O MUPEGA
Unha proposta educativa orixinal.
Hai espazos nas cidades onde os nosos pensamentos e sentimentos parecen atopar cura e repouso. Hai lugares para a evasión e as lembranzas que nos convidan a recuperar o noso pasado dun xeito tranquilo e agradable. Un deses remansos é o Museo Pedagóxico de Galicia (en diante Mupega) situado no barrio compostelán de San Lázaro, estratexicamente asentado na longa avenida do mesmo nome que coloca os peregrinos que acceden polo chamado Camiño Francés a escasos metros da meta soñada: a catedral e sepulcro do Apóstolo Santiago.
O museo por e para a educación galega, que ocupa na súa totalidade un edificio construído a finais dos anos oitenta do século pasado como residencia para estudantes fillos de galegos emigrados, posteriormente adaptado a servizos administrativos e por último baleirado e acondicionado para acoller a actual colección museográfica representativa do pasado educativo de Galicia. Consta dunha planta baixa, dúas elevadas e un soto, cunha superficie útil que frisa os 3.500 m2 .
ANTECEDENTES E CREACIÓN
A posta en marcha deste fermoso e pioneiro proxecto foi o resultado de varias iniciativas previas que callaron o 13 de novembro do ano 2000 coa publicación no Diario Oficial de Galicia do seu decreto fundacional.
A primeira referencia de museísmo pedagóxico de natureza galega atopámola na Escola Superior Normal de Santiago de Compostela arredor do 1903, cando o seu director, don Casto Blanco Cabeza, recompilou unha notable colección de aveños escolares, froito do seu empeño e esforzo persoal, co que propiciou o que poderiamos considerar o primeiro museo pedagóxico galego.
O seguinte referente histórico, e xa cun carácter máis institucional, xurdirá no ano 1926, cando na cidade da Coruña, se constitúe oficialmente o Museo Pedagóxico Rexional, grazas ás iniciativas da Asociación do Maxisterio Oficial do Partido da Coruña que decide crear un centro semellante aos xa existentes noutras provincias españolas, claramente influenciados polas ideas e actuacións do Museo Pedagóxico Nacional, que desde 1883 dirixía brillantemente don Manuel Bartolomé Cossío, e tamén polas ideas reiteradas nos continuos certames e congresos`pedagóxicos que tiveron lugar ao longo de todo o Estado entre a segunda metade do XIX e primeira do XX.
Ao longo do período que transcorre desde aquel efémero proxecto herculino e a constitución oficial do noso museo, xurdiron por toda a xeografía galega numerosas exposicións monográficas de temática escolar máis ou menos significativas que, con motivo dalgunha conmemoración escolar ou dalgún aniversario destacado, aparecían e desaparecían sen solución de continuidade, despois de laboriosos traballos de recollida, restauración e ata catalogación.
O último elo desta cadea de antecedentes históricos previos á creación do Mupega foi a proposición non de lei aprobada pola Comisión de Educación e Cultura do Parlamento galego en abril de 1988, pola que se instaba a Xunta a crear unha Biblioteca e Centro de Documentación e Difusión Pedagóxica de Galicia que, entre as súas funcións, fixaba xa daquela a de actuar como centro museístico e conservador do patrimonio e pasado pedagóxico galego.
Non obstante, habería que esperar ao ano 1999 para albiscar unha mostra evidente do futuro centro. Será entón cando no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, adscrito á Consellería de Educación, se constitúe un equipo estable de traballo para afrontar un proxecto de investigación destinado a lle dar forma ao futuro Museo Pedagóxico de Galicia, baixo a dirección do profesor de Teoría e Historia da Educación da Universidade de Santiago de Compostela don Vicente Peña Saavedra, que resultaría ser máis adiante o primeiro coordinador científico do museo, unha vez oficializada a súa creación oficial.
