Foro cabeceira

Mirando o pasado con vistas no futuro: un espazo para a toponimia na aula

A toponimia forma parte dos elementos culturais que a Unesco denomina patrimonio inmaterial dos pobos.
O obxectivo deste artigo é concienciar o profesorado para que aproveite as sinerxías que a educación formal e a informal lle proporcionan en favor dunha conservación preventiva do patrimonio toponímico.

Xulia Marqués Valea 

 

Segundo a UNESCO, enténdese por patrimonio inmaterial, o conxunto de formas da cultura tradicional e popular ou folclórica, quer dicir, as obras colectivas que emanan dunha cultura e se basean na tradición. Estas tradicións transmítense oralmente ou mediante xestos e modifícanse co decorrer do tempo a través dun proceso de recreación colectiva. Inclúense nelas as tradicións orais, os costumes, as linguas, a música, os bailes, os rituais, as festas, a medicina tradicional e a farmacéutica, as artes culinarias e todas as habilidades especiais relacionadas cos aspectos materiais da cultura, tales como as ferramentas e o hábitat.

 
Sabido é que toponimia dá conta dos distintos pobos e das diversas culturas e linguas que se asentaron e sucederon ao longo da historia nun territorio. Trátase dun legado dos nosos maiores que nos transmitiron, sen mandas testamentarias expresas, uns bens dos que somos herdeiros e que constituíron as súas formas de vida, a súa cultura tanto material como espiritual (Friera, 2001, 524).
A través dos nomes de lugares podemos escribir a historia social dun país (réxime de propiedade, modos de produción, rede viaria, crenzas etc.) e tamén a súa xeografía física (realidade topográfica ou vexetación).
 

O P. Sarmiento xa sentira a necesidade de recoller, documentar e transmitir eses “cien mil nombres geográficos, separados, aunque no distintos” que Galicia posuía ao seu parecer no século XVIII. Aínda que sen demasiados medios, o ilustrado tiña conciencia do valor patrimonial da toponimia: “Nada mellor que botarse ó camiño, que a relación directa coa paisaxe e coa paisanaxe (…) fixo o camiño andando e en mula, axudándose en cada lugar dos sabedores de cousas, servíndose da memoria, para despois da xornada acougar, servirse de papel, pluma de ave e tinteiro e tomar nota...” (López 2005, 267).

 
Hoxe en día este patrimonio estase vendo gravemente ameazado e mesmo corre o risco de desaparecer. Así o testemuña a Real Academia Galega nun informe dirixido ao Goberno e ao Parlamento de Galicia en 2001: “O abandono da actividade agraria, o xigantesco proceso de urbanización e diversas intervencións como obras públicas ou concentracións parcelarias poñen en perigo de desaparición irreversible unha gran parte deste tesouro”.
 
A escola pode contrarrestar esta deterioración, entre outras razóns, porque é o lugar natural onde o estudante debe aprender o seu pasado e onde se deben ir forxando actitudes en defensa do patrimonio. A acción didáctica a cultivar é unha tarefa formidable para mestres e discípulos (Friera, 2001, 525).
 
Como afirman Rico-Ávila (2003, 32), o patrimonio ten na educación un dos medios máis importantes para o seu coñecemento, difusión e conservación. 
 
O patrimonio non é nada se non se proxecta, se non se enraíza nas sociedades, sendo a comunicación e a formación o recurso máis axeitado para que a mensaxe repercuta no público, un segmento desa nova realidade social de demandantes, deses novos actores dinámicos, a comunidade educativa (Sanjo, 2007, 16).
 
Segundo o artigo 27 da Convención sobre el Patrimonio Mundial de la Unesco (Patrimonio mundial en manos de jóvenes. Conocer, atesorar y actuar. 2005) : “se trata de educar y formar a la población en valores patrimoniales, que fomente crear otra sensibilidad y otros hábitos respecto a éste, que dé a conocer a la ciudadanía ese patrimonio, que posibilite los mecanismos para que ésta lo disfrute, que lo incorpore a su experiencia de vida, que sea relevante, que lo reconozca como suyo, entonces y sólo entonces, encontrará motivos suficientes para defenderlo y, por tanto, para conservarlo”.
 
Este artigo quere converterse nun escaparate aberto á comunidade educativa que descubra o potencial educativo de que gozan os topónimos como recurso para o desenvolvemento dos programas curriculares e bo soporte para a transversalidade, favorecendo a converxencia de distintas áreas de coñecemento e o carácter interdisciplinar no desenvolvemento dos contidos académicos (Sanjo, 2007, 16).
 
Incluiremos información e recursos útiles para a dinamización do patrimonio: as fontes de consulta ás pode acudir o mestre que queira emprender un traballo na aula, material de apoio con que conta (libros de texto, guías didácticas, referencias web, vídeo) e tamén as prácticas educativas desenvoltas nas aulas galegas na última década.
 
Na medida en que divulguemos a conciencia do valor patrimonial da toponimia, en que prestemos atención aos seus saberes, iremos contribuíndo á activación da memoria colectiva.
 
Antes de comezar a exposición, aclaramos o sentido con que se usará a seguinte terminoloxía:
 
Toponimia: ciencia que estuda os nomes con que identificamos determinados espazos do territorio. Tamén se coñece como onomástica xeográfica.
 
