1.1. Datos básicos do centro.
CEIP A PONTE (27006383) Enderezo: Paseo Álvaro Cunqueiro, s/n. Mail: ceip.aponte@edu.xunta.gal
Cursos: Educación infantil (4º,5º,6º) Educación primaria (1º a 6º). Alumnado: 213 aproximadamente. Profesorado: 26
1.2. Contextualización do Plan Dixital no centro. Contribución ao Proxecto Educativo do Centro.
1.2.1 Características socioeconómicas e culturais do contexto do centro.
O colexio de educación infantil e primaria "A PONTE" está situado na periferia da cidade, nun barrio coñecido polo mesmo nome “Barrio da Ponte”, pertencente á parroquia de San Lázaro. Atópase nun enclave paisaxístico inmellorable, ás beiras do Río Miño, fronte do Balneario Termal e moi preto do club Fluvial da capital lucense, centro deportivo e de ocio. É un colexio dependente da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. O núcleo inicial desta agrupación, foron dúas escolas unitarias de nenos/as e unha de párvulos. Por mor do alto número de alumnos/as matriculados e pola zona onde estaba, decidiron as autoridades competentes, a fundación dun grupo escolar no que se integrarían ademais das xa mencionadas outras escolas achegadas da zona rural. A poboación activa da zona pertence maioritariamente ao sector primario (agricultura e gandaría) e ao sector servizos. Se ben son poucos os nacementos aínda son menos os servizos que hai para este sector da poboación sendo o noso Centro o que aporta, xogos, actividades, instalacións deportivas e biblioteca para o barrio. Desde o punto de vista socioeconómico este centro está situado nunha zona considerada de nivel medio-baixo, aínda que esta consideración pode non ser totalmente axeitada, posto que os parámetros polos que o medio rural é analizado para a consideración das rendas, non se pode comparar cos dunha zona industrial. Pero podemos considerar que o colexio é dinamizador da vida cultural da contorna na que se atopa.
1.2.2 Incardinación e contribución do PD ao Proxecto Educativo. Relación con outros Plans e Proxectos do Centro.
O Plan Dixital que se está a desenvolver, incide e comparte puntos con outros Plans e Proxectos nos que o centro participa, especialmente no Proxecto E-Dixgal e Plan de Integración das TICs na aula e tamén con PFPP nos que se participou nos últimos cursos, aínda que debido a Pandemia da COVID19, algún deles puido ter algún retraso. Entre eles podemos citar no curso 2020-21 o PFPP (L2031019) e no curso 2022-23 PFPP (L2231038) que tivo como liñas primordiais de actuación as iniciativas formativas no ámbito STEM e a Integración didáctica das TIC. Traballo corporativo en rede a través de espazos virtuais. Educación dixital. Tamén no curso 20-21 se desenvolveu un Seminario sobre o Aproveitamento didáctico da aula Virtual, así como un Grupo de Traballo sobre a Integración Curricular da Robótica e a programación, e un curso de Aproveitamento Didáctico de Ferramentas Institucionais para o ensino mixto. Cabe citar que este centro participou e foi admitido na primeira convocatoria que se fixo do Proxecto Abalar, logo transformado en E-Dixgal, este feito fixo que o noso centro tivera que actualizar a conexión de banda ancha ás necesidades destes programas, o que supuxo un desembolso importante no que se refire aos custos, posto que a administración non se facía cargo deles. Na actualidade o emprego dos recursos dixitais na aula é algo habitual e proba de todo isto é o interese do profesorado pola formación neste campo, ben é certo, que botamos en falta recursos e material actualizado, así como outros elementos que quedan reflexados no Plan de Acción requerido para a posta en marcha do Plan Dixital.
Nos meses de setembro e outubro levouse a cabo en colaboración coa persoa mentora ADIX a actualización do Plan Dixital tendo en conta as propostas de mellora do curso pasado, a continuidade dalgún obxectivo parcialmente conseguido e de interese para o Centro.
1.2.3 Contextualización do Plan Dixital na normativa vixente.
Artigo 30.1 do DECRETO 150/2022, do 8 de setembro, polo que se establece a ordenación e o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 34.1 do DECRETO 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.
O que recollen ditos artigos é o seguinte:
“Os centros docentes deberán incluír dentro do seu proxecto educativo e funcional a súa estratexia dixital a través dun plan dixital de centro, que se concibe como un instrumento para mellorar o desenvolvemento da competencia dixital da comunidade educativa, o uso das tecnoloxías dixitais no proceso de ensino e aprendizaxe e a transformación dos centros en organizacións educativas dixitalmente competentes, e que se concretará anualmente na programación xeral anual a través das correspondentes actuacións”
Nas normativa de desenvolvemento dos anteriores Decretos, concrétase a estrutura, que como mínimo debe contemplar o PD, no seguinte articulado:
Artigo 15 da ORDE do 30 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 150/2022, do 8 de setembro, polo que se establece a ordenación e o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa.
Artigo 14 da ORDE do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa.