SUBTEMAS DAS ABAU. Séculos XVI, XVII

Posibles temas das ABAU

5. Conquista e colonización de América: leis de Indias, a revolución dos prezos.

Despois do descubrimento de América en 1492 comeza unha longa fase de exploración, conquista e colonización coa intención de incorporar as terras do Novo Mundo baixo o control da Monarquía Hispánica co obxectivo fundamental de obter beneficios económicos a través da explotación dos seus recursos naturais e o sometemento dos pobos indíxenas.  

A conquista organízase de xeito privado, a través de acordos outorgados pola coroa hispana aos conquistadores interesados na exploración e colonización dos novos territorios. Estes acordos, chamados capitulacións, estipulaban as condicións do dereito de conquista, o reparto de riquezas e a obtención de cargos políticos a cambio de poñer o novo territorio baixo autoridade da Coroa e de entregarlle a esta un quinto da riqueza, o denominado quinto real. Entre os máis destacados conquistadores temos a Hernán Cortés que someteu ao Imperio azteca, no actual México, e Francisco Pizarro que acabou co Imperio inca na zona andina do actual Perú, principalmente. Esta conquista deuse en varias fases, principalmente ao longo do século XVI. A partir de aí os españois iniciaron un intenso período de colonización onde trataron de poboar o territorio e artellalo mediante a fundación de numerosas cidades nas que adoptaron un plano en cuadrícula. Esta conquista foi posible grazas á superioridade tecnolóxica dos españois, á división interna dos grandes imperios precolombinos e, sobre todo, ao brutal impacto das enfermidades euroasiáticas (varíola ou gripe principalmente) sobre as poboacións indíxenas americanas. Ao redor dun 90% da poboación pereceu por esta causa.

Como sistema de explotación do traballo indíxena empregouse a encomenda. Os conquistadores obtiñan un número determinado de indíxenas por parte da Coroa a cambio de protección e da obriga de evanxelizalos. Como retribución por isto, os indios debían traballar para os conquistadores a cambio de salarios moi pequenos. Para a explotación mineira, o sistema aproveitado foi o da mita (un tributo laboral establecido anteriormente no imperio inca) onde as comunidades indíxenas proporcionaban os traballadores necesarios para as grandes minas de prata como Potosí, a maior de todas, en Perú,  ou Zacatecas, en Nova España. Traballaban case como escravos. A diminución da man de obra indíxena estimulou outro dos sistemas de explotación: a importación de escravos negros africanos,  un dos grandes negocios na Idade Moderna.

A cantidade de prata extraída de América provocou na península un proceso de inflación tal, que se coñece como a revolución dos prezos. O aumento de metal circulante en España fixo que os prezos escalasen de maneira descontrolada. A prata americana foi clave na financiación das guerras europeas da Monarquía Hispánica e tamén contribuíu ao crecemento económico e á expansión do comercio mundial durante a época moderna.

Para administración das novas terras, denominada As Indias, que pertencían á Coroa de Castela,  creáronse institucións e leis concretas. Para o seu goberno  cráronse o Consello de Indias e para centralizar, controlar e regular o comercio a Casa de Contratación. Instalados inicialmente en Sevilla, converteron a esta cidade, no XVI e XVII, na máis poboada de España.

Creouse toda unha lexislación propia para América (civil, política, social e económica) que se compilou nas chamadas Leis de Indias (fundamentalmente as Leis de Burgos de 1512 e as Leis Novas de 1542). Estas leis regularon a relación entre os colonos e a poboación indíxena (súbditos da coroa), toda vez que Frei Bartolomé das Casas criticou abertamente os abusos dos encomendeiros no trato dispensado aos indios. Nas Leis Novas limítase o traballo forzoso e o sistema de encomenda. O cumprimento destas leis non sempre tivo unha aplicación efectiva.

En América a administración territorial foi dividida en Gobernacións, Audiencias e Vicerreinados.

Se ben é certo que a colonización trouxo consigo melloras técnicas para as poboacións americanas, podemos afirmar que as relacións foron brutalmente asimétricas. A metrópole obtiña grandes beneficios económicos das colonias, administrados por poboación de orixe español principalmente (os crioulos) e os indíxenas e os escravos eran explotados salvaxemente, sendo un dos maiores xenocidios da Historia da humanidade.