1. Datos básicos do centro
O IES Salvaterra de Miño atópase na parroquia de Salvaterra (cabeceira do concello) en Chan da Ponte Nº 12. Está situado no polígono industrial da vila, polo que está rodeado de empresas dedicadas a diferentes actividades (metal, pedra, transportes...). O centro leva en pé dende o curso 1998/99,
Páxina web do centro https://www.edu.xunta.gal/centros/iessalvaterramino/ ; Correo electrónico ies.salvaterra.mino@edu.xunta.gal
Alumnado
O alumnado do IES Salvaterra de Miño procede, na súa maioría, do propio concello. Principalmente chegan ao centro tralo seu paso polos colexios adscritos, que son o CEP Carlos Casares (situado na parroquia de Alxén), o CEIP Infante Felipe de Borbón (situado na parroquia de Salvaterra) e o CEIP de Leirado (parroquia de Leirado). Isto é motivo máis que suficiente para que un dos obxectivos do IES Salvaterra de Miño sexa o de manter reunións periódicas coas direccións de ditos centros co fin de tratar de impulsar a cooperación entre o IES e os centros adscritos, preparar a chegada ao centro dese alumnado e tratar de prever posibles problemas académicos e de conduta.
Grazas á oferta educativa do IES Salvaterra de Miño, chegan, tamén, alumnos procedentes de concellos limítrofes, como Salceda de Caselas, Ponteareas e As Neves. Temos que ter en conta, ademais, que, aínda que nunha porcentaxe ben pequena, ao centro chega tódolos anos alumnado inmigrante (Marrocos, Brasil, Cuba, México…) o que obriga a tomar medidas para a súa integración no noso sistema educativo.
Neste curso contamos con 573 alumnos e alumnas cunha tendencia ao alza que se consolida ano a ano.
Profesorado
No IES Salvaterra de Miño somos un total de 55 profesoras e profesores divididos en 19 departamentos didácticos, sendo as mulleres ampla maioría. A maior parte do profesorado ten destino definitivo no centro, habendo arredor dun 23% do profesorado en expectativa de destino ou en situación de interinidade.
Oferta educativa
Cos cambios lexislativos que se foron producindo ao longo dos últimos anos, a oferta educativa do IES Salvaterra de Miño, ao igual que a de outros moitos centros da Comunidade Autónoma Galega, viuse bastante modificada. Actualmente no noso centro impártense as seguintes ensinanzas:
-
Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO)
-
Bacharelato, nas modalidades de Bacharelato Científico e Bacharelato de Humanidades e Ciencias Sociais
-
Ciclo de grao medio de Soldadura e Caldeiraría
-
Ciclo de Formación Profesional Básica de Carpintaría e Moble.
2. Contextualización do Plan Dixital no centro. Contribución ao Proxecto Educativo do Centro
Situado na comarca do Condado do Tea, o concello ten unha extensión de 62 km² e está constituído por 17 parroquias, con aproximadamente 9800 habitantes. O seu relevo, chan e a abundancia de auga únense ao seu especial microclima convertendo ao concello nunha zona ideal para as plantacións vitivinícolas e hortícolas. A isto tamén contribúen os seus cinco ríos: Uma, Tea, Caselas, Mendo e Miño.
A vila experimenta nos últimos anos, unha fase expansiva directamente relacionada co desenvolvemento da PLISAN, de aí o auxe da construción e a mellora das infraestruturas viarias en dirección O Porriño, Ponteareas e As Neves. Aumentaron o número de empresas e edificios do seu polígono industrial, paralelamente á potenciación do concello como destino de lecer e turismo, polas súas boas condicións climáticas e paisaxísticas (rutas de sendeirismo, club de piragüismo no río Miño, festa do viño...). Con todo, trátase dunha área rural cun hábitat disperso e con predominio de actividades económicas primarias. Neste sentido, as condicións económicas das familias están no segmento medio-baixo. Feitos coma este contan moito á hora de organizar as actividades do centro tanto a nivel extraescolar como académico. O transporte é outro problema a ter en conta xa que este non conta con horarios flexibles nin percorridos apropiados para que as familias poidan comunicarse facilmente coa cabeza do concello, feito que dificulta a relación das familias co centro, importante no ámbito educativo.
O Plan Dixital de Centro debe contribuír á superación da fenda dixital do noso alumnado, mellorar a súa competencia dixital, facilitar a comunicación coas familias e contribuír dun xeito activo ao desenvolvemento integral do alumnado.
Na Programación Xeral Anual do curso 2023-2024 recollemos nos apartados 1.1 e 2.1 a necesidade de continuar co Plan Dixital de Centro. De cara á Programación Xeral Anual do curso 2023-2024 o PD aparecerá recollido nos aspectos organizativos, didácticos, do Plan de Acción Titorial e de formación do profesorado segundo os Plans de Acción deseñados dentro do PD para o vindeiro curso.
3. Breve xustificación do mesmo
Contextualización normativa en relación co Plan Dixital do noso centro:
-
Art. 111 bis, Art. 121 e Art. 132 da LO 2/2006, de 3 de maio, de Educación
-
Resolución do 3 de setembro de 2021, da Secretaría xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o deseño, elaboración e implementación do Plan Dixital nos centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2021- 2022.
-
Artigo 37.1. do DECRETO 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.
-
Artigo 18 da ORDE do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa.
-
Artigo 35.1 do DECRETO 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.
-
Artigo 21 da ORDE do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa.