CANDO MEDIR O NIVEL DE CO2 COMEZOU A FORMAR PARTE DA VIDA DAS NOSAS AULAS
Remata un curso que será inesquecible para o alumnado, profesorado e todos os traballadores do IES Val Miñor. As nosas aulas enchéronse de metros de distancia entre amigos e compañeiros, mesas cheas de rolos de papel, desinfectantes, hidroxeles, mamparas, máscaras, libros e material imposible de compartir, …
Dende aqueles primeiros días convivimos en aulas e espazos cotiás con portas e ventás sempre abertas de par en par, con chuvia ou vento, con sol ou brétemas. As mantas formaron parte do noso vestiario habitual, xunto cos abrigos, luvas ou bufandas.
Toda medida era pouca para garantir a seguridade de todos. O Equipo Directivo e o departamento de Física e Química, iniciaron o traballo de medir, en determinadas aulas, os niveis de CO2. Para iso mercáronse algúns medidores comerciais que vixiasen a calidade do aire, tentando manter lonxe a tan rexeitada COVID.
Nese tempo o IES Escolas Proval propuxo que os dous institutos do Concello de Nigrán presentáranse aos Premios de Innovación de FP. Eles, centro promotor do proxecto, deseñarían medidores de CO2 (profesores e alumnado dos ciclos formativos de electrónica e departamento de tecnoloxía), colaborando no proxecto algunha empresa do Parque tecnolóxico de Porto do Molle e o noso centro, realizando prácticas e actividades con eses medidores. Día a día o proxecto foi medrando, en medidores (20 na actualidade) e en centros educativos (colaborando na actualidade tamén o Primeiro de Marzo de Baiona).
Dende hai meses, nas nosas tres aulas de 1º ESO e 2º ESO A funcionan 4 medidores, nomeados como CODOS - números 7, 8, 9 e 11. O máis especial foi o nº 7, bautizado polos rapaces como “Steve Rigoberta”. A diario os datos rexístranse automaticamente na páxina http://codos.meteoproval.es/
Dende a súa instalación, un grupo de alumnos e alumnas levaron un rexistro diario de incidencias na aula para analizar a influencia das nosas actividades e hábitos na calidade do aire das nosas aulas. Os resultados foron moi interesantes, valorádeo vós mesmos. Aquí quedan as gráficas dos días 22 e 23 de xuño, é dicir, o último día nas aulas e o primeiro no que quedaron baleiras de balbordos, risadas, berros, leccións, fedellos ... de vida escolar.
Notades a diferenza?
Para rematar, queremos dende aquí, dar as grazas ao profesorado do IES Escolas Proval que permitiu que o noso centro participase no seu proxecto; aos compañeiros do noso centro que colaboraron nel, mais permitídenos que todo o noso recoñecemento sexa para todos os alumnos e alumnas de 1º A, 1º B e 2º A que día a día botaron unha man para que o proxecto fose adiante. Sen vós non sería posible. PARABÉNS POLO VOSO BO FACER!!!
Adxunto | Tamaño |
---|---|
22_06_Graficas.jpg | 178.95 KB |
23_06_Graficas.jpg | 165.96 KB |