Carga masiva de usuarios
Preparación e carga dun ficheiro de datos para alta, baixa, matriculación e outras operacións con usuarios da aula virtual.
6. Outras operacións masivas cun ficheiro de usuarios
Podemos utilizar este sistema de carga dun ficheiro con datos de usuarios para realizar máis operacións sobre os mesmos.
Asignar usuarios aos círculos
Podemos utilizar a carga do ficheiro para asignar os usuarios aos círculos.
Deberemos engadir ao ficheiro de datos varias columnas cohortN se queremos engadir cada usuario a varios círculos. Na maioría dos casos cada usuario estaría nun só círculo que sería o do seu grupo-aula, pero tamén pode ser que estean en varios círculos por exemplo para reproducir subgrupos ou grupos-materia.
Así, se no ficheiro de datos de usuarios engadimos a columna cohort1 e nela poñemos para cada usuario o identificador do círculo (campo ID) no que o queremos meter, Moodle fará esta asignación cando carguemos ese ficheiro para dar de alta aos usuarios ou cando o carguemos para actualizalos. Se os usuarios xa existen sería suficiente un ficheiro co par de columnas: username, cohort1. Na seguinte imaxe vemos un exemplo. Se un usuario está nun círculo, e mediante a carga dun ficheiro de datos o asignamos a outro círculo, o usuario quedará asignado a ambos círculos, é dicir, que non modificamos a asignación actual senón que a aumentamos.
Figura1: Datos para asignar usuarios a círculos.
Ademais, na configuración do formulario de carga debemos seleccionar:
- Upload type = Update existing users only (se os usuarios xa existen)
Suspender ou activar contas de usuario
Podemos utilizar a carga do ficheiro de datos para suspender as contas dos usuarios que non queremos que temporalmente volvan a iniciar sesión ou para activar de novo as contas de usuarios que estiveran suspendidas. Os usuarios suspendidos non poderán iniciar sesión pero non se perde ningunha da súa información na aula virtual. A súa conta pode ser activada de novo.
Para realizar esta operación engadiriamos ao ficheiro de datos unha columna de título suspended na que poñeriamos o valor 1 para aqueles usuarios que queiramos suspender e o valor 0 para aqueles que queiramos activar. Se os usuarios xa existen sería suficiente un ficheiro co par de columnas: username, suspended.
Ademais, na configuración do formulario de carga debemos seleccionar:
- Upload type = Update existing users only (se os usuarios xa existen)
- Allow suspending and activating of accounts = Si
Dar usuarios de baixa da aula virtual
Engadiriamos ao ficheiro de datos unha columna deleted na que poñeriamos o valor 1 para os usuarios que queiramos eliminar. Os usuarios cun valor 0 para esta columna non serán eliminados. Non debemos deixar en branco esta columna. Bastaría con que o ficheiro contivera o par de columnas: username, deleted.
Ademais, na configuración do formulario de carga debemos seleccionar:
- Upload type = Update existing users only
- Allow deletes = Si
Cambiar o nome de usuario
Non nos referimos neste caso ao nome de pila e apelidos senón ao nome para o inicio de sesión.
O ficheiro de datos deberá ter as columnas username e oldusername. Na primeira poñeriamos o novo nome que queremos dar ao usuario e na segunda o nome que ten actualmente.
Ademáis, na configuración do formulario de carga deberemos seleccionar:
- Upload type = Update existing users only
- Permitir renomear = Si
Desinscribir usuarios dun curso
Para eliminar a inscrición dos usurios nun ou en varios cursos, deberemos engadir ao ficheiro de datos a terna: (courseN, typeN, enrolstatusN) para cada un dos cursos. Na columna courseN poñeremos o nome curto do curso (igual que faciamos para a inscrición), na columna typeN o rol para o que queremos eliminar a inscrición (1 - Estudante ; 2 - Profesor editor; 3 - Profesor non editor), e na columna enrolstatusN poñeremos o valor 1 (se poñemos o valor 0 ou a deixamos en blanco, non sera eliminará a inscrición do usuario nese curso). Esta lóxica de que enrolsatusN = 1 produza a eliminación da inscrición parece contradictoria, pero hai que ter en conta que esta columna so se usa para eliminar a inscrición, non para engadila. O motivo de que teñamos que incluir a columna typeN nesta terna é que un mesmo usuario pode xogar varios papeis no mesmo curso, e aquí trárase de eliminar a inscrición para un papel concreto.
Ademáis, na configuración do formulario de carga deberemos seleccionar:
- Upload type = Update existing users only