A degustación literaria, unha fórmula para seleccionar lecturas

Dar a probar textos é unha maneira de antollar, provocar, xerar curiosidade e, sobre todo, espertar o desexo de ler por conta propia. É interesante permitirlles aos integrantes dos clubs de lectura a toma de decisión sobre determinadas lecturas. Que eles e elas descubran e experimenten que poden elixir non só fronte a unhas opcións determinadas, senón que teñen elementos e recursos para facelo, pois se algo garante unha cultura lectora é a liberdade.

Paz Fernández Pereiro
Asesoría de Bibliotecas escolares
pazpereiro@edu.xunta.es

As degustacións literarias son similares a aquelas que se fan cos alimentos e as bebidas. A proposta é darlle a probar á mocidade diferentes tipos de textos literarios para ver a que lle saben, é dicir, como perciben eses textos desde os seus sentidos: como soan as palabras cando as escoitan, que senten inmersos nese ritmo, como se deixan levar pola musicalidade, a cadencia, o ton das palabras, en fin, como son esas sensacións que produce o primeiro encontro co sabor dun texto determinado. Cada autor ten un estilo propio, pero ademais cada texto que escribe é diferente non só polo tema ou o significado da obra, senón e sobre todo pola maneira como manexa a linguaxe: as palabras que utiliza, a sintaxe ou o ritmo. Por iso, dar a probar textos é unha maneira de antollar, provocar, xerar curiosidade e, sobre todo, espertar o desexo de ler por conta propia.

 

A nosa proposta de dar a probar lecturas, que denominamos degustación literaria, xerouse a raíz da participación no curso  La literatura me mata do Laboratório Emília de Formação (Rede de profesionais que cobre diversidade de países e especialidades ao redor da lectura, a produción literaria de calidade, as bibliotecas e, en xeral, a formación de lectores. Colabora na difusión, o desenvolvemento e a implantación de iniciativas en torno á lectura).

Para a degustación que iamos facer cun grupo de mozos e mozas tiñamos que elixir tres libros considerados como literatura xuvenil (porque estaban nunha colección determinada para a mocidade por parte da editorial ou porque a crítica os situaba neste xénero ou o mesmo o lectorado novo o cría así) e tres libros considerados como literatura para adultos (algúns que poderían gustarlle á mocidade e outros que lle ofrecían unha maior dificultade). Após a degustación, tiñamos que descubrir cales eran as motivacións que movían a xuventude para decantarse pola lectura dun determinado libro.

O guión da degustación literaria que ofrecemos foi o seguinte:

  • Informar sobre o título do libro, nome do autor, mostrar a portada do libro.
  • Ler en voz alta a información que había nas lapelas e/ou na contraportada, que sitúa un pouco tanto o autor como o texto.
  • Ler o inicio dos libros elixidos. Nin moi pouco nin tampouco demasiado, á medida dunha boa degustación: tratábase de que probasen, non de ler todo o libro con eles.
  • Ter despois unha conversa con eles, indagando que lles parecera, cal ou cales lles gustaran máis, por que, en fin, todo o que se podía explorar sobre as súas reaccións.

 

Algúns dos títulos que formaban parte da degustación son novelas galegas ou traducións ao galego de novelas relevantes. A nosa proposta era a seguinte:

Literatura para persoas adultas

  • Un cuarto de seu de Virginia Woolf
  • O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz
  • Resistencia de Rosa Aneiros

Literatura para a mocidade

  • 22 segundos de Eva Mejuto
  • Anagnórise de María Vitoria Moreno
  • Fahrenheit 451 de Ray Bradbury

 

Para materializar esta degustación recorremos a Anxos Rial, coordinadora dos clubs de lectura do IES Sánchez Cantón de Pontevedra e mediadora de varios grupos. Fixemos a degustación literaria con 16 mozas entre 15 e 17 anos, integrantes de dous  grupos do club de lectura do citado instituto. A todas, o noso agradecemento.

Inicialmente presentámoslles a cuberta de libro e lemos a información da contraportada. Posteriormente, adiantamos un pequeno fragmento do inicio do libro. Deixamos que tomasen notas porque o número tan elevado, se cadra, non permitía a participación de todos os membros. Despois iniciamos unha conversa para coñecer as súas reaccións, indagando que lles parecera e cales foran os títulos que lles gustaran máis.

