Explorar o glosario usando este índice

Especial | A | B | C | D | E | F | G | H | I | J | K | L | M | N | Ñ | O | P | Q | R | S | T | U | V | W | X | Y | Z | TODAS

M

Manifesto de Sandhurst

Documento redactado por Cánovas del Castillo e asinado por Alfonso XII dende a academia británica de Sandhurst, en 1874, que presenta a necesidade de volver a restaurar aos Borbóns no trono de España coa implantación dun réxime político de monarquía liberal moderada e constitucional en substitución da ditadura de Serrano, no poder tras o golpe de Pavía á Primeira república. Contra os desexos de Cánovas que entendía que este proceso debería chegar como unha necesidade sen intervención do exército, o pronunciamento en Sagunto de Martinez Campos acabará por adiantar e impoñer o cambio de réxime político.

 


Manifesto dos Persas

Manifesto asinado por 69 deputados, de ideoloxía absolutista, en Madrid,  no ano 1814, polo cal se instaba a Fernando VII a derrogar a obra lexislativa das Cortes de Cádiz e a instaurar de novo o Antigo Réxime a súa chegada a España tras o tratado de ValenÇay. Supón o inicio do Sexenio absolutista e será posteriormente respaldado polo Congreso de Viena. O manifesto compara o acontecido nas Cortes de Cádiz en ausencia do rei co suposto costume dos antigos persas de deixar que reine a anarquía por uns días á morte do rei para demostrar ao pobo a necesidade dunha autoridade forte.

 

 


Manso

Parte dun feudo medieval que se corresponde coas terras que un señor feudal distribúe entre os seus campesiños vasalos para a súa subsistencia. A cambio do dereito de uso sobre esas terras os campesiños debían entregar ao señor unha parte da colleita.


Marca Hispánica

Territorios fronteirizos entre o reino franco e o mundo musulmán que viña a corresponder coa zona pirenaica onde xurdiron unha serie de núcleos de resistencia cristiá que sendo vasalos do rei francés, sen embargo, co tempo acabaron por independizarse e acabarían por dar lugar ao reino de Navarra e Aragón. Os territorios que formaron parte da Marca Hispánica eran os condados de Pamplona, Aragón, Sobrarbe, Ribargoza e os condados cataláns. 


Megalitismo

A finais do Neolítico e durante a era do Cobre ou Calcolítico (finais do IV e III milenio a.c.) comezan a aparecer, fundamentalmente no noroeste peninsular unha serie de construcións de finalidade relixiosa e funeraria, feitas con pedras de grandes dimensións, como testemuña principal dunha sociedade agrogandeira máis xerarquizada. Estas construcións presentes en Galicia van dende os menhires (pedra vertical fitada no chan cunha finalidade de sacralización do territorio), as antas (pedras verticais cubertas por unha grande horizontal que servían como unha construción funeraria de tipo colectivo) ata as mámoas ( antas cubertas de terra precedidas dun pequeno corredor).


Mesta

Asociación de tipo corporativa que agrupaba aos propietarios das ovellas meriñas trashumantes, fornecedoras de lá, fundada por Alfonso X, en 1273. O gando era propiedade dos nobres e autoridades eclesiásticas o que determinaba o goce dunha serie de privilexios de paso polas cañadas e pastoreo entre a Cordilleira Cantábrica e Serra Morena, de xeito que en Castela houbo un predominio da actividade gandeira en detrimento das terras de cultivo e bosques. Esta asociación perdurará ata o final do Antigo Réxime en 1837.


Motín de Esquilache

Revolta popular que comezou en  Madrid en 1766 contra o bando publicado por Esquilache, secretario de Estado de Carlos III, no que obrigaba a recurtar as capas e substituir o sombreiro de ala ancha polo sombreiro de tres picos. Estas medidas foron tomadas para evitar a ocultación da identidade na comisión dos delitos, favorecida pola indumentaria tradicional da capa longa e o sombreiro de ala ancha . Estas medidas provocaron unha alteración popular pois foron publicadas en medio dunha crise de subsistencias e unha alza de prezos xerada polas malas colleitas e pola liberalización dos prezos decretada durante o reinado de Carlos III. A presión popular obrigou ao monarca a destituir a Esquilache e a manter a indumentaria. Como consecuencia deste episodio, Carlos III expulsou aos xesuitas de España baixo o pretexto de que foran os institgadores da revolta popular ao estar en contra do regalismo do monarca.


Mourisco

Designa a todo aquel musulmán que se viu obrigado a bautizarse, e con elo, a converterse ao cristianismo, tras o remate da “Reconquista”.  A conversión forzosa dos antigos musulmáns, agora “cristianos novos” ou mouriscos,  foi decretada nun primeiro momento polos Reis Católicos en 1502. A partires desa data, moitos mouriscos seguiron practicando o seu culto e ritos tradicionais en segredo, tendo en conta a orde de expulsión que pesaba sobre todos aqueles que non practicasen o catolicismo. Finalmente, en 1609, Felipe III, defensor do catolicismo que supoñía unha posible conspiración mourisco-francesa, decreta a expulsión deste colectivo de 300.000 persoas, producindo unha fonda crise demográfica e económica perceptible fundamentalmente na Coroa de Aragón.


Movementos antiglobalización

Grupos políticos de diversa filiación ideolóxica (feministas, ecoloxistas, anarquistas, comunistas...) que son críticos coa globalización económica e política. Protestan contra o dominio exercido polas multinacionais e o capitalismo neoliberal sobre o mercado e sobre a toma das decisións políticas, defendendo, pola contra, unha economía máis localizada e centrada nas necesidades das comunidades, promovendo a xustiza social e ambiental e criticando o papel de axentes globalizadores de institucións como o FMI e a OMC. As súas manifestacións e protestas a nivel mundial coinciden sempre con reunións do FMI, OMC, G8. 


Mozárabe

Cristián de orixe hispano-godo que  vivía en territorio musulmán, que co tempo acabaría por adquirir os costumes de vida musulmán e a lingua árabe. Aínda que gozaban de tolerancia sobre o seu culto, estaban obrigados a pagar un imposto ás autoridades musulmáns. No caso de disputa entre eles gozaban de xuíces propios que se rexían polo Liber Iudicorum. Non obstante, hai episodios de revoltas mozárabes na etapa do dominio do emirato dos Omeyas.