O alumnado de Ciencias de primeiro de Bacharelato participa no GALICIENCIA 2018.

O proxecto presentado polo alumnado de Bioloxía de 1º de Bacharelato do IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo foi seleccionado para participar en Galiciencia, a maior feira científica da comunidade, que se celebrará en Ourense, do 9 ao 11 de maio. Está representado polas alumnas  Lidia Barreira e María Bouso.  Presentan o proxecto Rebinxe, para a recuperación da biodiversidade nos concellos de Mondoñedo, Abadín e Lourenzá. Galiciencia desenvolvese na Tecnópole de San Cibrao das Viñas e céntrase no cambio climático.

 

 

 

https://i.avoz.es/sc/tSokwLyH7W_b3mNjwDXU_mxMt_E=/600x/2018/05/09/001215... 600w, https://i.avoz.es/sc/bNaXCvFrw-fVCuRiYU_RhIayBYA=/900x/2018/05/09/001215... 900w" width="760" height="427">

Presentación del proyecto Rebinxe en el Salón de Plenos del Concello

 

 

O IES San Rosendo de Mondoñedo elabora o proxecto Rebinxe para recuperar a diversidade agrícola no medio rural. O Concello colabora co proxecto. Esta iniciativa será desenvolvida polo alumnado que cursa a materia de Bioloxía en primerio de bacharelato. Rebinxe inclúe a posta en marcha dunha serie de accións coas cales tanto os agricultores e gandeiros así coma o medio ambiente e os ecosistemas da contorna sairán beneficiados.

Ademais do Concello de Mondoñedo e do IES San Rosendo, no proxecto tamén colabora a Sociedade Galega de Ornitoloxía e Morcegos de Galicia, ademais de que conta coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Actuacións:

Este proxecto levarase a cabo durante os vindeiros anos e con el búscase a participación non só da comunidade educativa, senón tamén a implicación de toda a veciñanza de Mondoñedo e doutros concellos da comarca onde o medio agrícola-gandeiro é protagonista para así mellorar a situación do agro.

Para dar a coñecer este proxecto, dende o departamento de Bioloxía xuntoco alumnado desta materia editarán e repartirán un folleto divulgativo no que se explique en que consiste o proxecto así como as vantaxes do control natural de pragas e dun agro diverso, e onde se poderá atopar unha guía de boas prácticas para conseguilo. Con estas medidas os agricultores poden evitar riscos para a súa propia saúde, a do medio, obter melloras na produción dos cultivos, aforrar custos e loitar máis eficazmente contra as pragas. O folleto explica como poden colaborar con Rebinxe e os medios de contacto.

De igual xeito, tamén se prevé a realización de charlas e parladoiro onde se dará a coñecer a actividade e como participar neste proxecto. Nas vindeiras datas achegarase máis información sobre os días nos que se celebrarán estes encontros.

Características de Rebinxe:

- Un dos seus piares é o control natural de pragas empregando os depredadores naturais e evitando o uso de biocidas. Así, levarase a cabo a construción e instalación de caixas niño e refuxios para especies moi eficaces no control de pragas de roedores e insectos (curuxas, mouchos, páridos, morcegos...) e explicarase como favorecer a presenza doutras aves, mamíferos, réptiles e anfibios. Os beneficios desta fauna auxiliar son moi grandes, tanto a nivel de aforro en tratamentos químicos coma o aumento da produción de cultivos.

- Para realizar medidas de xestión e conservación destas especies é necesaria información sobre a súa bioloxía, distribución, lugares de cría, etc.. Para obter estes datos necesitarase a colaboración cidadá. Deste xeito, realizarase un mapa empregando ferramentas web para representar toda a información que chega da veciñanza e familias do alumnado e levarase a cabo a propia búsqueda mediante rastrexo e cámaras de fototrampeo con luz infravermella.

- Buscarase rachar con mitos, lendas e falsas crenzas que recaen sobre algúns destes animais e que dificultan a súa conservación. A divulgación é fundamental.

- Traballarase na mellora do hábitat e condicións da curuxa (Tyto alba), escollida coma ave doano pola SEO, e obterán datos de interese desta especie, cuxas poboacións están en retroceso alarmante.

Máis sobre o proxecto:

En resumo, Rebinxe é un proxecto de traballo colaborativo a medio prazo, onde se promove a concienciación cidadá e no que participará a veciñanza de Mondoñedo e concellos dos arredores. A idea é “a de colaborar diferentes xeracións cun fin común: recuperar a diversidade no hábitat agrícola, ademais de provocar que se senten a falar xuntos sobre o pasado, presente e futuro do noso campo; e volver a ver un agro diverso recuperado de décadas de tropelías, converténdoo nun valor engadido máis para ter de novo aldeas e vilas cheas de xente que poida e queira vivir nelas”, explican dende o departamento que impulsa o proxecto.

Para máis información ao respecto, ademais de asistir aos parladoiros e charlas que se anunciarán nos vindeiros días, tamén se pode visitar a páxina de Facebook ("Proxecto Rebinxe").