España en Europa e no mundo

O século XIX termina para España cun papel insignificante a nivel mundial. A perda de Cuba, Filipinas, Puerto Rico e os arquipélagos no Pacífico, coñecido como o desastre de 1898, provocou unha vaga de críticas nas que destacaba as do Rexeneracionismo que pedía europeizar España e modernizar o país a través da loita contra a fame e o analfabetismo. O século comezaba ademais cun deterioro da credibilidade da monarquía e do seu sistema político, a Restauración. O final dese sistema pola substitución dunha ditadura militar acabou por esgotar o escaso crédito que lle quedaba a Alfonso XIII, se ben, eses anos vinte significaron un proceso de modernización das infraestruturas e un aumento dos indicadores de produción que terminaron abruptamente pola crise económica mundial dos anos trinta. Así, con ese panorama crítico a nivel internacional, nacía a Segunda República, un réxime que abordou unha chea de reformas coa intención de acabar cos principais problemas do país, pero que ao afectar nas súas medidas aos intereses particulares do bloque de poder tradicional en España (terratenentes, Igrexa, patronal e Exército), contribuiu a crear un ambiente político e social cada vez máis polarizado. O choque entre o fascismo e o seu autoritarismo contra a democracia establecida e os sonos revolucionarios das clases traballadoras fixeron da II República unha oportunidade perdida de estabilidade política. A Guerra Civil foi un acontecemento moi seguido no exterior. Os fascismos apoiaron ao bando rebelde mentres que a URSS respaldou ao exército republicano a pesar do chamamento internacional a non intervención. Unha vez establecido o franquismo,  o illamento internacional decretado pola ONU contra un réxime nacido da colaboración fascista  acentuou este alonxamento de Europa e da esfera internacional. O contexto da Guerra Fría permitiu á ditadura de Franco saír do illamento co  recoñecemento do réxime por parte de USA, en 1953, por motivos de tipo militar e estratéxicos. En  1955 ingresamos na ONU como un membro máis. O Plan de Estabilización Nacional de 1959 abre a  España aos mercados exteriores e á chegada de investimentos estranxeiros, propiciadores do despegue económico dos anos sesenta (o sobrante de man de obra española migra aos países europeos máis ricos) facendo concibir esperanzas ao goberno franquista de poder ser aceptado como membro da CEE. A falta de democracia e liberdades retrasa o noso ingreso nas institucións europeas ata a Transición Democrática. En 1981, non sen polémica, coa UCD no goberno, pasamos a formar parte da OTAN e o 12 de xuño de 1985, co PSOE, ingresamos por fin na CEE, 8 anos despois de formular novamente o desexo de formar parte desta institución. Estes pasos normalizaron o proceso de transición democrática e axudaron a consolidar un proxecto europeista comezando entón unha resurrección de España no contexto internacional.

En relación á integración española en Europa, debemos destacar que España ingresou case trinta anos despois da súa constitución. As negociacións para entrar foron difíciles, dado que España ofertaba produtos agrícolas e pesqueiros que ofrecían outros países europeos como Francia ou Italia e que sentían os seus intereses ameazados. A súa integración tivo importantes consecuencias para España.

Politicamente, a entrada na CEE permitiu afianzar a democracia e o Estado de dereito en España, así como a súa visibilidade internacional. A nivel europeo o ingreso de España e Portugal fortalecía a idea dunha Europa unida e democrática.

Economicamente, a entrada na CEE estimulará a modernización e a competitividade  da economía española, iniciando un proceso de flexibilización do mercado laboral, de adaptación aos avances da terceira fase da revolución industrial, de privatización das empresas dos sectores industriais básicos en mans do Estado, de promoción da economía de mercado. España ampliaba o mercado e as súas expectativas de venda a unha poboación moito maior, abandonando así o atraso que sufría dende había décadas. Para axilizar ese proceso de reformas, España recibiu da UE numerosas axudas económicas para melloras estruturais. Esta política de axudas tamén beneficiou aos socios europeos que incrementaron os seus investimentos e as súas vendas en España.

A nivel social, o ingreso na CEE supuxo a consolidación do Estado de Benestar e a universalización da sanidade e a educación así como unha harmonización deses sectores aos estándares europeos. A nivel cultural impulsou a mobilidade das persoas para viaxar ou estudar en países membros

España é o segundo estado máis extenso da UE e o quinto máis poboado, o que repercute no número de deputados no Parlamento Europeo e os seus votos no Consello da Unión Europea. A nosa localización xeográfica favorece o seu papel de mediación entre a UE e os ámbitos atlántico e mediterráneo.

