A educación en España. Unha mirada retrospectiva

A educación en España. Unha mirada retrospectiva

Percorrido pola historia da educación en España desde finais do Antigo Réxime ata hoxe.

M.ª Magdalena Duarte Blanco

Inspectora de Educación

mdb@edu.xunta.es

 

Fronte aos numerosos desafíos do porvir, a educación constitúe un instrumento indispensable para que a humanidade poida progresar cara aos ideais de paz, liberdade e xustiza social."

(J. Delors)

1. INTRODUCIÓN

Ao longo da historia, as sociedades concedéronlle grande importancia á educación, na convicción de que dela depende o benestar individual e colectivo da cidadanía. Aínda que hoxe en día se concibe a educación como un dereito fundamental das persoas ao longo da súa vida, temos que ter en conta que isto non sempre foi así; non hai que remontarse moitas xeracións atrás para ver como o acceso á educación, especialmente á secundaria e superior, era privilexio case exclusivo das elites. 

A aparición dos sistemas educativos contemporáneos contribuíu a reforzar o interese pola educación. As estruturas dedicadas á formación da cidadanía foron concibidas como piares para a construción dos estados nacionais. Progresivamente, os países tamén fóronlles prestando atención crecente aos sistemas de educación e formación, coa finalidade de adecualos ás circunstancias cambiantes e ás expectativas que neles depositaban. Consecuentemente, a súa evolución foi notable, ata chegar a posuír na actualidade características claramente diferentes das que tiñan no momento da súa constitución (preámbulo da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación).

Analizar a historia da educación, os seus cambios, os seus modos de realización, as súas institucións, os profesionais que as rexentaron e os ideais que perseguiron, significa tanto como reflectir a propia historia de España e os seus altos e baixos máis significativos (Molero Pintado, 2001, p. 16).

Os sistemas educativos nacionais xorden en Europa a principios do século XIX, a raíz da Revolución Francesa (1789). En España, a Constitución de Cádiz (1812) incorpora o concepto da educación como unha estrutura en cuxa organización, financiamento e control debería intervir o Estado, deste xeito séntanse as bases para o establecemento do noso sistema educativo. Non obstante, a súa concreción definitiva culminaría coa aprobación en 1857 da Lei Moyano. Segundo sinala Puelles Benítez (2008, p. 7), aínda que parece que España estivo en permanente reforma educativa nos últimos douscentos anos, realmente só tres reformas de gran calado se levaron a efecto: a Lei Moyano (1857) que transformaría o sistema escolar do antigo réxime; a Lei xeral de educación (1970) que trataría de modernizar a estrutura do sistema educativo para adecualo a unha sociedade inmersa nun intenso proceso de cambio, e, máis recentemente, a Lei orgánica de ordenación xeral do sistema educativo (1990) que pretendía conseguir a xeneralización da educación con criterios de calidade. En datas máis recentes publicáronse dúas leis orgánicas coa finalidade de adaptar o noso sistema educativo ás esixencias do século XXI: a Lei orgánica de calidade da educación (2002) e a Lei orgánica de educación (2006).

En síntese, as grandes leis educativas españolas tentarían levar á práctica múltiples cambios nos currículos, na duración do período de escolarización, nas diferentes etapas educativas, niveis e réximes de ensino, cambios que a sociedade e o país demandaban, tanto para a modernización como para o progresivo achegamento de España a Europa.

Ao longo deste artigo tentaremos realizar unha mirada retrospectiva á educación do noso país, tratando de describir os acontecementos máis significativos producidos nos dous últimos séculos.

2. DE FINAIS DO ANTIGO RÉXIME Á LEI MOYANO 

Durante o antigo réxime (séculos XVII-XVIII), a educación estaría basicamente en mans da Igrexa e dirixida case exclusivamente a membros da nobreza e do clero. Non obstante, a Revolución Francesa (1789) impulsaría un modelo educativo substancialmente diferente: unha ensinanza fundamentalmente pública, secular, aberta a todos e pensada para atender as necesidades educativas da sociedade da época; unha ensinanza articulada en tres niveis (primaria, secundaria e superior); e, finalmente, unha ensinanza organizada e controlada fundamentalmente polo Estado. Este novo modelo educativo tiña o seu fundamento nunha concepción da ensinanza como servizo público que a todos implicaba. O resultado deste cambio sería a creación progresiva dun sistema educativo que lles ofrecía a ensinanza primaria gratuíta ás clases populares e as ensinanzas secundaria e superior ás clases medias e altas da sociedade liberal. 

A reacción española á invasión napoleónica a comezos do século XIX poría en marcha a revolución liberal e tería como consecuencia a aprobación, polas Cortes de Cádiz, da Constitución de 1812, na que se proclamaría a soberanía popular e unha nova organización da sociedade baseada, entre outros, nos principios de liberdade e igualdade. A Constitución de 1812 recollía no ámbito educativo importantes conceptos renovadores, entre os que cabe salientar a defensa da universalidade, sen excepcións, da educación primaria e a uniformidade dos plans de ensinanza para todo o ámbito do Estado. 

Logo da aprobación da Constitución de 1812, unha das principais preocupacións das Cortes españolas foi a elaboración dunha lei xeral de instrución pública. Para tal efecto, Manuel José Quintana elaborou, en 1813, un informe onde se defendía que a instrución debería ser igual, universal, uniforme, pública e libre. Non obstante, aos poucos meses da súa publicación produciríase un levantamento militar e o goberno xurdido do golpe de Estado declararía nula a Constitución de 1812 e os decretos das Cortes, polo que España retorna ao antigo réxime. 

Algúns anos máis tarde, logo do pronunciamento militar de Rafael del Riego, xorde o “trienio liberal” (1820-1823), que resultaría ser un período significativo para a historia da educación española, dado que nel se regularía unha nova estrutura educativa coa aprobación do Regulamento xeral da instrución pública de 1821, que suporía a redacción en forma de lei do Informe Quintana de 1813, que lle daría carácter legal a unha estrutura do sistema educativo dividida en primeira, segunda e terceira ensinanza, estrutura inexistente formalmente no antigo réxime. Do mesmo xeito, esta normativa sancionaba a división da instrución en pública e privada, ao tempo que determinaba a gratuidade da ensinanza pública.