A algúns dos autores xa os coñecían, entón crían que o libro ía estar ben. Mencionar a Agustín Fernández Paz era garante dunha historia interesante. O título, neste caso, O único que queda é o amor convidaba, segundo elas, a unha novela de amor, unha temática que as atrae. Non foron conscientes de que ese libro, en principio, era para un  lectorado máis formado. Asociaron o seu nome á literatura infantil e xuvenil. As persoas que se interesaron por esta obra intuíron unha historia de amor romántico, que pouco ten que ver con este libro de relatos de Fernández Paz, so cales exploran diversas concepcións do amor e do desamor, desde o descubrimento adolescente á afirmación póstuma, do amor idealizado ao pasional, do amor esquecido ou frustrado ao recuperado, en palabras do propio autor.

Outra autora pola que mostraron interese foi María Vitoria Moreno, escritora homenaxeada nas Letras Galegas do ano 2018. Ela viviu en Pontevedra e aquí influíu a proximidade xeográfica para a escolla da lectura da novela Anagnórise. No resumo inicial fálase de que o protagonista, Nicolau, lles leva medio quilo de haxix a uns amigos de Madrid e iso facilitou que lles atraese tamén a temática. O feito de que algunhas persoas coñecesen a historia fixo máis atractivo o título. No fragmento que lles demos a petiscar, a protagonista, Xulia Andrade, rebélase contra aqueles que acusan as mulleres de conducir mal. Unha moza apuntou que a temática do machismo era moi repetitiva (o que nos fai saltar a alarma de como están percibindo a coeducación). Noutra, porén, produciu o efecto contrario.

A novela 22 segundos de Eva Mejuto creou moitísimo interese. A historia xa era coñecida para algunhas e tamén foi o tema o que as atraeu, a transexualidade. Ademais, puideran falar coa persoa en quen se inspira Eva Mejuto para escribir esta historia nun encontro que tiveran o ano anterior. Neste caso, tiñan demasiada información previa sobre o libro.

Un cuarto de seu de Virginia Woolf interesoulle a unha moza que quería ser escritora e que prefería outras temáticas, afastadas da literatura infantil e xuvenil. A outras atraeulles a temática feminista, concretamente a defensa das mulleres escritoras. Recoñecían algunhas mozas que era un libro que lles quedaba aínda grande, pero non descartaban a posibilidade de lelo nun futuro. Esa conciencia sobre o que un pode ou non ler nun determinado momento é fundamental no camiño da construción do lectorado xa que o que queremos co noso labor de mediadoras é formar lectores e lectoras autónomos.

Fahrenheit 451 de Ray Bradbury creoulles a incerteza de como sería o final e mostraron grande interese na súa lectura. Algunhas fixáronse na portada para decantárense  favorablemente. Mostróuselles a posibilidade de ver a película ou ler a versión en cómic. Tamén lembraron outros momentos históricos onde se queimaban os libros e o significado que entrañaba tal acto. É interesante subliñar, neste caso, as relacións que se estableceron con outros textos e contextos e como a novela os remitiu a outras situacións similares.

A novela Resistencia de Rosa Aneiros foi a que lles interesou menos, a pesar da súa portada, onde aparece unha parella que fai supoñer que é unha historia de amor. O fragmento que lemos mostra a unha parella namorada que resiste á adversidade. Entenderon que era unha novela para adultos e moi extensa.

Para concluír, a temática é a que fai decantarse, sobre todo, a estas mozas por un determinado libro. A novela que máis lles atraeu foi 22 segundos. Só aquelas cunha maior madurez lectora se sentiron atraídas por outras temáticas que podemos considerar adultas, como Un cuarto de seu. A portada do libro apenas influíu na elección. Con todo, a lectura dos fragmentos axudou a decidírense a favor ou en contra dun determinado título.