Topónimo: nome propio de lugar; topónimo maior ou macrotopónimo: nome que identifica unha zona ampla (vila, parroquia...) ou un espazo puntual que se converteu en elemento importante na identificación do territorio (río, monte…); topónimo menor ou microtopónimo: nome que identifica unha zona pouco extensa.
 
  • As fontes

  •  
  • Para a toponimia maior (nomes das entidades de poboación):
  •  
  • Nomenclátor de Galicia. Toponimia das provincias, parroquias, concellos e lugares (2003). Volume que recolle a toponimia oficial da comunidade, de acordo cos ditames da Comisión de Toponimia e as normas ditadas pola Xunta de Galicia. Comprende os nomes de 315 concellos, 3.794 parroquias e 37.297 lugares.

 

 

Pódese consultar en liña:

htttp://cpapx.xunta.es/toponimia-oficial (e realizar unha busca guiada ou unha busca directa)

 

Para visualizar cuantitativamente, e ademais, localizar xeograficamente os topónimos contidos no Nomenclátor, dispomos de:

AQUÉN TOPONIMIA GALEGA. UNIVERSIDADE DE VIGO

http ://sli.uvigo.es/toponimia 

 

Para a toponimia menor (nomes de terras, fontes, regueiros, cruceiros, cons, areais...):

O Proxecto Toponimia de Galicia (en adiante, PTG). O ano 2000 principiaba o PTG promovido pola Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia (órgano de asesoramento dependente da Consellería de Presidencia) e a S. A. para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, dende o centro de cartografía do SITGA (Sistema de Información Territorial de Galicia).

Os seu obxectivo era recoller toda a toponimia galega, tanto a referida a entidades de poboación como a outras realidades xeográficas (nomes de terras de cultivo ou incultas, fontes, cursos de auga, accidentes do terreo terrestres e marítimos...), fixar unha forma escrita e situala cartograficamente. 

O PTG acaba de retomar o seu traballo e dispoñemos de 400.371 topónimos para a súa consulta en rede: http://toponimia.xunta.es/gl/inicio

Podemos descargar listaxes coa toponimia recollida de cada concello:

http://toponimia.xunta.es/gl/descargas

Permite, ademais, buscar nomes de lugares e localizalos sobre unha fotografía aérea:

http://toponimia.xunta.es/gl/Buscador

 

**Iniciativa da Administración educativa a prol do coñecemento e salvagarda da toponimia:

Sumándose ao anterior propósito, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en colaboración coas consellerías de Presidencia, Medio Rural, Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible puxo en marcha un proxecto de innovación educativa “Polo Monte” como experiencia piloto no curso 2006-2007 (http://www.edu.xunta.es/polomonte/innovacion/htm).

Propoñía daquela a realización de experiencias de investigación por medio de traballos de campo no contorno local sobre distintos aspectos e elementos que permiten caracterizar o territorio e que son fundamentais na ordenación do monte e na prevención de riscos, inundacións e incendios.

O proxecto tiña como destinatarios os centros de ensino públicos de niveis non universitarios dependentes da Consellería de Educación e a unidade de participación era o grupo de traballo formado por alumnado de ensino primario ou de ensino secundario e un docente que dirixía a experiencia.

“Polo Monte” ía dirixido fundamentalmente ás áreas de Bioloxía e Xeoloxía, Matemáticas, Física, Historia, Economía, Lingua e Plástica, aínda que podía participar profesorado doutras áreas.

Cada grupo traballaría como mínimo un protocolo dos indicados na páxina POLO MONTE (http:www.edu.xunta.es/polomonte).

Das dezanove propostas, unha centrábase na toponimia e aparecía formulada: Recuperación da microtoponimia local. Relación entre a toponimia, os usos do monte e as características do medio físico no pasado.

Como ben se sabe calquera investigación en terreo corre o perigo de desvirtuarse se non existe unha planificación previa. Para iso, e dentro do proxecto anterior, figuraba un “Protocolo de toponimia” centrado na recollida de materiais. Estaba baseado na Guía para a recollida, catalogación e estudo dos nomes tradicionais de lugar (2003) que pasamos a comentar e que figura como parte dos recursos na correspondente sección.

 

- Os recursos didácticos 

  • Para educación secundaria:

A acción didáctica sobre o nome tradicional de lugar esixe, en primeiro lugar, dar unha resposta a cuestións básicas como: que topónimos recollo? os maiores ou os miúdos? a quen acudo? será de fiar o informante e a información que me dá? que podo facer co material?

Tratando de contestar as preguntas anteriores, advertimos que se precisaba unha ferramenta teórica, que lle axudase ao mestre á hora de deseñar unha intervención secuenciada e guiada. 

No ano 2003 a Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación edita e distribúe polos centros escolares galegos 

A toponimia na escola. Guía para a recollida, catalogación e estudo dos nomes tradicionais de lugar (Cadernos para o ensino, 36).

 

Trátase dun manual que marca o camiño que se debe seguir nos procesos de recollida (recuperación), pero ademais no de conservación (compilación con garantías) e aproveitamento didáctico dun corpus na materia de Lingua Galega.

Esta guía empeza a formularse nun obradoiro de toponimia que puxemos en marcha no IES Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa con alumnos de 4.º de ESO e bacharelato desde o SNL do centro.

Seguindo aquel precepto de que “recordamos un 30% do que vemos fronte a un 10% do que lemos e un 90% do que facemos” (Cuadrado e Outros, 1999, 14). decidimos deseñar unha metodoloxía que conducise a nosa acción en cada parte do proceso. 

Aproveitando os recursos locais e unha vez identificados os contidos e obxectivos existentes no currículo que permitisen utilizar os bens culturais como base, comezamos a planificar a guía.

Eramos conscientes de que os lugares non son só nomes, senón nomes nun espazo real, así que decidimos observar directa e participativamente un punto da contorna inmediata do centro: a parroquia da Laxe (Vilagarcía de Arousa).

Para A toponimia na escola contouse co asesoramento dos técnicos e as ferramentas do PTG (fotografías aéreas, ficha do informante, ficha de enquisa…) co que estabamos en contacto dende que botara a andar no ano 2000.

Ao mestre facilitáballe o contacto co PTG que xa levaba tres anos de traballo, cos seus modos de operar, permitía unha intervención planificada adaptada a este nivel educativo sen perder de vista as ferramentas que aquel utilizaba e daba a oportunidade de deseñar experiencias de traballo en equipo e que o labor transcendese dun simple traballo escolar.

 

ATOPando Compostela, xogo educativo sobre a toponimia do Concello de Santiago de Compostela.

A Concellaría de Normalización Lingüística, en colaboración e asesorada pola Asociación Galega de Onomástica, publica en 2011 ATOPando Compostela. Dous dos autores deste xogo son profesores de ensino primario e medio: X. R. López Boullón e Xulia Marqués Valea. 

Este xogo de mesa permítelles aos rapaces maiores de 12 anos de Compostela e do seu arredor familiarizarse cos nomes vivos e acceder ao seu coñecemento dun modo lúdico e educativo.

Durante a partida móvense por un taboleiro en que se representa a rosa dos ventos e formúlanse cuestións dalgunha das seis temáticas tratadas: medio, animais, plantas, xente, outros e probas. 

Os nenos van recibindo información sobre os nomes de lugar, pois ademais dos coñecementos que a resposta leva consigo, no envés de moitos dos 300 cartóns que conteñen as preguntas figuran detalles que axudan a recompoñer a orixe e motivación do topónimo.

Por cada resposta atinada polos grupos xogadores, reciben unha peza dun crebacabezas co mapa do concello. O grupo que primeiro consiga todas as pezas e as encaixe acertadamente, será o que acade o obxectivo do xogo.

Atopando Compostela ofrece unha segunda modalidade en que poden participar como mínimo dúas persoas, sen taboleiro e sen crebacabezas. Consiste en ir acertando preguntas, continuando ata errar na resposta, gañando o que máis acerte. 

Ademais, hai dispoñíbel unha unidade didáctica no enderezo web do Departamento de Lingua Galega do concello, destinada principalmente ao profesorado de educación secundaria: http: //www.santiagodecompostela.org/unidade_didactica_Atopando_Co...

 

 Para educación primaria:

Enredando nos topónimos con Rodari (2008).

Portada libro Enrededando nos topónimos
 

Ten como obxectivo abrir no mundo toponímico un espazo para a imaxinación creadora e que os cativos se vaian familiarizando cos nomes do seu contorno. Os seus destinatarios son os mestres de primaria e os seus alumnos (preferentemente entre 6 e 9 anos).

Editado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, foi distribuído polos centros escolares galegos.

Preséntase baixo un formato de ficha (13). Cada unha posúe unha estrutura fixa con tres partes diferenciadas: abre cunha lectura inicial (texto dunha obra de G. Rodari), á que sucede un corpo con actividades (por niveis) e ao que se suma unha batería de lecturas recomendadas.

O libro adquire o seu verdadeiro sentido se se ten en conta que:

  • 1.º As propostas están baseadas nun corpus toponímico real pertencente ao Concello de Trabada no nordeste da provincia de Lugo (de onde é natural a autora).
  • 2.º Na formulación dos exercicios dáse unha gradación desde o máis próximo ao máis afastado, sendo o punto de referencia a parroquia de Trabada, onde está situado o centro educativo (CEIP Celso Currás). Os alumnos deste colexio serían os seus destinatarios naturais.
  • 3.º Empregáronse macro e microtopónimos. Os topónimos maiores corresponden ao nome do concello, das parroquias de procedencia dos alumnos, nomes de lugares próximos ao colexio, accidentes xeográficos destacados (río, montes), mentres que os menores son nomes de leiras, fontes, penas, muíños, pontes etc.
  • 4.º Cada un dos artificios que rexe a ficha anúnciase (ou dedúcese da lectura inicial), exemplifícase con nomes da parroquia e referénciase na literatura e a historia da zona.
  • 5.º Estas propostas pódense extrapolar a outros puntos da Comunidade autónoma. Para iso unicamente se precisa adaptar o inventario toponímico correspondente ao seu lugar, parroquia ou vila. Para facilitar este labor, inclúense no CD que acompaña a edición del libro, modelos editables de cada ficha. 
 
 

Por que se chama así este sitio? (2000). Autora: Luz Méndez Fernández.

Pensando nos rapaces do último nivel de primaria e primeiro de ESO e en establecer un primeiro contacto coa temática, traemos este volume cuxa primeira parte “O que significa o nome do sitio onde vives” inclúe as seccións: -Bichos e outros animais que lles dan nome ás nosas vilas, Plantas que foron donas das nosas vilas, Así é o terreo que escollemos para vivir, Cando vivimos na auga e non somos peixes, Construcións feitas polo home, Maneiras de se instalaren os homes no territorio, Xente que lles dá o seu nome ós lugares e A relixión tamén bautiza os lugares-. 