En 1823 restableceríase o poder absolutista de Fernando VII mediante a intervención das tropas francesas. No ámbito educativo, ao longo dos dez anos de vixencia deste período absolutista derrogaríase o Regulamento xeral de instrución pública de 1821 e publicaríase o Plan literario de estudos e arranxo xeral das universidades do reino (1824), o Plan e Regulamento de escolas de primeiras letras do reino (1825) e o Regulamento xeral das escolas de latinidade e colexios de humanidades (1826). Estas reformas, que se denominaron Plan de Calomarde, por ser este o responsable da súa elaboración, significarían un claro intento de facer da instrución pública un instrumento eficaz do poder absolutista.

En 1833, logo do falecemento de Fernando VII, iniciaríase en España a rexencia de M.ª Cristina, que tería unha duración de dez anos, e, con ela, a chamada “década liberal”, na que se definirían dúas tendencias entre os liberais: moderados e progresistas. Estes últimos lograrían afianzar as súas ideas e o seu poder: desamortización, supresión de señoríos e ordes relixiosas, secularización da ensinanza, entre outras. En 1836 aprobaríase o Plan xeral de instrución pública ou Plan do duque de Rivas, que, malia apenas ter vixencia, supuxo un importante antecedente da Lei Moyano de 1857. O Plan do duque de Rivas regulou os tres graos de ensinanza: a instrución primaria, que comprendería a primaria elemental e a superior; a instrución secundaria, dividida en elemental e superior; e a instrución superior, á que corresponderían as facultades, escolas especiais e estudos de erudición.

En 1843, coincidindo coa maioría de idade da raíña Isabel II, comeza a chamada “década moderada” que duraría ata 1854. No ámbito normativo, a lei clave desta etapa é a Constitución de 1845. No terreo educativo, aprobaríase en 1845 o Plan xeral de estudos ou Plan Pidal, no que se establecerían as bases para a primeira definición do sistema educativo contemporáneo.

3. DA LEI MOYANO Á PRIMEIRA REPÚBLICA 

Cando en 1854 os liberais de tendencia progresistas asumiron o poder, facíase evidente a necesidade dunha norma que regulase a complexa trama da instrución nacional. Progresistas e moderados confluían na preocupación pola educación, coincidindo nas grandes liñas do sistema educativo liberal. 

A primeira reforma educativa deste período sería a Lei de instrución pública, do 9 de setembro de 1857, denominada Lei Moyano, polo ministro que a impulsou; unha lei que chegou a rexer a ensinanza española durante algo máis dun século. O mérito da lei de Claudio Moyano (Puelles Benítez, 2008, p. 8) foi o de lle dar consistencia e estabilidade ao sistema educativo. A Lei Moyano significou a consolidación definitiva do sistema educativo liberal e o comezo da estabilidade da instrución pública, sobre todo no eido lexislativo e da Administración. Son características fundamentais desta lei (Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, 2004, p. 3) a marcada concepción centralista da instrución; o carácter ecléctico e moderado na solución das cuestións máis problemáticas, como eran a intervención da Igrexa na ensinanza ou o peso dos contidos científicos na segunda ensinanza; a promoción legal e a consolidación dunha ensinanza privada, basicamente católica, no eido primario e secundario, así como a incorporación definitiva dos estudos técnicos e profesionais á ensinanza possecundaria.

Posteriormente, o 19 de setembro de 1868 tería lugar a revolución coñecida como “a Gloriosa”, que derrocou a raíña Isabel II e coa que se iniciaría o chamado “sexenio democrático” (En 1873 proclámase a Primeira República coa que se tentaría dar un novo pulo á liberdade de ensinanza). Unha das características básicas deste período no terreo educativo sería o impulso da liberdade de ensinanza. 

O día 21 de outubro de 1868 promúlgase un decreto mediante o que se pretendía establecer certo equilibrio entre educación pública e educación privada, a necesidade duns estudos distintos en duración para persoas con desiguais capacidades e a liberdade de cátedra. Outro importante decreto foi o aprobado o 25 de outubro do mesmo ano 1868, que organizaba a segunda ensinanza, entendéndoa como un complemento ou ampliación da educación primaria, que debería formar cidadáns ilustrados, dotándoos dunha ampla instrución. Tamén se regulaban neste último decreto as facultades de Filosofía e Letras, Ciencias, Farmacia, Dereito e Teoloxía.

Significar que, aínda que neste período non se produciron grandes innovacións en política educativa, moitas das reformas introducidas en relación coa liberdade de ensinanza quedaron incorporadas con carácter permanente ao noso sistema educativo.

4. ETAPA DA RESTAURACIÓN 

Logo dos acontecementos do sexenio democrático (1868-1874), os desexos de paz e orde social demandados por amplos sectores da sociedade facilitarían a proclamación da restauración monárquica na figura de Afonso XII, fillo de Isabel II. Cando en 1885 falece Afonso XII, asume o poder a raíña rexente, M.ª das Mercedes, ata a maioría de idade do seu fillo Afonso XIII en 1902. 

Durante a etapa da Restauración aprobaríase unha nova Constitución en 1876, que restauraría a monarquía constitucional e que, malia ser de marcado carácter conservador, foi quen de integrar principios progresistas, entre outros, o sufraxio universal, a declaración dos dereitos do home e a tolerancia relixiosa. Neste período, a educación recobrou gran protagonismo, especialmente a finais do século XIX, dado que o sentir xeral era que a rexeneración de España pasaba pola reforma educativa do país. 

