Menús

Ruta: Administrar > Construción da páxina > Menús

Menús

O concepto Menú en Drupal engloba dous conceptos relacionados pero diferentes: os menús e os elementos de menú.

Os elementos de menú sempre colgan dun elemento principal ao que denominamos Menú.

Os menús diferéncianse funcionalmente dos elementos de menú en que só poden ser creados manualmente (agás certo tipo de menús especiais como veremos máis adiante).

Menú e elementos de menú

En canto aos elementos de menú podemos dicir que principalmente existen dous tipos:
  • Elementos de menú estáticos: creados manualmente polo usuario. Só é recomendable utilizalos cando enlazamos páxinas externas á nosa, por exemplo, un enlace a Google..

  • Elementos de menú dinámicos: créanse a partir das categorías, e é por iso que disfrutan do alto número de funcionalidades dinámicas que teñen estas (permisos, xestión, rss...)

Percorrendo a pantalla de configuración Menús (pestanas de esquerda a dereita):

  • Lista: nesta fiestra vemos todos os menús que hai creados no portal. As súas partes son as seguintes:

    • Título do menú: en cor gris, é o nome que lle deamos na pestana Engadir Menú.

    • Editar: accederiamos á mesma pantalla que cando creamos o menú en Engadir Menú. Só poderemos modificarlle o nome.

    • Borrar: elimina o menú. Se un menú ten elementos de menú no momento de ser eliminado, estes pasará a formar parte do menú de Navegación (menú especial que sempre está presente).
    • Engadir elemento: Accederiamos deste xeito á pantalla Engadir elemento de menú, que veremos a continuación. Permite engadir un elemento de menú estático dentro do menú actual.

    • Elemento de menú: Cada un dos enlaces que colgan do menú. Estes enlazarán categorías cando sexan dinámicos ou sitios concretos se son propiamente ditos elementos de menú (estáticos). Se os elementos de menú teñen un ou máis guións, indicará que colgan dalgún pai, e ó mesmo tempo este elemento pai pode colgar doutros.

    • Expandido: Como vimos en "Engadir elemento de menú", ou veremos no proceso de creación de Menús Dinámicos, esta configuración indicará se os elementos fillos se amosan despregados ou contraídos.

    • Operacións: permítenos actuar sobre os elementos de menú, xa sexan dinámicos ou estáticos, para editalos novamente, desactivalos ou borrar (elementos de menús estáticos) ou reinicialos (elementos de menú dinámicos)
      Ao reiniciar un elemento de menú dinámico volve a quedar relacionado no menú de Navegación que, como veremos a continuación, é onde orixinariamente quedan asociados ao converter unha categoría en menú mediante a opción de Taxonomía - Menú, vista anteriormente (apartado 2.1 do curso).
Menú e elementos de menú
  • Engadir elementos de menú (estáticos):

    • Os elementos de menú permítennos principalmente enlazar a páxinas externas e integralas na árbore de menús (Lista) da aplicación. Configurar unha web dinámica en base a contidos enlazados a través de elementos de menú estáticos sería un erro, polo que non recomendamos esta prácticas, salvo para determinadas e contadas ocasións. Dentro da ficha de creación de elementos de menú atopamos os seguintes campos:

      • Título: é o nome do elemento de menú.

      • Descrición: a descrición amósase cando, unha vez creados, detemos o rato enriba do elemento do menú sen clicar nel.

      • Ruta: indicaremos a URL coa cal queremos enlazar. Aínda que podemos indicarlle unha ruta interna da páxina, isto só nos servirá en contadas ocasións. Por norma xeral, utilizaremos esta opción para enlazar páxinas externas (Correo Edu, Portal Educativo, Google, Proxecto Webs Dinámicas, etc...).

      • Expandido: como dun menú poden colgar outros, se seleccionamos esta opción de Expandido estes fillos amosaranse de xeito predeterminado.

      • Elemento pai: tratándose dun elemento de menú, utilizaremos este despregable para seleccionar de onde vai colgar o enlace que estamos a crear. Cando seleccionamos a opción de Engadir elemento directamente desde o menú (como vimos no punto anterior), entón como elemento pai xa figura o menú en cuestión.

      • Peso: Co peso indicase a posición relativa que vai ter con respecto o resto dos vocabularios ou termos, segundo sexa o caso, que estean no mesmo nivel. Sendo ordenados de menor a maior peso, aparecendo na parte superior os de menos peso. No caso de ter o mesmo peso ordénase alfabeticamente. Como recomendación, non é aconsellable variar o peso aquí, senón que sería mellor facelo nas categorías, excepto, loxicamente, para os elementos de menú estáticos.

