SUBTEMAS DAS ABAU. Séculos XVI, XVII
Posibles temas das ABAU
Economía e sociedade na Galicia dos Austrias (a agricultura e as súas transformacións, a importancia da pesca na Galicia litoral, a estrutura social: sociedade rendista e peso da fidalguía)
A Galicia dos séculos XVI-XVII presenta, na súa dimensión socioeconómica, cambios máis tamén continuidades con respecto ó periodo pretérito.
Dende un punto de vista estrutural, podemos afirmar que Galicia, ao igual que o resto de territorios conformantes da Monarquía Hispánica, presenta as características básicas do sistema feudal: sociedade estamental moi xerarquizada e con escasas oportunidades de ascenso social, desigualdade ante a lei e liderada por sectores rendistas (non productores, son a nobreza e o clero), que son señores territoriais e xurisdiccionais sobre os seus feudos e viven fundamentalmente do cobro de rendas aos campesiños que traballaban as terras destes. En relación con esta realidade, cómpre destacar o papel dos fidalgos, unha sorte de baixa nobreza que se incardina no sistema entre o pagador campesiño e o cobrador señor, facendo de intermediario e aumentando o seu patrimonio e importancia social (claramente perceptible na erección de maxestuosos pazos). É perceptible que para moitos grandes señores, desinteresados en labores contables e moito menos “manuais”, todo o que supuxera evitar o traballo era dignificante, polo que arrendan esta xestión ós fidalgos.
A poboación galega, ao igual que o conxunto peninsular, é moza, presentando unha esperanza de vida curta, arredor dos 40 anos. Máis de 4/5 do total da poboación vive no ámbito rural, os centros urbanos son moi pequenos, resulta ser analfabeta (as mulleres na súa práctica totalidade) e traballa nos labores do campo, xestionando unha economía agraria de subsistencia ou autoconsumo (importancia na exigua dieta das fariñas de trigo e centeo, o viño, verduras, pouco consumo de carne…) con apeiros rudimentarios, ausencia de fertilizantes e innovacións salientables. Estes condicionantes explican que dificilmente se xere un excedente unha vez os campesiños teñen que facer fronte á gran cantidade de tributos sobre o producido (décimo eclesiástico...), o empregado (moenda, montazgo...), o consumido (alcabala…) e ó pago das rendas forais. Estes pagos soíanse facer en especie. Debido a esta insuficiencia produtiva da agricultura para xerar benestar na vida cotidiana, foron moitos os que optaron por realizar outras tarefas complementarias ás agrarias na propia casa, coma o fiado de liño, ou decidiron emigrar a Castela, Portugal por un tempo curto ou definitivo.
No que ten que ver coas innovacións chegadas ao sector da agricultura, ante a ausencia de melloras técnicas, temos que resaltar o relevante cambio producido na realidade demográfica galega a partires de mediados do século XVII cando se consolidan na nosa terra os cultivos de dous produtos americanos, millo e pataca, aumentando os niveis produtivos e as terras en labor, e con isto propiciando un crecemento poblacional que mitiga a crise demográfica do século XVII que afecta á toda a península.
Na Galicia costeira, a exigua produción dos minifundios vese aliviada polo traballo no mar, que en todo caso tampouco permite superar o nivel de subsistencia para a meirande parte dos mariñeiros, debido a problemas análogos ós da agricultura (de feito, as innovacións relevantes a nivel técnico e organizativo no terreo da pesca chega cos emprendedores cataláns no S XVIII, ca introdución da arte do arrastre e as fábricas de salgadura), se ben é certo que os gremios de mareantes, coma no caso de Pontevedra, chegaron a ter relevancia económica dentro da súa comunidade. Portos coma os desta cidade, Baiona, Vigo, Coruña… comerciaban con cidades costeiras españolas (Sevilla, Bilbao) e europeas coma Lisboa, Porto, Amberes, Rouen… exportando viños, sardiñas, polbos, pescadas, castañas, cítricos… ou importando cereais, aceite ou sal, que proviña fundamentalmente da cidade lusa de Aveiro e era unha mercadoría básica, xa que permitía a conservación do peixe. Tamén, ainda que en moi contadas ocasións, organizaban campañas de altura, coma a que os levaba a Terranova na busca de bacallau.
A nivel da vida urbana, o rico comercio marítimo vivido nos séculos finais da Idade Media e as actividades artesanais van entrar en decadencia a partir do último terzo do século XVI. A situación marxinal de Galicia dentro da coroa hispana así como a imposibilidade dos portos galegos a participar no emerxente comercio americano e a inseguridade xerada polos piratas e a conflitividade internacional son razóns que poden explicar esta decadencia. O lugar preponderante que ocupan os comerciantes nas ciudades vai ser substituido polos fidalgos, escribanos e notarios.