Dentro do ámbito educativo, no ano 1900, créase, por primeira vez en España, o Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes, presidido por Antonio García Alix, coa finalidade, entre outras, de lograr a unidade de xestión das cuestións docentes por parte do Estado. Coa creación deste ministerio consolidaríase un sistema de provisión directa de prazas escolares por parte do Estado que permitiría, non obstante, a presenza de escolas privadas, de ensinanza primaria e secundaria. O Estado tentaría asumir a gratuidade e obrigatoriedade da educación primaria entre os 6 e os 12 anos de idade. O citado ministerio tamén tería como obxectivo prioritario acabar coas diferenzas existentes no acceso á educación en función do nivel de renda, do lugar de residencia e do sexo. 

Un Estado de dereito moderno debería garantir, entre outros dereitos, a igualdade de todos ante a lei e, neste caso que nos ocupa, o dereito á educación. O interese xeral, ademais, avogaba por esa igualdade co fin de que se garantise de forma efectiva a escolarización obrigatoria da que dependía, en boa medida, o benestar do país.

O 13 de setembro de 1923, co golpe militar do xeneral Primo de Rivera, que contaría coa comprensión do rei Afonso XIII, iniciábase un período de ditadura en España que duraría ata a proclamación da Segunda República en 1931. O 27 de decembro de 1930, o xeneral Primo de Rivera preséntalle ao monarca a súa dimisión, que sería aceptada por Afonso XIII, nomeando como xefe do Goberno o xeneral Berenguer.

A Ditadura de 1923 encarnou, entre outros trazos, o rexeneracionismo autoritario. Durante o mandato primorriveirista levaríanse a cabo, no ámbito educativo, reformas no bacharelato e na universidade. 

5. SEGUNDA REPÚBLICA ESPAÑOLA 

Co triunfo republicano e socialista nas eleccións do 14 de abril de 1931 proclamouse en España a Segunda República e produciuse con ela o exilio do rei Afonso XIII. No mesmo ano, o 9 de decembro, aprobouse unha nova Constitución na que se incluían os seguintes principios: soberanía popular –declárase o Estado como unha república de traballadores de todas as clases–; sufraxio universal masculino e feminino; extensa declaración de dereitos e liberdades –dereito ao divorcio e á educación, entre outros–; división dos poderes do Estado –poder lexislativo (Cortes), poder executivo (presidente da República e xefe do Goberno), poder xudicial (tribunais de xustiza)–; proclámase, por primeira vez, o dereito das rexións a establecer estatutos de autonomía; proclamación dun Estado laico e separación de poderes entre Igrexa e Estado.

Durante a etapa preconstituínte, Lorenzo Luzuriaga elaborou un proxecto de lei xeral de educación que non sería finalmente aprobado, pero que recollía os fundamentos educativos que se incluirían na Constitución republicana de 1931. As características deste proxecto eran fundamentalmente as seguintes (Duarte Blanco, 1999, p. 39): a educación pública como función esencial do Estado, sen excluír o papel da ensinanza privada, sempre que non perseguise fins políticos ou confesionais; a educación pública debería ser gratuíta, laica e extraconfesional. O proxecto Luzuriaga non so asumía a mellor parte da herdanza liberal, senón que tamén recollía os principios que conectaban coa Institución Libre de Ensinanza e coa pedagoxía máis moderna da época: a pedagoxía activa; a escola como actividade relacionada co seu contorno; a coeducación en todos os graos da ensinanza; a educación de adultos; a escola única ou unificada, coas implicacións que supoñía para o profesorado e para a Administración.

A partir da aprobación da Constitución de 1931 comezaron a desenvolverse normas legais que implicarían profundos cambios nos diferentes ámbitos da sociedade. Así, centrándonos no terreo educativo, a Constitución de 1931 proclamaba a escola única, a gratuidade e obrigatoriedade da ensinanza primaria, así como a liberdade de cátedra e a laicidade da ensinanza.

En relación coa normativa de carácter educativo, destacan nesta etapa os cambios con respecto á regulación do bilingüismo, posibilitando nas escolas primarias a ensinanza na lingua materna, aínda que fose diferente do castelán; suprimíase a obrigatoriedade da ensinanza relixiosa; reformábase a formación inicial docente; e regulábase a inspección de primeira e segunda ensinanza.

En 1933 realizáronse as segundas eleccións a Cortes republicanas, que gañaría a Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA), a cal  gobernaría ata febreiro de 1936. Durante estes case tres anos a política española non estivo exenta de sobresaltos, polo que, malia tratar de reformar a Constitución en aspectos significativos (política relixiosa e educación, fundamentalmente), a propia inestabilidade dos gobernos impediu a aprobación de calquera medida, aínda que se incorporaron novas formulacións educativas, ao tempo que se derrogaría parcialmente a normativa aprobada no bienio anterior. 

A finais de 1935, os acontecementos sociais e a crise política do Goberno provocaron a disolución das Cortes e a celebración de novas eleccións xerais. Os resultados electorais do 16 de febreiro de 1936 daríanlle a vitoria á Fronte Popular e Manuel Azaña foi proclamado de novo presidente do Goberno da República. A pesar de que entre as súas promesas electorais se incluían profundas reformas educativas, o levantamento militar de 1936 impediría drasticamente a súa posta en práctica.

6. A EDUCACIÓN DURANTE O FRANQUISMO 

O 18 de xullo de 1936, co levantamento militar do xeneral Franco, comezaría a Guerra Civil española. Durante os tres anos de confrontación bélica, a vida social, educativa, cultural e política do país sufriría directamente profundas consecuencias.

Resulta evidente que a Guerra Civil acabou cunha experiencia educativa que había modernizar España nun período de tempo relativamente breve. A derrota republicana levou ao exilio e á clandestinidade a maioría dos liberais e reformistas e os logros conseguidos durante a Segunda República serían destruídos polo sector vendedor da confrontación bélica. 

A Ditadura do Xeneral Franco (1939-1975) impregnouse desde os seus inicios de aires tradicionalistas, ao tempo que o sistema educativo volvería ser un monopolio nacional e católico. Tamén produciría nos primeiros momentos un desmantelamento da política educativa republicana. 