Nunha segunda parte fala de “Cousas sobre topónimos”: Conto primeiro. O que cre a xente; Conto segundo. Topónimos curiosos; Conto terceiro. Cando nos cambiaron o nome dos topónimos.

 

As actividades que se desenvolveron nas aulas galegas:

- Actividades de recolleita:

A recolleita de topónimos é protagonista de moitas experiencias de envergadura moi dispar en distintos centros escolares.

Na programación desta actividade débese ter en conta a necesidade de articular varios niveis de experiencia (directa, icónico-figurativa, verbal e simbólica) nun fío secuencial diacrónico definido e cunhas pautas de actuación ben claras (Rodríguez de Gracia, 2003, 308-309).

Destacamos a realizada no CPI Daniel Monje de Navia de Suarna (Lugo) (pode verse no programa Ben Falado, TVG).

 

Actividades de aula ou de departamento con base no aproveitamento dun corpus toponímico: 

Xúntase unha relación de experiencias que se levaron a cabo, fundamentalmente, dende os equipos de dinamización da lingua galega.

Quen participa son tanto alumnos de educación primaria como de secundaria e bacharelato e os seus traballos adoitan divulgarse no espazo web do centro, nas revistas escolares, en exposicións dentro e fóra do centro educativo.

Velaquí unhas mostras:

- O calendario do CEIP Lamas de Abade, O Castiñeiriño, Santiago de Compostela (curso 2009-2010).

 

- Os carteis para rotular aulas do IES Félix Muriel de Rianxo, A Cor. (curso 2004-2005).

- a revista escolar MVSEO (n.º 1) do CPI Aurelio Marcelino, Cuntis (Pontevedra) froito do labor do grupo de traballo “O museo escolar”.

 

- o traballo de investigación “Toponimia galega castelanizada” (IES Rafael Puga Ramón, A Coruña) (curso 2010-2011), con accións complementarias de divulgación fóra do centro escolar.

 

Dáse a coñecer ao público coruñés do 2 ao 31 de decembro de 2010 mediante unha exposición na Casa Museo Casares Quiroga. Foi dirixida e coordinada polo ENL do centro referido.

- as monografías sobre toponimia local:

Os nomes de lugar do concello de Moaña elaborado en conxunto polos ENL do Colexio de Educación Infantil e Primaria Abelendo, A Guía, Domaio, Quintela, Reibón, A Seara, Tirán, e dos IES das Barxas e Paralaia (curso 2002-2003).

A súa edición correu a cargo da Asociación Cultural Nós de Moaña (Pontevedra).

Estas monografías poden verse complementadas coa recuperación doutros aspectos da cultura local. Xosé Carlos Morgade Martínez é mestre e autor de A Lama. Os nomes dos lugares (C. P. A Pedreira, A Lama, Pontevedra) (1995). E que ao ano seguinte achega: A Lama. Libro de cantigas (C. P. A Pedreira) (1996).

 

- “A toponimia no Val Miñor” do CEP da Cruz, Camos (Nigrán, Po).

O CEP da Cruz é un centro situado Camos (Nigrán), no rural do Val Miñor, próximo á contorna mariñeira de Panxón e Baiona e dentro da área de influencia da cidade de Vigo.

“A toponimia no Val Miñor” desenvolveuse durante o curso académico 2005-2006 en diferentes etapas:

1. Recollida de información arredor da toponimia local (documentación, fotos, mapas, bibliografía etc).

2. Recollida de materiais. Realízanse dúas intervencións, unha no ámbito rural nos lugares da Rotea e da Levada e outra, no litoral marítimo-costeiro da península de Monteferro e as Illas Estelas.

3. Análise e proposta de clasificación dos topónimos (traballo de aula).

4. Actividades complementarias: exposición con fotos aéreas da costa rotuladas, maquetas do litoral costeiro cos accidentes e nomes, xogos con suxeito toponímico, obradoiro de debuxo (cadernos das artes de pesca, do coidado das redes, de conservación do peixe, das embarcacións tradicionais, da visita ao porto de Panxón, caderno sobre o consumo e a venda de peixe, sobre a contaminación mariña, sobre a historia da pesca e poemas dedicados ao mar). En xuño de 2006 celebrouse a Festa da toponimia dentro da programación de final de curso.

 
 

A escola atopa fóra novos escenarios para a aprendizaxe e a participación en temas de patrimonio.

A educación e a sensibilización nos valores que encerra o patrimonio cultural convértese tanto en obxecto da educación formal como da informal (Herrero 2008, 127).

A oferta vén dos museos, que promoven algunhas accións e programas educativos complementarios ao ensino que se realiza na aula. 

O Museo do Pobo Galego vén convocando dende hai case unha década o concurso “Obradoiro Antón Fraguas de cultura popular, historia local e medio ambiente” destinado a centros escolares de primaria e secundaria en que se premia unha proposta de investigación sobre o patrimonio da contorna.

O obxectivo non é outro que alentar entre a comunidade escolar un traballo sistemático orientado á educación patrimonial ao coñecemento do medio e á posta en valor dos máis diversos elementos do noso acervo cultural (bases).

En dúas convocatorias resultaron premiados dous traballos de toponimia local.

Na 1.ª edición (2003) outorgou na modalidade de ensino secundario o premio ao CPI Afonso VII de Caldas de Reis (Po) por un proxecto interdisciplinar que incluía un estudo toponímico do concello, un Dicionario gráfico de arte e unha recompilación de remedios naturais.

