A morte e a sociedade
Gustaríache que a sociedade tivese máis recursos e estratexias para superar as dificultades que aparella a morte? Que botas de menos?
Son necesarios os rituais, cómpre que sexan diferentes? Máis intimidade ou máis estratexias colectivas?
Recollerías aspectos positivos da forma en que se vivía a morte, a propia ou a dos próximos, na Galicia tradicional, para unha nova construción social dos procesos mortuorios?
1. Por suposto, penso que sería fantástico que a sociedade fose capaz de mudar a súa concepción negativa, tráxica, sobre a morte, e acadar outra na que esta se vise coma algo mais natural, mais compasiva. Sen embargo, paréceme difícil, ou mais ben, case imposíbel.
A hora de afrontar a morte, cada persoa é diferente, necesitaríase practicamente unha “estratexia” persoal para cada un: os que choran a cachón e rodéanse de xente, os que se pechan en si mesmos e non queren falar.. Ademais, en certo modo, penso que adoptamos unha actitude un tanto egoísta ante a morte. Non queres que morra por ti, polos teus propios desexos, non queres “que te deixe” e choras e sentes rabia.Que pode facer a sociedade contra iso, contra que unha persoa pola súa propia forma de ser, se faga dano a si mesmo, aínda cando entenda que a morte non é algo estritamente negativo?
No que pode axudarnos a sociedade e a entender a nosa propia morte, coma algo natural, común, axudarnos a comprender a morte coma o final do noso propio ciclo, entender que a vida esta para vivila agora, e non vivir esperando a morte. Pode que tamén poida axudarnos a superala morte allea, pero comprendendo sempre a individualidade da persoa.
Persoalmente o que mais boto en falta por parte da sociedade ante a morte, e o respecto e a comprensión. Aquí, enlazo en parte coa seguinte pregunta.
2. Non comprendo, paréceme totalmente ilóxico, eses funerais multitudinarios cheos de xente, que chora, ou simplemente falan relaxadamente mentres a familia capea o temporal. Comprendo, e de feito penso, que os rituais son necesarios, son coma uns “pasos”, obrigatorios despois da morte do defunto, que eu polo menos penso que en parte nos axudan: o feito de ter a obriga de facer algo, un camiño predeterminado, despexar a mente coas organizacións, … Penso que un mínimo ritual é necesario (sexas laico, cristián, ou o que sexa), seguir coa vida normal (ir o traballo, sacar o can…) xusto nos momentos despois da morte dun ser querido, practicamente volveríanos tolos, ou polo menos, iso é o que penso eu. Claro que non significan nada para o defunto, que xa non esta, polo menos para min, en ningures. Pero pode que si axuden os vivos ó pasar o mal trago.
Pero aínda que necesarios, penso que, si, deberían ser diferentes. Na miña opinión, a intimidade neses primeiros momentos, é necesaria. Nese primeiro momento, realmente é necesario rodearse de tanta xente? Penso que algo mais íntimo, so familiares e amigos, sería mais lóxico, especialmente nos tanatorios ¿Por qué ten que haber semellante desfile de xente ante o morto?o morto, morto esta, se o querían ver que o fixesen de vivo! Tanta cerimonia enfocada ó corpo, cando o corpo practicamente xa é o que menos importa, mellor doalo a ciencia como xa propuxeron outros compañeiros, que para min é moito mais digno, que expoñelo diante dunha vitrina, a vista de todo o mundo.
3. Por último non, non se me ocorre ningún aspecto da forma na que se vivía a morte na Galicia tradicional que puidese ser útil, xa que estas, sen dúbida, non estaban enfocadas a axudar os vivos, senón a “reverenciar” os mortos, o cal como xa dixen, para min carece de sentido. Dende logo, o loito paréceme unha completa bobada, vestir de negro non che vai axudar completamente en nada, amargarte e encerrarte na casa moito menos, dende logo, non penso que enterrar aos vivos cando un familiar morre poida ser, en ningún aspecto, positivo.