O bosque de Sabela

Experiencia educativa na que o alumnado, a través dun proxecto documental integrado que implica a toda a comunidade educativa de maneira interdisciplinar, coñece o bosque autóctono e toma conciencia da súa importancia, elemento que é necesario para implicalo no seu coidado.

M.ª Concepción Barreiro Brianes,mestra de sexto de EP
conchibarreiro@edu.xunta.es
Raquel Lafuente López,mestra de educación infantil
raquel.lafuente@edu.xunta.es
Belén Junquera Méndez,mestra de Inglés
belenjunquera@edu.xunta.es
CEIP de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa-Pontevedra)

Contextualización

O CEIP de Rubiáns está situado en Rubiáns, unha das zonas rurais de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). É un centro de liña 1 cunha media de 16 alumnos por aula. Ao ser un centro pequeno, temos a vantaxe de poder realizar moitas actividades no ámbito do centro, participando todo o alumnado xunto, o que favorece a boa relación entre todos, a convivencia e o traballo cooperativo, e tamén a necesidade de que cada mestre teña que pertencer a máis dun equipo de traballo. Desde hai sete anos a nosa biblioteca está incluída no PLAMBE e vimos desenvolvendo proxectos de diferente temática. Nun principio a biblioteca suxeríalles actividades ás diferentes aulas para o que deseñabamos propostas para cada ciclo seguindo o tema marcado, o que supoñía un traballo a maiores do traballo da aula e as propostas do EDL. Pouco a pouco foi cambiando esta situación e fomos relacionando algúns aspectos, como coordinar o traballo da biblioteca co do EDL e relacionar algunhas celebracións, coma o Samaín ou o Día das Legras Galegas, no proxecto de Festas e tradicións de Galicia.

Hai xa tres anos démoslle un xiro transcendental ao noso traballo e o que era un proxecto da biblioteca pasou a ser o centro da actividade do colexio, converténdose nun PDI (proxecto documental integrado) no que participamos toda as aulas de infantil e primaria, todas as especialidades e os diferentes equipos de traballo que, coas súas propostas, fan o proxecto máis rico e cunha dimensión máis ampla. Ademais, desde entón todas as conmemoracións teñen relación co proxecto que estamos a desenvolver: Mulleres importantes na historia hai dous cursos, O bosque de Sabela o curso pasado e O mar de Sabela este.

O proxecto

Durante o curso pasado levamos a cabo o proxecto documental integrado (PDI) O bosque de Sabela. Este proxecto partiu da biblioteca do centro, que se coordinou cos demais equipos de traballo, pois queriamos coñecer a “casa” de Sabela, o esquío mascota da biblioteca. Ademais, incluíu os distintos programas do Plan Proxecta nos que participamos (Naturézate, Fitofaladoiro) baixo un mesmo tema, o que lle deu un carácter globalizador. A finalidade do proxecto era conseguir que o alumnado valorase e respectase o bosque autóctono e para iso é necesario o seu coñecemento, para comprender a necesidade de coidalo e de loitar polo seu mantemento e mellora.

Os obxectivos xerais que nos marcamos neste proxecto foron os seguintes:

  • Contribuír ao desenvolvemento das competencias básicas a través dun centro de interese tan motivador como é a natureza que os rodea.
  • Coñecer as diferentes especies que viven no bosque autóctono.
  • Coñecer os usos do bosque e a necesidade de preservalo.
  • Favorecer que o alumnado aprecie a riqueza e variedade do patrimonio natural respectando a súa biodiversidade e favorecendo a súa conservación.
  • Promover o traballo cooperativo fomentando actitudes de tolerancia e respecto mediante a participación en actividades de grupo.
  • Enriquecer a aprendizaxe co uso de novas metodoloxías e recursos.
  • Utilizar as TIC como ferramenta de busca, tratamento e procesamento da información.
  • Transmitir as informacións obtidas de maneira oral e escrita.

O proxecto dividiuse ao longo do curso arredor de tres eixes ou liñas de traballo:

  • Primeiro trimestre, dedicado á investigación sobre as diferentes especies arbóreas que compoñen o noso bosque autóctono, así como a identificación das invasoras.
  • Segundo trimestre, achegámonos á fauna que habita nos bosques e a súa fraxilidade ante os cambios nos biotopos a través da investigación, o xogo...
  • Terceiro trimestre, dedicado a promover unha actitude crítica e sensible cara á conservación do medio e o desenvolvemento sustentable (normas de comportamento no medio natural, prevención de incendios...).

Unha das características no desenvolvemento deste programa é a funcionalidade da aprendizaxe, pois transferimos o uso das competencias a situacións reais e contextos diferentes. O alumnado é o protagonista do proxecto e por iso as actividades e tarefas están deseñadas de xeito que a súa participación sexa máxima. Empregáronse fondos documentais procedentes da biblioteca para a busca da información necesaria para algunhas das actividades e, deste modo, permitir a adquisición dos coñecementos fomentando o gusto pola lectura. Ademais, os máis pequenos do centro iniciáronse na metodoloxía de traballos por proxectos, descubrindo a biblioteca como un lugar onde buscar resposta ás súas dúbidas. Este aspecto vese reflectido en moitas delas:

Investigacións: un dos principais eixes de actividade do noso proxecto foron as pequenas investigacións que o alumnado tivo que realizar para levar a cabo as actividades propostas. Algunhas delas foron:

- Árbores e animais: cada grupo escolleu unha árbore e un animal —segundo o trimestre— para a súa aula, xustificando a súa elección e sinalando as súas características (individualmente tamén investigaron sobre outras especies).

- En educación infantil identificaron os animais propios do bosque autóctono e situáronos ao longo de toda a xeografía galega nun mapa.

- Bosques autóctonos da xeografía galega: situándoos e identificando as súas árbores características.

- Nomes de lugares e rúas do concello relacionados coas árbores ou animais.

- Busca de novas medioambientais e de deportes descoñecidos para eles como o canicross.

Exposicións orais: realizaron diferentes exposicións orais para mostrar o aprendido nas súas investigacións, presentando a árbore e o animal da súa aula ante o resto de alumnado do centro.

Proxectos: dentro do propio PDI xurdiron diferentes proxectos como o lobo, o moucho, o ourizo, as flores, os animais do bosque galego, os contos tradicionais… e a unidade didáctica integrada (UDI) Vivimos o Entroido.

Elaboración de xogos de mesa e informáticos

- Definicións do trivial de mesa e os pasapalabras dixitais sobre flora e fauna.

- Deseño do taboleiro de xogo.

- Deseño das pezas para a súa impresión en 3D.

Traballo en familia: realización de tarefas coas súas familias: concurso de reciclaxe, recollida de mostras para o Fitofaladoiro, toma de fotografías para realizar o vídeo musical de concienciación medioambiental coa canción composta por eles.

Exposición III concurso familiar de reciclaxe

 

Ademais, á hora de deseñar as actividades para realizar temos en conta dous aspectos fundamentais no noso centro: o desenvolvemento de hábitos saudables a través do fomento da actividade física e a mellora dos hábitos alimenticios e o respecto e coidado do medio ambiente.

Actividades

Levar a cabo tarefas con esta metodoloxía supón a realización dun produto que saia da aula, polo que ao longo do curso houbo ocasión de trasladar o traballo da aula ao exterior en moitas ocasións. Presentamos unha mostra das actividades realizadas:

Vídeo musical: composición dunha canción que busca promover o amor e coidado dos nosos bosques, que se acompañou na montaxe de fotografías achegadas polas familias.

Exposición no Auditorio Municipal dos debuxos seleccionados para o concurso organizado pola Asociación Micolóxica Cantarela e da maqueta “O bosque de Sabela”.

Maqueta Cantarela

 

Visita ao parque botánico E. Valdés Bermejo: da man dun técnico de xardíns do Concello aprendemos moitísimas cousas interesantes sobre diferentes tipos de árbores, a súa orixe, a súa alimentación, as sementes...

III Concurso Familiar de Reciclaxe: construíron casiñas para paxaros con material de refugallo que, tras ser amosadas no colexio, se trasladaron ao centro comercial da vila, o cal organizou unha votación a través das súas redes sociais e lles ofreceu agasallos aos gañadores e votantes. Ao seu regreso foron colgadas no patio do colexio.

Celebración do Día do Bosque Autóctono: aprendemos que é un bosque autóctono, lemos poemas sobre árbores, escoitamos a canción “O eucalipto”, de Migallas e tivemos unha merenda na que nos convertemos nos grandes cociñeiros de Rubiáns, achegando receitas elaboradas con produtos do outono e os propios pratos para compartir cos compañeiros.