Douscentos vinte e catro alumnos de 1.º e 2.º ciclo de ESO traballaron entre novembro de 2003 e maio de 2004 no labor de recuperación e estudo da microtoponimia de Caldas de Reis.

Na 3.ª edición (2005) o CEP da Cruz de Camos, Nigrán recibiu 1.º premio na modalidade de ensino primario co proxecto “A toponimia no Val Miñor”. Cincuenta e cinco rapaces, os mestres e pais colaboran para levar adiante un amplo número de actividades (anteriormente enumeradas).

 
 
 
 
 
 
 

A exposición dos traballos escolares premiados espertou interese entre o público e o Museo do Pobo Galego levou a cabo actividades centradas nesta temática.

 

Entre elas, o obradoiro “Por que as rúas se chaman así?”deseñado polo Departamento de Educación e Acción Cultural en Nadal de 2006. Tratábase dunha proposta dirixida a nenos e nenas entre 6 e 9 anos na que os cativos ían descubrindo a través de xogos por que rúas, barrios, lugares ou accidentes xeográficos tiñan un determinado nome.

Recentemente (05/02/2012), e da man dunha asociación cultural, a Gentalha do Pichel, repetiuse o paseo toponímico polas rúas compostelás. O guía foi o mestre Xosé Ramón López Boullón.

 

A Asociación de Amigos do Museo Etnolóxico e do Conxunto Histórico de Ribadavia no curso 2002-2003 e na 4.ª convocatoria, promovera o Premio de investigación escolar “M. Rubén García Álvarez” (03/10/2003) e concedérao a un grupo de alumnos de 4.º de ESO do CPI Afonso VII que profundara na análise da orixe dos nomes tradicionais de lugar locais.

 

O Museo de Pontevedra convoca varios concursos escolares abertos a todos os centros da nosa comunidade autónoma. 

Entre os premios de investigación escolar interesa para este ámbito o “Premio López Suárez -Castillejo”, en memoria do matrimonio benfeitor do Museo.

Os traballos deben ir orientados cara ao estudo de calquera dos aspectos físicos ou naturais (ríos, montes, fontes, plantas, árbores, animais domésticos ou salvaxes…) presentes no municipio, na parroquia ou na área de influencia do centro escolar. 

Na convocatoria do ano 2011, ao ser declarado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas Ano Internacional dos Bosques, recomendouse que o alumnado traballase sobre os montes da súa zona de influencia (toponimia, orografía, propiedade, aproveitamento etc.), con especial atención á problemática das masas forestais e ás solucións que se deben poñer en marcha para frear a súa deterioración (bases).

Tamén cómpre referir outra vía, a daqueles museos que promoven actividades complementarias arredor da toponimia. 

 

Así o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (Lugo) ofrece programas educativos para escolares e profesores, rutas, obradoiros e actividades con toponimia romana.

En segundo lugar, e continuando dentro dos espazos que lle ofrecen á comunidade educativa a posibilidade de participar en temas de patrimonio, temos que pór de relevo o papel dos concellos e, en particular, das súas áreas de Normalización Lingüística e Cultura.

Subliñaban Pose e Salcines (2004/05: 49) que os concellos “deben e poden ser uns axentes chave de reconciliación da sociedade co patrimonio de seu, especialmente cara ás franxas infantís e á mocidade”.

 

Así o entenderon, entre outros, os cinco concellos que veñen deseguido:

  • Santiago de Compostela

A Concellaría de Normalización Lingüística, en colaboración e asesorada pola Asociación Galega de Onomástica, editou na primavera de 2011 o xogo de toponimia ATOPando Compostela.

O concello preveu a divulgación polos centros escolares da cidade, aducindo: “Cremos que a recuperación da onomástica tradicional é unha parte importante do proceso e normalización lingüística. Por iso, o papel dos profesionais de ensino secundario pode ser moi relevante neste eido, xa que son figuras idóneas para impulsar traballos entre o alumnado dunha maneira lúdica e con garantías pedagóxicas” http://santiagodecompostela.org/hoxe/nova.php?id_nova=7067&lg=cas

A práctica do xogo tamén formou parte dos actos previstos con motivo das Letras Galegas 2011: 

“Os actos con motivo do Día das Letras Galegas comezarán o luns 16, coa presentación do xogo de toponimia Atopando Compostela na Biblioteca Pública Ánxel Casal, segundo explicou a concelleira de Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez. Este gran xogo terá continuidade ao día seguinte, a partir das 17:30 horas, na Praza da Quintana. Alí participarán colectivos e cidadáns en xeral e repartiranse 300 libros do autor homenaxeado entre os participantes” (web do concello).

http://www.santiagodecompostela.org/hoxe/nova.php?id_nova=7183&lg=gal

 

  • Pontevedra 

O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, vén desenvolvendo as Xornadas de Toponimia.

No programa das III Xornadas figura unha sección específica para o ámbito do ensino: “Estudo dos nomes de lugar e aplicacións didácticas” (01/03-02-2011).

 

  • Vigo

O Concello de Vigo, a través das áreas de Cultura, Xuventude, Normalización Lingüística, Patrimonio Histórico e o Verbum, presenta o programa “Meu! Coñecéndonos, descubríndonos”, que ten como obxectivo valorizar o patrimonio cultural de Vigo e a súa área a través da toponimia.

O manual de boas prácticas reivindica o valor histórico e práctico da onomástica xeográfica. 

Dentro do programa, e ao longo de todo o ano, desenvólvense accións dirixidas á poboación en xeral, á mocidade, á poboación infantil e á poboación escolar.

Entre os recursos editados para educación primaria e secundaria:

- Os Bolechas queren saber… a orixe dos nomes dos lugares (libro)

- Quebracabezas das parroquias e da historia de Vigo

- Viaxe ás covas do Folón. Unha viaxe no tempo por Vigo (http://www.viaxeascovasdofolon.com/)

“Meu” (en formato CD) inclúe as unidades didácticas: “Vigo espazo xeográfico”, “O galego de Vigo”, “De onte a hoxe”, “A conservación da toponimia” acompañadas das guías do profesorado, actividades e material complementario.

Compleméntase con visitas, obradoiros, un programa de televisión, campamentos, xogos didácticos e publicacións.

Outras accións que desenvolveron foron:

1.ª Xornada de toponimia: Como se chama este lugar promovida polo SNL municipal e a Universidade de Vigo (14/15-12-2010). No programa figura a didáctica da toponimia (Didáctica da toponimia. Relatora: Luz Méndez).

- Un coloquio en Vigo sobre a toponimia de Lavadores (Relator: Iván Sestay) (02-12-2011).

- A difusión de noticias a través do boletín do SNL do Concello de Vigo Lingua viva (nº. 50 e n.º53 con información sobre toponimia local).

 

  • Ourense 

A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística, en colaboración coa Universidade de Vigo e a ASPG, celebra en Ourense entre o 7 e o 9 de abril de 2011 as Xornadas de Toponimia.

Está presente no programa a didáctica da toponimia (“O que o mestre debe coñecer”. Relatora: Xulia Marqués).

  • Redondela

O SNL do concello promove charlas que teñen como tema central o acercamento da toponimia aos escolares. 

O relator Vicente Feijoo Ares falou para os alumnos e alumnas dos IES Illa de San Simón e IES Mendiño sobre as técnicas de recolleita de microtoponimia, das que é experto coñecedor como coordinador e técnico de traballos de campo nas provincias de Pontevedra e Ourense do PTG.

Como se veu demostrando ao longo deste artigo dende diferentes ámbitos fóronse e vanse xerando inercias que conflúen nun obxectivo común: preservar a nosa toponimia. 

É hora, pois, de convocar a outros organismos (institutos de estudos, asociacións culturais, comunidades de montes, confrarías etc.) merecentes dun espazo aquí por converter o patrimonio toponímico nun activo cultural e social.

 

  • O Instituto de Estudos Miñoranos (IEM)

Converteuse nun grande valedor da toponimia do Val Miñor, con estratexias de coparticipación en proxectos de recollida (talasonimia) e de información e difusión de experiencias educativas (“A toponimia do Val Miñor” do CEP de Camos). Na sección de recursos didácticos do IEM ofrécese asesoramento aos mestres da zona sobre os proxectos en que o Instituto participa.

A comezos de 2012, o Instituto de Estudos Miñoranos e mais os servizos de normalización lingüística dos concellos de Pontevedra, Ourense e Vigo organizan o Curso de formación de especialistas en recollida de toponimia, que terá lugar os días 2, 3, 9, 10, 16, 17, 23 e 24 de marzo en Vigo, Pontevedra e Gondomar.

Reserva dentro da súa programación unha sección para o ámbito educativo (relatoras: Pilar Barreiro e Xulia Marqués).

 

  • O Instituto de Estudios Carballiñeses 

Os fins do Instituto, tal e como se indica no artigo 2.º dos estatutos, “serán fomentar, orientar e coordinar o labor investigador nas diferentes ciencias, técnicas, artes etc., así como en tódalas manifestacións que se relacionen co Carballiño e coa súa comarca”.

O Instituto estrutúrase en seccións. Entre elas está a de Etnografía e Arqueoloxía, Toponimia, Filoloxía, Literatura e Arte, Antropoloxía, Ciencias Xurídicas e Sociais, Economía, Arquitectura e Urbanismo, Turismo e Deportes, Bioloxía e Medio Ambiente, Emigración e Comunicacións. 

Cómpre resaltar, así mesmo, o labor da revista Ágora do Orcellón, encargada da divulgación de estudos de toponimia local, entre outros: “A comarca do Carballiño á luz da toponomástica” (vol. 1), “Na pescuda do significado do topónimo Orcellón” (vol. 5), “Os nomes dos montes e algo máis” (vol. 14), “Polos vieiros da toponimia de Beariz” (vol. 18), “Terras de Boborás con nome propio” (vol. 19).

Entre as iniciativas emanadas de asociacións destacamos catro:

A asociación Vai polo río (Pontevedra) 

Pretende fomentar a recollida e divulgación de nomes asociados ao ecosistema da ribeira do río dos Gafos. 

Das tarefas que levou a cabo, salientamos:

A recuperación da microtoponimia do río. Traballo dirixido por Carlos Solla (ano 2004)

O roteiro do río dos Gafos. Os topónimos dos Gafos (ano 2005)

A fixación da toponimia dos letreiros (ano 2006).

Vai polo río promoveu, así mesmo, paseos didácticos nos que participaron centros escolares como o CEIP de Cabanas de Salcedo, Colexio do Sagrado Corazón, Colexio do Toural de Vilaboa, CEIP A Florida de Sanxenxo.