Ao finalizaren a degustación, algunhas manifestaron que era unha boa forma de escoller os títulos para os diferentes clubs de lectura dos que forman parte. E interesante permitirlles a toma de decisión sobre determinadas lecturas. Que eles e elas descubran e experimenten que poden elixir non só fronte a unhas opcións determinadas, senón que teñen máis elementos e máis recursos para facelo, pois se algo garante unha cultura lectora é a liberdade.

No contexto dos clubs de lectura galegos xa temos experiencias de degustacións literarias. Xa en EDUGA 70 (xullo-decembro de 2015), no artigo “Clubs de lectura, menú degustación”, a profesora Anxos Paz, coordinadora do club de lectura Aquí lemos xunt@s do CPI Progreso de Catoira, nos mostraba unha práctica semellante de cata de libros, pero ao revés do que nós fixemos:

A reflexión sobre o que nos leva a escoller unha obra e, polo tanto, mercar un produto debe formar parte da nosa formación como lectores. No noso club, son eles quen escollen as lecturas. Ben, para ser exactos, teñen a última palabra: son eu quen vai ao mercado e se encarga de facer a escolla tendo en conta os seus gustos, as comidas anteriores e a conveniencia de introducir novos sabores ou ingredientes. Ofrézolles entre dez e vinte títulos e dedicamos unha sesión para que escollan o que queren ler; entre os finalistas poden aproveitar para buscar máis información na rede ou buscar elementos a prol ou en contra. Pero non sempre o facemos así. Facer o exercicio de escoller un libro sen saber como é a capa ou sen coñecer o nome do autor provoca máis reflexión que varias charlas sobre consumo responsable. No noso club é un exercicio habitual: son eles quen escollen a lectura, pero deben reflexionar sobre por que o fan, así que unha das lecturas sempre se escolle “a cegas”, é dicir, sen coñecer autoría nin deixarse subxugar polos magníficos deseños da capa e dos premios que levou. Os resultados son sorprendentes.

http://www.edu.xunta.gal/eduga/977/bibliotecas/clubs-lectura-menu-degustacion

Outra práctica semellante levouna a cabo a profesora Anxos Rial, coordinadora dos clubs de lectura do IES Sánchez Cantón. No blog saladelecturasc daba conta da actividade:

O pasado martes na nosa reunión do club na biblioteca, esperábanos unha sorpresa: unha morea de sobres pechados que no seu anverso tiñan unhas lendas e un puntiño de cores. Logo do desconcerto inicial soubemos que os sobres contiñan a nosa próxima lectura que debiamos escoller despois de ler a lenda (breve adianto do argumento do libro) e decidir cal era o noso nivel lector: verde (avanzado) - amarelo (medio) - azul (iniciación). Miramos, lemos, demos voltas e finalmente todos tiñamos xa o noso sobre na man, chegou xa o momento de abrilo e descubrir cal era a lectura que seleccionaramos. Todos quedamos encantados coa nosa escolla agás David pois é o lector máis avanzado do grupo e escollera unha obra de iniciación pero como estabamos na biblio tivo unha rápida solución, a profe buscoulle outra lectura para el moito máis axeitada. Foi un xeito divertido de escoller a nosa novela.

https://saladelecturasc.blogspot.com.es/2017/06/xogando-coas-lecturas.html

Como persoas mediadoras de lectura debemos servir de ponte entre os libros e a mocidade lectora, ben no marco dun club de lectura, ben nas aulas de lingua e literatura. A mocidade lectora precisa experiencias favorables de lectura, máis alá da “literatura xuvenil comercial” que crea adicción lectora e ten ao seu servizo toda a mercadotecnia para reproducir modelos ao gusto da audiencia. Neste desafío, debemos deseñar estratexias lectoras coma esta que vimos de presentar.

A degustación é unha experiencia que lle permite á mocidade sentirse máis libre para opinar, pero tamén é un espazo onde poden escoitar os outros e escoitárense eles mesmos sobre o que senten fronte á lectura. Se se fixese con certa frecuencia, permitiría que mozos e mozas se fosen coñecendo mellor a eles mesmos como lectores. Se consideramos a experiencia lectora como un camiño de coñecemento tanto do mundo como de nós mesmos, só pode darse ese camiño nun espazo de liberdade e, se ese espazo é compartido, mellor aínda.

Sección: