CONTIDOS DAS COMPOSICIÓNS DAS ABAU. Século XX
Temática sobre as que poden estar baseadas as composicións
Evolución e cambio na España actual
A inicios dos anos 90, a caída da Unión Soviética significou o final da Guerra Fría e a desaparición da tensión internacional derivada da carreira armamentística. Nese contexto, o neoliberalismo, defendido por Reagan ou Thatcher nos anos 80, semellaba ser o triunfador desa pugna ideolóxica entre capitalismo versus comunismo e as súas ideas de menos Estado, menos regulación e máis mercado reforzaban politicamente un proceso imparable de globalización dos fluxos de capital, mercadorías, información e mesmo persoas, auspiciado polo protagonismo indiscutible das multinacionais.
Ese novo tempo consolidado a finais do século XX, grazas ao avance nas tecnoloxías da información e comunicación e ao abaratamento dos medios de transporte, implicou unha descentralización produtiva das grandes empresas e un proceso de deslocalización industrial que afectou a España. O noso país experimentou a competencia da man de obra máis barata dos países do surleste asiático primeiro e despois, dentro da propia Europa, dos países do leste. Moitas empresas españolas seguiron deseñando os seus produtos aquí, pero a produción trasladáronna a outras latitudes onde os custes laborais ou medioambientais son menores ou menos esixentes. Un exemplo constitúeno as empresas de confección. Como consecuencia o mercado laboral experimentou un proceso de flexibilización cun aumento da temporalidade e unha enorme variedade de situacións contractuais. A industria sométese a nunha profunda metamorfose debido á dixitalización dos procesos produtivos, ao desenvolvemento da intelixencia artificial, a robotización ou a explotación do big data. Os ocupados deben ter un nivel educativo máis elevado e nas empresas imponse a formación continua. As tarefas máis mecánicas ou repetitivas son destinadas aos robots que elevan a produtividade das empresas. Esa redución de man de obra empregada no sector secundario e a desindustrialización desencadeou a crise ou o declive de certos espazos de tradición industrial, como a ría de Bilbao, Asturias, Sagunto, baía de Cádiz, Ferrol ou o Baixo Llobregat en Cataluña, especializados en sectores maduros (téxtil, siderurxia, construción naval…) onde os procesos de reconversión industrial non sempre foron exitosos.
A crise económica de 2008, de tipo financeiro, pero que no caso español puxo fin ao boom inmobiliario, afectou a moitas PEMES. Estas víronse na obriga de reestruturarse para defenderse mellor da crise e dos cambios tecnolóxicos e ser competitivas no mercado. A maiores, a crise do mercado interior abocou ás empresas a intensificar a súa internacionalización.
A nivel cultural, a globalización propiciou unha expansión das pautas culturais occidentais por todo o mundo. España polo seu atractivo turístico está ben situada no escaparate mundial aumentando cada ano as súas cifras de visitantes auspiciado polo febre global de viaxar. A oferta turística española atrae non só a un cliente tradicional europeo, senón tamén a poboación do leste e asiáticos. O patrimonio cultural, a gastronomía, o clima, as compras, incluso o atractivo futbolístico son a nosa oferta nun contexto global. Dende mediados dos 90, España convértese nun país de oportunidades para moitos inmigrantes o que nos aboca ao reto de integrar esa multiculturalidade territorializada nos barrios das metrópoles como os do Raval, en Barcelona. O cosmopolitismo e ese mestizaxe chegados polo maior grao de internacionalización de España esperta tamén debates sobre a preservación da identidade cultural e os valores tradicionais.
A globalización tamén nos asoma aos desafíos comúns derivados do cambio climático. España, como país socio da UE, está moi preocupada por limitar o consumo de combustibles fósiles e aumentar a produción de enerxías alternativas como a solar ou a eólica, fomentar a eficiencia enerxética e obrigar ás empresas a desenvolver unha economía circular, limitando os refugallos e depurando e reusando as augas residuais. Para coordinar estes esforzos en preservar os recursos e a biodiversidade creouse o Ministerio de Transición Ecolóxica en 2018.
