Visita ós laboratorios do Hospital Álvaro Cunqueiro
O 16 de marzo o alumnado da materia de Anatomía Aplicada de 1º de bacharelato visitou os laboratorios do Hospital Álvaro Cunqueiro. O obxectivo desta saída foi, por un lado espertar no alumnado a súa vocación polo traballo no ámbito sanitario e, por outro lado, resaltar a importancia das múltiples vías de formación que conducen ó mesmo, máis alá da medicina ou enfermería.
Á nosa chegada ó hospital recibíunos M. Rosario Diéguez, coordinadora de técnicos especialistas da unidade de docencia e formación continuada do CHUVI, quen nos acompañou durante toda a xornada.
Xa no salón de actos, Carolina Sotelino, supervisora da área funcional de laboratorios, explicoulle ó alumnado a importancia do traballo na área sanitaria así como das posibles vías de formación que poden conducilos ó traballo profesional no ámbito hospitalario, e introducíu os diferentes laboratorios que ían visitar xunto con Sonia Mosteiro, coordinadora de Anatomía Patolóxica, e Tirso Docampo, coordinador de Fisioterapia.
Na súa visita o alumnado pasou polos diferentes laboratorios como o de Microbioloxía onde Xurxo Cabrera lles mostrou as diferentes técnicas de identificación de micoorganismos, especialmente do coronavirus causante da COVID-19 que supuxo nos últimos meses unha gran carga de traballo no laboratorio tanto polo número de mostras a analizar como polo reto metodolóxico para poder dar resposta ás necesidades en tempo real.
No laboratorio de resposta hospitalaria, o alumnado observou a robotización no procesado das mostras.
No laboratorio de Anatomía Patolóxica, Sonia Mosteiro explicoulle ó alumnado a metodolxía de traballo dende a recepción das mostras ó diagnóstico, pasando poloas distintas fases de procesado e preparación do material biolóxico para o seu estudo ó microscopio óptico e electrónico.
Finalmente, visitamos as instalación de Fisioterapia guiados por Tirso Docampo.
Agradecemos enormemente a boa acollida, dispoñibilidade e entusiasmo que en todo momento tiveron os responsables desta visita guiada, especialmente Carolina Sotelino quen dende o primeiro momento respondeu á proposta desta actividade dun xeito moi positivo.