O Día da Paz: sementamos árbores de paz (unha faia no patio, agasallo da Comunidade de Montes, e castiñeiros nun merendeiro próximo), inspirándonos no cinto verde de Wangari Maathai. Para esta actividade realizamos unha pequena andaina, relacionándose así co outro punto sobre o que xira o noso centro, o fomento de hábitos saudables.

Plantación de castiñeiros

 

Calendario anual: cada aula realiza un mes que se une nun calendario que logo é entregado ás familias, institucións e colgado na páxina web.

Entroido: desfilamos polas rúas da parroquia cos disfraces confeccionados e rematamos cunha representación ante as familias e veciños na explanada da casa da cultura das comparsas compostas con letra alusiva ao tema.

Faladoiro: cada aula redacta unha sección do noticiario que plasma as actividades realizadas e pasatempos relacionados co proxecto, o cal é enviado ás familias e colgado na web.

Elaboración de papel reciclado: fabricamos o noso propio papel para empregar nunha obra pictórica e na creación de marcapáxinas.

O Día Internacional da Muller: recibimos a visita dunha operaria da Comunidade de Montes.

Fitofaladoiro: recollemos mostras de diferentes plantas e investigamos o seu nome e uso. Posteriormente, ademais de enviar os datos ao Herbario Sant, fixemos unha exposición no centro.

Exposición etnográfica: mostra de elementos relacionados co bosque, o seu nome e uso achegados polas familias, mestres e a Asociación Micolóxica Cantarela.

Minilibriño realizado co gallo do Día do Libro con información, consellos e pasatempos relacionados co bosque autóctono.

Festa dos Maios participamos xunto ás familias na mostra organizada polo concello amosando as nosas producións e cantando as letras compostas para a ocasión.

Charlas: cartografía, “O monte é meu?”

Canicross e Orientación: achegámonos a dous deportes descoñecidos para nós.

Participamos na homenaxe a Joseph Beuys realizada pola Escola de Arte do Liceo Casino de Vilagarcía para o que elaboramos unha cadeira decorada con elementos naturais na V Semana Mundial da Educación Artística convocada pola UNESCO.

O Voceiro da escola: publicación dunha revista ao remate do curso que pretende ser reflexo do traballado durante o ano.

Telexornal: nel reflíctense as actividades realizadas durante o curso escolar e proxéctase no festival de fin de curso ao que asisten as familias.

Traballos manuais: realizaron diferentes traballos manuais con obxectos naturais, representándoos ou empregando material reciclado: papiroflexia, animais con follas de árbores, reprodución de animais con materiais reciclados, plastilina ou hamma beds...

Samaín: o alumnado redactou contos de medo nos que a ambientación era un bosque.

Ao desenvolvemento do proxecto contribuíron as familias e outras institucións sociais: ANPA, concello, Comunidade de Montes, comerciantes da zona, entidades deportivas, Universidade de Vigo, Asociación Micolóxica A Cantarela, TADEGA, a través de diferentes actividades nas que lles solicitamos a súa colaboración, dado que consideramos que a conexión familia-escola-sociedade é un dos alicerces básicos para unha educación efectiva e de calidade.

Avaliación

Ao finalizar o curso analizamos o desenvolvemento do proxecto e chegamos á conclusión de que resultou moi satisfactorio, pois foi un tema que suscitou moito interese entre o alumnado, conseguiuse unha gran motivación e uns resultados moi positivos, polo que consideramos que se poden manter na vida do centro, tanto no ámbito didáctico como organizativo.

A consecución dos obxectivos podemos resumila en:

  • O alumnado foi quen de entender a importancia de coidar os bosques e a súa biodiversidade.
  • Comprendeu tamén a importancia das súas propias actuacións no coidado do medio.
  • Iniciouse na reflexión crítica sobre o mundo que o rodea.
  • Traballou diferentes aspectos necesarios para acadar o desenvolvemento das competencias básicas que co traballo tradicional non dariamos acadado.
  • Desenvolveu traballo cooperativo mantendo actitudes de tolerancia e respecto.
  • Utilizou as TIC como ferramenta de busca, tratamento e procesamento da información.
  • A transmisión das informacións obtidas de maneira oral melloran a calidade, tanto na expresión oral como no material de apoio empregado.

