Patios e parques dinámicos
María Teresa Díaz López
Asesora do CFR Vigo
Como se indica na portada deste libro-manual, patios e parques dinámicos é un programa e unha ferramenta de inclusión social para persoas con TEA. Xorde da experiencia da autora, Gey Lagar, como nai dun neno diagnosticado cun trastorno dentro do espectro autista e como profesional na Asociación Asperger Asturias.
O que nos propón é un manual de intervención en contextos naturais para a inclusión a través do xogo: no parque, na casa, na terapia, no obradoiro de habilidades sociais e tamén nos patios escolares.
Os tempos de xogo son tempos de ocio, libres, ruidosos, pouco estruturados, con contacto físico... Patios dinámicos formula a necesidade de dar opción a que o alumnado con TEA poida participar e gozar destes tempos.
Baseándose nas súas experiencias de patio, Gey Lagar explica como os nenos e nenas con TEA non rexeitan xogar, pero precisan aprender “como xogar”, “que facer para xogar cos iguais”. Esta ensinanza é posible, para iso precisamos ferramentas, precisamos practicar con eles os xogos.
Baseado en fichas e apoios visuais, na anticipación, na flexibilidade, nos intereses e nos “vínculos de xogo”, Gey Lagar explica como ir introducindo este programa nos patios.
O libro inclúe materiais e fichas de explicación visual de cada xogo: as chapas, o “zapatiño inglés”, o vexo, vexo... Xogos populares e xogos “versionados” onde os cacos poden ser dinosauros e, no xogo da araña, ser planetas e astronautas.
Trátase, como di a autora, de ter unha mente aberta e creativa. Sen dúbida, con este programa podemos entender mellor o TEA a través do xogo, converténdonos todos en beneficiarios indirectos ao facilitarnos o noso labor e contribuír a crear un clima un pouco máis inclusivo.