Intervención psicopedagóxica con alumnado con déficit de atención con ou sen TDA-H
O TDA-H é una das causas máis frecuentes de fracaso escolar e un dos principais motivos de consulta nas unidades de saúde mental infantil.
ANHIDACORUÑA é una asociación sen ánimo de lucro, creada en marzo de 2011, que persegue obxectivos sanitarios e educativos en relación co TDA-H. Entre eles, ademais do apoio familiar e da formación do profesorado, queremos destacar os obradoiros para nenos, nenas e adolescentes con este trastorno e as súas familias. Neles trabállanse cuestións relacionadas coas funcións executivas cerebrais, que son as que se ven afectadas polo TDA-HM; a quen o padece inflúelle no eido escolar, familiar e persoal, polo que se ve comprometido o rendemento académico da persoa, as súas relación sociais, e, en último termo, a súa autoestima. Os nenos pasan por unha avaliación psicolóxica previa que determina a inclusión nun grupo ou noutro segundo o seu perfil de madurez, non só se ten en conta a idade para facer os grupos.
Os obxectivos dos obradoiros son:
- “Atacar” directamente ás funcións executivas: dar ferramentas que substitúan as carencias que provoca este trastorno, facilitar a substitución desa voz interna que dirixe a nosa conduta e que nos afectados polo TDA-H fala demasiado baixiño.
- Axudar as familias a coñecer mellor os seus fillos, a estar ao seu carón dun xeito construtivo, a incrementar a súa confianza neles…
- Aprender dos/as nenos/as e con eles sobre como contribuír ao aproveitamento das súas potencialidades para poder transmitirlles logo estes coñecementos a outros profesionais implicados.
Estes son os obxectivos dos obradoiros, pero a finalidade principal é conseguir que os nenos e nenas con TDA-H teñan a infancia feliz á que todo neno ten dereito, que sexan quen de desenvolver todas as súas capacidades para se converteren en adultos seguros de si mesmos e realizados persoal e profesionalmente.
Nos obradoiros abordamos os seguintes bloques de contidos:
- Funcións executivas: atención, control de impulsos, memoria, toma de decisión e solución de problemas.
- Planificación e organización: administración do tempo, do espazo, de tarefas.
- Manexo das emocións: recoñecemento de emocións internas, tolerancia á frustración, motivación, “arousal”.
- Relacións sociais: comunicación, relacións interpersoais, autoestima, normas sociais.
- Problemas asociados: condutas de risco, control do sono.
As temáticas abórdanse dende unha perspectiva psicopedagóxica, por iso os obradoiros son dirixidos por profesionais da psicoloxía, pedagoxía e psicopedagoxía, aínda que contamos con outros colaboradores importantes con formación en tempo libre, integración social, orientación laboral etc.
As sesións para os rapaces son de dúas horas semanais fóra do horario escolar. Coas familias traballamos nunha sesión mensual, aínda que asisten a outras actividades organizadas por ANHIDACORUÑA específicas para familias e que redundan nos obxectivos dos obradoiros que aquí nos ocupan.
MODELO DE ORGANIZACIÓN DAS SESIÓNS
Tentamos que o desenvolvemento das sesións sexa organizado e estruturado sempre do mesmo xeito, o que facilita que os nenos e nenas vaian collendo a dinámica e cada vez lles custe menos adaptarse, pois xa saben o que vén despois (adáptanse moi rápido, na terceira sesión temos a sensación de levar meses traballando con eles!). A estrutura tipo é esta:
- Deixar claras as normas (logo das dúas ou tres primeiras sesións, deixa de ser necesario recordalas expresamente).
- Explicación do que se vai traballar ese día. Adiantar o que vai acontecer, e explicar o que se espera deles e as consecuencias (polo xeral un reforzador positivo non material). Por exemplo, “hoxe imos aprender que podemos facer cando nos xorde un problema para poder solucionalo de maneira efectiva; vou ir escribindo no encerado, vós non tedes que copiar, só escoitar, porque xa vos imos dar una copia en cor do “protocolo”; despois de explicar imos poñer exemplos e practicar o protocolo; se somos quen de prestar atención e participar con orde quedaranos tempo para…”. O reforzador positivo, ademais de ser una actividade divertida, sérvenos para traballar algunha cuestión interesante e útil como a memoria, atención, coordinación corporal, control de impulsos, atención… xogando ao Bartolo, a pepiñas e peponas, facendo carreira de tartarugas, guerra de submarinos, bingo de nomes...
- Recollida/Posta en común das tarefas encomendadas para a casa (se é o caso).
- Felicitación/Recoñecemento público do esforzo… a quen o fixo.
- Explicación do contido que se vai traballar ese día, por exemplo, protocolo de toma de decisións e solución de problemas. Durante a explicación permítese a participación ordenada dos rapaces a través de preguntas directas; ás veces, cando a intervención pode supor una interrupción importante, pedimos que escriban a pregunta ou comentario para expoñela ao final. Aprenden a gardar a quenda, a controlar os impulsos, facilítase a recondución da atención facéndoos partícipes (non chamándolles a atención de maneira negativa).
- Cada rapaz ou rapaza fai preguntas, achega comentarios, ideas, propostas de mellora, por quendas (non esquecen o que querían dicir porque o foran apuntando).
- Felicítase a quen foi quen de facelo axeitadamente ata o de agora. Normalmente é unha felicitación grupal, pero se a algún lle custa especialmente proporcionáselle reforzo verbal positivo durante a sesión ou, de xeito máis discreto, a través dunha mirada de aprobación, un toque no ombro…
- Bo momento. Cada un de nós escribe o seu bo momento da semana –todos temos un, aínda que ás veces teñamos que rebuscar–, compártese individual e oralmente co grupo e colgámolo no mural dos bos momentos.
- Posta en práctica da explicación teórica con casos reais. Por exemplo, un problema que teño habitualmente ou que tiven esta semana é que non levo os deberes feitos á escola porque me esquece apuntalos na axenda. Entre todos poñemos en práctica o protocolo de toma de decisión e solución de problemas.
- Actividade lúdica. Se todo foi ben durante a sesión, seguro que queda tempo para pasalo realmente ben cos compañeiros! E sen deixar de aprender cousas…
- Agradecemento e felicitacións por ser xeniais, fantásticos, por saber facelo tan ben! Ata a semana que vén!
Nos obradoiros temos dúas únicas normas (é moi importante deixar claras as normas desde o principio, explicarlles claramente aos rapaces que se espera deles). As nosas normas son: respecto e confianza. Poden parecer moi amplas e abstractas, e sono, pero a propósito. Traballouse detidamente e con exemplos prácticos sobre que significan estas dúas palabras con achegas dos rapaces, de xeito que todos sabemos agora que accións implican só con mirar o cartel que temos á vista sempre, e son só dúas palabras que se poden ler dun golpe de vista se é necesario sinalar o cartel.
Ademais, sempre está no aire unha actitude moi positiva por parte dos educadores que participamos nos obradoiros, que inclúe paciencia, comprensión, pero sobre todo confianza. A confianza actúa de xeito máxico, se confío sinceramente na capacidade dos rapaces para facer as cousas debidamente… fano debidamente! (Profecía autocumprida).
PRÁCTICA NA VIDA REAL
Logo de traballar cuestións máis ou menos teóricas, aínda que se fai sempre de forma interactiva –non a través de meras exposicións orais–, gústanos poñelas en práctica na vida real, para que os rapaces e as súas familias comproben que funcionan. Presentamos a continuación a información que se lles enviou ás familias para a realización dunha das actividades que tivo, por suposto, un traballo posterior tamén.
ACTIVIDADE: VOU AO CINE CON AMIGOS
OBXECTIVOS:
- Poñer en práctica a solución de problemas/toma de decisións que levamos varias semanas practicando nos obradoiros (ir ou non ir en función dos compromisos previamente adquiridos, sopesar proles e contras, valorar as consecuencias…; escoller unha película entre todos os membros do grupo, solucionar contratempos…).