Por fin, cando o ano 2000 tocaba á súa fin, o Consello da Xunta, reunido baixo a presidencia de don Manuel Fraga e por instancia do conselleiro de Educación, don Celso Currás Fernández, acordou aprobar por unanimidade a creación dun museo especializado en temática educativa, co claro obxectivo de recuperar, salvagardar, estudar, mostrar e difundir todas aquelas expresións educativas que poñan de manifesto a variedade e riqueza do patrimonio pedagóxico de Galicia, posibilitando así a súa catalogación, sistematización e custodia (Decreto 268/2000, do 2 de novembro).
A aparición do Mupega no ermo panorama dos museos pedagóxicos da península Ibérica foi acollida con esperanza, admiración e saudable envexa entre aqueles proxectos análogos que observaban o exemplo galego como modelo e guía, a xulgar polo continuo emerxer ao longo desta primeira década do novo milenio, con nova carta de natureza institucional, de centros irmáns en Aragón, Cantabria, Zamora, Berlanga de Duero (Soria), Huelva, Murcia etc.
Pero a creación do Mupega xerou outros beneficios naquel primeiro momento; por un lado a percepción de que favorecía un novo renacemento do museísmo pedagóxico que, entre outras cousas, serviu para rescatar do esquecemento notables aspectos da cultura escolar e que pon en valor singulares coleccións de obxectos escolares que, quizais pola súa presenza cotiá no noso contorno máis próximo, non representaban elementos cun mínimo prestixio social nin eran pezas cobizadas museisticamente ata entón; e por outro lado favoreceu unha nova e vizosa corrente de investigación educativa, expresa e claramente manifesta nos títulos de conferencias, relatorios ou comunicacións que se van presentando en recoñecidos foros convocados polas distintas sociedades e institucións do sector educativo universitario.
FUNCIONAMENTO
O decreto fundacional do Mupega define as funcións, áreas e persoal necesarios para a consecución dos seus fins primordiais. Modificado nalgúns aspectos por mor do Decreto 230/2011, do 7 de decembro, no que se altera a propia estrutura orgánica da consellería, o funcionamento interno cotián segue a xirar arredor de tres áreas de actuación, coordinadas pola figura do director do museo e asistidas no eido económico polo administrador do Mupega.
- Área de Documentación e Recursos.
- Área de Conservación e Mantemento.
- Área de Exposicións, Estudos e Publicacións.
Desde a mesma fase primitiva do museo ─1999─ iniciouse un inxente proceso de recollida de mobiliario escolar, libros, cadernos e material didáctico diverso, espallado polas escolas dispersas por toda a xeografía galega, nalgúns casos con actividade e noutros moitos en completo abandono das súas funcións debido á puxante onda construtora derivada da aplicación da nova Lei xeral de educación de 1970, que trouxo como consecuencia a aparición de novos centros e agrupacións escolares, e o peche das entrañables “unitarias”.
Aquel primeiro patrimonio público, máis algunhas xenerosas doazóns particulares, xerou, en pouco tempo, un espléndido acervo educativo que, na data inaugural, 21 de outubro de 2004, frisaba a nada desprezable cifra de 40.000 pezas.
A este conxunto patrimonial haberíalle que sumar desde o ano 2002 a rica colección de instrumentos científicos procedentes dos denominados institutos provinciais ou históricos que, no Paraninfo do IES Otero Pedrayo de Ourense, asinaron naquel ano un convenio de colaboración co novo museo que, por un lado, ofrecía un garante de conservación da súa histórica herdanza e, por outro, posibilitaba a súa exposición permanente nun módulo museográfico exclusivo na segunda planta do Mupega. Este senlleiro acordo de mutualismo museístico recibe desde aquel ano o nome Rede Mupega.
Con estes vimbios e a ilusión dun proxecto compartido coa sociedade galega en xeral, e co sector educativo en particular, visualizado inmediatamente na nosa repleta axenda de visitas, o museo puxo en marcha un amplo programa de tarefas encamiñadas todas elas a afondar nos fundamentos da nosa propia natureza fundacional: memoria, investigación e difusión do legado educativo da nosa comunidade autónoma.