A Ditadura suporía no ámbito educativo o retorno a unha ensinanza confesional católica e fundamentada en tres premisas básicas (Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, 2004, p.5): educación acorde coa moral e dogma católicos, ensinanza obrigatoria da relixión nas escolas e dereito da Igrexa á inspección da ensinanza en todos os centros docentes. Significar, así mesmo, a separación de sexos, consecuencia da prohibición da escolarización mixta, así como o incremento do elitismo e a discriminación na ensinanza, manifestados principalmente na existencia dun sistema educativo de «dobre vía»: o bacharelato para as elites e outra vía para as clases máis desfavorecidas.

Nos primeiros anos da Ditadura ven a luz catro importantes leis educativas. A primeira, a Lei de reforma da ensinanza media, do 20 de setembro de 1938, en plena Guerra Civil, pretendía regular o nivel educativo das elites do país. Nesa mesma liña, o 29 de xullo de 1943 publícase a Lei que regulaba a ordenación da universidade. A terceira lei, que afectaba a ensinanza primaria, publícase o 17 de xullo de 1945, complementada por un decreto de 1967, proclamaba que a educación debería ter carácter confesional, patriótico, social, intelectual, físico e profesional; pretendía a unificación lingüística de todo o Estado e declaraba, ademais, a educación primaria obrigatoria e gratuíta con separación de sexos. A cuarta, a Lei de formación profesional industrial, promúlgase o 16 de xullo de 1949.

Na década dos anos cincuenta prodúcese certa apertura no ámbito educativo e promúlganse tres leis fundamentais. En primeiro lugar, a Lei de ordenación da ensinanza media ou Lei de Ruiz Jiménez, do 26 de febreiro de 1953, que significou un novo enfoque da educación, ademais de supoñer un primeiro paso cara á xeneralización da escolaridade ata os 14 anos. A segunda lei, decisiva para a escolarización real da poboación infantil, foi publicada o 22 de decembro de 1953, sobre construcións escolares, na que se establece un sistema de convenios entre o Estado e os concellos e as deputacións para a construción de escolas. Finalmente, a Lei de 20 de xullo de 1957, sobre ensinanzas técnicas, contribuiría á normalización do sistema, ao incorporar á universidade as escolas de enxeñeiros e arquitectos e abrilas a un maior número de alumnos.

Posteriormente, nos anos sesenta fíxose evidente a necesidade de adecuar o sistema educativo ás novas esixencias sociais creadas polo desenvolvemento económico do país, necesidades ás que non podía atender o sistema tradicional (Seminario de Pedagoxía de Valencia, 1975, p. 169). O Estado asumiría cada vez maiores responsabilidades educativas, lográndose así unha mellora na escolarización e na calidade da escola pública. Paulatinamente, o poder educativo da Igrexa deixa paso ao da ensinanza pública, sobre todo en zonas rurais ou naquelas ás que non chegaba a ensinanza privada relixiosa. Ademais, os sesenta foron anos de distanciamento da Igrexa por parte do Estado; foron tamén anos de crecemento económico (investimentos do capital estranxeiro, turismo, emigración etc.) que producirían cambios na estrutura social. A aparición dunha nova clase media e o incremento do nivel de vida confluíron, no terreo educativo, no fenómeno denominado “explosión escolar”, cunha resposta da Administración claramente insuficiente para satisfacer a demanda existente.

Non obstante, a política educativa destes anos baseouse nunhas leis sectoriais que apuntalaron unhas estruturas educativas incapaces de lles facer fronte aos problemas da nova sociedade que estaba xurdindo. Intentar afrontar ese reto sería o mérito da Lei xeral de educación de 1970 (Puelles Benítez, 2001, p. 25). En efecto, a gran reforma educativa chegaría no final da Ditadura franquista, coa publicación da Lei xeral de educación de 1970 ou Lei Villar Palasí, que ampliaba a instrución primaria ata os 14 anos, ao tempo que reducía os estudos de secundaria. Podemos afirmar que esta lei supuxo o inicio da superación do atraso histórico que afectaba o sistema educativo español. Tendo en conta a gran transcendencia que esta lei tivo para o posterior desenvolvemento do noso sistema educativo, cómpre esbozar aquí as súas principais directrices.

En 1968 tomou posesión do Ministerio de Educación o ministro Villar Palasí e en outubro do mesmo ano o seu equipo ministerial levou a cabo en Buitrago unhas xornadas de traballo das que xurdiu a formulación dunha estratexia para a reforma do sistema educativo. Esta concretouse en 1969 no Libro branco de educación. Un dos principais méritos deste documento estivo en recoñecer publicamente a existencia dunha dobre discriminación na base do sistema: por unha parte, dous niveis diferentes de educación primaria (en función do ingreso ou non do alumnado no ensino medio) e, por outra, a temperá división dun bacharelato de ciencias e de letras que obrigaba o alumnado e elixir prematuramente entre ambas as opcións. Este dobre sistema non tiña xustificación razoable e orixinaba unha inxusta discriminación con respecto ás posibilidades de acceso á educación dun sector da poboación. Por outra parte, o ingreso na ensinanza media xeral aos dez anos parecía prematuro. Ese abandono temperán da escola primaria obrigaba os centros de ensinanza media a cumpriren funcións propias da ensinanza primaria, para encher lagoas de coñecementos coas que lles chegaban os alumnos. O acceso á ensinanza media aos dez anos constituía unha excepción nos países europeos (Ministerio de Educación e Ciencia, 1969, pp.17-18).

A posta en práctica da dita lei suporía afrontar graves problemas, tanto no desenvolvemento normativo coma na súa aplicación, xa que a realidade era que a xeneralización da educación ata os 14 anos implicaba un incremento notable do profesorado; a reforma pedagóxica que se trataba de implantar esixía mellores equipamentos; a demanda de escolarización total, novas instalacións; a modernización da formación profesional, cuantiosos investimentos; o novo bacharelato, un perfeccionamento intenso do profesorado; a expansión universitaria, novos recursos etc. (Puelles Benítez, 1991, p. 439).

