Carga masiva de usuarios
Preparación e carga dun ficheiro de datos para alta, baixa, matriculación e outras operacións con usuarios da aula virtual.
2. Preparación dun ficheiro CSV con datos de usuario
O ficheiro con datos que debemos preparar para a alta de usuarios en Moodle será:
- Un ficheiro de texto plano.
- Cada campo separarase do seguinte mediante o carácter ; (punto e coma)
- A primeira liña serán as cabeceiras dos datos incluídos.
- Cada liña a partir da segunda terá os datos dun usuario.
Poderiamos preparar este ficheiro nun editor de texto plano como pode ser o Block de notas de Windows ou o GEdit de Linux pero ímolo facer nunha aplicación de folla de cálculo porque resulta moitísimo máis fácil (para os exemplos e imaxes utilizaremos o LibreOffice Calc).
Os datos mínimos obrigatorios que debemos incluír neste ficheiro son: username, firstname, lastname, email. Pero imos incluir sempre algúns máis, finalmente:
- username: o nome de usuario para inicio de sesión. Pode conter só: letras minúsculas, números, guión (-), guión baixo (_), punto (.) e arroba (@). Non valen nin tils nin eñes.
- password: será a contrasinal. Podemos optar por poñer a mesma para todos os usuarios e dicirlles que cada un a cambie ao iniciar sesión. Este contrasinal deberá cumprir as políticas de contrasinais configuradas na aula virtual (Ver en Administración do sitio >> Seguranza >> Políticas do sitio). Se como contrasinal poñemos a palabra changeme Moodle obligará ao usuario a cambiar a contrasinal a primeira vez que inicie sesión, esta é sen dúbida a mellor opción para este dato.
- firstname: é o nome de pila.
- lastname: é o apelido, nós poñeremos normalmente os dous apelidos separados por un espazo en branco.
- email: Se estamos preparando este ficheiro porque os nosos usuarios non teñen correo electrónico para darse de alta por si mesmos, como nos piden que poñamos un aquí? Pois temos que poñerlles a tódolos usuarios a dirección nonresponder@edu.xunta.es que é unha conta especial de correo para a que se elimina directamente todo o que se recibe.
- city: localidade ou cidade. Podemos poñer o mesmo a todos e que logo o cambien se queren.
Así que coa nosa aplicación de folla de cálculo favorita podemos crear un novo ficheiro ou no anterior que temos cos datos do alumnado (no caso de tela obtido desde o XADE) engadimos unha nova folla (pestaña inferior) e na primeira fila escribimos as cabeceiras anteriores:
Figura: Cabeceira de datos para alta de usuarios.
Entón agora o que temos que facer é encher esta folla de cálculo cos datos dos alumnos e alumnas que queremos dar de alta. Así que colleremos estes datos da folla de cálculo que preparamos anteriormente (desde o XADE):
- Na columna username copiaremos os da columna USUARIO na que tiñamos o nome e apelidos separados por punto e cos caracteres válidos segundo vimos antes. Para pegar estes datos na columna username, debemos utilizar a función de pegado especial (Menú Editar -> Pegado especial...) e pegar os valores pero non as fórmulas. Unha vez pegados os valores debemos darlle unha revisión por si quedou algún carácter non válido, e nese caso cambialo (podería ser por exemplo unha díerese).
- Na columna password seguiremos as indicacións dadas anteriormente.
- En firstname copiaremos os datos da columna NOME que contén o nome de pila.
- En lastname copiaremos os datos da columna APELIDOS. Como no caso do username non debemos pegar as fórmulas.
- En email introduciremos nonresponder@edu.xunta.es para todos os usuarios. Este sistema de alta de usuarios tamén se pode utilizar para usuarios que teñan un correo válido, caso no que o poñeríamos aquí.
- En city podemos poñer a localidade do noso centro e logo xa o cambiará cada usuario.
- Podemos gardar este ficheiro con formato de folla de cálculo se queremos, pero non é estritamente necesario.
Figura: Folla cos datos de usuario preparados.
O que temos que facer a continuación e gardar esta folla cos datos dos usuarios preparados nun ficheiro de texto en formato CSV. Seguimos estes pasos:
- Situados nesta folla cos datos dos usuarios, imos a función Gardar como da aplicación.
- Na parte de tipo de ficheiro eliximos Texto CSV (.csv)
- Damos un nome ao ficheiro, algo que identifique que alumnado vai no ficheiro, por exemplo alta_usuarios_eso2a (se fose o alumnado do grupo A de 2º da ESO)
Figura: Gardamos como CSV
- Pinchamos en Gardar.
- A continuación temos unha pantalla para elixir as características do ficheiro CSV.
Figura: Características do ficheiro CSV
- Escribimos ; (punto e coma) como Delimitador de campo e borramos as comiñas que aparecen como Delimitador de texto. Pinchamos en Aceptar.
- Sae agora unha ventana que nos avisa de que con esta operación só se gardaron no ficheiro csv os datos da folla actual. Aceptamos. Debemos ter coidado por que agora na aplicación de folla de cálculo non temos aberto o ficheiro orixinal de datos senón o novo ficheiro CSV.
Figura: Datos gardados
- E así obtemos un ficheiro de texto cos datos e o formato requerido para dar de alta os usuarios.
Figura: Contido do ficheiro CSV