Plan do centro

Datos do plan

Vixencia

 
 
 

Introdución

Introdución

1 Introdución
a) Datos do centro
CEIP SAN TOMÉ (36015093)
Os Olmos no 20 – 36630 – Cambados
ceip.san.tome@edu.xunta.gal
http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipsantome/
https://www.edu.xunta.gal/centros/ceipsantome/aulavirtual/
Alumnado: entre 370 e 400.
Profesorado: 31

b) Contextualización do plan dixital no centro. Contribución ao Proxecto Educativo do Centro
A poboación do barrio de San Tomé pertence a unha clase media, cunha porcentaxe significativa de empregos vencellados ao mar directa ou indirectamente (mariscadoras/es, peixeiras/os, traballadoras/es de depuradoras e conserveiras). O resto de familias ten unha actividade económica propia desta clase, como poden ser traballos administrativos e de servizos.
O nivel de estudos das familias é moi dispar, xa que a diversidade no noso centro é moi grande, existindo pais/nais con nivel de estudos básico ata familias nas que os dous proxenitores teñen estudos superiores.
Cambados caracterízase por unha importante actividade cultural e deportiva, que tamén ten influenza no colexio pola cantidade de eventos organizados polas distintas asociacións e polo concello.
Posúe ademais unha rede museística importante para unha vila de 13800 habitantes e unhas instalacións deportivas de calidade.
A finalidade deste centro educativo é propoñer situacións que xeren aprendizaxe no alumnado, que se forme e desenvolva como individuo da sociedade na que vive. En consecuencia, a propia organización vai mellorando a través da súa práctica e da reflexión sobre ela, así como das relacións que establece coa súa contorna.

O Plan Dixital de Centro debe encaixar no contexto institucional máis amplo que vén recollido noutros documentos institucionais, como o Proxecto Educativo de Centro e ambos os documentos deben estar en total consonancia e ser complementarios.
Neste sentido, non pretendemos que sexa un documento que xere conflitos, senón que recolla o que se leva facendo anos no colexio e que aglutine todas as actuacións no ámbito dixital e tecnolóxico que queremos abordar de cara ao futuro. Intentaremos que encaixe nos programas nos que xa participa o colexio: Edixgal, todas as liñas de contratos programa, plans proxecta, club de ciencia, radio na biblio, etc.

c) Xustificación
En base á normativa vixente e como parte do Proxecto Educativo do Ceip San Tomé elabórase este Plan Dixital, documento que pretende regular a relación coa tecnoloxía nas distintas etapas educativas e ofrecer unha guía de referencia para as familias e
profesorado que sexa sinxela e efectiva. Neste documento trataremos de atopar o equilibrio necesario para que a tecnoloxía se introduza nas aulas de xeito natural sen ter dependencia dela, pero sendo conscientes
de que no século XXI o alumnado debe adquirir unha serie de competencias en relación co seu emprego. Ata hai ben pouco o obxectivo principal era dalas a coñecer, actualmente debemos
regular o seu uso e coñecer os riscos derivados do mesmo. Os centros educativos forman parte dun mundo en cambio permanente e dunha sociedade e mercado laboral cada vez máis dixitalizado e por esa razón, os centros educativos deben dar respostas a esas necesidades e demandas da sociedade e mercado laboral para poder formar cidadáns do futuro coas competencias necesarias para desenvolverse nunha contorna dixitalizada. O uso da tecnoloxía nas diversas
prácticas que teñen lugar nunha organización escolar, desde as relacionadas coas cuestións organizativas, ata as propias dos procesos de ensino e aprendizaxe é xa
ineludible.
A educación é un recurso crave para asegurar a igualdade social, a promoción das persoas e máis xenericamente a mellora das condicións de vida de comunidades e persoas. Así pois, a Estratexia Europa 2020 recoñece a necesidade dunha transformación dos sistemas de educación e formación que garanta a adquisición de competencias dixitais, que á súa vez permitan aproveitar as oportunidades.
Por outra banda, as organizacións educativas teñen a necesidade de revisar as súas estratexias co obxectivo de mellorar a súa capacidade para promover a innovación e sacar o máximo partido das tecnoloxías da información e comunicación, e dos recursos educativos dixitais.