A pesar de todas as dificultades, a Lei xeral de educación supuxo un forte pulo á educación española ao reforzar e unificar o sistema educativo e introducir innovacións curriculares, organizativas e tecnolóxicas. Entre as medidas máis progresistas e avanzadas desta lei cómpre destacar as seguintes: é a primeira vez que en España, despois da Lei Moyano, se promulga unha lei que regula todo o sistema educativo, desde a educación infantil ata a universitaria; creación dun tronco común de ensinanza xeral básica, de 8 anos de duración; introdución da formación profesional no sistema educativo ordinario e a súa conexión coa universidade; dignificou e elevou a carreira de Maxisterio ao rango universitario; estableceu un sistema de bolsas para lograr a igualdade de oportunidades; institucionalizou a orientación escolar, persoal e profesional; conseguiu, por primeira vez, a plena escolarización nos niveis obrigatorios e evitou a prematura selección.

7. TRANSICIÓN DEMOCRÁTICA E EDUCACIÓN

Á morte de Franco, en 1975, o rei Juan Carlos I nomea en 1976 presidente do Goberno a Adolfo Suárez. Con carácter inmediato promúlgase a Lei de reforma política, que sería aprobada maioritariamente en referendo. Así mesmo, convócanse as primeiras eleccións democráticas desde 1936. O Parlamento xurdido destas eleccións deseña unha Constitución, debatida e pactada pola maioría das forzas políticas do país e aprobada en referendo en 1978. 

Durante o período preconstitucional (1975-1978) hai que salientar a realización dos Pactos da Moncloa, que tiveron notable repercusión ao sinalar o comezo dunha política de concertación social entre o Goberno e os axentes económicos e sociais, para afrontar os problemas derivados da crise económica do momento. No terreo educativo, o interese dos pactos orientouse conforme os seguintes principios e criterios:

1. Democratización do sistema educativo, buscando a participación de todos os sectores e definindo un estatuto de centros educativos e do profesorado. Para tal fin, formuláronse como obxectivos prioritarios a mellora da calidade da ensinanza e a súa homoxeneización entre os centros estatais e non estatais.

2. Gratuidade progresiva da ensinanza. Para lograr este obxectivo acordáronse as seguintes medidas: a) nos centros estatais, a expansión efectiva da gratuidade da ensinanza mediante a construción, equipamento e atención aos gastos de funcionamento e de profesorado; b) respecto aos centros non estatais, a revisión profunda do sistema de financiamento coa definición dun estatuto de centros subvencionados no que se establecese a participación das familias e do profesorado e se asegurase o control dos fondos públicos.

3. A política educativa establecida nos Pactos da Moncloa completábase con outras actuacións, tales como: incorporación das distintas linguas e contidos culturais nos seus respectivos ámbitos territoriais para os niveis educativos obrigatorios; colaboración entre o Goberno e as administracións autonómicas para a consecución dos obxectivos educativos; política de colaboración con organismos públicos estatais e locais para a obtención de solo destinado a centros educativos, así como medidas especiais para a redución dos prazos nas construcións.

7.1. Constitución española de 1978

Un dos grandes éxitos da transición política española foi, sen dúbida, o consenso logrado entre os partidos políticos de distintas ideoloxías arredor da Constitución aprobada en referendo o día 6 de decembro de 1978. Agora ben, este consenso necesitou un grande esforzo por parte dos grupos parlamentarios, especialmente cando houbo que regular dereitos dunha gran carga ideolóxica, como ocorreu coa educación.

A Constitución de 1978 recolle no título I os dereitos e deberes fundamentais, entre os que se recoñece o dereito á educación como un dos dereitos esenciais que os poderes públicos lle deben garantir a toda a cidadanía. O artigo 27 da Carta Magna recoñece os seguintes principios básicos relacionados con este dereito fundamental:

1. Todos teñen o dereito á educación. Recoñécese a liberdade de ensinanza.

2. A educación terá por obxecto o pleno desenvolvemento da personalidade humana no respecto aos principios democráticos de convivencia e aos dereitos e liberdades fundamentais.

3. Os poderes públicos garanten o dereito que asiste os pais para que os seus fillos reciban a formación relixiosa e moral que estea de acordo coas súas propias conviccións.

4. A ensinanza básica será obrigatoria e gratuíta.

5. Os poderes públicos garanten o dereito de todos á educación, mediante unha programación xeral da ensinanza, con participación efectiva de todos os sectores afectados e a creación de centros docentes.

6. Recoñéceselles ás persoas físicas e xurídicas a liberdade de creación de centros docentes, dentro do respecto aos principios constitucionais.

7. O profesorado, os pais e, se é o caso, o alumnado intervirán no control e xestión dos centros nos termos que a lei estableza.

8. Os poderes públicos inspeccionarán e homologarán o sistema educativo para garantir o cumprimento das leis.

9. Os poderes públicos axudarán os centros docentes que reúnan os requisitos que a lei estableza.

10. Recoñécese a autonomía das universidades, nos termos que a lei estableza.

Ademais do dereito á educación e doutros dereitos fundamentais relacionados, a Constitución recoñece a descentralización da Administración educativa no Estado das autonomías. Agás aquelas cuestións que son de reserva competencial do Estado, as comunidades autónomas poden asumir competencias na ordenación e administración do sistema educativo no seu ámbito de xestión. É neste contexto onde debe inserirse o deseño do modelo autonómico de descentralización da educación.

Podemos afirmar que a Constitución de 1978 establece un equilibrio político entre a liberdade de ensinanza e a igualdade á educación de todas as persoas. O que si resulta evidente é que este equilibrio se manifestou en constante tensión, permitindo o seu desenvolvemento por orientacións ideolóxicas diverxentes, como poden ser as expostas polos grupos de centro-dereita coa Lei orgánica pola que se regula o Estatuto de centros escolares (LOECE) ou a Lei orgánica reguladora do dereito á educación (LODE) de orientación socialista.