Atendendo a este paradigma fóronse programando varios congresos e actividades científicas específicas, convocáronse algúns certames entre os nosos centros educativos para implicar o seu alumnado no labor de recuperación e valoración do patrimonio escolar máis próximo, ademais de iniciar unha presenza institucional do museo en importantes foros e coloquios nacionais e internacionais co obxecto de dar a coñecer o noso modelo e compartir outras experiencias.
Cabe salientar neste capítulo a convocatoria do denominado I Foro de Museísmo Pedagóxico na capital compostelá no 2001, onde se deron cita os representantes e estudosos do museísmo educativo de España e Portugal e na que se puxeron as bases do que máis tarde sería a Sociedade Española para o Estudo do Patrimonio Histórico-Educativo (SEPHE), que volvería no ano 2005 ao noso museo para realizar as súas primeiras xornadas científicas.
Co gallo de potenciar e visualizar os ricos fondos patrimoniais depositados nos nosos almacéns, o Mupega foille presentando ao seu público visitante unha ampla miscelánea de exposicións temporais que ían abordando distintos aspectos, obxectos e conceptos do que chamamos cultura escolar. En paralelo, organizouse unha aula itinerante, bautizada cos nomes de Espazo Mupega ou Microespazo Mupega, en función do seu tamaño, para así poder percorrer a xeografía galega e visitar aqueles centros educativos e organismos oficiais que a demandaban coincidindo con algunha efeméride de raíz educativa, ou con algunha outra manifestación expositiva de temática escolar.
Nesta liña de difusión hai que situar a construción dun atractivo sitio web que facilita a interactividade cos nosos posibles usuarios e que ofrece unha dinámica panorámica da actividade cotiá do museo. A páxina, hospedada no portal educativo da propia Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ─www.edu.xunta.es/mupega─ é unha imprescindible ferramenta para situarnos no mundo e, ao mesmo tempo, ofrecernos ao mundo amosando as nosas pezas, as nosas exposicións e os nosos servizos.
Por outra banda, o museo tampouco esqueceu a denominada cultura inmaterial da escola, moi proclive ao abandono e esquecemento. Abordouse esta tarefa de recuperación, conservación e mostra deste patrimonio inmaterial a través dun completo programa audiovisual de historias de vida que nos achegaron aqueles aspectos invisibles da etapa escolar na voz dos seus verdadeiros protagonistas: costumes, cantos, saúdos, tratamentos, vivencias persoais e profesionais dos auténticos protagonistas da vida escolar: o maxisterio e o alumnado.
SINGULARIDADES
O Museo Pedagóxico de Galicia comparte con outras institucións semellantes obxectivos e funcións que emanan do seu propio corpus fundacional, cuns lixeiros pero apreciables matices inherentes á súa propia denominación. Así, este museo aposta desde un principio por unha clara vocación investigadora que compaxina felizmente coa tarefa expositiva que, con carácter retrospectivo, se fai da cultura escolar.
Determinación coleccionista que se limita a un determinado ámbito xeográfico, o que lle confire, precisamente, unha serie de singularidades marcadas polas circunstancias xeográficas e humanas propias:
1. O XOGO E O XOGUETE TRADICIONAL
A clara aposta pola recuperación e posta en valor do xogo e xoguete tradicional galego, expresada nos distintos núcleos museográficos habilitados para o efecto dentro e fóra do museo ─vestíbulo, primeira planta, ludoteca e patio de recreo─ ademais do seu compromiso con asociacións e entidades específicas existentes dentro e fóra da nosa comunidade autónoma.
2. AS ESCOLAS CHEGADAS DE ALÉN MAR
A proposta museográfica dedicada expresamente ao legado educativo indiano, estratexicamente situado nun lugar privilexiado do museo co obxecto de lles evidenciar aos nosos visitantes a inxente tarefa dos nosos emigrantes a ultramar, posta de manifesto no extraordinario equipamento cultural e educativo proporcionado polas remesas económicas chegadas de alén mar, e visible en toda a Galicia do primeiro terzo do século XX.