A colaboración entre os mestres, outras entidades e toda a comunidade educativa faise imprescindible polo que, grazas a unha boa coordinación, se desenvolveu un excelente traballo, enriquecendo moito o proxecto realizado, polo que intentaremos que esta unión continúe. A experiencia resultou moi enriquecedora para toda a comunidade educativa. Para o profesorado implicou:

  • A necesidade de coordinación entre os diferentes niveis educativos.
  • A realización de traballo en equipo.
  • Achegarse a novas formas de planificación.
  • Aplicación de novas metodoloxías nas aulas (novos espazos, traballo cooperativo, realización de tarefas...).

Na avaliación feita polo alumnado a través dunha enquisa podemos observar que gustou moito e que aprenderon moito sobre o bosque. Ademais, consideran que é importante coidalo e que eles poden implicarse nisto. En canto ás actividades, as mellor valoradas por eles son a plantación de castiñeiros no merendeiro, en primeiro lugar, e a mostra de canicross, en segundo, e a que menos lles gustou foi a colocación de letreiros identificadores ás árbores.

No que se refire ás familias, ás que tamén se lles enviou unha enquisa, consideraron que é un proxecto interesante e que, grazas a el, os seus fillos coñecen máis o bosque e o valoran positivamente. A actividade que lles resultou máis interesante tamén foi a plantación e non indicaron ningunha actividade que non lles parecese interesante.

Conclusións

Estamos convencidos de que a metodoloxía de traballos por proxectos é a máis axeitada á hora de levar a cabo unha metodoloxía máis activa e participativa, que implique en maior medida o alumnado para que as aprendizaxes sexan máis funcionais. Non obstante, atopamos certas inseguridades que, aínda que sexa de maneira inconsciente, nos impiden abandonar a metodoloxía tradicional baseada no libro de texto para dar paso a outras máis innovadoras. Isto fai que na maioría das aulas se continúe traballando con libros de texto, ademais de seguir as liñas marcadas no PDI. Realizar un proxecto documental integrado facilita o cambio de metodoloxía en canto que xa temos un tema e varias actividades e tarefas propostas polos diferentes equipos de traballo. Ao final de cada curso deixamos xa marcado o PDI que pretendemos traballar o curso seguinte e a estrutura que vai ter e, aínda que sexa de maneira xeral, as principais tarefas ou actividades para que, desta forma, cada mestre poida ir pensando e elaborando actividades e propostas máis concretas para levar a cabo tanto na súa aula como con todo o alumnado no ámbito do centro.

Neste cambio de metodoloxía é tamén importante implicar as familias do alumnado, facéndoas partícipes nesta maneira de ensinar que, sen dúbida, é moito máis motivadora e facilitadora de aprendizaxes para o alumnado. Ademais, o equipo directivo debe facilitar, tanto ao inicio do curso como durante todo o ano, a cooperación entre o profesorado, fomentando reunións de traballo entre os distintos niveis e equipos de traballo, asistencia a actividades de formación. Tamén debe tender pontes con outras institucións e entidades, achegando o centro á sociedade e facilitando a colaboración con elas.

Por outra banda, empregando este tipo de metodoloxías non podemos obviar algunhas dificultades tanto para o profesorado coma para o alumnado. Para os mestres implica un maior esforzo á hora de programar, deseñar e desenvolver as tarefas e actividades que seguindo unha programación máis tradicional e para o alumnado implica non limitarse a encher ocos en fichas e exercicios e ten que ser partícipe nos traballos de investigación, aprender a estruturar o traballo e desta maneira facerse tamén máis autónomo.

Desde este enlace pódese acceder a un vídeo resumo das actividades do PDI. As imaxes van acompañadas de “Vai alborexar”, de Roi Casal e coa voz de Silvia Ferre.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

SILVAR, C. (2012) O carballo. A Coruña, Baía Edicións. 1.ª ed.

WINTER, J. (2011) Wangari y los árboles de la paz. Una historia verdadera. Barcelona, Ediciones Ekaré. 2.ª ed.

WEINHOLD, A. (2009) Nuestros bosques. Barcelona, Ediciones Elfos. 1.ª ed.

BURNIE, D. (1989) A árbore. Madrid, Altea, Taurus, Alfaguara

 

Webs de interese:

Recompilamos as webs que nos resultaron máis interesantes nun symbaloo porque nos resulta máis cómodo de empregar.

Sección: