O Plan Dixital persegue a transformación dixital dos centros educativos de Galicia, a fin de que sexan dixitalmente competentes nos procesos de ensino-aprendizaxe, de xestión e de relación, o que require dun proceso de mellora das competencias dos membros da comunidade educativa que se deberá recoller nun Plan Dixital do Centro como organización. Dito Plan susténtase, entre outras, na seguinte normativa:
• Art. 111 bis, Art. 121 e Art. 132 da LOE 2/2006, de 3 de maio, de Educación • Disposición adicional quinta da Resolución do 17 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de EI, EP, ESO e bacharelato no curso académico 2021-2022
• Disposición adicional terceira da Resolución do 18 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento dos ciclos formativos de FP do sistema educativo no curso 2021- 2022
• Resolución do 3 de setembro de 2021, da Secretaría xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o deseño, elaboración e implementación do Plan Dixital nos centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2021-2022
Contextualización
A EEI de Rorís está situada na parroquia de Armentón, no Concello de Arteixo. Algunha das súas instalacións compártense co Centro Cívico situado no mesmo edificio. Armentón conta aproximadamente con 1000 habitantes. O nivel socioeconómico e cultural das familias é particularmente heteroxéneo. Arteixo conta cunha gran industria grazas á existencia do polígono industrial e do Porto exterior, pero tamén existe unha ampla poboación rural. Polo tanto, vemos mesturados diversos estilos de vida rexidos pola situación socioeconómica e cultural das familias. A meirande parte do alumnado deste centro reside en vivendas unifamiliares próximas á escola, aínda que tamén conta con alumnado que vive no centro urbano da vila. A lingua vehicular da meirande parte das familias é o castelán e notamos cada ano a perda do uso do galego. As mestras comunicámonos maioritariamente en galego.
O centro participou varias veces no proxecto de ArteixoInnovación, o que permitiu a adquisición de material tecnolóxico, aínda que o feito de ser unha subvención que se cobra a posteriori, pode causar algún ano dificultades no orzamento co que conta a escola, por non ter suficientes fondos.
As accións de mellora e obxectivos presentados no actual Plan Dixital recóllense na Programación Xeral Anual do presente curso 2024/2025.