Inicio


Benvidos a Ciclosadmisión (Curso 2024-2025)

Ciclosadmision é unha aplicación desenvolvida pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional:

  • Admisión a FP: ciclo medio e de ciclo superior  e cursos de especialización en centros docentes sostidos con fondos públicos. 
    • O asistente web para realizar unha solicitude de admisión a ciclos formativos só estará dispoñible durante os períodos de presentación de solicitudes.
    • Vídeo de axuda do asistente web para realizar unha solicitude de admisión a ciclos formativos. Prema aquí
  • Admisión centralizada, é dicir, a través deste asistente web, afecta a:
    • 1º curso de oferta ordinaria (antigamente 1º curso de réxime ordinario).
    • Oferta modular, tanto modalidade presencial como semipresencial ou a distancia (antigamente réxime para as persoas adultas).
    • 1º curso de FP dual intensiva (antigamente FP dual).
    • Cursos de especialización.
    • Probas libres de títulos LOE (habitualmente no mes de abril).
  • Reclamacións: A aplicación informática Ciclosadmisión permitirá a todas as persoas con solicitude facer unha reclamación se o estiman pertinente . Esta opción só estará dispoñible durante os períodos de reclamacións establecidos. Instrucións para realizar reclamacións (pendente).
  • Na admisión a ciclos formativos durante o período de tempo comprendido entre a finalización dunha adxudicación e a seguinte, así como antes da 1ª adxudicación, as persoas inscritas non poderán acceder á aplicación.
  • Admisión non centralizada (entrega presencial no centro de matrícula) unicamente no caso de 2º curso de réxime ordinario e de FP dual. É dicir, entregar unha solicitude en man no centro de matrícula pedindo só un ciclo dese centro.
  • Recomendámoslle que verifique no calendario de admisión os acontecementos relevantes do procedemento de admisión:

Máis información:

 

  • Lembre que a normativa prevalece sobre calquera outra información. As axudas desta aplicación conteñen información de carácter xeral extraída da normativa, polo que calquera dúbida ou contradición se resolverá atendendo á normativa vixente.

 

 

PROGRAMA RETORNA TALENTO FP - CONVOCATORIA 2024/25

Programa de bolsas para menores de 45 anos residentes no estranxeiro, que poderán iniciar en Galicia estudos de FP, que se ofertarán en dúas modalidades:

Modalidade A

Bolsas de 6.500 euros para cursar programas específicos de formación profesional:

  • Formación específica básica de albanelaría e fontanería (597 horas), en A Coruña
  • Formación específica básica de fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios (860 horas) en Ferrol, A Coruña.

  • Formación específica básica de fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios (860 horas) en Culleredo, A Coruña.

Non hai requisitos de titulación.

Valorarase a experiencia laboral e formación relacionada coa praza que se solicite.

Modalidade B

Bolsas de 10.800 euros para cursar un ciclo oficial de FP en modalidade semipresencial e a distancia dual.

A modalidade B transcorre en dous cursos académicos:

1. Curso 2024/25. Desenvólvese en tres fases:

-   Unha primeira a distancia que podes seguir desde o teu país de orixe a través da plataforma fpdistancia da Consellería de educación, para a que necesitarás ordenador e conexión a internet. O curso organízase por módulos formativos (materias) e cada un deles está asignado a unha ou un docente que che guiará e acompañará no proceso formativo. Ten en conta que, aínda que sexa unha modalidade a distancia, tes que cumprir os mesmos requisitos académicos que se fose presencial (estudo, entrega de tarefas e realización de probas de avaliación).
-   Unha segunda fase realízase unha vez que viaxes a Galicia (máis ou menos no mes de febreiro) e entón terás que incorporarte ao centro educativo e ás clases presenciais do ciclo, onde continuará a túa formación académica e a túa preparación para incorporarte ás prácticas na empresa que te seleccionara.
-   A última fase desenvólvese no centro de traballo no que realizarás as prácticas formativas. As prácticas realízanse en xornada completa de traballo (8 horas/día) e a empresa darache de alta na Seguridade Social e cobrarás un soldo ao mes independente da bolsa do programa Retorna Talento FP, ou sexa, que ese soldo cobraralo a maiores da bolsa. Na empresa estarás ata agosto de 2025.

2. Curso 2025/26. Dúas fases que se corresponden coa segunda e terceira do curso anterior, ou sexa, unha primeira fase presencial no centro e unha segunda de novo na empresa nas mesmas condicións que o curso anterior (alta na seguridade social e soldo).

Os ciclos que se ofertarán son:

  • Ciclo superior de Deseño e Amoblamento, en Ferrol, A Coruña.

  • Ciclo superior de Proxectos de edificación, en A Coruña.

  • Ciclo superior de Desenvolvemento de proxectos de instalacións térmicas e de fluídos, en Culleredo, A Coruña.

  • Ciclo superior de Xestión de aloxamentos turísticos en Vilamarín, Ourense.

  • Ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia en Redondela, Pontevedra.

Para optar a esta axuda é necesario acreditar titulación homologada ou en proceso de homologación (Título da ESO ou equivalente para ciclos medios, e título de bachiller ou equivalente para ciclos superiores)