Skip to Content

SAÍDAS DIDÁCTICAS A ESGALLA!

A choiva non nos detivo e levamos dúas semanas de saídas didácticas a esgalla! Contámosvos e aprendedes con nós?

O noso alumnado do Stembach, en pleno proxecto de investigación coa Universidade de Vigo, viaxou o martes 29 de outubro á ría de Noia. Alí, nun dos bancos marisqueiros máis importantes do mundo, o do Testal, comezaron a investigar a interacción entre as pradeiras de Zoostera (unha planta mariña) e os bivalvos. 

Ao día seguinte, mércores 30 de outubro, a rolda seguiu co alumnado de 2º de Bacharelato. O obxectivo? Ter unha clase de historia, cine e literatura fóra da aula, no marco que nos ofrecía a cidade de Pontevedra. Comezamos coa maxia do cine, viaxando da man de Amenábar e a súa "Mientras dure la guerra" á Salamanca de 1936, para asistir atónitos, como Unamuno, á tolemia da Guerra Civil; logo, metémonos de cabeza na exposición de arqueoloxía "Galaicos" e tamén nesa xoia do noso patrimonio que é a Sala Castelao, ambas no Museo de Pontevedra; e rematamos deixándonos guiar polas rúas do casco histórico, na procura de toda esa historia que só aparece cando aguzamos e levamos a vista máis aló das vidreiras dos comercios.

O luns 4 de novembro, o noso alumnado de Latín e Cultura Clásica, tivo a sorte de meterse de cheo no Museo Diocesano de Tui, para camiñar entre obxectos arqueolóxicos, rozar cos dedos das mans códices e pergameos medievais, algún con sinatura de raiña, e descubrir esas pezas únicas en España que son os sambenitos, esa peculiar castigo que a Inquisición impoñía, e do que nos quedan os de dúas famiias de Tui en pleno século XVII.

E a semana rematou co xa noso "V Outono Literario", un roteiro de dous días que, rumbo Norte, foi eludindo a choiva para coñecer a casa de Valle Inclán na Pobra do Caramiñal, o espectacular mirador da Curota, ou a Fundación Cela e o Museo do Ferrocarril en Padrón; e para rematar descubrindo todo o patrimonio que atesoura a cidade de Ferrol: desde o porto, estaleiros e Museo de Construción Naval ata o Casino no que Torrente Ballester exerceu como bibliotecario, a casa de nacemento de Concepción Arenal, a do escritor Carvalho Calero, o Museo de Historia Natural ou as máis de trescentas versións das Meninas en estilo arte urbán que encheron de cor e vida un barrio, o do Canido, que semellaba xa condeado ao esquecemento.

E isto non remata aquí! Xa estamos pensando nas seguintes!

Lembrade que NO NOSO INSTAGRAM podedes seguir estas e outras actividades case case en tempo real!



page | by Dr. Radut