Engadir elemento de menú
  • Engadir menú:

    • Un menú é parte principal das árbores de menús, a raíz do menú. Del poden colgar tanto elementos de menú (estáticos) ou categorías transformadas en menú (dinámicos). Cada vez que creamos un menú. Posteriormente falaremos dos bloques, pero xa adiantamos que cada vez que se crea un novo menú xa se crea tamén un bloque na lista de bloques.

    • Unha vez teñamos engadido un novo menú, automaticamente volveremos á pestana de Lista, onde xa podemos localizar o menú recén creado, que aparecerá ao comezo da lista.

Engadir menú
Lista: menú recén creado
Drupal trae configurados por defecto uns menús que veremos máis abaixo, na sección Menús con comportamentos especiais, pero ademais destes, os responsables do Proxecto Webs Dinámicas crearon un modelo específico cuns menús pre-configurados para os centros educativos:
  • O Centro
  • Actividades
  • Alumnado
  • Pais/Nais
  • Departamentos
  • Profesorado
  • Biblioteca
  • Revista escolar
  • Suxerencias
Estes menús a maiores están postos a modo de exemplo e como punto de partida para iniciarse e familiarizarse no uso de Drupal, pero cada centro pode modificalos, eliminalos ou crear outros propios.

Unha vez que creamos un menú debemos configurar que elementos colgan del para poder continuar traballando. Antes de ver como realizar esta acción, sigamos vendo o resto de opcións dispoñibles. Ao final deste documento, indicaremos de forma resumida cales son os puntos básicos para crear un menú tanto dinámico (a partires das categorías creadas anteriormente) como con elementos estáticos (enlaces a URL's externas).

     
  • Opcións:

    • As ligazóns primarias e secundarias proporcionan un sistema de navegación por menús que, dependendo da plantilla, soe aparecer na zona superior dereita da fiestra do navegador. Por defecto xa existen dous menús definidos para tal fin: Enlaces primarios e Enlaces secundarios. Nos despregables que aparecen nesta sección de Opcións podemos asociar con estes Menús calquera das categorías existentes no noso sitio. En calquera caso, recomendamos non variar a configuración orixinal que se observa na seguinte imaxe.

Opcións de Menús

Tipos de Elementos de Menús

  • Estáticos: creados polos usuarios, son os enlaces que xa coñecemos das páxinas estáticas. Simples vínculos que enlazan a outras páxinas.

  • Dinámicos, creados pola aplicación: quizais un dos procesos máis importantes que imos ter que realizar como administradores do Proxecto Webs Dinámicas. Como xa vimos anteriormente, unha vez que temos unha Categoría creada e activamos a opción de Normal no apartado Taxonomías - Menú, a categoría convértese automaticamente nunha opción máis do menú de Navegación (menú do usuario). O que teremos que facer é cambiar a ubicación desta opción de menú creada desta forma e levala a un novo Menú creado para tal fin. Vexámolo mellor cun exemplo:

Pasos para a creación dun novo menú dinámico (importante)

    • Imaxinemos que no noso sitio Drupal creamos unha nova categoría coa seguinte estrutura:
      • Vocabulario: Deportes
        • Termo 1: Baloncesto
        • Termo 2: Balonmán
        • Termo 3: Tenis
    • Unha vez creada esta Categoría iremos a opción Taxonomías-Menú (Administrar > Configuración da páxinas > Taxonomías-Menú) e seleccionamos a opción Normal dentro da Categoría Deportes recén creada. Unha vez gardados os cambios xa observamos que Deportes aparece como unha opción dentro do menú de Navegación do usuario Administrador.
    • O seguinte paso será crear un novo menú (Administrar > Construción da páxina > Engadir menú) o cal, importante, levará por Título o mesmo nome que lle puxemos ao Vocabulario da Categoría.
    • Creado o novo ménu Deportes, a aplicación sitúanos automaticamente na Lista de menús. Descenderemos pola lista de menús ata atopar o menú de Navegación, onde buscaremos a opción correspondente coa categoría creada, no noso exemplo Deportes. Unha vez localizada tamén podemos observar como aparecen dependentes desta categoría os termos creados: no noso exemplo, Baloncesto, Balonmán e Tenis (obsérvese a imaxe seguinte).
Categoría dentro do menú de Navegación
    • Agora será o momento de mover esta opción de Deportes para que abandone o menú de Navegación e pase a depender (pai) do menú creado para ela, que leva o seu mesmo nome. Trátase de mover a Categoría Deportes do menú de Navegación ao menú Deportes. Para facer isto debemos de premer sobre o opción editar que aparece na fila de Deportes.