Carlos Solla traballou non só na recuperación da toponimia do río, senón que tamén rescatou lendas da zona en Andar primeiro de río. A toponimia do río dos Gafos (2008).

Lendas, cantigas e toponimia son algúns dos contidos que formaron parte das actividades deseñadas polo Concello de Pontevedra para Maio. Mes da Lingua (22/05/09).

 

ADEGA. Proxecto Ríos de Lingua e Cultura

O Proxecto Ríos promove traballos de estudo e divulgación dos ecosistemas fluviais. O seu é un programa de educación e voluntariado ambiental que pretende incidir sobre cuestións léxicas e culturais contribuíndo ao mantemento da nosa lingua e da nosa cultura. 

En Ríos de Lingua e Cultura participan centros de ensino, familias ou asociacións culturais recollendo nomes e aspectos culturais asociados á fauna e flora dos cursos fluviais. O obxectivo é dar a coñecer a riqueza do noso patrimonio inmaterial á poboación galega.

Dúas son as liñas que guiarán a súa actuación no cuadrienio 2010-2014:

- Favorecer a incorporación do voluntariado ambiental en accións que fomenten a defensa do patrimonio natural, histórico e etnográfico.

- Capacitar o voluntariado para colaborar en labores de recuperación do patrimonio.

 

A Comunidade de montes de Candeán (Vigo)

É a responsable da publicación de Candeán: Memorias dunha parroquia (Xerardo Dasairas, 2000). A edición de libros desta temática por unha comunidade de montes é nova e unha interesante mostra de compromiso coa veciñanza nunha parroquia que sufriu nos últimos 20 anos fondos cambios, pasando dun carácter marcadamente rural a outro residencial e urbano. 

Xerardo Dasairas, mestre do Colexio Público de Candeán, fai un percorrido pola historia, tradicións, toponimia, arqueoloxía, arquitectura tradicional, xogos populares e outros aspectos da parroquia. Sobresae tamén a importante compilación de fotografías.

A Comunidade de montes de Candeán está situada no Val do Fragoso no concello de Vigo. 

 

A Sociedade Labrego Cultural de Reboreda (Redondela)

O volume Reboreda: os camiños da identidade foi editado pola Sociedade Labrego Cultural de Reboreda no ano 2000. Trátase dun traballo de recuperación e divulgación da microtoponimia de Reboreda, parroquia do Concello de Redondela (Pontevedra).

Gonzalo Navaza dirixiu un grupo de traballo, coordinado por Andrés Couñago e composto por Xosé González Martínez e Xosé Couñago Rivera. 

 

Queremos, para finalizar, subliñar o labor de dous actores, que achegan, o primeiro investigación sobre onomástica e o segundo, acción dentro e no contorno da aula.

 

1. A ASOCIACIÓN GALEGA DE ONOMÁSTICA (en diante, AGOn) http://www.ilg.usc.es/agon

O ano 1999 nacía a Asociación Galega de Onomástica (AGOn), institución que traballa a prol do coñecemento e divulgación da onomástica.

AGOn entende que a recuperación da onomástica tradicional é unha parte importante do proceso de normalización lingüística. É por iso que recoñece “o papel dos profesionais de ensino medio pode ser moi relevante neste eido, xa que son figuras idóneas para impulsar traballos de campo entre os alumnos, o que, por unha banda, posibilitará que estes se fagan conscientes do papel da toponimia e da onomástica persoal na nosa cultura, e por outra, redundará na elaboración de traballos útiles que axuden a preservar a nosa riqueza cultural” (web AGOn, o subliñado é noso).

A Asociación dende o 2002 vén organizando congresos para dar a coñecer e promover a actividade onomástica que se vén realizando no ámbito galego.

No II Congreso Internacional de Onomástica (Pontevedra, 18-20 de outubro de 2006) reservouse unha sección para a onomástica na aula con exposición de experiencias de dentro e de fóra do noso territorio.

 

2. Os mestres e mestras que traballan a prol do coñecemento e divulgación da toponimia na aula.

Incluímos só a produción bibliográfica máis coñecida.

CABEZA QUILES, FERNANDO (2000) Os nomes da terra. Topónimos galegos. Noia, Toxosoutos.

CABEZA QUILES, FERNADO (2008) Toponimia de Galicia. Guías AZ. Vigo, Galaxia.

CARNEIRO, XOÁN CARLOS (xuño 2004) “Fontes para o estudo da toponimia de Mugardos” Cátedra: revista eumesa de estudios (11) 169-208.

DACOSTA, HENRIQUE Revista Columba (vol. 3, 2002)“A voltas co topónimo Cobas vs. Covas”, (vol. 4, 2004) “Unha pequena cata na toponimia de Covas”, (vol. 5, 2005) “Sobre os topónimos da auga e algo máis”, (vol. 7, 2007) “Topónimos da beiramar de Covas”.

DASAIRAS, XERARDO (2000) Candeán: Memorias dunha parroquia. Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Candeán (Vigo).

COBO RODRÍGUEZ, FRANCISCO (1980) “O nome do Barco e outros topónimos valdeorreses”, Boletín del Seminario "Fontán-Sarmiento "de hagiografía, toponimia y onomástica de Galicia.Ano 2, n. 6-8 (abril-xuño1980) pp. 36-37

FERNÁNDEZ GONZÁLEZ, FRUTOS (2007) Nomes do Ribeiro [Galicia]: Instituto de Estudios Carballiñeses.

