Saltar navegación.
Inicio

Linguas Clásicas

Proxecto sobre o mosaico romano de Panxón

Este curso, na materia de Proxecto Competencial de 1º de ESO, levamos a cabo un proxecto sobre o mosaico romano de Panxón. En primeiro lugar, o alumnado investigou sobre os mosaicos en xeral, para despois centrarse no de Panxón, que ademais debuxaron por grupos en cartolinas. No segundo trimestre, recibimos a visita do profesor de historia e arqueólogo Gustavo Pascual, membro da Asociación para a Repatriación do Mosaico de Panxón, que nos deu unha charla moi interesante sobre como se elabora un mosaico, sobre o valor do exemplar achado en Panxón e sobre as peripecias polas que leva pasado dende que foi atopado ata a actualidade. E finalmente, no terceiro trimestre, e como colofón a todo o traballo previo, elaboramos unha reprodución do mosaico a tamaño case real con teselas de verdade.

Entrega de premios dos concursos de cultura clásica e de tradución 2024

O xoves 13 de xuño celebrouse na Facultade de Filoloxía da USC o acto de entrega dos premios do Concurso Odisea de Cultura Clásica e da Olimpíada de Tradución de Latín e Grego. Alí acudiron dous alumnos nosos, María Abadía e Martín Rey, a recoller os dous premios que gañaron ao longo deste curso: o terceiro premio do Concurso Odisea (que acadaron formando equipo xunto con Paula López), e o terceiro premio de tradución que obtivo Martín na modalidade de Latín.

Parabéns!

Resultados da IX Olimpíada de Tradución de Textos Clásicos

O esforzo e a entrega pagou a pena! Habemus victorem olympicum! O noso alumno, Martín Rey Álvarez, conseguiu alzarse co terceiro premio na proba de Latín competindo contra alumnado de toda Galicia. Moitos parabéns!

IX Olimpíada de Tradución de Textos Clásicos

O 30 de maio, a menos dunha semana do inicio das probas de ABAU, un alumno do noso centro, Martín Rey Álvarez, tivo o valor de se presentar á IX Olimpíada de Tradución de Textos Clásicos, organizada pola sección galega da Sociedade de Estudos Clásicos. Foi unha xornada intensa, na que se tivo que enfrontar a un texto grego de Apolodoro e un latino de Eutropio non vistos previamente, pero tamén resultou unha excelente práctica para os exames da vindeira semana.

Agora, a agardar os resultados!

Resultados do Concurso Odisea 2024

Volvérono facer! Os nosos dous equipos volveron superar cum laude a Odisea deste ano (sorteando os perigos de ciclopes antropófagos ou sereas que enfeitizaban os navegantes con delicias gastronómicas), e unha vez máis temos un equipo no podium da clasificación galega.

Gratulamur vobis opus, insignes discipuli discipulaeque!

Concurso Odisea 2024

Un ano máis, o IES Val Miñor participa no Concurso Odisea de Cultura Clásica, que nesta edición ten como fío condutor a alimentación en Grecia e Roma. O curso pasado os equipos participantes deixaron o listón moi alto. Serán quen os nosos equipos deste ano de volver meterse arriba de todo na clasificación?

Resultados do exame de Latín de ABAU

Un ano máis, celebramos os resultados obtidos no exame de Latín II de ABAU polo alumnado do IES Val Miñor que concorreu á convocatoria ordinaria. Cun 8,44 de media, superaron en 1,5 puntos a nota media do alumnado galego nesta materia.

Parabéns!

Entrega de premios do Concurso Odisea

O 15 de xuño celebrouse na Facultade de Filoloxía da USC o acto de entrega de premios dos concursos organizados este curso pola sección galega da Sociedad Española de Estudios Clásicos. Alí estivo a nosa alumna Lucía, de 1º de bacharelato A, para recoller, en representación do equipo Las Apolonias, o segundo premio do Concurso Odisea de Cultura Clásica (Nadia, a outra integrante do equipo, non puido asistir por ter outra entrega de premios ao mesmo tempo). Acompañárona María e Martín, de 1º de bacharelato A e B respectivamente, que tamén participaran no Concurso Odisea.

Parabéns ás gañadoras e a todos os alumnos do IES Val Miñor que participastes no concurso! Vós sodes o futuro das humanidades!

Velaquí a noticia da entrega de premios na web de SEECGalicia: https://seecgalicia.org/entrega-de-premios-seec-galicia-2023/

Resultados do Concurso Odisea

Un ano máis, o Concurso Odisea estivo cheo de emoción e de preguntas desafiantes, sobre todo as do último día, que, ademais, se tiñan que responder no menor tempo posible. O esforzo dos nosos equipos foi tan épico que algúns participantes mesmo se puxeron máis encarnados ca o río Escamandro cando se enfrontou ao heroe Aquiles. Ao final, todos os equipos completaron esta particular odisea con moi bos resultados e, ademais, temos que anunciar que Las Apolonias, equipo formado por Lucía e Nadia, de 1º de bacharelato A, conseguiron meterse no desempate autonómico e acadaron a segunda posición!

Parabéns a todos os equipos, e grazas por amosardes ante toda a comunidade educativa que as clásicas no IES Val Miñor están moi vivas!

Concurso Odisea 2023

Por segundo ano consecutivo, o alumnado de clásicas do IES Val Miñor participa no concurso de cultura clásica Odisea, que nesta edición ten como tema central a auga na antiga Grecia e Roma. Moita sorte durante esta semana para os cinco equipos participantes. Que Atenea, Apolo e as Musas vos inspiren!

ODISEA

Distribuir contido