Autoestopista galáctico

Un obxecto dixital educativo sobre o universo e a educación viaria
Trabállase neste ODE, o universo, a Vía Láctea, os planetas... dun xeito lúdico e gamificado, a través dunha narrativa de viaxe/aventura espacial transversalizada por contidos de educación viaria. Vertébrase na cultura clásica e lineal do antiheroe perdido (sen memoria) no espazo, que debe visitar diferentes planetas para atoparse a si mesmo, recuperar obxectos perdidos e lembrar quen é. Todo iso baseado nunha narrativa transmedia (cómic, vídeos, xogos, app e curso moodle) con referencias a clásicos da cultura da ciencia ficción/universo (filmes, videoxogos, series, libros, música, referentes...) onde o deux ex machina é constante nas SD. O obxecto dixital educativo (ODE) pódese ver/descargar desde: https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/espazo/repositorio/cont/o-autoestopista-galactico

Iria García de la Fuente
Mestra e licenciada en Psicopedagoxía
CEIP García Barbón (Vigo)

Contextualización

Dentro de moito tempo, nunha galaxia non moi afastada... Episodio IV: No século XXXV a raza humana conseguiu o descubrimento do Universo coñecido;  no seu afán de ser hospitalaria, convidou a razas doutras galaxias ao seu sistema solar.

Mercurio, Venus, Marte, Xúpiter, Saturno... foron habitados e, coa chegada da nova veciñanza, xurdiu a diversidade, novos sistemas de transporte, novas formas sociais, novos estilos e formas de vida...

O tráfico no espazo fíxose máis denso e foi necesario universalizar unha regulamentación viaria en todos os planetas. Inconsciente, sen memoria, perdido no espazo, sen rumbo... vagaba un ser: o Autoestopista Galáctico.

Este ODE ten por finalidade expoñer a temática da educación viaria e a astronomía dunha maneira interactiva, ligada directamente coas competencias clave. Descríbense sucintamente as características dos devanditos ámbitos curriculares dunha maneira progresiva, do máis conceptual (aspectos teóricos do universo e da educación viaria), pasando polo lúdico (dramatizacións, ficcións e fantasías), para finalizar na súa posta en práctica (obradoiros e experimentos), grazas aos cales se pretende fornecer un coñecemento multimedia de determinadas ferramentas TIC e un coñecemento pragmático.

A estrutura das SD, na súa maioría, é a seguinte:

  • Introdución sobre características da SD/planeta (vídeo/animación)
  • Historia, cultura, artes e constelacións sobre a temática de traballo (audio/vídeo/literatura)
  • Sistema social do planeta: debate a favor/en contra (faladoiro)
  • Sistema viario: catro tipoloxías de sinais (prohibición, perigo, regulamentación e obras)
  • Traballo manipulativo competencial de construción
  • Traballo bilingüismo: transportes: normas, usos e precaucións

Tendo como base o galego e o inglés para o traballo deste ODE, sitúase a súa utilización nos últimos cursos de primaria (quinto e sexto) nas áreas de Ciencias Socias, Educación Física e Valores Cívicos e Sociais.

Con todo, establécese unha narrativa transmedia lineal e argumental, onde un protagonista perdido no espazo non sabe quen é e ten que recuperar diferentes pezas do seu traxe en diferentes planetas, progresivamente vai lembrando a súa identidade e por que estivo perdido. No planeta extra (último), descobre a orixe da narrativa /problema/identidade…

Obxectivos

Coñecementos previos

  • Coñecementos básicos sobre que son os planetas, a educación viaria e os sistemas sociais.
  • Destrezas básicas no manexo do ordenador e na busca na rede.
  • Interpretación do resultado de experiencias de observación e análise do universo e inferencia de hipóteses sobre os conceptos achegados.
  • Identificación de sistemas solares, planetas, estrelas...
  • Coñecemento dos movementos planetarios de translación/rotación e comparativas de gravidade, climas, composicións dos diferentes planetas...
  • Hipóteses sobre os diferentes sistemas sociais existentes e os seus proles e contras.
  • As normas de tráfico como referente de comportamento cívico.
  • O rol de cidadán como axente de axuda en caso de urxencia e accidentes.
  • A cultura da investigación no relacionado con fomentar a curiosidade sobre o universo.
  • Mecanismos de observación do universo, creación, montaxe e funcionamento.
  • Creación de sinais de tráfico e clasificación por formas/regulamentos.
  • Principais aplicacións prácticas do coñecemento da normativa viaria dos diferentes medios de transporte.
  • Coñecemento de apps e programas estreitamente vinculados co coñecemento do universo e a educación viaria.
  • Sensibilización na observación espacial /astronómica.
  • Valoración dos recursos do planeta Terra como fonte de riqueza, saúde e lecer.
  • Valorar a educación viaria como principal ferramenta de prevención.

Xerais

  • Identificar, suscitar e resolver interrogantes e problemas relacionados co contorno usando estratexias de busca, selección e tratamento da información, formulación de hipóteses, comprobación destas, exploración de solucións alternativas e reflexión sobre o propio proceso de aprendizaxe, mantendo unha actitude crítica ante as fontes de información.
  • Identificar, analizar e valorar o noso contorno menos tanxible (universo) para formar un alumnado curioso e crítico, susceptible de analizar o impacto do home na súa observación.
  • Utilizar os coñecementos adquiridos sobre a educación viaria e transferilos a contextos diarios.
  • Planificar e realizar proxectos e experimentos sinxelos relacionados coa astronomía cunha finalidade previamente establecida, utilizando os coñecementos das propiedades físicas do coñecemento científico derivados das ciencias sociais.
  • Coñecer, comprender e identificar sinais, accidentes e hábitos viarios para poder inferir experiencias na vida cotiá.

Específicos

  • Utilizar de xeito responsable e creativo as TIC e o material relacionado coa experimentación e co traballo de campo para aprender a aprender, para obter información e para compartir coñecementos.
  • Observar directamente e experimentación dalgúns efectos e cambios que provoca a observación do noso contorno.
  •  Experimentar cos medios de observación/orientación. Sensibilidade ante a contaminación lumínica.
  • Recoñecer os sinais de tráfico máis usados na sociedade actual e a súa clasificación.
  • Identificar e experimentar con diferentes medios de transporte.
  • Valorar a importancia de conservar os recursos enerxéticos e de non malgastalos.
  • Identificar e anticiparse a accidentes de tráfico.
  • Coñecer e comprender diferentes sistemas sociais e de goberno coa finalidade de fornecer a dimensión democrática da sociedade.

Recursos empregados

Requisitos necesarios

Para a correcta visualización dos contidos multimedia que se van producir necesítase:

  • Acceso: conexión á rede para acceso en liña aos contidos ou, no seu defecto, descarga no equipo.
  • Funcionamento: multiplataforma, acceso vía web con navegador; non necesita instalación.
  • Navegadores: versións actualizadas de Chrome, Safari, Explorer, Firefox, Opera e Seamonkey.
  • Javascript habilitado e Flash Player v.10.
  • Resolución óptima 1024 x 768.
  • Plataforma da app: desenvolvida só para Android 2.2 ou superiores

Ferramentas de edición

Inkscape 0.48:                                 deseño vectorial

GIMP 2.7:                                       deseño fotográfico

Kino 1.3:                                         edición vídeo

Flash CS4:                                      edición animacións

Audacity 1.5:                                   edición audio

OperWritter 3.0:                              procesador de txt/pdf

Ferramentas de autor

Cuadernia:                                       maquetación/presentación da SD e exercicios

APPinventor:                                    elaboración da APP de apoio para o ODE

Empaquetadores

eXeLearning/ Reload:                      empaquetado SCORM e etiquetado LOM-ES

AppInventor/Eclipse:                       empaquetado da app

Estratexias de difusión

A app conta con:

  • Banner do ODE-HOME
  • Créditos, licenciamento e orixe da súa creación (licenzas de estudos 2015/16). Logo da Xunta de Galicia
  • Cómic sobre o ODE
  • Anexos imprimibles
  • Acceso a SD, guía docente
  • Redes sociais: vídeos YouTube + novas Twitter (relacionadas co ODE) *, con aviso de novas tipo WhatsApp
  • Aqueloutros apartados que a CEOU considere necesario
  • Contacto-Autoría (formulario de envío e informe de erros)

E difundirase:

  • No propio ODE.
  • En Google Play: Autoestopista Galáctico
  • Youtube, o que ten como finalidade:

- Vincular todos os vídeos do propio ODE a un sitio común para fidelizalo.
- Incluír vídeos de finalidade semellante.
- Favorecer a súa rastrexabilidade.

Pode verse nesta ligazón

  • Twitter, o que ten como finalidade:

- Achegar novas semanais sobre esta temática na rede.
- Difundir expansións do ODE en diferentes medios.
- Converter en viral o contido.
- Pode verse en: @autoestopistaGA.

Metodoloxía

O alumnado traballará o ODE en grupos reducidos e o docente poderá guiar o desenvolvemento das actividades. O acceso ao OA inicial (obxecto de aprendizaxe) presentarase de forma simple e moi vistosa para que o alumno descubra os elementos coa curiosidade de atopar en cada paso novos elementos. Os elementos que se utilicen serán variados, atractivos visualmente e adecuados ao seu nivel educativo. Utilizaranse as animacións, o cómic, a app e o vídeo introdutorio para xerar motivación.

O alumno deberá ir coñecendo a liña narrativa transmedia de 10 SD (+-70 OA) a través:

  • Do xogo interactivo de preguntas e respostas
  • Da app que ofrece material e recursos complementarios
  • Do cómic que ofrece unha narrativa clásica e lineal do que lle acontece ao noso protagonista

As devanditas tres partes deben traballarse paralelamente, posto que lles dá significatividade aos contidos expostos.