LÓPEZ BOULLÓN, XOSÉ RAMÓN (2007) “Toponimia en Santiago de Compostela: un núcleo urbano no mundo rural”. Actas do I Congreso Internacional de Onomástica Galega "Frei Martín Sarmiento" : Santiago de Compostela, 2, 3 e 4 de setembro de 2002 / Luz Méndez e Gonzalo Navaza, Eds. Santiago de Compostela: Asociación Galega de Onomástica, pp. 767-772.

LÓPEZ BOULLÓN, XOSÉ RAMÓN (2010) Coautor de ATOPando Compostela. Xogo didáctico.

LORENZO BALEIRÓN, MANUEL (2011) Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes da auga. Dodro, Concello de Dodro.

MARQUÉS VALEA, XULIA (2003) A toponimia na escola. Guía para a recolleita, catalogación e estudo dos nomes tradicionais de lugar. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Política Lingüística. 

MARQUÉS VALEA, XULIA (2004) A toponimia de Trabada (Lugo). Santiago de Compostela, Xunta de Galicia. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

MARQUÉS VALEA, XULIA (2008) Enredando nos topónimos con Rodari. Santiago de Compostela, Presidencia da Xunta, Secretaría Xeral de Política Lingüística.

MARQUÉS VALEA, XULIA  “Guía para unha intervención toponímica desde a escola” (http://www.onomastico.org)

MARQUÉS VALEA, XULIA "Protocolo de toponimia para o Proxecto de Innovación Educativa “POLO MONTE” (curso 2006-2007).

MARQUÉS VALEA. XULIA (2010) Coautora de ATOPando Compostela. Xogo didáctico Santiago de Compostela, Concello de Santiago de Compostela.

MORGADE MARTÍNEZ, XOÁN CARLOS (1995) A Lama. Os nomes dos lugares (Estudio da toponimia). Pontevedra: Deputación de Pontevedra.

VÁZQUEZ GARCÍA, CARLOS  (2002) Toponimia de Monterroso. Monterroso, Concello de Monterroso.

VÁZQUEZ GARCÍA, CARLOS (2003) Toponimia de Guntín de Pallares Guntín de Pallares, Concello de Guntín de Pallares.

Bibliografía: 

 

  • CUADRADO, CH. –DÍAZ, Y.- MARTÍN, M. (1999) Las imágenes en clase de ELE. Madrid, Edelsa.
  • FRIERA SUÁREZ, F. “Patrimonio histórico local e integración de escalas en los currícula” (517-529), en ESTEPA GIMÉNEZ, J.-FRIERA SUÁREZ, F.-PIÑEIRO PELETEIRO, R. (Eds.) (2001) Identidades y territorios: un reto para la didáctica de las ciencias sociales. Oviedo, KRK.
  • GARCÍA RUIZ, C. R.-JIMÉNEZ, M.ª D.-MORENO, C. (2003) “El patrimonio arqueológico y su tratamiento en la enseñanza” (443-455), en BALLESTEROS, E.-FERNÁNDEZ, C.-MOLINA, J. A.-MORENO, P. (Coords.) El patrimonio y la didáctica de las Ciencias Sociales. Cuenca, UCLM.
  • HERRERO PÉREZ, N. (2003) “Antropoloxía, patrimonio cultural e educación: observando procesos de patrimonialización en Galicia” Adaxe (19) 23-45.
  • HERRERO PÉREZ, N.  “Educación Patrimonial: la experiencia de una asignatura sobre patrimonio cultural en titulaciones de Ciencias de la Educación” (125-137), en PEREIRO, X.-PRADO, S. –TAKENAKA, H. (2008) Congreso de Antropología (11.º San Sebastián) Patrimonios culturales: Educación e Interpretación. Cruzando límites y produciendo alternativas. [Donostia], Ankulegi Antropologia Elkartea.
  • LÓPEZ GÓMEZ, F.-S. “Sensibilidade e novas tecnoloxías para recoller e recrear sobre o patrimonio intanxible en tempos de mundialización” (265-272), Congreso Un tesouro invisible. Actas do Congreso celebrado en Pontevedra 1, 2, e 3 de decembro de 2004. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, 2005.
  • POSE, H. – SALCINES, M.ª (xan. 2004/2005) “Por unha educación patrimonial dende o municipio”, Interea, 48-51.
  • RICO CANO, l. - ÁVILA RUIZ, R.  Mª (2003) “Difusión del patrimonio y educación. El papel de los materiales curriculares. Un análisis crítico” (31-41) en BALLESTEROS, E.-FERNÁNDEZ, C.-MOLINA, J. A.-MORENO, P. (Coords.) El patrimonio y la didáctica de las Ciencias Sociales. Cuenca, UCLM.
  • RODRÍGUEZ DE GRACIA, H. (2003) “Propuesta para la realización de itinerarios patrimoniales por Toledo” (305-315), en BALLESTEROS, E.-FERNÁNDEZ, C.-MOLINA, J. A.-MORENO, P. (Coords.) El patrimonio y la didáctica de las Ciencias Sociales. Cuenca, UCLM.
  • SANJO FUENTES, L. (Coord.) (2007) Educación patrimonial. Propuestas creativas desde el espacio educativo. Gobierno de Canarias, Consejería de Educación, Universidades, Cultura y Deportes. Dirección General de Promoción Educativa.
 
Sección: