VOCABULARIO XERAL DA MATERIA


Aquí están os termos que se piden na proba da ABAU

Explorar o glosario usando este índice

Especial | A | B | C | D | E | F | G | H | I | J | K | L | M | N | Ñ | O | P | Q | R | S | T | U | V | W | X | Y | Z | TODAS

Páxina:  1  2  3  4  5  6  7  8  (Seguinte)
  TODAS

A

Abdicacións de Baiona.

Acto de cesión dos dereitos ao trono español de Carlos IV ao emperador Napoleón quen a súa vez nomea rei de España ao seu irmán Xosé I, rei de Nápoles. Esta cesión ten lugar despois de que Fernando VII se vira obrigado a devolverlle a coroa ao seu pai, Carlos IV, tras a mediación de Napoléon quen convoca a familia real española en Baiona para solventar as súas diferenzas nacidas do motín de Aranxuez. Como consecuencia da abdicación, Napoléon convoca unha Asamblea de Notables en Baiona coa finalidade de lexitimar esta cesión a través da aprobación dunha carta outorgada redactada polo propio emperador, o Estatuto de Baiona. 


Afrancesado

Minoría ilustrada e liberal que apoiaba o goberno de Xosé I Bonaparte no contexto da Guerra de independencia (1808-1814) xa que consideraban que o reformismo autoritario liberal napoleónico era a vía máis indicada para reformar e modernizar España. O termo ten connotacións pexorativas. Coa devolución do trono a Fernando VII os afrancesados foron perseguidos e tiveron que exiliarse.

 


Agrarismo

Movemento reivindicativo e de protesta acontecido na España rural, en especial, en Andalucía e Galicia. No sur peninsular, as revoltas protagonizadas polos xornaleiros e influenciadas polo anarquismo, ocuparon latifundios, queimaron colleitas e atacaron a propiedade privada dos terratenentes. Estas accións de carácter espontáneo sacuden periodicamente esta zona rematando sempre cunha dura represión. En Galicia, as reivindicacións están orientadas a conseguir a redención dos foros e criticar a negativa influencia do caciquismo na modernización e defensa dos sectores produtivos propios. Destaca Acción Galega de Basilio Álvarez na segunda década do s. XX


Antigo Réxime

Sistema político, social e económico que domina en Europa dende o s. XV ata finais do s. XVIII, caracterizado polo predominio dunha economía agraria de subsistencia, unha sociedade de tipo señorial, dividida en estamentos, e unha concentración do poder político en mans dun monarca absoluto. Este sistema será criticado polos pensadores da Ilustración e caerá coa vaga das revolucións liberais do s.XIX.


Aula Rexia

Órgano ou institución creada en época visigoda atribuída a Leovigildo que facía as funcións dun consello real. Os seus membros son designados polo rei, ten carácter consultivo e xurde para auxiliar ao rei nas tarefas de goberno, elaborar as leis e impartir da xustiza. A monarquía visigoda tiña un carácter electivo e mantiña unha dependencia intensa respecto das familias nobiliarias.


B

Bárbaros

Nome que daban os romanos aos pobos que vivían máis alá do “limes” do imperio. Tería polo tanto un significado de estranxeiro por contraposición coa poboación que tiña o dereito latino ou o dereito de cidadanía romana. A crise do Imperio do século III d.c. e a posterior chegada de pobos procedentes das estepas asiáticas favoreceron a penetración no mundo romano dos pobos do norte e leste de Europa.


Bienio negro

Tamén coñecido como Bienio de dereitas, é a segunda etapa política da II República (1933-1936) e estivo presidida por Lerroux co apoio parlamentario da CEDA. Despois da vitoria da dereita nas eleccións de novembro de 1933, o seu principal obxectivo foi o desmantelamento das reformas republicanas do bienio anterior. Durante a súa etapa destacan os sucesos da Revolución de Asturias en outubro do 34 e a anulación do Estatuto de autonomía de Cataluña no mesmo ano. Esta etapa remata con escándalos de corrupción que salpican ao goberno, procedéndose a unhas eleccións en febreiro de 1936 que gañará a Fronte Popular.


Brigadas internacionais

Voluntarios estranxeiros (máis de 35.000) que se achegan a España para loitar en defensa da democracia que representaba o réxime republicano e en contra do fascismo que entón xa comezaba a verse un grave problema internacional. A pesar do acordo internacional de non intervención promovido por Gran Bretaña e Francia, era patente que o bando rebelde estaba sendo apoiado por Italia e Alemania polo que moitos destes voluntarios, a maioría afiliados aos partidos comunistas de diferentes partes do mundo, viñeron  a defender a República española. Tiveron un protagonismo especial nas frontes dos arredores de Madrid.  


C

Caciquismo

No  político do réxime da Restauración canovista de 1876, significa o estreito control do voto que exercen os caciques nas eleccións períodicas que se producen dentro deste sistema de turnismo entre o partido conservador e o liberal. Nun modelo político oligárquico onde as crises de goberno e os cambios no executivo implican a necesidade dun parlamento adicto ao partido gobernante obriga a uns resultados electorais previsibles, chegando ao amaño e ás presións na decisión do voto. Aquí é onde entran en acción os caciques, personaxes que exercen unha notable influencia na súa contorna.  Isto acontece fundamentalmente no ámbito rural onde é máis fácil mediatizar o voto a cambio de favores políticos. 


Cantonalismo

Durante a Primeira República española, os federalistas intransixentes, moi vencellados á ideoloxía anarquista, no sentido de estruturar a sociedade en torno a unha adhesión voluntaria das comunas en torno a un proxecto común, proclamaron en xullo de 1873 a independencia política do cantón de Cartagena, sendo imitado por outras localidades de Andalucía e Levante, antes de que se definira a Consitutción republicana e o seu modelo territorial. O cantonalismo enfrontouse ao goberno republicano e deu lugar a un conflito militar, complicando cun problema máis o período político republicano, enfrontado aos carlistas e insurxentes cubanos.



Páxina:  1  2  3  4  5  6  7  8  (Seguinte)
  TODAS