8. DESENVOLVEMENTO NORMATIVO NO ÁMBITO EDUCATIVO

O actual sistema educativo español regúlase pola Constitución de 1978 e polas leis orgánicas que desenvolven, mediante norma básica, os principios e dereitos educativos constitucionais. A lexislación básica concrétase para o ámbito das ensinanzas non universitarias en:

Lei orgánica 5/1980, do 19 de xuño, pola que se regula o Estatuto de centros escolares.

Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación.

Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, da avaliación e do goberno dos centros docentes.

Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación.

Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. 

8.1. Lei orgánica pola que se regula o Estatuto de centros escolares (LOECE )

Malia as dificultades internas e externas, o Goberno de Adolfo Suárez logrou a aprobación da Lei orgánica pola que se regulaba o Estatuto de centros escolares (LOECE) o día 19 de xuño de 1980. Esta lei pretendía desenvolver o artigo 27 da Constitución, pero non conseguiu plenamente os seus obxectivos ao deixar sen lexislar aspectos constitucionais tan importantes como a axuda económica dos poderes públicos aos centros privados e a regulación da programación xeral da ensinanza, ao tempo que, como sentenciou o Tribunal Constitucional o 13 de febreiro de 1981, privilexiaba desequilibradamente os dereitos do titular do centro privado sobre os da comunidade escolar, supeditando a liberdade de cátedra ao ideario educativo do centro e interpretando restritivamente o dereito das familias, profesorado e alumnado á intervención no control dos centros sostidos con fondos públicos.

8.2. Lei orgánica reguladora do dereito á educación (LODE)

A Lei orgánica reguladora do dereito á educación (LODE), do 3 de xullo de 1985, desenvolve o artigo 27 da Constitución, excepto a alínea décima relativa á autonomía universitaria, tratando de harmonizar e conxugar os dereitos e liberdades sancionados na Carta Magna. Apunta, en definitiva, a garantir para todos o dereito á educación, facendo especial énfase nunha ensinanza básica obrigatoria e gratuíta (Puelles Benítez, 1991, p. 500).

A extensión da educación básica, ata alcanzar a todos e a cada un dos cidadáns, constitúe, sen dúbida, un feito histórico para o progreso das sociedades modernas. En efecto, o desenvolvemento da educación, fundamento do progreso da ciencia e da técnica, é condición de benestar social e prosperidade material, e soporte das liberdades individuais nas sociedades democráticas (Ministerio de Educación e Ciencia, 1985, p. 29).

Se a Constitución española de 1978 recoñece a existencia dunha dobre rede de centros escolares, públicos e privados, a LODE dispón un sistema de concertos para conseguir unha prestación efectiva do servizo público e social da educación, de maneira gratuíta, en condicións de igualdade e no marco da programación xeral do ensino.

A LODE garante unha oferta gratuíta de postos escolares nos niveis educativos obrigatorios e impide discriminacións no exercicio da liberdade de ensinanza, así como o acceso sen discriminacións aos niveis superiores de educación; detalla os dereitos e liberdades dos membros da comunidade educativa (profesorado, alumnado e pais, nais ou titores legais). Aos docentes garántelles a liberdade de cátedra; aos pais/nais recoñécelles o dereito a que os seus fillos e fillas teñan unha educación conforme o establecido na Constitución e na propia lei, e a que reciban a formación relixiosa e moral acorde coas súas conviccións, así como a elixir un centro docente distinto dos creados polos poderes públicos. Garántese a liberdade de asociación. O alumnado ten recoñecido o dereito a recibir unha formación que asegure o pleno desenvolvemento da súa personalidade, á valoración obxectiva do seu rendemento, ao respecto da súa liberdade de conciencia e de conviccións, ao respecto da súa integridade e dignidade, a participar no funcionamento do centro, a recibir orientación escolar e profesional e a axuda precisa para compensar carencias de tipo familiar, económico e sociocultural e á protección social en caso de ser necesario, así como o dereito de asociación. Tamén se determina como deber básico do alumnado o estudo e o respecto das normas de convivencia do centro. A todos os membros da comunidade educativa se lles recoñece o dereito de reunión no centro docente.

Puelles Benítez analiza os contidos básicos da LODE agrupándoos nos seguintes puntos:

a) A regulación, nun delicado contrapunto, dos dereitos e liberdades que a Constitución recoñece en materia de ensinanza. Así, garántese e desenvólvese o dereito á liberdade de ensinanza (entendida como dereito a crear e dirixir centros privados, ao ideario do centro e á elección de centro, pero tamén como dereito á liberdade de cátedra); recoñécense, así mesmo, outros dereitos que poden entrar en conflito cos anteriores, como o dereito á liberdade de conciencia e o dereito á non discriminación.

b) A aceptación legal dunha dobre rede de postos escolares, públicos e privados, con especial énfase na formación dunha rede integrada, constituída pola oferta pública e pola oferta privada que voluntariamente desexe coadxuvar á prestación do servizo público da ensinanza básica obrigatoria e gratuíta. A aceptación da iniciativa privada supón, en tal caso, o financiamento público dos centros privados mediante o establecemento dun réxime de concertos que implica obrigas concretas para os titulares dos centros privados.

c) A delimitación concreta de dous tipos de centros privados: os que se acollen ao réxime de concertos e, polo tanto, suxeitos a determinadas limitacións e contraprestacións como consecuencia do financiamento público e os que, manténdose fóra do dito réxime, gozan da máis ampla liberdade permitida pola Constitución.

d) A regulación da participación na ensinanza de todos os sectores afectados. A lei establece unha pirámide participativa de abaixo a arriba, desde o centro escolar ata os niveis de máxima decisión do Estado. Hai que regular, en consecuencia, a intervención dos pais/nais, profesorado e alumnado nos centros sostidos con fondos públicos a través dos consellos escolares, a creación de consellos de ámbito municipal, provincial e de comunidade autónoma, así como a intervención de todos os actores educativos no máximo órgano de asesoramento e participación, o Consello Escolar do Estado.

e) A regulación da programación xeral da ensinanza como instrumento para facer efectivo o exercicio do dereito á educación (Puelles Benítez, 1991, pp. 500-501).

8.3. Lei orgánica de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE)

A Lei orgánica de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE), do 3 de outubro de 1990, regula a estrutura e organización do noso sistema educativo nos niveis non universitarios, tratando de homologalo cos sistemas educativos europeos. 

Esta reordenación do sistema educativo vai encamiñada a conseguir obxectivos tales como a regulación efectiva da etapa previa á escolaridade obrigatoria, a reforma profunda da formación profesional e a conexión entre as ensinanzas de réxime xeral e especial. A LOXSE favorece un amplo exercicio de competencias en materia de educación por parte das comunidades autónomas. Con esta lei tamén se reforza a diversidade e identidade cultural, lingüística e educativa de cada autonomía, dando oportunidade desde o sistema ao bilingüismo e á inclusión de materias propias da cultura de cada territorio.

A LOXSE establece que os poderes públicos lle presten unha atención prioritaria ao conxunto de factores que favorecen a calidade da ensinanza, como a formación do profesorado, os recursos educativos e a función directiva, a innovación e investigación educativa, a orientación educativa e profesional, e a inspección e avaliación do sistema. Tamén establece a dita lei a compensación de desigualdades en educación desde a normalización e integración social, introducindo o concepto de «necesidades educativas especiais».

A LOXSE establece en dez anos o período de obrigatoriedade escolar e proporciona impulso e prestixio profesional e social á formación profesional. Con esta lei conséguese a finais do século XX que a mocidade española estea escolarizada na educación básica entre os seis e os dezaseis anos e que moitos deles comezaran antes a súa escolarización na etapa de educación infantil e a prolongasen ata máis idade nas ensinanzas postobrigatorias.

8.4. Lei orgánica da participación, avaliación e goberno dos centros docentes (LOPEG)

O 20 de novembro de 1995 aprobouse a Lei orgánica da participación, a avaliación e o goberno dos centros docentes (LOPEG). Esta lei trata de adecuar á nova realidade educativa aprobada na LOXSE a formulación participativa e os aspectos referentes á organización e funcionamento dos centros que reciben financiamento público establecidos na LODE. A dita lei regula a participación da comunidade educativa na organización e goberno dos centros docentes e na definición do seu proxecto educativo. Regula, así mesmo, os órganos colexiados de goberno dos centros docentes públicos, consello escolar e claustro de profesores, detallando a composición, competencias e participación da comunidade educativa neles. Define a función directiva dos centros públicos, especificando os procedementos de elección, nomeamento e acreditación da dirección e, se é o caso, dos restantes membros do equipo directivo. Dedícalle á avaliación un título completo, seguindo a formulación proposta na LOXSE de permanente adecuación entre o sistema educativo e a demanda social, valorando aspectos como a avaliación de centros, da función pública docente, da función directiva e da inspección, así como da formación do profesorado. Así mesmo, desenvolve as funcións, condicións de acceso e exercicio da inspección educativa. Tamén establece aspectos que as distintas comunidades autónomas han de desenvolver, entre outros, as condicións para garantir a escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais, criterios de admisión do alumnado nalgunhas ensinanzas, convenios con centros educativos de formación profesional, plans de formación do profesorado, adecuación dos concertos educativos etc.

8.5. Lei orgánica de calidade da educación (LOCE)

A Lei orgánica de calidade da educación (LOCE), do 23 de decembro de 2002, modificaba tanto a LODE coma a LOXSE; a LOCE tiña como finalidade lograr unha educación de calidade para todos. 

Logo do triunfo socialista nas elección xerais de 2004, paralízase o calendario de aplicación da LOCE e o 3 de maio de 2006 a dita lei sería derrogada e substituída pola Lei orgánica de educación.

8.6. Lei orgánica de educación (LOE)

Nos comezos do século XXI, a sociedade española considera necesario mellorar a calidade da educación, pero tamén que ese beneficio debe chegar a toda a mocidade, sen exclusións. Hoxe en día considérase que a calidade e a equidade son dous principios indisociables (preámbulo da LOE). Neste sentido, a Lei orgánica de educación (LOE), do 3 de maio de 2006, ten como finalidade ofrecer unha educación inclusiva e de calidade; unha educación accesible a todos, sen distinción de ningunha clase, en condicións de igualdade de oportunidades, con garantía de regularidade e continuidade e adaptada progresivamente aos cambios sociais (preámbulo da LOE).

Tres son os principios nos que se fundamenta a LOE (preámbulo): o primeiro, consiste na esixencia de lles proporcionar unha educación de calidade a todos os cidadáns de ambos os sexos, en todos os niveis do sistema educativo. O segundo, na necesidade de que todos os integrantes da comunidade educativa colaboren para conseguir unha educación de calidade con criterios de equidade. O terceiro, nun compromiso cos obxectivos educativos formulados pola Unión Europea (O proceso de construción europea implica unha certa converxencia dos sistemas de educación e formación que se traducen no establecemento duns obxectivos comúns para o inicio do século XXI).

O sistema educativo derivado da LOE debe garantir a cohesión social e territorial de España, de maneira que lle asegure a mobilidade xeográfica e a igualdade efectiva de oportunidades a toda a cidadanía. As ensinanzas mínimas ou aspectos básicos do currículo ofrecidos nos centros escolares de todo o Estado deben garantir a dita mobilidade e ser, polo tanto, un aspecto central de cohesión. 