Editar categoría para modificar a súa ubicación
    • Na ficha de edición do elemento de menú cambiaremos o Elemento pai de forma que o pasemos de Navegación ao menú desexado, no noso exemplo Deportes. Deste xeito coincidirán o Título do elemento do menú co Elemento pai (porque decidimos que o novo menú se chamaría igual que o Vocabulario da Categoría).
      [Truco: para localizar no despregable o menú desexado, unha vez que o teñamos despregado podemos premer no teclado sobre a letra inicial do menú buscado ("d" neste caso). Así seleccionarase o primeiro menú que atope que comece por esa letra. Se temos sorte xa aparecerá o desexado e se non, estaremos máis preto)]
Cambiar elemento pai
Imaxe superior: situación orixinal
Cambiar elemento pai
Imaxe superior: situación final

Nota: Debemos ter en conta que os Menús aparecen aliñados a esquerda (Deportes). Os Vocabularios asociados aos menús aparecen sangrados mediante dous guións (--Deporte), e os termos aparecerán sangrados con catro guións (----Baloncesto). Así que sempre buscaremos os menús que estean aliñados á esquerda completamente, sen guións.

    • Nestes momentos teremos xa a categoría (co seu Vocabulario e os termos) asociada ao menú correspondente.
Menú coa nova categoría recén asociada
    • Para finalizar este proceso só nos queda desactivar o nome do Vocabulario. Deste xeito evitaremos que se repita na vista da páxina o nome do Menú e o nome do Vocabulario, xa que ambos coinciden. Esta acción realizámola simplemente premendo sobre o botón desactivar situado na liña do Vocabulario a aceptar dito cambio. Agora o menú quedaría como se ve na imaxe.

Menú co vocabulario desactivado
Chegados a este punto, xa temos todo o traballo de Menús realizado, pero na páxina aínda non está visible, xa que para facer visibles os menús debemos de empregar os Bloques, que serán os elementos que nos permitan ter visibles ou non o seu contido, xa sexa un menú ou outro elemento, e tamén os Bloques son os elementos que se empregan para construír o deseño da paxina, colocándoos na marxe dereita, na marxe esquerda, máis arriba, máis abaixo, etc. Como xa dixemos anteriormente, unha vez que creamos un Menú, automaticamente xa se creou tamén un bloque. Pero isto o veremos no seguinte punto do curso.

Outras características

Aparte dos menús dinámicos baseados nas categorías, tamén existen menús dinámicas que crea a propia aplicación a raíz da instalación de novos módulos que ofrecen novas funcionalidades.

Menús con comportamentos especiais - Menú Navegación

O menú principal que atoparemos na nosa páxina é o menú de navegación. Nel podemos atopar os seguintes enlaces, entre outros:

  • A miña conta: permítenos acceder ós datos da nosa conta (perfil, arquivos, notificacións...)

  • Artigos recentes: amosa unha lista dos últimos artigos publicados

  • Audio: accedemos aos contidos de tipo audio publicados no portal.

  • O meu blogue: accedeao teu blogue para consultado ou editar as diferentes entradas.

  • Buscar: accedemos á páxina de búsqueda de contido. Normalmente está desactivado o enlace xa que se soe poñer unha caixa de búsqueda na páxina principal.

  • Crear contido: para comezar a crear contido (Páxina, Historias, Foro, Imaxe...).

  • Mapa do sitio: enlace que se crea ao activar o módulo Site Map. Normalmente móvese aos enlaces primarios ou secundarios.

  • Agregador de novas: acceso á lista de novas ás que estamos sindicados a través de RSS.

    • Categorías: acceso á lista de novas por categorías.

    • Orixes: acceso á lista de novas por orixe.

  • Administrar: acceso á zona de administración da nosa páxina.

  • Saír: desconéctanos da páxina pechando a sesión do usuario.


En resume:

Para a creación de Menús na nosa páxina deberemos de realizar os seguintes pasos:

    1. Crear unha Categoría co seu Vocabulario e os seus Termos.
    2. Ir ao Taxonomías-Menú e activar a opción Normal para a Categoría recén creada.
    3. Ir a Menús e crear un novo Menú que levará o mesmo nome que lle demos á Categoría.
    4. Buscamos dentro do menú de Navegación o elemento de menú correspondente coa Categoría. Editamos este Vocabulario e substituímos o elemento pai de Navegación polo Menú creado no punto anterior.
    5. Desactivamos o nome do Vocabulario para que non se repita posteriormente na páxina.
    6. Só nos queda facer visible o Bloque correspondente e situalo no lugar desexado (como veremos no seguinte tema).
Última modificación: mércores, 23 de decembro de 2015, 11:06 AM