Camiño á Fin da Terra

Secuencia didáctica que incorpora un conxunto de obxectos dixitais educativos (ODE) que teñen como eixe temático o epílogo do Camiño de Santiago, isto é, o Camiño a Fisterra.

Marta Coria Blanco
Profesora de Xeografía e Historia no CPI Plurilingüe Cernadas de Castro (Lousame)
martacoria@edu.xunta.es
Marcos Perille Seoane
Profesor de Bioloxía e Xeoloxía no EPAPU Albeiros (Lugo)
mperille@edu.xunta.es

Contextualización

A idea de elaborar estes materiais didácticos durante a licenza de formación concedida no curso 2014/15 xorde da necesidade de favorecer a aprendizaxe dun xeito diferente, integrando todo tipo de coñecementos aplicados nun contexto real e próximo ao noso alumnado. A finalidade desta secuencia didáctica é, xa que logo, facilitar e promover a mellora das competencias mediante unha aprendizaxe baseada en proxectos que, neste caso, ten como produto final a elaboración dunha exposición do Camiño a Fisterra.

As áreas de coñecemento vertebradoras desta proposta son as Ciencias Naturais e as Ciencias Sociais que, por seren altamente complementarias, favorecen un enfoque interdisciplinar.

A riqueza monumental, arquitectónica e paisaxística do Camiño a Fisterra conforma un contexto ideal con gran potencial didáctico para desenvolver proxectos desta natureza. Ademais, o curto percorrido desta parte do Camiño e as características propias da ruta facilitan o emprego destes materiais didácticos. En calquera caso, un dos puntos fortes de Camiño á Fin da Terra é que posibilita a súa aplicación na aula de forma virtual e fóra dela percorrendo a ruta ou traballar de xeito combinado, tal e como se fixo no CPI Plurilingüe Cernadas de Castro (Lousame).

Aínda que a secuencia didáctica completa está deseñada para primeiro curso da ESO segundo a lexislación curricular vixente, o seu carácter aberto permite que sexa perfectamente adaptable e aplicable a outros niveis superiores ou incluso a distintos contextos. De feito, ao longo do presente curso, moitas das actividades e tarefas incluíronse na programación didáctica de segundo e terceiro curso da ESO da materia de Xeografía e Historia.

 

Obxectivos

Á hora de deseñar Camiño á Fin da Terra, baseámonos nos seguintes obxectivos:

  • Potenciar a adquisición e desenvolvemento das competencias clave do alumnado mediante a aplicación nun contexto real dos coñecementos específicos de historia, patrimonio, xeografía e ciencias da natureza.
  • Procurar un achegamento ao currículo a través dunha proposta metodolóxica integrada, como a aprendizaxe baseada en proxectos.
  • Aproveitar as posibilidades educativas do Camiño a Fisterra como recurso didáctico cun alto valor patrimonial, tanto natural como histórico-artístico.
  • Elaborar materiais didácticos motivadores para o alumnado e facilmente adaptables a calquera contexto educativo.

 

Recursos empregados

Para a utilización destes materiais didácticos será preciso un ordenador con acceso a Internet e, de xeito recomendable, un encerado dixital. O carácter interactivo, multimedia e de soporte web fai que sexa un material idóneo para empregar en aulas con equipamento Abalar.

O feito de buscar un produto final no que prime o audiovisual requirirá o uso de dispositivos móbiles por parte do alumnado (no caso de non contar con eles, podería utilizarse unha cámara fotográfica dixital).

Este recurso multimedia de soporte web foi elaborado con ExeLearning, aplicación de código aberto, de fácil uso e modificable por calquera docente segundo as súas necesidades.

A maioría dos recursos audiovisuais empregados para a realización deste traballo son de elaboración propia e teñen a licenza CC BY-SA. O resto de elementos audiovisuais, con licenza aberta, foron seleccionados en bancos de imaxes e vídeos como son Google Images, Pixabay, OpenClipArtLibrary, Flickr e YouTube.

Para a edición de imaxes utilizouse o programa WebResizer. Para as liñas de tempo a ferramenta empregada é Dipity. Os mapas propostos realízanse con Google Maps e OpenStreetMap. Incluíronse tamén ligazóns a novas de prensa dixital galega e deste xeito resáltase a súa importancia como recurso didáctico.

Outros recursos que se empregan ao longo de Camiño á Fin da Terra son páxinas web de distinta natureza, como a do Instituto de Estudos do Territorio, Meteogalicia e Aemet.