3. AS ESCOLAS DE FERRADO
A recreación dun espazo educativo non formal, como sede imaxinada, das coñecidas como escolas de ferrado, de extraordinaria relevancia na historia da educación galega, ocupa un lugar sobranceiro no segundo andar do museo coñecido como “A escola primaria. Aulas no tempo”.
4. A FORMACIÓN PROFESIONAL
Xunto co espazo deseñado expresamente para o ensino secundario en xeral, e o patrimonio histórico dos institutos da Rede Mupega en particular, o visitante encontrará un recanto que, en forma de carrusel presenta as primeiras familias da formación profesional a través da contemplación dunha ampla colección de máquinas e instrumental vario que, imaxinariamente, o devolve aos xardíns exteriores onde outra escolma de maquinaria pesada da época primixenia da ensinanza obreira e profesional abraza as paredes do museo pedagóxico demandando un lugar na historia da educación galega.
5. PEZA DO MES
Outro dos núcleos museográficos destacados no Mupega é o situado no vestíbulo do museo, a carón dun conxunto de pezas singulares, ben pola súa antigüidade, transcendencia educativa ou orixinalidade mesmo estética, e entre as que destacan o espectacular globo terráqueo ou o conxunto de elementos dunha antiga imprenta escolar.
Nun lugar central e de fácil visibilidade para o visitante, unha peaña co seu fanal soportan mes tras mes aqueles obxectos do fondo patrimonial propio que convén poñer en valor e dar a coñecer. Máquinas de escritura braille, o famoso libro mecánico da ferrolá Ánxela Ruíz Robles ou o manuscrito do Quixote para escolares escrito polo mestre sarriano J. V. Saco etc. ocupan un lugar central na soleira do noso centro, co que se colabora así a dinamizar a propia exposición permanente e se lles facilita un mellor coñecemento deste aos nosos usuarios.
RETOS DE FUTURO
O Mupega propúxose ser un museo vivo e un museo aberto á sociedade que o xerou e á que serve, polo que non cesa no seu empeño de actualización e mellora, abrindo novas liñas de traballo que favorezan a óptima consecución dos seus fins fundacionais, entre as que salientamos:
- Ampliar a zona expositiva dedicada ás aulas históricas incorporando xa a aula dos anos oitenta, do posfranquismo e que empeza a ser histórica para moitos dos nosos novos visitantes.
- Incorporar novos institutos históricos á nosa Rede Mupega.
- Trasladar o complexo traballo de catalogación de fondos, xa moi avanzado, a un sistema integrado de documentación e xestión museográfica ─DOMUS─, que facilite o intercambio de información e posibilite un modelo normalizado de consulta nun ámbito global.
- Mellorar a comunicación coa nosa clientela escolar co gallo de mellorar o aproveitamento das visitas didácticas e achegar un catálogo de actividades preparatorias á visita ao museo, que contribúan a facer estas máis agradables, útiles e pedagóxicas, porque somos conscientes de que un neno que o pasa ben nun museo é un futuro usuario del.
- Recuperar o papel central que o noso museo ocupou no eido nacional coa nosa reincorporación a aqueles organismos e colectivos cos que nos unen un pasado e unha historia común.
- Abrir o museo a outros colectivos sociais ata o de agora esquecidos, como son os centros de maiores, as residencias da terceira idade, os internados ou colectivos coma reclusos, enfermos etc.
- Potenciar o uso dos nosos recursos bibliográficos e do noso rico fondo documental por parte de investigadores e estudantes en xeral.
En definitiva, o noso museo, como, afortunadamente, outro bo número de centros afíns, ten que seguir pola senda marcada pola aspiración permanente de ser un mecanismo cultural dinámico, evolutivo e ao servizo da sociedade, aberto ao público de forma permanente, que coordina, adquire, conserva, investiga, dá a coñecer e presenta, con fins de estudo, educación e esparexemento, o patrimonio material e inmaterial, no noso caso da escola, co obxecto de cumprir coas recomendacións que se infiren da propia definición oficial de museo, que fai o ICOM ─International Council of Museums─ máximo organismo do noso universo museístico e baixo cuxo amparo desenvolvemos a nosa actividade cotiá.
Número:
Sección: