O estudo da materia de Historia do Mundo Contemporáneo é esencial para o coñecemento e a comprensión do mundo actual. Historia do Mundo Contemporáneo pretende ofrecer unha visión de conxunto dos procesos históricos fundamentais do mundo pero prestando, cando é preciso, unha especial atención a España e a Galicia.
Os contidos de Historia do Mundo Contemporáneo
arrancan dun estudo do Antigo Réxime e a súa crise e, a partir da Revolución
Industrial e as súas consecuencias, chegan ao século XX, facendo especial
fincapé na Europa de entreguerras e na segunda Guerra Mundial, establecendo
unha caracterización específica do mundo desde os anos cincuenta do século XX
ata o mundo actual, definido polas áreas xeopolíticas e culturais, dentro da
globalización, cos conflitos que o caracterizan, sen pasar por alto o final do
bloque comunista e as novas relacións internacionais xurdidas despois dos
atentados de Nova York ou o xurdimento do radicalismo islámico. Ao tratar de
analizar tales feitos, a historia enriquécese coas achegas doutras disciplinas
e mesmo coas conclusións da investigación xornalística dos acontecementos.
Podemos incluír tamén a análise noutros idiomas, o uso das tecnoloxías da
información e da comunicación, a crítica dos medios de comunicación, a
reflexión sobre a diversidade cultural, a historia oral ou a comparación con
novelas históricas deses feitos históricos.
- Teacher: Eduardo Sánchez Novais