O Estado de Benestar é unha política que comparten os diferentes partidos políticos dende os tempos da Transición Democrática. A idea de ter un Estado asistencial, que procure uns mínimos de calidade de vida para toda a cidadanía e a creación dun sistema fiscal progresivo que estableza maior carga tributaria en función da renda e que permita unha sustentabilidade dos servizos públicos, garante uns índices maiores de xustiza social. A crise de 2008 e a chegada de gobernos conservadores recortaron esa financiación e mesmo impulsaron medidas para derivar parte destas prestacións ao sector privado. Unha das ameazas sobre este modelo é o custe crecente das pensións e o seu sistema de financiación. España destinou en 2016 a metade do seu gasto en protección social a pagar pensións de xubilación e viuvez, en concreto o 50,4 % do total. O proceso de avellentamento experimentado pola caída da natalidade dende os anos setenta e o aumento da esperanza de vida está a provocar unha inversión da pirámide de poboación coa conseguinte ameaza sobre a viabilidade do sistema de pensións actual construído sobre a solidariedade interxeracional no que os actuais activos (nunha cantidade reducida cada ano) financian aos xubilados (os baby boomers, máis numerosos). Por outra banda, está o fenómeno migratorio que, se ben, vén a ocupar o oco deixado no mercado laboral polas xeracións que agora están a xubilarse e animou unha deprimida natalidade, tamén supón un novo reto para a sociedade española toda vez que debe afrontar o discurso xenófobo en determinadas áreas do país onde a presenza da inmigración é moi notable en sectores como o da agricultura intensiva de invernadoiros (El Ejido) ou nas áreas metropolitanas máis importantes. A migración irregular obrigou a varias regularizacións e ao establecemento de acordos con países do norte de África, que fan o papel de dique de contención a cambio de cuantiosas inxeccións económicas por parte da UE. España é esa fronteira sur da UE e iso crea tensións asistenciais nas costas andaluzas ou canarias.
Precisamente as numerosas mortes de inmigrantes irregulares na perigosa travesía para chegar as nosas costas ou a necesidade de paliar as enormes desigualdades que hai nos países de orixe de moitos destes migrantes subsaharianos espertou unha corrente de solidariedade de voluntarios que despregan programas de cooperación internacional no ámbito educativo e formativo, na atención sanitaria, na creación de infraestruturas básicas. Existe tamén un voluntario social que atende ás persoas que teñen máis carencias materiais e colectivos marxinais dentro do país, complementando un espazo de atención que tradicionalmente estaba ocupado por organizacións católicas como Cáritas. O incremento da conciencia ecoloxista entre a cidadanía anima a existencia dun voluntariado ambiental.
Estas son organizacións cívicas (ONGs) que seguen os principios rectores da Carta de Dereitos Humanos e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS). España incorpórase nos anos oitenta á cooperación internacional, máis tarde que os países da súa contorna. En 1991 finaliza o proceso de incorporación de España ao sistema internacional de axuda e cooperación ao desenvolvemento, ao adherirse ao Comité de Axuda ao Desenvolvemento (CAD) da OCDE. Será nesta década dos 90 na que as ONG comezan a participar de forma masiva no ámbito de la cooperación que ata este momento estaba en mans dos gobernos. A aportación do voluntariado na consolidación dos valores democráticos e no desenvolvemento dunha convivencia cívica é un dos máis valiosos dos últimos 30 anos en España.
Xa no śeculo XXI e a raíz da crise financeira do 2008 que poñía fin a un ciclo expansivo de 12 anos da economía española xurden movementos cívicos moi críticos coa clase política dominante (PP e PSOE) e o seu discurso pouco conectado coas necesidades reais da poboación. Unhas cifras elevadas de paro na mocidade que, ademais, padece uns salarios insuficientes para poder conseguir a independencia económica, e os prezos desorbitados da vivenda; unha mala xestión bancaria que se transfire ao Estado ao ter que salvar ás entidades financeiras; unha oposición cidadá á reforma laboral aprobada polo PSOE, o efecto da Primavera Árabe e a publicación do manifesto: “Indignaos!!” de Stéphane Hessel que chama a unha insurrección pacífica contra o sistema anima a moitas persoas a unha concentración na Porta do Sol de Madrid que acaba en acampada dende o 15 de maio de 2011 ata xuño dese mesmo ano, creando un efecto de imitación nas prazas de numerosas cidades españolas en convocatorias impulsadas a través das redes sociais. A raíz do asemblearismo que caracterizaba estas concentracións foron redactándose unha serie de reivindicacións: cambios na lei electoral, cumprimento dos dereitos básicos da Constitución, unha condena da corrupción política, a recuperación da memoria histórica e a creación dunha banca pública. Desa mobilización xurdiron as “mareas”, en defensa dos sectores públicos fronte a unha tendencia crecente á privatización de parte deses servizos, un exemplo foi a plataforma Marea Verde en educación, a plataforma “Stop Deshaucios” , pero sobre todo, a creación dun novo partido político, Podemos, que canalizou a protesta cidadá da rúa ás institucións onde tivo representación.
Esta vaga de indignación contra un sistema político que se ve dominado polos intereses das grandes empresas e da banca, auténticos beneficiados da desrregularización dos mercados e da privatización de servizos públicos, pero que durante a crise foron salvados polo Estado nun proceso de transferenza de débeda privada a débeda pública, entronca cun cuestionamento dos beneficios da globalización e o neoliberalismo. Os movementos antiglobalización, dende finais dos noventa, foron collendo protagonismo ao poñer en cuestión a vitoria sen contestación do capitalismo global e a lexitimidade das institucións mundiais que o impulsaban.