Linguas Clásicas
Resultados dos exames de Latín e Grego de ABAU
Os alumnos e alumnas de Latín II e Grego II realizaron un traballo espectacular ao longo deste curso académico 2021-2022, e o seu esforzo viuse debidamente recompensado nos resultados obtidos polos que se presentaron á convocatoria ordinaria de ABAU. Unha media de 8,88 no exame de Latín e 9,33 no de Grego!
Parabéns, fenómenos!
A asemblea das mulleres
Quen dixo que a literatura da antiga Grecia fose aburrida? Ultimamente estivemos a estudar en Grego II o drama ático e, cando nos tocou centrarnos na comedia de Aristófanes, tivemos a oportunidade de pasar un rato divertido coa lectura da súa obra A asemblea das mulleres, chea do humor chabacano do que tanto gustaban os atenienses da época clásica.
Mesmo houbo dous alumnos, Ángela González Comesaña e Alejandro Fernández Álvarez, que se animaron a gravar un vídeo sobre o argumento desta comedia. Velaquí tedes un fotograma:
As clásicas co 8-M
Dende clásicas, sumámonos ás celebracións do 8-M co traballo que os alumnos e alumnas de Grego II realizaron sobre Safo, autora de poemas cuxa exquisita calidade literaria xa foi valorada na Antigüidade e que seguen a ter un enorme poder de atracción sobre os lectores e lectoras actuais.
Clasificación final do Concurso Odisea
Despois dunha intensa semana e media durante a cal os nosos alumnos e alumnas participantes no concurso se tiveron que enfrontar a preguntas nalgúns casos realmente complicadas, probas contrarreloxo e un desempate autonómico, os dous equipos demostraron que son máis veloces que Aquiles de pés lixeiros e foron quen de contestar correctamente case todas as preguntas en tempo récord, situándose entre o top vinte dun total de 197 equipos.
Parabéns, ὦ ἥρωες!
Concurso Odisea 2022
Esta semana, dous equipos formados por alumnado de 2º BACH A están a participar na edición de 2022 do Concurso de Cultura Clásica Odisea, organizado pola Sociedade Española de Estudos Clásicos. Ao longo da semana, terán que se enfrontar a unha serie de preguntas relacionadas con mitoloxía, historia ou literatura do mundo grecorromano que este ano teñen como tema común a arte.
Moita sorte, Mirmidóns e Pantocrator!