1.1. Taxonomizar os contidos: categorías
1.1.Taxonomizar os contidos: Categorías
Ruta: Administración > Administración do contido > Categorías
As categorías permiten clasificar e organizar os contidos e decidir o acceso dos usuarios aos distintos contidos e as súas opcións.Este sería o primeiro paso que teremos que dar á hora de empezar a crear o sitio web ou portal. É moi importante que, antes de empezar a crear contidos ou incluso antes de pensar no deseño e aparencia que vai ter o noso portal, teñamos unha categorización de onde se van aloxar os contidos que publiquemos. Haberá que realizar, polo tanto, a estrutura ou mapa do noso sitio.
Esta xerarquización dos contidos será a que nos permite realizar a clasificación dos mesmos e, despois, a distribución da nosa web. Como veremos máis adiante, a partir desta clasificación inicial construiremos posteriormente os menús que aparecerán no portal.
As categorías e subcategorías reciben en Drupal os nomes de Vocabulario (categoría principal) e termos (subcategorías). Cando se fala de categoría normalmente englóbase todo, tanto a principal (vocabulario) como as subcategorías (termos), aínda que ás veces, por comodidade, tamén poderemos ver que se emprega o termo categoría para referirse só á principal. Procuraremos non caer neste erro no curso actual e trataremos de seguir o seguinte esquema de terminoloxía.
Deste xeito cada categoría constará dun único Vocabulario que estará dividido en varios termos. Estes termos, á śua vez, poden estar tamén subdivididos en novos termos, como se indica no seguinte esquema:
Categoría |
Vocabulario (categoría principal)
Termo_1 (subcategoría de 1º nivel)
Termo_2 (subcategoría de 1º nivel)
Termo_2.1 (subcategoría de 2º nivel)
Termo_2.2 (subcategoría de 2º nivel) Termo_3 (subcategoría de 1º nivel) |
En resumo: para realizar unha categorización dos contidos dentro da web deberemos crear unhas taxonomías. Deste xeito deberemos crear diferentes categorías que constarán de vocabulario subdividido en varios termos.
Pódense crear tantas categorías como sexan necesarias, de forma que quede organizado tanto para crear como posteriormente localizar os contidos que aloxe a nosa web.
Exemplo: no modelo que se preinstala aos centros educativos cando deciden participar neste proxecto, unha categoría que vai creada é a de Centro.
Esta categoría está formada por un Vocabulario: O centro, no que se agregaron 4 termos: Localización, Dependencias, Organigrama e Secretaría. Á súa vez, o termo Organigrama subdividiuse en outros dous termos: Consello escolar e Profesorado.
Con esta categorización estaremos creando os compartimentos onde posteriormente aloxaremos os contidos que creemos. Cada contido deberá de ter polo menos un termo onde ser aloxado. Tamén veremos neste curso que un mesmo contido podería aloxarse en varios termos que poden ser da mesma categoría ou de categorías diferentes.
A importancia de categorizar os contidos e de establecer unha clara estrutura de vocabularios e termos na páxina débese a dous motivos:
- De organización: organizar e clasificar os contidos dentro dun ou varios termos.
- De permisos: establecer os diferentes permisos que os usuarios da páxina teñen sobre os contidos. Segundo o termo no que estea asociado un contido, o usuario poderá velo, ou non, poderá borralo, editalo para modificalo... Este apartado dos permisos verémolo tamén máis adiante.
Vista a importancia que ten a creación das categorías, vexamos pois como se fai este labor.
Creación de Categorías: Vocabulario e termos
Na pestana Engadir vocabulario pódese crear unha nova categoría. No momento de facelo hai que ter en conta o seguinte:
- Nome do vocabulario: (* obrigatorio) debera ser un nome significativo, claro e non moi longo, xa que despois tamén o empregaremos para a creación dos menús visibles na nosa páxina.
- Tipos: aquí debemos marcar os posibles tipos de contidos que van poder ir publicados na categoría que se está a crear. Como os tipos de contidos aínda non os vimos neste curso, deberemos de marcar todos eles: Páxina, Historias, Imaxe, Evento...Posteriormente, cando o administrador xa teña maior dominio e coñecemento, xa poderemos determinar se algún tipo de contido o queremos ou non asociar a determinada categoría.
- Xerarquía: marcaremos a opción Simple para poder crear termos dependentes doutros termos (subtermos).
- O resto das opcións ignorarémolas de momento. Indicar só que no caso de marcar Obrigatorio, obrigase a que tódolos contidos que se creen teñan que estar clasificados ou categorizados por un termo desta categoría, o cal, a priori, non é interesante que se faga.
[Nota: Cada vez que se engade unha categoría hai que ir a Taxonomía Acceso: Permisos (ruta: Administrar > Mantemento de usuarios > Taxonomía Acceso : Permisos ) e establecer os permisos por defecto que tomaran os termos que se creen posteriormente baixo esa categoría. Explicaremos este apartado na sección de permisos.]
Unha vez que teñamos creadas as categorías, desde a lista de Categorías, podemos ver na columna de Operacións as seguintes posibilidades:
- Editar vocabulario: pódese variar o nome do vocabulario e as súas opcións (tipos de contido asociado, xerarquía...)
- Lista de termos: accédese aos termos da categoría, podendo modificar a súa posición na páxina, o seu nome...
- Engadir termos: crear novos termos dependentes dun determinado vocabulario. Os termos creados poden adoptar unha estrutura en árbore colgando uns doutros, basta con elixir como pai en lugar de root (selección que aparece por defecto) outro termo creado dentro da categoría ou vocabulario. Exemplo: o vocabulario Profesorado ten dous termos asociados: Profesional e Reunións que están ao mesmo nivel (nivel 1). Para colgar un novo termo que se chame Documentos, do termo Profesorado, os pasos a seguir son os que aparecen ilustrados a continuación. Tamén aparece o menú inicial de Profesorado e o menú final logo de realizar o proceso.
Paso 1:Estrutura inicial do bloque Profesorado |
Paso 2: Engadir termo |
Paso2: introducir o pai e o nome do termo |
|
[Nota: no caso que non interese que o novo termo creado tome os permisos por defecto do vocabulario do que depende hai que ir Taxonomías Acceso: Permisos (Ruta: Administrar > Mantemento de usuarios > Taxonomías Acceso: Permisos) e revisar os permisos para os diferentes roles sobre o termo engadido.]
|
Cando se edita ou crea un novo termo ou vocabulario aparece este cadro para indicar o peso. Co peso indícase a posición relativa que vai ter con respecto ao resto dos vocabularios ou termos, segundo sexa o caso, que estean no mesmo nivel. Sendo ordenados de menor a maior peso, aparecendo na parte superior os de menos peso. No caso de ter o mesmo peso ordéase alfabeticamente. |
Lembra que:
- Para que sexa efectiva calquera modificación realizada e poida ser recollida na páxina web, hai que premer sobre o botón Enviar situado na parte inferior esquerda de cada unha das pantallas.
- Soamente os campos que aparecen con asterisco de cor vermella son de obrigatorio cumprimento para poder enviar os datos.