos), cabería profundar na súa mellora.
O recoñecemento que teñen no exercicio da función titorial por parte do profesorado, do equipo directivo e das familias considérano adecuado. Non así o que reciben por parte das administracións educativas. O tempo empregado na acción titorial parece ser un elemento relacionado coa consideración dunha mellor atención e dedicación a diversos aspectos desta. Un maior tempo de dedicación significa unha maior satisfacción laboral.
Cabe destacar, así mesmo, que titores e titoras valoran como importantes as funcións establecidas na normativa en relación coa titoría. Con todo, no que se refire á atención e dedicación que realizan respecto destas, outórganlles menos valoración. Entendemos que non deben de ser alleos a estas diferenzas un necesario maior tempo de dedicación, como sinalamos, e unha mellor atención profesional por parte das administracións educativas a titores e titoras (retribución económica e méritos en carreira profesional). Parece que encontran unha boa colaboración na súa tarefa por parte do equipo docente, das familias e do equipo directivo.
ÁLVÁREZ GONZÁLEZ, M. (2017): «Hacia un modelo integrador de la tutoría en los diferentes niveles educativos», Revista Educatio Siglo XXI, 35(2), pp. 21-42. (Recuperado de: http://dx.doi.org/10.6018/j/298501).
ÁLVÁREZ JUSTEL, J. (2017): «La tutoría en secundaria», Revista Educatio Siglo XXI, 35(2), pp. 65-90. (Recuperado de: http://revistas.um.es/educatio: 1989-466X).
BOLÍVAR, A. (2007): «La formación inicial del profesorado de secundaria y su identidad profesional», Estudios sobre Educación, 12, pp. 13-30. (Recuperado de: https://dadun.unav.edu/bitstream/10171/8988/1/12%20Estudios%20Ea.pdf).
CAÑAS, A., CAMPOY, T. J. e PANTOJA, A. (2005): «La función tutorial: valoración y necesidades del profesorado», Bordón: Revista de Pedagogía, 57(3), pp. 297-314. (Recuperado de: https://www4.ujaen.es/~apantoja/mis_articulos/fun_tuto_bordon_57_3.pdf).
CASTRO, M.; EXPÓSITO, E.; LIZASOAIN, L.; LÓPEZ, E. e NAVARRO, E. (2015): «Acciones y actitudes diferenciales de los tutores y su relación con la participación de las familias». Participación Educativa, 4(7), pp. 29-37. (Recuperado de: http://www.unav.edu/matrimonioyfamilia/observatorio/uploads/33986_Castro...).
CEBALLOS, N. (2017): «La tutoría como espacio de democracia: una mirada desde la voz de los docentes en formación». Revista Española de Orientación y Psicopedagogía, 28(1), pp. 86-103. (Recuperado de: http://www.redalyc.org/articulo.oa?id=338252055007).
ESCOBAR PÉREZ, A. e CUERVO MARTÍNEZ, J. (2008): «Validez de contenido y juicio de expertos una aproximación a su utilización». Avances en Medición, pp. 27-36. (Recuperado de: http://www.humanas.unal.edu.co/psicometria/files/7113/8574/5708/Articulo3_juicio_de_expertos_27-36.pdf
GIL FLORES, J. (2017): «Características personales y de los centros educativos en la explicación de la satisfacción laboral del profesorado». Revista de Psicodidáctica, 22 (1), pp. 16-22. (Recuperado de: DOI: 10.1016/S1136-1034(17)30039-4).
LÓPEZ GÓMEZz, E. (2013): «Aproximación a la percepción y satisfacción del profesor tutor de secundaria obligatoria respecto a su labor», Revista de Investigación en Educación, 11(1), pp. 77-96. (Recuperado de http://webs.uvigo.es/reined/).
MARTÍN MORENO, Q. (2008): «El liderazgo femenino en los centros de los distintos niveles educativos». En Gairín, J. e Antúnez, S. (editores), Organizaciones educativas al servicio de la sociedad. Madrid: Wolters Kluwer, pp. 188-199.
NOGUEIRA PÉREZz, M.; CEINOS SUÁREZ, C. e FERNÁNDEZ REY, E. (2016): «Visión de las realidades de la acción tutorial en secundaria desde las experiencias del Practicum del alumnado del Máster en Profesorado de la USC». En Pantoja, A., Villanueva, C. e Cantero, N. (coordinadores), La orientación educativa en la sociedad actual. Comunicación, III Congreso Internacional sobre Diagnóstico y Orientación, pp. 181-201, Jaén. (Recuperado de https://www.researchgate.net/.../M...Orientacion...competencias...en.../Orientacion-profes).
OCAMPO GÓMEZ, C. I.; CAEIRO GONZÁLEZ, M. e SARMIENTO CAMPOS, J. A. (2012): «Las TIC y la función tutorial en la etapa de educación infantil: la opinión del profesorado de centros públicos del sur de Galicia». Revista Española de Orientación y Psicopedagogía (REOP), 23(2), pp. 60-78. (Recuperado de: http://revistas.uned.es/index.php/reop/article/view/11418).
SANTOS, M. A.; GODÁS, A.; LORENZO, M. e GÓMEZ FRAGUELA, J. A. (2010): «Eficacia y satisfacción laboral de los profesores no universitarios: revisión de un instrumento de medida», Revista Española de Pedagogía, 245, pp. 151-170. (Recuperado en http://reunir.unir.net/handle/123456789/3868).
SERRANO, C. (2009): «Acción tutorial y clima escolar en los centros educativos a juicio del profesorado de educación secundaria obligatoria», Pulso, 32, pp. 95-121.
TORRES GONZÁLEZ, J. A. (2010): «Análisis del grado de satisfacción del profesorado de educación secundaria en el desarrollo de su labor docente», Contextos Educativos: Revista de Educación, 13, pp. 27-42. (Recuperado en https://publicaciones.unirioja.es/ojs/index.php/contextos/article/view/624).
VALENZUELA, C. e SALES, A. (2016): «Los efectos de la participación dentro del aula ordinaria», Revista nacional e internacional de educación inclusiva, 9 (2), pp. 71-86.