En cada parte do xogo interactivo existen preguntas marcadas como “palabra secreta”. A realización con éxito destas actividades ofrece un conxunto de letras que o alumnado deberá ordenar construíndo unha palabra que “abre” a parte final do xogo; así pode ter respostas aos interrogantes narrativos que se ofrecen.

A estrutura desta SD pode ser fornecida cun curso moodle como apoio aos OA, o que constitúe un aliciente para investigar e afondar no tema e/ou para realizar traballos de profundamento fóra do horario escolar.

A proposta metodolóxica diversifícase na creación dunha app da SD, con contidos extras que favorezan o coñecemento da narrativa da SD e afondan os coñecementos sobre as temáticas de traballo.

As redes sociais están presentes nesta SD, unha canle de YouTube para concentrar os contidos audiovisuais, unha canle de Twitter para viralizar o sentir da rede sobre as temáticas educación viaria + universo.

Este ODE púxose en práctica de xeito piloto no mes de maio de 2016 nunha aula de quinto de primaria con 13 rapaces mediante flipped classroom. Envióuselle unha mensaxe-e ao grupo (no centro todo alumnado posúe conta de correo corporativo) para que, segundo o ritmo de cada un, fosen realizando as secuencias didácticas na casa paralelamente ás unidades do libro na aula, e tiñan 21 días para concluír todo o multimedia. Foi na clase de Valores e na de Ciencias Sociais (seis horas lectivas en total) onde se puxeron en práctica os faladoiros referidos aos sistemas sociais.

Avaliación

É preciso ter en conta para avaliar o aproveitamento deste ODE que o alumnado ao finalizalo poida:

Criterios de avaliación

  • B2.1. Explicar como é e de que forma se orixinou o universo e os seus principais compoñentes.
  • B2.2. Describir as características principais do sistema solar, identificando diferentes tipos de astros e as súas características.
  • B2.3. Localizar o planeta Terra e a Lúa no sistema solar, explicando as súas características, movementos, consecuencias, e calcular os fusos horarios.
  • B2.4. Describir correctamente planos e mapas, incluíndo os planisferios, interpretando a súa escala e signos convencionais.
  • B3.6. Coñecer e respectar as normas de circulación e fomentar a seguridade viaria en todos os seus aspectos.

Estándares de avaliación

  • CSB2.1.1.Describe como é e de que forma se orixinou o universo e explica os seus principais compoñentes identificando galaxia, estrela, planeta, satélite, asteroide e cometa.
  • CSB2.2.1. Describe as características, compoñentes do sistema solar, localizando o Sol no seu centro e os planetas segundo a súa proximidade.
  • CSB2.3.1 Define e representa o movemento de translación terrestre, o eixe do xiro e os polos xeográficos, asocia as estacións do ano ao seu efecto combinado e calcula os fusos horarios.
  • CSB2.3.2.Explica o día e a noite como consecuencia da rotación terrestre e como unidades para medir o tempo.
  • CSB2.3.3. Define a translación da Lúa identificando e nomeando as fases lunares.
  • CSB2.4.1. Identifica e clasifica os diferentes tipos de mapas, define que é a escala nun mapa e emprega e interpreta os signos convencionais máis usuais que poden aparecer nel.
  • CSB3 6.1. Explica normas básicas de circulación e as consecuencias derivadas do seu  descoñecemento ou incumprimento.
  • CSB3 6.2. Coñece o significado dalgúns sinais de tráfico, recoñece a importancia de respectalos e utilízaos como peón e como persoa usuaria de medios de transporte (abrochar o cinto, non molestar a persoa condutora...).
  • EFB1.3.6. Recoñece e respecta as normas de educación viaria en contornos habituais e non habituais.
  • VSCB3.15.1. Colabora en campañas escolares sobre a importancia e a promoción do respecto das normas de educación viaria.
  • VSCB3.15.2. Analiza información na prensa en relación cos accidentes de tráfico.
  • VSCB3.15.3. Investiga sobre as principais causas dos accidentes de tráfico coa axuda das novas tecnoloxías.
  • VSCB3.15.4. Explica as consecuencias de diferentes accidentes de tráfico.

 

O autoestopista galáctico está en:

Twitter: @autoestopistaGA

YouTube

Gplay: App gratuíta de apoio ao ODE: Autoestopista Galáctico

Repositorio Abalar

Glosario

ODE= obxecto dixital interactivo – Exemplo: un libro e material asociado (conxunto de SD)

SD= secuencia didáctica – Exemplo: unidade didáctica dun libro (conxunto de OA)

OA= obxecto de aprendizaxe –Exemplo: folla dun libro con finalidade (unidade multimedia)

SCORM= sistema estándar de empaquetado

LOM-EA= sistema estándar de etiquetado