España practica unha política dentro da UE de achegamento a Alemania, Francia ou Italia. Un dos obxectivos é o de formar parte do grupo de países máis influíntes, para beneficiarse dos logros da UE (Fondo de Cohesión, política de asilo e inmigración...) e para favorecerse nas relacións internacionais en aspectos como a firma de acordos pesqueiros con África.

Ainda que o PIB español é importante dentro do ámbito da UE, a estrutura económica española en comparación con outros socios europeos presenta algúns problemas: altas taxas de paro na mocidade, á súa especialización en sectores económicos de baixa cualificación (construción, hostalaría e turismo), unha inversión mellorable en I+D+i, un alto nivel da economía somerxida e un menor nivel de formación na súa man de obra. Ademais, a industria do noso país sofre a competencia dos custes de produción máis baixos en países da Europa Oriental, cun alto risco de deslocalización cara esa zona da UE que está a captar as axudas e investimentos europeos en detrimento de España.

España, dende mediados dos 90, pasou de ser un país de tránsito a converterse nun destino de migrantes. Pola súa posición xeográfica forma parte da fronteira sur da UE o que a impulsa a reclamar unha política migratoria común toda vez que ve moi tensionadas de migrantes irregulares as costas máis próximas a África.

En relación ao contexto mundial, España incrementou, nas últimas décadas, as súas relacións internacionais, tanto no ámbito político como no económico. Pertence a diversas institucións e organizacións internacionais (ONU, FAO, Banco Mundial, OCDE...), concede  axudas oficiais para o desenvolvemento dos países con dificultades, favorece a cooperación, a seguridade e a paz a través destes organismos internacionais, colabora con ONGs como Mans Unidas, Médicos Sen Fronteiras..., fomenta unha diplomacia económica para defender os nosos intereses e a imaxe de España no exterior, a través de multinacionais como Repsol ou Inditex e a través dun incremento do comercio exterior español e das relacións financeiras internacionais o que fala da integración da economía española no ámbito mundial, ocupando unha posición intermedia. Ademais practica unha diplomacia cultural para promover as relacións culturais internacionais e difundir a riqueza e cultura do país.  

A situación estratéxica de España, nunha encrucillada de camiños, condicionou a orientación da súa política exterior: interlocutor válido nas relacións europeas co mundo Mediterráneo, en especial, co norte de África e mediador da política europea con América.

A relevancia da nosa política exterior medrou a finais dos anos oitenta tras o ingreso de España na CEE. Co PSOE no goberno perfiláronse os eixos da nosa política exterior: Europa en primeiro lugar, Norte de África, en especial Marruecos, polas cuestións fronteirizas e de mercado enerxético, e Latinoamérica, participando en todos os cumios dos países de América Central e Sur. Por suposto, o feito de pertencer á OTAN e de ser un país da órbita occidental fai que teñamos unha relación de amizade e de aliado político a USA. 

Durante a etapa de goberno de José María Aznar, do Partido Popular, houbo unha reorientación na política exterior de forma que se intensificaron as relacións coa USA do republicano George Bush. Ese maior peso da política atlantista tivo o seu colofón na participación de España na guerra de Irak da man de USA e Gran Bretaña, inmortalizado na icónica fotografía do cumio das Azores, onde participamos pola suposta existencia de armas de destrución masiva por parte de Sadam Husein o que xustificou unha intervención militar en Irak, pero sen a autorización do Consello de Seguridade da ONU, a diferenza da 1ª Guerra do Golfo. Ese conflito acabou por desgastar a credibilidade do PP e, nas eleccións do 2004, a volta do PSOE da man de José Luís Zapatero,  provocou unha volta ás anteriores prioridades encabezada pola Unión Europea.  Este presidente, no 2007,  promoveu a nivel internacional a Alianza de Civilizacións dentro do marco da ONU co fin de combater o terrorismo internacional e fraguar unha aproximación entre Occidente e o mundo islámico para buscar  respostas diferentes ás militares fronte ás provocacións do radicalismo islámico.

Para finalizar no ano 2012 o goberno de Mariano Rajoy creou a denominada Marca España, unha política destinada á promoción e mellora da imaxe de España no exterior para aumentar o nivel de exportacións, as inversións estranxeiras, a internacionalización das empresas e o turismo.