A literatura como exploración

Louise M. Rosenblatt. Ed. Fondo de cultura económica, 2002

Francisco César Díaz Rey
francisco.cesardiaz@edu.xunta.es
CFR de Pontevedra

 

Que pensarían vostedes se lles dixese que neste libro están, maxistralmente debullados, todos —si, leron ben, todos— os aspectos esenciais que se barallan hoxe en día sobre a formación da competencia lectora? E se lles comento a data da súa publicación? Pois xa hai algúns anos. Este libro saíu do prelo no ano 1938! E nada do que sabemos sobre didáctica da lectura, sobre aprendizaxe literaria, nada volveu ser o mesmo desde entón.


Quizais sexa porque Louise M. Rosemblatt pertence ao ámbito da lingua inglesa, ou quizais por ser unha muller, ou porque a súa obra se relaciona especificamente coa literatura, que non adoita figurar entre as autoras e autores de referencia no eido da teoría da lectura. Mais cómpre cambiar este feito e mergullarse na lectura desta obra fundamental para achegarse á cerna mesma da cuestión, que non é outra que o que ven expresado nestas palabras da propia autora: (…) “non debemos ensinar sobre literatura, debemos, en cambio, facerlles vivir a literatura aos nosos estudantes”.


Que papel xoga a lectura no desenvolvemento persoal e social do alumnado? Cal é o valor do diálogo e da discusión como estratexias pedagóxicas? Necesitamos crear espazos para a libre expresión do alumnado? Debe a escola educar nos valores que contribúan ao benestar do individuo tanto coma da sociedade? Estas son algunhas das preguntas que se fai a autora e que aborda con claridade neste texto que explica como a experiencia literaria conduce os nenos a unha maior comprensión tanto das relacións humanas como dos contextos sociais nos que estas se desenvolven e abre, polo tanto, un camiño para a educación democrática do individuo.


A literatura como exploración conserva hoxe a vixencia e a frescura que tivo no momento da súa aparición, hai máis de 70 anos, e seguirá a telas mentres haxa docentes que acepten desempeñar o importante papel que Rosemblatt nos propón: “contribuír a preparar o alumnado para a vida nunha sociedade democrática”.

Sección: