Porque un libro é unha obra de arte
María José Soto Lorenzo – Economía
mjosesoto@edu.xunta.es
Luz Beloso Rodríguez – Plástica
beloso@edu.xunta.es
IES As Barxas (Moaña-Pontevedra)
Contextualización
A idea do proxecto xurdiu do propio alumnado ao realizar unha sondaxe sobre o peso que tiñan na súa vida os libros e dun grupo de profesores que pensamos que podemos achegar moito ao fomento da lectura se o acompañamos de imaxes e de recursos audiovisuais. Xa implantaramos no centro a Hora de Lectura e un club de lectura, pero faltábanos actuar desde o outro lado, creando unha editorial e, a través dela, desenvolver o noso propio proxecto editorial. Así, o interese, a oportunidade e a relevancia do proxecto podemos basealo nos argumentos seguintes:
- A primeira razón que aducen os nosos alumnos para non ler é que “é unha leria” e que “non teñen tempo”, pero a realidade é que están suxeitos a moitos estímulos, sobre todo visuais, cos que custa competir. Ven a lectura como unha obrigación e os libros como unha imposición do colexio.
- Os nosos mozos teñen totalmente incorporadas as TIC á súa vida cotiá, converténdose na súa principal ferramenta de comunicación e alegan como principal causa do fracaso do sistema educativo a falta de motivación, sobre todo ante as metodoloxías tradicionais (libro de texto, probas escritas, clases maxistrais...).
- Somos conscientes de que o uso das TIC nos centros educativos se atopa suxeita a moitas limitacións (falta de medios, plataformas pechadas...), pero sobre todo desconfianza polos perigos que entrañan (gravación e difusión non autorizada, acoso cibernético...), algo que abordamos a través do Regulamento de responsabilidade social corporativa que elaboramos para a nosa empresa.
- Cremos que é moi importante prepararnos para un mundo cada vez máis cambiante, onde as tecnoloxías evolucionan a gran velocidade e onde é imprescindible unha aprendizaxe permanente para facilitar o tránsito da etapa de formación ao mundo do traballo, e viceversa.
- Pensamos que é moi importante para mellorar o proceso de aprendizaxe o conseguir a implicación do resto da comunidade educativa e da contorna: persoal do centro, alumnado, familias, comerciantes, autoridades...
- Cremos que a creación dun proxecto editorial reúne moitas condicións que o fan motivador, creativo, dinámico, actual, comunicativo, fomenta o uso das TIC, do traballo en equipo...
- É unha actividade creativa que permite promover condutas e actitudes de colaboración, de coordinación, de superación de conflitos, de asunción de problemas e de responsabilidades, mellorando a convivencia no centro.
- O noso centro leva varios anos experimentando nas diferentes técnicas de elaboración de audiovisuais e agora experimentamos coa escritura e a ilustración e demostramos que os libros están vivos, mesmo despois de ler a súa última páxina.
- Con este proxecto traballamos e melloramos todas as competencias.
- O proxecto é perfectamente extrapolable a outros centros educativos, de feito, foi o punto de partida de proxectos máis ambiciosos.
No proxecto colaboraron outros catro centros educativos públicos: dous de educación secundaria e dous de educación primaria, que ten cada un o seu papel:
- IES As Barxas (Moaña): coordina o proxecto e leva a cabo totalmente a actividade editorial, a través de Luz Beloso (Plástica) na dirección artística e María José Soto (Economía) na xestión administrativa.
- IES Sánchez Cantón (Pontevedra): a través de Verónica R. Marticorena (Lingua Castelá), ocúpase da corrección dos textos en lingua castelá e do deseño de actividades de animación á lectura na devandita lingua.
- IES Xulián Magariños (Negreira): a través de María Branco (Lingua Galega), ocúpase da corrección e da adaptación dos textos en lingua galega e do deseño de actividades de animación á lectura na devandita lingua.
- CEIP A Rúa (CANGAS): a través de Montserrat Sotelo (Inglés), ocúpase da corrección e da adaptación dos textos á lingua inglesa e do deseño de actividades de animación á lectura na devandita lingua.
- CEIP Espiñeira (ALDÁN): a través de Alfonso Marcos (Música), ocúpase de musicar o proxecto.
A nosa creación é totalmente orixinal, feita por alumnos, dentro do currículo escolar e cos medios que contamos, buscando que os nosos libros se convertan nun ben público e xeral ao envialos de maneira gratuíta ás bibliotecas dos colexios galegos.
