Roteiro xeolóxico por Monteferro, unha viaxe de 500 ma
O pasado 1 de febreiro, o alumnado de 4º de ESO e de 1º de bacharelato da materia de Bioloxía e Xeoloxía, realizaron un roteiro xeolóxico por Monteferro.
A península de Monteferro posúe uns indudables valores paisaxísticos, naturais pero tamén xeolóxicos que motivaron a súa declaración como Lugar de Interés Xeolóxico (GM075) polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España en 2019.
O percorrido xeolóxico permite reconstruir a historia xeolóxica da nosa contorna dende hai 500 millóns de anos (ma). A litoloxía de Monteferro está formada por capas de rochas metamórficas flanqueadas na súa cara oeste por unha gran masa granítica. Estas rochas formáronse hai uns 500 ma no fondo do océano que separaba Laurussia de Gondwana. O choque destes continentes para formar Panxea plegou e elevou estas rochas na oroxenia Hercínica hai uns 350 ma.
A rotura de Panxea coa apertura do Océano Atlántico hai 120 ma provocou a colisión dos continentes europeo e africano dando lugar á oroxenia Alpina, hai 80 ma. Esta oroxenia que orixinou as cordilleiras pirenaica e cantábrica deixou a súa pegada na nosa contorna en forma de grandes fallas que permitiron o ascenso de materiais do manto terrestre como o afloramento de rocha diorita en Seixos Negros ou a gran fractura que orixinou a rectilínea liña de costa dende A Guarda ata as Illas Cíes. Estas fracturas permitiron o encaixe dos principais cursos fluviais, río Groba, río Miñor, río Muíños…
Mais recentemente, os continuos descensos e ascensos do nivel do mar durante os periodos glaciares e interglaciares do cuaternario erosionaron a superficie terrestre de tal xeito que se foi orixinando o actual relevo que coñecemos, a enseada de Baiona, a Ría de Vigo, etc.
A saída Roteiro por Monteferro, unha viaxe de 500 ma, realizouse dentro das actividades didácticas do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía e ó abeiro do proxecto “Integrando realidades” do programa Polos Creativos e do proxecto “RENAT (Reconectamos coa NATureza) do programa Proxecta dentro da liña de Paisaxe e sustentabilidade.
Na saída o alumnado estivo acompañado polos Profesores do Departamento Cristina Suárez e Juan Hermida.