Mediante o obxectivo do Plan Dixital de Centro, pretendemos:
• Avaliar a situación do centro educativo con relación ao uso das TIC nos distintos elementos crave que recolle o Marco Europeo para Organizacións Educativas Dixitalmente Competentes, para poder, a continuación, deseñar e emprender un
proceso de transformación no centro.
• Recoñecer o Plan Dixital de Centro como un recurso clave para a planificación da estratexia dixital dunha organización educativa.
• Transformar o centro educativo nunha organización que aprende, sendo só posible se é unha organización dixitalmente competente.
• Valorar as implicacións das organizacións escolares para desenvolver unha cultura dixital nas mesmas.
d) Proceso de elaboración e equipo
O deseño do Plan Dixital de Centro debe recoller as ideas principais, determinar as prioridades e establecer os niveis de planificación (programas, proxectos e/ou accións) que marcarán o plan de traballo do centro escolar no seu proceso de cambio e mellora.
Así mesmo, a participación do equipo directivo no proceso de deseño e implantación do Plan Dixital de Centro é clave, tanto pola visión global que desde a súa responsabilidade pode achegar (na fase de deseño), como pola capacidade para
mobilizar recursos da organización e de xerar liderados distribuídos que permitan o cambio atendendo a principios democráticos (na fase de implantación).
O Plan Dixital de Centro debería permitir á comunidade educativa:
• Visualizar onde quere que chegue o centro.
• Entender onde está actualmente.
• Trazar o camiño que leve dun estado ao outro.

Contexto DAFO

Instrumentos de recollida de información previa

Test Selfie

Test CDD

Enquisas internas do centro.

Interno
13 elementos atopados, amosando todos os elementos.
Resultados da busca
DAFO Descrición Categoria Obxectivos
Debilidade Perigo de uso inapropiado e/ou excesivo da tecnoloxía. Alumnado Si
Debilidade Existe aínda descoñecemento de estratexias para regular o emprego das tecnoloxías e a sensación de que as nenas e os nenos "saben máis ca os pais". Familias Non
Debilidade Moitos equipos están obsoletos. As pizarras dixitais non aportan moito, os proxectores son unha fonte de gastos. Cómpre recibir paneis interactivos. Infraestruturas Non
Debilidade O centro demanda un polo creativo. A carencia dun espazo físico axeitado lastra a posta en marcha de máis proxectos. Infraestruturas Non
Debilidade É dificultoso xestionar apoios de profesorado para os momentos nos que se emprega a tecnoloxía. Organización de centro Si
Debilidade Falta de confianza en ferramentas de avaliación dixital e que favorezan a coavaliación. Persoal docente Si
Debilidade O persoal non docente non ten a formación axeitada e presenta dificultades a nivel dixital. Persoal non docente Non
Fortaleza 1.Interese polo emprego de presentacións dixitais e curiosidade pola robótica. 2.Mostra dun bo nivel de competencia. Alumnado Non
Fortaleza A conexión a internet é excelente e o colexio dispón de dispositivos e robots para levar a cabo a estratexia dixital. Infraestruturas Non
Fortaleza O centro posúe moitos recursos a nivel de robótica, reforzado polo programa Polos Creativos. Infraestruturas Non
Fortaleza O colexio ten a área de robótica como oferta de libre configuración de centro , así como obradoiros nos que aborda esta temática en infantil e no primeiro ciclo. Oferta Non
Fortaleza Existe unha estratexia dixital previa definida e aprobada pola CCP, claustro e consello escolar. A participación no proxecto Edixgal favorece enormemente que o alumnado teña unha boa competencia dixital ao finalizar a etapa. Organización de centro Non
Fortaleza Todo o profesorado ten actitude proactiva e formación para crear contido e empregalo. Persoal docente Si
13 elementos atopados, amosando todos os elementos.
Externo 9 elementos atopados, amosando todos os elementos.
Resultados da busca
DAFO Descrición Categoria Obxectivos
Ameaza Un plan dixital encorsetado, con ferramentas de avaliación pouco útiles e un grupo ADIX que é un mero transmisor dos dictames dos Servizos Centrais. Esixencia de levar a cabo tarefas (coma esta) que fan perder literalmente o tempo e o restan doutras cousas máis importantes, como elaborar contido. Burocracia ineficaz. Interese exacerbado por introducir a tecnoloxía en idades demasiado temperás, sen reflexionar sobre as consecuencias. Administración educativa Non
Ameaza Moitas familias están a ver reducidos os seus ingresos, o que pode repercutir seriamente na fenda dixital. Contorna Non
Ameaza Currículum de infantil LOMLOE que mostra un tufo a obsesión por expoñer ao alumnado a pantallas, obviando por completo as recomendacións da OMS. Lexislación Non
Ameaza Ofertas e receitas infalibles coa tecnoloxía como mediciña. A xente pode crer estas tonterías e comezar a esixir o uso indiscriminado de dispositivos. Outras Non
Oportunidade Oferta de programas aos que o centro pode sumarse e son de interés. (Digicraft no teu cole, estratexia Digitalent, Polos Creativos...) Administración educativa Non
Oportunidade Curiosidade polo que o alumnado é capaz de facer neste ámbito, cun nivel de autonomía e competencia elevado. ANPA Non
Oportunidade Existe unha empresa tecnolóxica (ENERCRAFT) de primeiro nivel na comarca, dirixida por un cambadés, coa que facemos colaboracións. Contorna Non
Oportunidade Organizar ámbitos que poden facilitar tarefas competenciais. Lexislación Non
Oportunidade Compre estar atentos a posibles programas que resulten de interese e que non impliquen venderse a empresas privadas. Outras Non
9 elementos atopados, amosando todos os elementos.
Análise

Nos últimos anos o Ceip San Tomé está a levar a cabo un proceso de integración das TIC na vida cotiá do centro. Este proceso inclúe dende as comunicacións que se fan a nivel de centro ata cambios metodolóxicos nas aulas.
A boa conexión a Internet do centro (grazas ao programa red.es) facilita que o profesorado se anime a empregar no día a día recursos dixitais procedentes da Internet,
que, acompañado á boa dotación de material dispoñible no colexio, fai que se afronte con garantías o emprego da tecnoloxía nas aulas.
Outro aspecto a ter en conta é a formación do profesorado na materia, que se pode considerar medio/alto na globalidade.
A formación que consideremos básica para calquera mestre do colexio é a seguinte:
- Tomar fotografías e edición sinxela das mesmas.
- Gravar vídeos e sinxela edición dos mesmos.
- Gravar audios na sala de radio e crear podcast.
- Subir imaxes e vídeos aos distintos recursos web (aula virtual, nubes)
- Creación de vídeos interactivos e subida ás aulas virtuais do colexio.
- Ofimática:

• Creación e enriquecemento de textos.
• Creación e enriquecemento de presentacións
• Emprego básico de follas de cálculo
• Creación de carteis e fichas
- Colgar contidos na aula virtual / EVA
- Enviar mensaxes e autorización de faltas en Abalarmóbil

- Comunicación interna mediante mail e nube.

Para comprobar se estes obxectivos se cumpren, empregamos datos obxectivos como:
- Cantidade total de mensaxes enviadas por Abalarmóbil.
- Cantidade de mestres que envían toda a información por Abalarmóbil.
- Titorías xeradas en abalarmóbil
- Número de contidos creados nas aulas virtuais de cada curso (en 5o e 6o en EVA)
- Número de contidos dixitais propios creados e subidos ás aulas virtuais.
- Número de podcast creados por curso e etapa.
- Número de vídeos educativos/divulgativos creados.