A LOE establece que a flexibilidade do sistema educativo leva consigo a concesión dun espazo propio de autonomía aos centros docentes. A esixencia de lle proporcionar unha educación de calidade a todo o alumnado, tendo en conta, ao mesmo tempo, a diversidade de intereses, características e situacións persoais, obriga a recoñecerlle unha capacidade de decisión que afecta tanto á organización como ao funcionamento. En consecuencia, aínda que as administracións deban establecer o marco xeral no que teña que desenvolverse a actividade educativa, os centros deben posuír unha marxe de autonomía que lles permita adecuar a actuación ás súas circunstancias concretas e ás características do seu alumnado, co obxectivo de conseguir o éxito escolar de todos os estudantes. A autonomía institucional supón unha nova cultura pedagóxica de traballo nos centros educativos que han de fraguarse desde as propias institucións escolares.

9. CONCLUSIÓN

O desenvolvemento histórico da educación en España foi moi significativo, especialmente no último cuarto do século XX e no século XXI, pero este avance non sería posible sen a herdanza cultural e educativa do noso pasado histórico. Logrouse a plena escolarización do alumnado na ensinanza obrigatoria e porcentaxes de escolarización superiores ao 90% en educación infantil, así como o incremento significativo da escolarización na educación postobrigatoria, e unha drástica redución do analfabetismo escolar. 

No século XXI, a UNESCO, a Unión Europea e, por suposto, España enfróntanse ao reto de lle ofrecer á cidadanía educación e formación ao longo da vida, así como de mellorar a calidade e a eficacia dos sistemas de educación e formación. Para conseguir estes retos preténdese, en primeiro lugar, mellorar a capacitación dos docentes, desenvolver as aptitudes necesarias para a sociedade do coñecemento, garantir o acceso de todos ás tecnoloxías da información e da comunicación, aumentar a matriculación nos estudos científicos, técnicos e artísticos e aproveitar ao máximo os recursos dispoñibles. En segundo lugar, búscase facilitar o acceso xeneralizado aos sistemas de educación e formación, o que supón construír un ámbito de aprendizaxe aberto, facer as aprendizaxes máis atractivas e proporcionar a cidadanía activa, a igualdade de oportunidades e a cohesión social. En terceiro lugar, márcase o obxectivo de abrir estes sistemas ao mundo exterior, o que esixe reforzar os lazos coa vida laboral, coa investigación e coa sociedade en xeral, desenvolver o espírito emprendedor, mellorar a aprendizaxe de idiomas, aumentar a mobilidade e os intercambios e reforzar a cooperación europea. 

O sistema educativo español debe potenciar as súas actuacións para a consecución destes obxectivos compartidos cos seus socios da Unión Europea e con terceiros países. Os informes PISA consideran o valor da equidade como necesario e un obxectivo que cómpre alcanzar no propio sistema escolar. Por iso, os expertos educativos consideran necesario fomentar plans de actuación que garantan unha educación de calidade e igualdade de oportunidades para todos, mellorando os rendementos do alumnado. 

Bibliografía: 

 

 

  • Lei orgánica 5/1980, do 19 de xuño, pola que se regula o Estatuto de centros escolares (BOE do 27 de xuño).
  • Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación (BOE do 4 de xullo).
  • Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (BOE do 4 de outubro).
  • Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, da avaliación e do goberno dos centros docentes (BOE do 21 de novembro).
  • Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade de educación (BOE do 24 de decembro).
  • Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4 de maio).
  • Conclusións do Consello da Unión Europea, do 12 de maio de 2009, sobre o marco estratéxico para a cooperación europea no ámbito da educación e a formación (Diario Oficial da Unión Europea do 28 de maio de 2009).
  • COTARELO, R. (1992) (comp.): Transición política e consolidación democrática (1975-1986). Madrid: CIS.
  • DUARTE BLANCO, M. (1999): A política escolar de Maravall (1982-1988). Tese de doutoramento inédita, Madrid.
  • EMBID IRUJO, A. (1983): “As liberdades na ensinanza”, Cadernos de pedagoxía. (106).
  • MINISTERIO DE EDUCACIÓN E CIENCIA (1969): A educación en España. Bases para unha política educativa. Madrid.
  • MINISTERIO DE EDUCACIÓN E CIENCIA (1985): Lei orgánica reguladora do dereito á educación. Cadernos lexislativos. Madrid: Servizo de Publicacións.
  • MINISTERIO DE EDUCACIÓN, CULTURA E DEPORTE (2004): O sistema educativo español. Madrid, MECD/CIDE .     
  • MOLERO PINTADO, A. (2001): “A propósito do centenario: da nostalxia á esperanza”. A educación na España do século XX. Madrid: MECD, 15-20.
  • NOGUEIRA SORIANO, R. (1988): Principios constitucionais do sistema educativo español. Madrid, MEC.
  • OCDE (1986): Exame da política educativa española. Madrid: Centro de Publicacións do MEC.
  • PUELLES BENÍTEZ, M. (1991): Educación e ideoloxía na España contemporánea. Barcelona: Ed. Labor, SA.
  • PUELLES BENÍTEZ, M. (2001): “Cen anos de política educativa en España”. A educación na España do século XX. Madrid: MECD, 21-29.
  • PUELLES BENÍTEZ, M. (2008): “As grandes leis educativas dos últimos douscentos anos”. Participación educativa (7), 7-15.
  • SEMINARIO DE PEDAGOXÍA DE VALENCIA (1975): Por unha reforma democrática da ensinanza. Valencia: Ed. Avance.
  • VV. AA. (1998): Catorce anos de investigación sobre as desigualdades educativas en España. Madrid: MEC-CIDE.
  • VV. AA. (1991): Historia da educación en España, IV. A educación durante a Segunda República e a Guerra Civil (1931-1939). Madrid: Ministerio de Educación e Ciencia.A E
  • VV. AA. (1990): Historia da educación en España, V. Nacional catolicismo e educación na España da posguerra. Madrid: Ministerio de Educación e Ciencia.
  •  VV.AA., Historia da educación en España, IV. A educación durante a II República e a Guerra Civil
Sección: