VOCABULARIO XERAL DA MATERIA


Aquí están os termos que se piden na proba da ABAU

Explorar o glosario usando este índice

Especial | A | B | C | D | E | F | G | H | I | J | K | L | M | N | Ñ | O | P | Q | R | S | T | U | V | W | X | Y | Z | TODAS

S

Sanjurjada

Golpe de Estado fracasado, protagonizado polo xeneral Sanjurjo en 1932, coa intención de acabar co réxime republicano. O denominado Bienio reformista, froito da coalición entre republicanos e socialistas, estaba ameazando coas súas transformacións lexislativas os intereses de grupos poderosos como a igrexa, o sector máis conservador do exército, á patronal e os terratenentes. Sanjurjo foi detido, xulgado e encarcerado. Posteriormente co triunfo en novembro de 1933 das dereitas sería liberado. 


Sección feminina

Durante o franquismo a Falanxe tivo un papel moi activo na estruturación dun ideario político e duha serie de órganos e institucións co fin de adoutrinar nos principios básicos do réxime. Con este fin apareceu a Sección feminina que agrupaba as mulleres ás  que  preparaba para ser boas amas de casa e facer servizos sociais. A concepción do papel da muller durante o franquismo subordinabaa ao varón, de xeito que tan só cumpría un papel de reprodución, dependendo do home para todo.   


Semana Tráxica

En Barcelona en 1909, tivo lugar unha revolta popular contra a decisión do goberno de Maura de mobilizar aos reservistas para actuar en Marrocos e sofocar as rebelións que ameazaban as posesións españolas. As clases populares non tiñan posibilidade algunha de librarse do servizo militar ao contrario que a burguesía que podía redimir do servizo a través dun pago. Esa situación inxusta levou a unha mobilización popular en contra do traslado das tropas, pero tamén foi unha algarada de tipo anticlerical que conlevou a destrución de igrexas e violación de monxas e tumbas. O goberno actuou con contundencia efectuando numerosas detencións, responsabilizando dos feitos ao mestre anarquista Ferrer Guardia. O seu enxuizamento casou numerosas protestas por consideralo infundado e acabou por orixinar a caída de Maura do goberno. 


Sindicalismo vertical

Durante o franquismo o sindicalismo de clase foi prohibido e perseguido. Para reemprazar a estes na organización do traballadores e seguindo o ideario da Falanxe, apareceron os sindicatos corporativos. Estes agrupaban a traballadores e patronal que buscaban a través da supervisión paternalista do Estado un acordo que evitara as folgas ou a desorde social. Nos anos sesenta CCOO inflitrouse dentro deste sindicato para arrancar logros na lexislación laboral e melloras salariais e concienciar politicamente aos traballadores


Sistema de quenda

Sistema político da Restauración borbónica baseado na alternancia pacífica e acordada de dous partidos, o conservador e o liberal, dirixidos inicialmente por Cánovas e por Sagasta respectivamente, que aglutinaban as anteriores formacións políticas co obxectivo de que a oligarquía española monopolizase o poder político. Pretende estabilizar a política española fortalecendo o poder civil fronte ao tradicional intervencionismo militar, buscando a través da quenda pacífica imitar o modelo inglés. A realidade era que descansaba no fraude electoral e no sistema caciquil.

 


Sufraxio censatario e universal

Sistemas de expresión da soberanía nacional e popular respectivamente propios, o primeiro, das correntes liberais doutrinarias e, o segundo, das liberais democráticas. O censatario implica a votación da poboación cun determinado nivel de renda o que produce un réxime oligárquico dominado pola alta burguesía. Este tipo de votación foi o característico durante o dominio político dos partidos liberais moderado e progresista en gran parte do século XIX. O universal, relaciónase co liberalismo democrático e ainda que se consagra na Constitución de 1869, non se consolida ata 1890, estendendo o exercicio do dereito ao voto á totalidade dos cidadáns varóns, non así as mulleres que terán que conquistalo na Segunda República, facéndose efectivo nas eleccións de novembro de 1933.