Que se aprende a facer?
A competencia xeral deste título consiste en organizar ou supervisar os traballos de mantemento da planta propulsora, maquinaria auxiliar e servizos do buque, a partir da información técnica, así como organizar o servizo de mantemento e montaxe deses elementos en embarcacións en terra, definindo recursos, dirixindo equipos humanos e organizando e realizando as gardas de máquinas, e realizar as tarefas de mantemento, regulación e control garantindo a seguridade da travesía en condicións de calidade e seguridade laboral e ambiental definidas.
En que ámbitos se traballa?
As persoas que obteñan este título han exercer a súa actividade como oficial de máquinas; primeiro oficial e xefe de máquinas en buques e embarcacións de buques civís e de pesca, así como en empresas públicas ou privadas de calquera tamaño dedicadas á construción, a reparación e o mantemento naval, tanto por conta propia como allea. Así mesmo, poderán empregarse, por conta propia ou allea, en pequenas e medianas empresas, de natureza pública ou privada, dedicadas á construción e o mantemento de embarcacións deportivas e de recreo. En determinadas circunstancias, deberán facer uso da lingua inglesa como vehículo de comunicación.
Que ocupacións se desempeñan?
Xefe de máquinas, de acordo coas atribucións establecidas para o mecánico maior naval; oficial de máquinas ou primeiro oficial de máquinas; inspector en empresas pesqueiras; xefe de equipo de mantemento electromecánico de instalacións de industrias manufactureiras e de instalación e mantemento de instalacións frigoríficas e sistemas de climatización; xefe de taller de sistemas eléctrico-electrónicos de embarcacións deportivas e de recreo, de sistemas de propulsión e goberno de embarcacións deportivas e de recreo, de sistemas de frío e climatización, e de servizo de fluídos de embarcacións deportivas e de recreo; encargado de taller de sistemas de propulsión e goberno de embarcacións deportivas e de recreo; perito taxador de embarcacións deportivas e de recreo.
Que título se obtén?
Técnico superior en Organización do Mantemento de Maquinaria de Buques e Embarcacións.
A que outros estudos se pode acceder?
Este título permite o acceso directo a calquera ciclo formativo de grao medio ou superior. Tamén é posible obter o título de bacharelato matriculándose e superando unicamente as materias xerais do bloque de materias troncais da modalidade de bacharelato elixida, e a materia de Lingua Galega e Literatura. Así mesmo, é posible acceder a calquera ensinanza universitaria de grao, de modo directo, sen necesidade de proba. Se o título universitario tivese limitación de prazas o acceso farase tendo en conta a nota media do ciclo formativo.
Titulación profesional
Mecánico/a maior naval. Consulte as atribucións e os requisitos de obtención AQUÍ.