O IES do Camiño encóntrase no concello lucense de Palas de Rei, na comarca da Ulloa. Este municipio conta na actualidade con 3.388 habitantes (INE 2019) e ademais do núcleo urbano, onde se sitúa o instituto, conta con unha ampla contorna rural.
Pola súa parte, Palas forma parte dunha comarca, a Ulloa, na que tamén se sitúan os concellos de Antas de Ulla e Monterroso. Entre as principais actividades económicas deste espazo destaca o sector primario, tanto en canto a agricultura como a gandería. Alén diso, Palas é unha importante referencia no Camiño Francés, o que repercute no sector servizos.
O presente Plan dixital elaborouse en base ao Artigo 18 da ORDE do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa e o Artigo 21 da ORDE do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa. Así como tamén se seguen o Artigo 37.1. do DECRETO 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia e o Artigo 35.1 do DECRETO 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, que establecen que: “Os centros docentes deberán incluír dentro do seu proxecto educativo e funcional a súa estratexia dixital a través dun plan dixital de centro, que se concibe como un instrumento para mellorar o desenvolvemento da competencia dixital da comunidade educativa, o uso das tecnoloxías dixitais no proceso de ensino e aprendizaxe e a transformación dos centros en organizacións educativas dixitalmente competentes, e que se concretará anualmente na programación xeral anual a través das correspondentes actuacións”.
O Plan Dixital, contribuirá aos obxectivos do Proxecto Educativo do centro axudando á adquisición de técnicas de traballo, así como de coñecementos de diversos tipos. Así mesmo, existen no centro outros plans e proxectos. Neste sentido, cómpre nomear a existencia no centro dun Proxecto Lingüístico, un Plan anual de traballo da biblioteca, un Plan anual do Equipo de Normalización lingüística, un Plan de atención á diversidade, un Plan de convivencia, un Plan de Formación do Profesorado, un Plan de Acción Titorial e un Proxecto E-Dixgal.
Así, o Plan Dixital contribuirá a fomentar a páxina web do centro; a coordinar a acción do profesorado das diferentes áreas en relación ao traballo coas TIC; a impulsar a comunicación con outros centros e localidades; a facilitar o acceso ás tarefas de apoio e reforzo por parte do alumnado con necesidades especiais de apoio educativo; a potenciar a capacidade de razoamento do alumnado, a súa motivación e o seu afán de coñecemento; a utilizar programas e contornos que faciliten a consecución dos obxectivos propostos nas diferentes áreas do currículo; a fornecer ao alumnado de estratexias para obter e xestionar a información conseguida mediante o uso das TIC; a utilizar o ordenador como medio de creación, de integración, de cooperación e de expresión das propias ideas; a potenciar a comunicación cos seus iguais; a mellorar a proposta pedagóxica do profesorado e a súa práctica docente ao aproveitar as posibilidades que ofrecen as TIC; a empregar as TIC para o traballo cotián e as actividades de aula; a intercambiar experiencias, coñecementos, iniciativas... en diversas redes de colaboración como internet; a lograr a integración das TIC como medio dinámico de comunicación; a poñer en marcha mecanismos para aproveitar a infraestrutura tecnolóxica a disposición de nais e pais para favorecer a adquisición dos coñecementos necesarios para un uso proveitoso das TIC.
Neste sentido, o Plan Dixital será un elemento importante dentro da Programación Xeral do curso 24/25.