- Practicar a planificación –tamén traballada previamente– (anotar no meu caderno/axenda/calendario… a actividade e organizarme, que roupa levar, preciso levar cartos?, que cantidade?, podo necesitar teléfono?, reloxo?, quen me vai levar?...).
- Incrementar a responsabilidade e autoestima dos rapaces e rapazas (van facer algo sós, sen adultos, se todo vai ben as súas familias terán máis confianza neles, porque demostrarán que son capaces e responsables).
- Pór en práctica as habilidades sociais, van con compañeiros e compañeiras cos que non adoitan saír ou nin coñecen (hai que aclarar que traballamos con varios grupos, polo que non todos os participantes se coñecen, pero nesta actividade participaron todos).
- Pasar un tempo divertido con amigos e xogar: teñen que superar unha primeira proba: atopar os membros do seu grupo, aos que identificarán pola cor da roupa/gorra.
DESENVOLVEMENTO:
O domingo, día 18 de marzo, ás 16:00h., os rapaces atoparanse na venda de entradas dos cines do centro comercial xxx da Coruña. Os pais e nais retiraranse e volverán recollelos ás 19.30 h.
- Démoslles as seguintes normas. Téñenas anotadas nos seus cadernos, pero podémolas recordar xuntos:
- Teño que atoparme con todos os membros do meu grupo (todos vestimos da mesma cor (roupa/gorra).
- Cada grupo é independente e indivisible.
- Somos un grupo, actuamos coma un grupo, coidamos/estamos pendentes dos membros do noso grupo (recordade: respecto e confianza).
- Debo levar o reloxo "en hora".
- O meu punto de encontro é a venda de entradas do cine. Se me perdo, teño que saber que me van ir buscar alí. Se teño dúbidas, pregunto.
- Teléfono para emerxencias: 686 TDA TDA
FAMILIAS:
- Importante: confiade nos vosos fillos e fillas (é importante que sintan que confiades neles).
- No centro comercial haberá persoas adultas pendentes do desenvolvemento dos acontecementos (isto eles non o saben e non deben sabelo, grazas!).
TÁBOA DE CORES/EQUIPOS:
Familias, estes son os grupos. Decídelle ao voso fillo ou filla a cor que lle tocou e cantos membros ten o seu equipo, pero non lles digades quen está no grupo, pois a parte de localizar os compañeiros perdería a súa graza e non terían oportunidade de practicar o xeito de achegarse e dirixirse a alguén que non coñecen, ou case!
COMO LEVAR ESTA EXPERIENCIA ÁS AULAS
O TDA-H debe ser abordado de xeito integral e multidisplinar. No que atinxe o educativo, o traballo de cuestións cognitivas e condutuais está dando moi bos resultados, pero para que isto funcione é fundamental un equilibrio no eido emocional. Sería moi positivo adoptar na práctica habitual docente certos costumes metodolóxicos que pasan por facer visible a nosa vocación (decisión persoal que se proxecta nun colectivo fráxil), por deixar aflorar a implicación emotiva que nos levou a dedicarnos ao ensino e permitir que xurda con naturalidade a afectividade que implica o feito pedagóxico, pois a base para evitar o rexeitamento cara ao académico no que adoita caer este alumnado é una autoestima sa, que van acadando cando ven que os adultos que os rodean confían e cren neles.
- ORJALES VILLAR, I. (1999): Déficit de atención con hiperactividad. Manual para padres y educadores. Madrid, CEPE.
- RAMOS-QUIROGA, J. A. et al. (2010): Manual de tratamiento psicológico para adultos con TDAH. Una aproximación cognitivo-conductual. Barcelona. Ediciones Mayo.
- ANHIDACORUÑA https://sites.google.com/site/anhidacoruna/ . Tfnos.: 676 583 232 (xeral) / 698 133 438 (secretaría, laborables mañás)