Descrición das actividades

Camiño á Fin da Terra foi deseñado pensando no seu desenvolvemento in situ, realizando o Camiño a Fisterra, pero tamén pode ser aproveitado na aula de xeito estritamente virtual.

O recurso, tras unha breve introdución xeral, vertébrase en catro módulos. Os tres primeiros gardan relación coas distintas posibilidades de aproveitamento da ferramenta; o cuarto céntrase na realización do produto final e a reflexión dos participantes sobre o proxecto desenvolvido.

A elaboración dunha exposición é un obxectivo atractivo e motivador para o alumnado ao utilizar elementos multimedia como mapas interactivos, imaxes e vídeos, como puido comprobarse na experiencia realizada no noso centro educativo.

Estes bloques sempre seguen un mesmo esquema de organización para que ao alumnado lle resulte doado estruturar a aprendizaxe. Comezan cunha revisión de coñecementos previos, seguida da proposta de exercicios, actividades e unha tarefa, pechando coa reflexión sobre o proceso de aprendizaxe.

  • Antes de comezar é un módulo de motivación, concibido como introdución ao resto da secuencia didáctica. No primeiro dos apartados explícase a orixe e historia do Camiño de Fisterra-Muxía, así como a importancia do Códice Calixtino como fonte histórica única. Na última sección proponse unha actividade de investigación en relación co incremento no número de peregrinos e visitantes que está a ter esta ruta nos últimos anos, así como o seu impacto.
  • Preparemos a ruta ofrece distintas actividades e tarefas en relación coa ruta a Fisterra que se poden levar a cabo na aula, ben como paso previo á realización da andaina ou ben de xeito independente. Partindo dunha concepción competencial, abórdanse distintos aspectos relacionados coa localización xeográfica, a cartografía, a meteoroloxía, o uso de terminoloxía científica e a procura e selección de información en distintas fontes.
  • Camiñamos! é un bloque deseñado con tarefas para realizar ao longo do camiño a Fisterra aínda que, coma os bloques anteriores, permite o desenvolvemento das actividades e tarefas sen enmarcalas no Camiño (por exemplo, realizando o inventario de fauna e o herbario de calquera concello). Este traballo de campo céntrase en aspectos relacionados con distintos momentos históricos, conservación e protección do patrimonio, coa fauna e a flora propia desta zona de Galicia e a importancia do coidado do noso patrimonio histórico e natural.

 

  • A pegada do Camiño é o peche da secuencia didáctica e implica unha reflexión sobre o aprendido. Nel abórdanse os traballos finais. Por unha banda, unha actividade de difusión das distintas tarefas levadas a cabo ao longo do proxecto. Para iso, proponse realizar unha exposición no centro educativo, compartindo co resto da comunidade escolar os coñecementos adquiridos, tal e como fixemos no curso de terceiro da ESO no CPI Plurilingüe Cernadas de Castro. Por outra banda, o peche do caderno de bitácora que deberá incluír, a modo de portfolio, os produtos e reflexións de xeito individual.

O recurso dispón tamén dunha guía didáctica para o profesorado na que se recollen e explican os aspectos fundamentais da secuencia (organización, concreción curricular etc.). Ademais, contén ao final unha serie de recomendacións que pretenden orientar e facilitar a súa posta en práctica.

Metodoloxía

Camiño á Fin da Terra baséase nun enfoque competencial que favorece a mobilización de todos os tipos de coñecemento para aplicalos de forma práctica en situacións reais, conectando co contexto do alumnado.

Esta metodoloxía activa implica un cambio no rol do docente que, en lugar de actuar como posuidor do saber, se converte en guía e orientador na aprendizaxe. O profesorado buscará espertar a motivación do alumnado, que terá un papel activo e participativo na construción do coñecemento ao longo de toda a secuencia didáctica.

En todos os módulos se inclúen propostas de aprendizaxe progresiva que favorecen procesos cognitivos diversos, simples e complexos. Inténtase buscar unha interrelación entre todas estas propostas de aprendizaxe que, partindo de exercicios e actividades, conducen á elaboración dunha tarefa complexa a modo de produto final: unha exposición do Camiño a Fisterra.

Cobran un peso especial aquelas actividades e tarefas que implican a reflexión e o desenvolvemento dun espírito crítico por parte do alumnado (como o caderno de bitácora), así como as que contribúen a mellorar a súa autonomía, sempre deixando espazo ás súas iniciativas e creatividade (o deseño da exposición).

Ao tratarse dunha proposta aberta e variada, atende á diversidade da aula, adaptándose aos distintos tipos de pensamento e ritmos de aprendizaxe do alumnado coas distintas propostas de aprendizaxe.

Ao longo do proxecto, suxírense diversos tipos de agrupamento para fomentar o traballo en equipo, en pequeno e gran grupo. As actividades do recurso son idóneas para a posta en práctica de estruturas de traballo e aprendizaxe cooperativa.

Como xa se comentou anteriormente, un dos puntos fortes de Camiño á Fin da Terra é que permite a súa aplicación tanto in situ como de xeito virtual, xerando novos espazos de aprendizaxe, máis aló da aula.

As TIC están presentes de xeito case permanente ao seren fundamentais para a realización de moitas das tarefas. Garanten un efecto estimulante no alumnado e son empregadas sempre como medio e non como fin.

Avaliacións

Nesta proposta buscouse unha coherencia á hora do deseño, o desenvolvemento e a avaliación por competencias. Para iso, Camiño á Fin da Terra baséase nun mapa de relacións curriculares que integra todos os elementos do currículo e ten os estándares de aprendizaxe como eixe vertebrador destes. Así, a relación coas competencias permite graduar o rendemento ou desempeño acadado en cada unha delas.

No deseño global, tomáronse os criterios de avaliación e estándares de aprendizaxe das dúas áreas de coñecemento de primeiro curso da ESO. Ademais, cando se levou a cabo de xeito parcial en segundo e terceiro curso da ESO, adaptouse a concreción á lexislación vixente para a materia de Xeografía e Historia nestes cursos.

Ao longo da secuencia cóidase que o alumnado coñeza de antemán como vai ser o proceso de avaliación, o que se vai avaliar, como e cando vai ser avaliado.

Utilízanse diferentes procedementos e instrumentos de avaliación ao longo da secuencia didáctica, en función da actividade ou tarefa, buscando unha avaliación dinámica: rexistro descritivo de tarefas, listaxe de control, rúbricas, portfolio etc. Por suposto, o profesorado poderá adaptalos ou incorporar outros que considere máis oportunos.

O caderno de bitácora é unha pedra angular no proxecto para que o alumnado poida reflexionar sobre o traballo e proxectos realizados, a modo de portfolio. Acompañará o alumnado desde o inicio para poder expresar as súas dúbidas e expectativas, ao longo das tarefas para valorar o seu desenvolvemento e, ao rematar a secuencia, para avaliar globalmente o proxecto e os progresos realizados. Cómpre salientar que, na posta en práctica, o alumnado tivo certas dificultades iniciais para comprender a dinámica de portfolio que co tempo foron superando. Trátase dunha ferramenta moi útil que descoñecían xa que, desafortunadamente, non é habitual que o alumnado teña oportunidades para desenvolver o pensamento crítico deste xeito.

 

Asemade, foméntanse distintos protagonistas da avaliación: ademais da heteroavaliación por parte do profesorado e a coavaliación entre o alumnado, a autoavaliación coa rúbrica como peza clave será fundamental ao longo da secuencia.

No último apartado o alumnado poderá avaliar con total liberdade a experiencia e o aprendido grazas a Camiño á Fin da Terra. Será de grande utilidade para o profesorado, pois as súas suxestións servirán para a mellora e redefinición deste materiais didácticos, entendendo a avaliación do proceso como unha mellora continua.

Conclusións

Este proxecto xorde como resposta á firme convicción dos autores da necesidade de aprender de forma diferente e diversificar os métodos na escola. Pretende ser unha proposta innovadora máis ante todo, motivadora tanto para o alumnado como para os docentes. O resultado será enriquecer o ambiente da aula coa interacción e estudantes máis implicados na aprendizaxe.

A combinación de espazos, recursos e métodos de aprendizaxe, o achegamento a unha realidade próxima, as actividades integradas e o protagonismo que en todo momento recaerá no alumnado fan posible a consecución dos obxectivos principais. De feito, cómpre salientar que observamos un alto grao de cumprimento dos obxectivos marcados cando foron empregados estes materiais didácticos.

Aínda que as circunstancias actuais dos autores impediron polo momento a súa posta en práctica de xeito global e interdisciplinar, a experiencia de empregar o recurso desde a materia de Xeografía en distintos cursos da ESO resultou altamente satisfactoria.

 

 

Bibliografía: 

 

ZABALA, A. (2007): Como aprender y enseñar competencias. Barcelona: Editorial Grao (2.ª edición).

BASTERRA, A.: Guía para elaborar unha secuencia didáctica

TRUJILLO, F.: ABP: teoría y práctica