Indicador Número (curso 21/22) 
Mensaxes enviadas (Abalar) 316
Titorías (Abalar) 506
Contidos creados 1452
Contidos propios 986
Podcast 26
Vídeos 58

Obxectivos

Datos obxectivo
Listaxe de obxectivos
Código Obxectivo Opcións
Ob01PD Xestionar con máis recursos humanos o tempo no que se emprega a tecnoloxía na aula.
Ob02PD Dotar ás familias de ferramentas para controlar o uso da tecnoloxía por parte das súas fillas/os.
Ob03PD Formar alumnado en uso seguro e riscos físicos derivados do uso da tecnoloxía.
Ob04PD Elaborar ferramentas de avaliación e coavaliación en rede.

Seguimento

Procedemento

O procedemento para realizar o seguimento do Plan será o de establecer na Orde do Día en todas as reunións ordinarias do equipo TIC e en unha ao trimestre da CCP puntos para a avaliación e grao de consecución de obxectivos do mesmo.

1º Trimestre

Neste trimestre o seguimento unicamente se realiza no equipo TIC, centrándose na dotación recibida de Polos Creativos e na difusión das posibilidades que permite este material.

Tamén se xestiona a colocación de paneis interactivos e de postos de traballo do equipo directivo.

2º Trimestre

Na CCP e nas reunións do equipo TIC se analizan os aspectos organizativos reflectidos no plan, así como a formación aportada ás familias e alumnado.

3º Trimestre

En CCP e TIC se valora e comproba o grao de seguimento dos obxectivos relacionados coa creación de contidos e tarefas, así como as ferramentas de avaliación en rede.

Avaliación

Procedemento para a avaliación

Os obxectivos formulados neste plan están pensados para o período 2021/2025, polo que os criterios de avaliación terán tamén a mesma vixencia.
Para o seguimento do Plan de Acción realizaremos unha reunión trimestral específica no equipo de TIC e da CCP para valorar o cumprimento dos apartados reflectidos nas táboas.
Ao final de cada curso correspóndelle ao equipo de TICs valorar o nivel de cumprimento de cada un dos obxectivos, valorando, en función dos resultados e das achegas dos compoñentes, propoñer as variacións a este plan que se consideren oportunas.
Independentemente da valoración que leve a cabo o equipo de TICs e dos indicadores que se reflectirán a continuación neste plan, nas enquisas que a fin de curso se lles pasan aos mestres e ás familias introduciranse items específicos en relación ao emprego das TIC.
Indicadores de avaliación:
• O 70% do alumnado obtén, a final de curso, unha nota igual ou superior a 7 na competencia dixital.
• O 90% do profesorado móstrase satisfeito ou moi satisfeito co desenvolvemento do plan (ítems na enquisa de profesorado)
• O 75% das familias valora positivamente as aprendizaxes e relación coas TIC na escola dos seus fillos/as. (Ítems na enquisa para familias)
• O colexio dispón da dotación material proposta neste plan.
• O 100% dos cursos emprega a aula virtual como ferramenta de traballo habitual e complementario.
• O número de cursos que empregan a robótica aumenta nun 25%.

Valoración xeral
Proposta de mellora

Comunicación e difusión

Comunicacion e difusión

Dar a coñecer este plan á comunidade educativa é un labor importante, do que depende, en gran medida, o seu éxito.
Empregaranse todas as canles de comunicación das que dispón o centro.
Nun primeiro lugar enviarase ás familias e mestre vía Abalarmóbil e na canle de difusión de Telegram.
Posteriormente incorporarase ao Proxecto Educativo e será publicado na páxina web e no espazo “Xestión documental na nube”.

Por outro lado, nas reunións de inicio de curso, informarase ás familias da existencia do plan, así como das liñas mestras que lles corresponden nese nivel educativo.
A vixencia do mesmo é de catro anos aínda que se permitirá facer variacións anualmente.

Plan Dixital (preme para acceder ao link)