CONTIDOS DAS COMPOSICIÓNS DAS ABAU. Século XX
Temática sobre as que poden estar baseadas as composicións
Tras á Guerra Civil e a chegada de Franco ao poder, foron moitos os que se mostraron contrarios ao réxime, e dalgunha maneira ou outra, fixéronse ver durante esta longa etapa do franquismo. Por unha parte, os exiliados, obrigados a abandonar o país como consecuencia da súa derrota e co fin de escapar do represivo sistema. Unha parte deses exilados marchan a Francia onde serán concentrados en campos de refuxiados no sur do país e vivirán nunhas condicións lamentables ou tiveron problemas coas autoridades francesas cando, tras a ocupación nazi, buscaron a republicanos significativos (Compayns, Zugazagoitia, Joan Peiró) para entregalos ao réxime de Franco. Un sector deses exilados pasou a formar parte da Resistencia francesa contra a ocupación nazi. Dalgunha forma a Segunda Guerra Mundial servíalles outra ocasión para loitar contra o fascismo. Unha parte moi importante da intelectualidade española marchou para México e outros países latinoamericanos, quedando o país descabezado de pensamento. Á URSS, durante a guerra marcharon os denominados nenos da guerra (uns 3000) e membros do partido comunista.
Dende o exterior, figuras políticas e intelectuais tentaron manter viva a Segunda República sen moito éxito, sobre todo, porque o contexto internacional da Guerra Fría acabou por favorecer a Franco. Salvador de Madariaga foi un dos máis activos nas protestas contra o réxime fascista instalado en España. A finais dos anos 40, para maquillar a imaxe do réxime cara fóra, a intensidade da represión diminuiu e mesmo sairon da cárcere presos políticos.
No interior do país atopamos os maquis, guerrilleiros pertencentes a grupos ou partidos antifranquistas trasladados ao monte para continuar a loita e derrocar o sistema. Para eles a guerra non terminara e entregáronse a unha guerra de guerrillas esperando que o final da guerra mundial e a derrota dos fascismos tamén fora o final para o réxime franquista. Moitos destes guerrilleiros pertencían ao partido comunista. En Galicia a actividade maqui foi moi importante na contorna de Vila de Cruces na dorsal galega. Destacou a figura de Foucellas. En España estiveron moi activos en Asturias, León, Sistema Ibérico e Andalucía. Tamén chegou a producirse un intento de penetración das forzas opositoras polo val de Arán, en 1944 que fracasa estrepitosamente. A resistencia dos maquis dura ata os inicios dos 50 tanto pola acción da Garda Civil como pola chegada de novas consignas por parte do partido comunista de abandono da loita armada para concentrarse na oposición política. Dende mediados dos anos 50, Santiago Carrillo consideraba que o obxectivo primordial pasaba pola busca dunha reconcialición nacional, argumento que co tempo causaría escisións dentro do PCE.
Debemos destacar a postura tomada por figuras políticas españolas de diferente ideoloxía que dende o exilio fixeron unha petición no Congreso do Movemento Europeo, en 1962, para que as autoridades europeas fixeran todo o posible para impedir que España entrara a formar parte da CEE mentres continuara o réxime de Franco. Este feito foi denominado pola prensa do réxime como o chamado Contubernio de Munich entendendo que era un acto de falta de patriotismo prexudicar a España na súa intención de integrarse en Europa. Salvador de Madariaga, presidente da Internacional LIberal organizou a asistencia a este evento da oposición española ao réxime franquista.
Xa nos anos 60, ao tempo que se liberalizaba e melloraba a situación económica, intensificábase aínda máis a oposición, que reclamaba un réxime democrático e critica a falta de lexitimidade do réxime franquista. Isto podía verse en ámbitos como as universidades, a partir de 1956, onde as protestas baseábanse principalmente en conseguir un sindicato de estudantes que substituíse ao oficial (SEU), ao que o Goberno sempre contestou cunha negativa, deixándoo claro mediante a suspensión de clases. Nesa protesta destacaría o labor de estudantes como Javier Pradera ou Ramón Tamames e acabaría por comprometer ao ministro de Educación, Joaquín Ruíz Jiménez, que sería destituido por esta crise. Máis tarde, no ano 1965, outra protesta universitaria conlevaría a apertura de expedientes aos profesores Aranguren, Tierno Galván e García Calvo. Xa a finais dos 60, á imitación do que estaba acontecendo en Francia e outros países europeos, os movementos esquerdistas acadan protagonismo e, no caso español, esta mobilización estudantil ten tintes de protesta contra o réxime represivo e de petición de democracia. O réxime endurece a resposta coa a detención e morte do membro do PC Julián Grimau (1963) e do estudante Enrique Ruano, pertencente ao Frente de Liberación Popular (FLP), coñecido familiarmente como Felipe, un movimento nacido en 1956 como oposición ao franquismo. Para frear esta oposición o réxime creou en 1963 o Tribunal de Orde Pública (TOP) que vén a substituír aos tribunais militares na represión política.
Outra peza moi importante na oposición ao réxime foi o movemento obreiro, que promovía folgas para obter dereitos como a redución da xornada, mellora de salarios... Disto nacen as Comisións Obreiras en 1962, clandestinamente, onde os seus lideres pretendían chegar aos obreiros con facilidade grazas a estrutura do sindicato vertical, infiltrándose nesta organización para conseguir melloras para a clase obreira, pero tamén para ir concienciando politicamente aos obreiros. Aínda así, os conflitos non tardaron en producirse en lugares como Asturias o Cataluña, sendo os líderes ( Marcelino Camacho, Julián Ariza) fortemente reprimidos. Con todo conseguiron que aumentara considerablemente a conflitivitade obreira e o número de folgas. A súa vez isto fixo que a afiliación aumentase. Debemos resaltar os sucesos de Ferrol en marzo de 1970 onde morreron dous traballadores a disparos da policía. Os actos de protesta por estas mortes tiveron moita repercusión en Galicia, en especial, na factoría Citroën de Vigo.
Incluso a Igrexa mostrouse oposta ao réxime tras os cambios acontecidos no seno interno do clero tras o Concilio do Vaticano II. Un documento de 1960, asinado por 339 sacerdotes, pero desautorizado pola xerarquía eclesiástica española, denuncia os malos tratos e a falta de liberdades. Unha década despois, a Asemblea Conxunta de Bispos estivo a piques de aprobar unha resolución na que lamentaba o papel da igrexa durante a guerra. A igrexa comeza a tomar distancia respecto do réxime e xurde a Xuventude Obreira Católica e a Irmandade Obreira de Acción Católica como grupos de católicos de base opostos ao réxime.
Finalmente, a oposición política foi en aumento, sobre todo, nos anos 70. Nesta loita contra o réxime destacaría o labor do PC e en menor medida do PSOE. En 1959 fundouse ETA, forma radicalizada do nacionalismo vasco, que en 1968 dá morte a un garda civil nun control de tráfico e a Melitón Manzanas, Xefe da Brigada Social de S. Sebastián, feito sobre o que o goberno reaccionou publicando a Lei de represión de bandidaxe e terrorismo que pasaba á xurisdicción militar os delitos de tipo político. Nos anos 70 aparecen bandas armadas de perfil comunista maoista como FRAP e GRAPO que cun discurso anticapitalista e antiimperialista buscan desestabilizar a ditadura e traer a república a través dun movemento insurrecional.