E o máis importante, en todo momento publicamos os avances no proxecto, procedementos, resultados e aqueles inconvenientes que nos atopamos, de forma que o proxecto se retroalimenta continuamente.
Obxectivos
O principal obxectivo desta experiencia era o de motivar e ilusionar a toda a comunidade educativa e á nosa contorna en xeral. Por todo iso, a implantación dunha editorial no centro perseguía os seguintes obxectivos:
- Desenvolver o espírito emprendedor no alumnado de educación secundaria, potenciando as súas habilidades e capacidades.
- Fomentar o traballo en equipo, a negociación, a resolución de conflitos, a planificación e a cooperación a través dun enfoque creativo e lúdico.
- Conectar os diferentes axentes dentro da escola e esta coa contorna.
- Levar a cabo unha aprendizaxe transversal e significativa, combinar varias actividades interdisciplinares e dar unha perspectiva práctica, aplicada ao mundo da empresa dos coñecementos e destrezas aprendidos de forma teórica.
- Fomentar o traballo en rede e o uso das tecnoloxías da información, a aprendizaxe e a comunicación.
- Coñecer todo o proceso de creación dun proxecto editorial, desde a elaboración do texto, do guión gráfico, produción, impresión e posterior distribución e difusión.
- Difundir a cultura libre e empoderar os creadores (escritores, ilustradores) e xestores culturais.
- Avaliar novas tecnoloxías e mercados, planificar estratexias, buscar vantaxes competitivas que nos permitan responder ás necesidades e oportunidades dun mundo tan cambiante.
Recursos empregados
- Traballamos a innovación tecnolóxica en software gráfico, animación, códigos QR etc.
- Os alumnos tamén deberon manexarse no campo da escritura creativa, a ilustración, os programas de edición, maquetación, a comunicación oral...
- Incorporamos recursos tales como o audiovisual, a animación, a programación, os xogos interactivos, o teatro negro, o braille, a lingua de signos.
Descrición da actividade
O proxecto educativo Porque un libro é unha obra de arte é unha actividade interdisciplinar e creativa que pretende fomentar a cultura emprendedora como unha actitude xeral ante a vida, e que xira arredor da idea de crear e xestionar unha editorial no IES As Barxas, especializada na elaboración e difusión de libros ilustrados para nenos, realizados por alumnos. Libros entendidos como pequenas obras de arte, nos que priman:
- Ilustracións feitas á man, de gran calidade, moi coidadas, que puidesen estar expostas en calquera lugar.
- Textos sen ensinanzas nin adoutrinamentos. Cremos que os nenos pensan e teñen personalidade, polo que pretendemos desenvolver a súa creatividade e a curiosidade por descubrir o que os rodea.
- Alongar a vida do libro máis aló da súa última páxina, a través da realidade aumentada: códigos QR con actividades, banda sonora...
- Realización de book trailers a través da animación.
- Deseño e realización de actividades de animación á lectura: contacontos, teatro...
Este vídeo é a nosa tarxeta de presentación e en todo momento fomos publicando os avances, procedementos, resultados e inconvenientes no blog: Porque un libro é unha obra de arte (que contén un prezi coa memoria) e a web do libro Barxilón no mar de latón.
Ámbito de aplicación
O ámbito do proxecto foi autonómico, pois realizouse entre cinco centros educativos galegos, abarcando educación infantil, educación primaria, educación secundaria e bacharelato. O seu desenvolvemento incorporouse ás programacións educativas dos centros, dentro do currículo das seguintes materias: Economía, Iniciativas Emprendedoras, Plástica, TIC, Bioloxía, Lingua Castelá, Lingua Galega e Inglés. Ademais, implicouse o departamento de orientación (atención á diversidade etc.), o club de lectura e a biblioteca de cada un dos centros.
Planificación
O proxecto recolleu dúas áreas de traballo:
A) Creación e posta en marcha da empresa. Etapas:
- Idea. Análise DAFO
- Plan de empresa
- Elección do nome da empresa
- Elección da forma xurídica
- Estatutos
- Proceso de constitución e posta en marcha
- Responsabilidade social empresarial
B) Realización dun proxecto editorial. Centrámonos na realización dun álbum Ilustrado para nenos, a través de catro etapas.
Etapa 1. Selección de propostas
- Textos orixinais presentados polos nosos alumnos despois de recibir formación específica mediante un obradoiro de escritura creativa.
- Avaliación polo Comité Editorial.
Etapa 2. Produción
- Corrección de estilo para unha mellor comprensión do texto.
- Elaboración de ilustracións, deseño gráfico e paratextos (conti-dos/portada/contraportada/lapelas)
- Aprobación do texto definitivo e ilustracións. Decisión sobre materiais, deseños, cores, tamaños, acabados...
Etapa 3. Impresión
- Trámites de rexistro legal (solicitude de ISBN) e acordos de edición (custos, tiraxe, distribución...).
- Probas de cor, encadernación...
Etapa 4. Posprodución
- Difusión: blog, web, redes sociais, plataformas educativas...
- Promoción: book trailer, prensa, actividades
- Distribución: bibliotecas dos colexios
- Actividades de animación á lectura
O proxecto organizouse en función do calendario escolar, de setembro de 2014 a xuño de 2015, distribuído en tres períodos trimestrais.
Resultados
Con esta experiencia elaboramos numeroso material educativo, todo realizado polo alumnado:
a) Publicamos o noso libro Barxilón no mar do latón en formato papel e fixémolo chegar a todos os colexios de educación infantil, educación especial, educación primaria e centros rurais agrupados galegos, ademais de numerosos centros de secundaria (os nenos non len libros electrónicos). Tamén destinamos 500 exemplares a obra social, ao ofrecerllo a calquera persoa interesada a cambio dun donativo para Mateo, un neno de nove anos de Cangas que leva nove meses loitando cun tumor moi agresivo que se instalou na súa cabeza e que, grazas á gran resposta social, está a recibir un novo e esperanzador tratamento que a súa familia non podía sufragar.
O libro baséase nas aventuras e desventuras dun mexillón, elixido entre todos polas grandes posibilidades que ten á hora de traballar temas transversais:
- A súa aparencia, pois o exterior é negro (feo/negativo) e o interior laranxa (enerxía/mocidade), sobre as súas valvas quedan restos de rocha, algas e outras especies.
- É un marisco e, como tal, un tesouro.
- É unha fonte de saúde, ao ser moi rico en ferro e proteínas.
- Ten unha relevante función ambiental, pola súa capacidade de filtración.
- É unha especie gregaria, como forma de supervivencia.
- É un elemento moi ligado a Moaña e a Galicia, tanto no ámbito económico como cultural e social.
O noso protagonista, Barxilón (Barxas+Mexillón), é un mexillón diferente, incomprendido, con moita imaxinación, emprendedor, creativo, ao que se lle esixe cambiar para seguir no grupo. Ademais é gaiteiro, habilidade que comparte a maior parte dos nosos alumnos. A historia está ambientada no mar do latón, coma unha chiscadela a un dos recunchos da costa moañesa, na que habita unha gran variedade de especies mariñas, ademais de ser un lugar de localización de bateas.
O libro editouse en galego, pero leva incorporado un código QR que permite acceder desde dispositivos móbiles ou tabletas á web sobre Barxilón, na que, baixo o apartado de accesibilidade, está dispoñible o libro en castelán, inglés, francés, braille e lingua de signos.
b) Material audiovisual: vídeos de cada fase, recursos e experiencias do proxecto, ilustracións, gifts animados, book trailer, audiocontos, karaoke, teatro, makei makei, lingua de signos, braille, idiomas, publicados no blog do proxecto e na web do libro (aínda seguimos subindo material).
c) Outros materiais educativos: análise DAFO, Plan de empresa da editorial, estatutos, Regulamento de responsabilidade social corporativa.
Coordinación
A coordinación levárona a cabo as súas autoras (María José e Luz) mediante unha hora de reunión semanal presencial; a profesora de Economía ocupouse de dirixir a área de creación e xestión empresarial, mentres que a profesora de Plástica dirixiu a área de produción artística. Para a coordinación cos demais profesores/departamentos/alumnos participantes, utilizamos o correo electrónico, WhatsApp, Facebook e Dropbox (sobre todo para poder compartir traballos), ademais dunha reunión trimestral de control de resultados. Tamén realizamos varias videoconferencias a través de Skype e Hangout cos alumnos dos outros catro centros participantes, co fin de explicar determinadas ferramentas ou actividades que había que realizar, convocar chuvias de ideas, crear historias colectivas etc.
Metodoloxía
O proxecto baséase nas experiencias, nas actividades e na simulación e aplícanse potenciando as habilidades persoais de cada un. Baseámonos na aprendizaxe activa, construtivista, cooperativa, ABP, coas seguintes características:
- Organización do ensino en unidades de programación como talleres, proxectos de traballo ou pequenas investigacións.
- Carácter globalizador: trabállanse procedementos e a través deles adquírese o resto de contidos.
- Principio de acción e investigación.
- Traballo autónomo e en equipo.
- Estimulación da creatividade: ensino activo, no que participa sempre o alumnado e no que poida ser protagonista da súa propia aprendizaxe. Alentamos o desenvolvemento da imaxinación e a capacidade de observación.
- Traballo en grupo: potencia a participación e mellora a capacidade de expresión.
- Motivación: os obxectivos, contidos e actividades responderán aos intereses dos alumnos. Usamos métodos e recursos atractivos que faciliten a aprendizaxe.
- Socialización: traballamos os comportamentos e normas, participación e o respecto, fomentando a autonomía e o espírito crítico.
Avaliación
A valoración da experiencia é moi positiva, o proxecto tivo unha grande incidencia na nosa comunidade educativa e desde o primeiro momento implicamos a todos os seus axentes. Como datos obxectivos, baseámonos nos seguintes indicadores:
- O número de profesores implicados no proxecto pasou de 9 a 21 e os departamentos de 9 a 15.
- Os alumnos implicados no proxecto foron máis de 500 e representan catro niveis educativos: infantil, primaria, secundaria e bacharelato.
- O número de seguidores/número de visitas en Youtube, blog, web do centro ascende a máis de 1000.
- O salón de actos do IES As Barxas rexistrou un cheo total durante o acto de presentación do libro de Barxilón.
- As enquisas a profesores/alumnos participantes sobre a actividade danlle unha nota de 9,8 e todos eles marcaron o recadro de que estarían dispostos a seguir participando no curso seguinte.
- As enquisas a profesores/alumnos destinatarios dos nosos produtos e servizos editoriais (álbum, contacontos...) danlles unha media de 9 e destacan a calidade das ilustracións, a orixinalidade e musicalidade do texto e a gran cantidade de actividades complementarias.
- A mesa de profesionais organizada para a presentación do libro, formada por Xosé Vázquez Pintor e Oli (escritores), Luís Davila (ilustrador), Anxa Correa (Editorial Rinoceronte), Fernando Miranda (Librería Miranda) e Pucho (Gráficas Lasa), amosou a súa admiración e respecto polo traballo realizado e animounos a continuar nesa liña. Tamén recibimos a felicitación mediante un vídeo-comunicado de Javier Sagarna, director da Escola de Escritores de Madrid, e a visita do conselleiro de Educación, Román Rodríguez.
- O seguimento nos medios —prensa (El País, Faro de Vigo, La Voz de Ga-licia, Morrazo ao día..) radio (Radio Voz, Cadea Ser, Radio Galega), TV (Vía, Televisión de Galicia), plataformas educativas (educación 3.0 etc.)— foi moi amplo e favorable.
O proxecto recibiu numerosos premios e recoñecementos: I Premio Proxecta Innovación (Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e a Fundación Amancio Ortega), Selo Boa Práctica Iberoamericana Ler.es (MEC), I Premio Fundación Colegio Base, de Espiral.
Conclusións
Cremos que a experiencia foi moi estimulante e motivadora para todos e que mellorou, notablemente, as relacións persoais. Contribuíu tamén a que todos tomemos conciencia de que as capacidades das persoas son diferentes, de que cada un ten as súas, pero todas son válidas e de que xuntándoas se pode chegar a producir bos resultados. Por iso, decidimos continuar co proxecto e seguimos investigando nas posibilidades da animación, a realidade aumentada e a programación como estímulo á lectura, creando novas obras editoriais, intentando participar nalgunha feira do libro (montando a nosa propia caseta e calendario de actividades), levando as nosas ilustracións, maquetas e instalacións a museos, salas de exposicións..., realizando contacontos, actuacións musicais, teatro en colexios e centros de maiores, como actividade complementaria e seguir formándonos nas novas tecnoloxías, mediante a participación en cursos, relatorios, visitas...