CONTIDOS DAS COMPOSICIÓNS DAS ABAU. Século XX

Temática sobre as que poden estar baseadas as composicións

A economía española durante a época do franquismo pódese dividir en dúas etapas.

  • A primeira etapa é a autarquía caracterizada por unha buscada autosuficiencia económica, propia do ideario fascista, e un obrigado illamento internacional que comeza no momento en que os sublevados militares gañan a Guerra civil. 
  • A segunda etapa parte do ano 1959 cando se aproba o Plan de Estabilización Nacional e España abre a súa economía ao exterior e comezan a chegar os investimentos estranxeiros atraídos pola man de obra abundante e barata.

O período de autarquía tiña como obxectivo lograr a autosuficiencia económica para non depender economicamente do exterior, impulsando a produción interior e dificultando as importacións mediante a imposición de elevados aranceis, é dicir, a aplicación dunha política proteccionista e un nacionalismo económico que se traduce nun intervencionismo do Estado.

Na agricultura descendeu a produción debido a escaseza de abonos e á baixa produtividade o que se traduciu en problemas no abastecemento de alimentos, obrigando ao Estado ao establecemento dunha cartilla de racionamento. Para  lograr incrementar a produción agraria  tomáronse medidas como a explotación de novas terras  coa creación do Instituto Nacional de Colonización que, entre os anos 1945 e 1970, construíu  máis de 300 novos núcleos de colonización. En 1952 aprobouse a Lei de Concentración Parcelaria  para evitar o minifundismo e facer máis rendibles estas explotacións. A pesar da propaganda oficial que se fixo destas medidas, estas non lograron ningún tipo de éxito.

No ámbito industrial seguiuse a política intervencionista coa creación do Instituto Nacional de Industria (1941) para o control da produción dos sectores industriais básicos cuxo maior inversor e promotor era o Estado. Aínda evitando o contacto económico có exterior a dependencia tecnolóxica e enerxética do estranxeiro provocou que non se cumprisen os  obxectivos marcados.

No transporte destacou a nacionalización da rede de ferrocarrís de vía ancha e a creación en 1941 de RENFE.

As transaccións comerciais estaba fortemente intervidas polo Estado e o comercio exterior organizábase a través dun sistema de licencias  e acordos bilaterais mentres que o comercio interior estaba regulamentado pola Comisaría de Abastecementos e Transportes desde 1939.

A partir dos anos cincuenta iniciouse a recuperación económica que se produciu grazas a dous factores;

  • o primeiro foron as boas colleitas dos primeiros anos da década  que permitiron recuperar taxas de produción anteriores á guerra e ter excedentes agrícolas 
  • o segundo foi a importante cantidade de divisas, materias primas ,fontes de enerxías e bens de equipo  proporcionada polos acordos con EEUU. Ademais, a poboación española experimentou nos anos 50 un crecemento demográfico importante, o "Baby boom", que permitiu dispoñer de man de obra abundante.

En 1959 aprobouse un plano de Estabilización  que foi un programa de reformas realizado por un equipo de ministros e de altos cargos técnicos do OPUS DEI e  contou co apoio do Fondo Monetario Internacional.  O seu obxectivo era establecer un modelo baseado na liberdade económica máis acorde coa economía capitalista occidental. Esta economía baseábase na  flexibilidade de prezos e salarios, determinados polo mercado e non polo Estado, unha política monetaria que obrigaba a establecer a paridade da peseta respecto das divisas internacionais e a liberalización dos intercambios comercias. No sector público,  o Goberno comprometíase axustar os gastos aos ingresos, reducir a inflación e mellorar a recaudación do sistema fiscal.  O éxito máis destacable do Plano de Estabilización  foi sentar as bases para iniciar o forte crecemento da década dos anos 70, así como o abandono definitivo do modelo autárquico.

Na industria, entre os anos 1964 e 1973, aparecen os Polos de Desenvolvemento Industrial naqueles territorios onde o emprego industrial non era significativo. A aplicación destes plans atraen investimentos industriais xa que se crea solo industrial preparado con enormes vantaxes fiscais e incentivos para as empresas por situarse neses encraves. Tanto o investimento público como o privado aproveitaron estas vantaxes. Un exemplo é a creación da Zona Franca en Vigo que serviu de atracción para a localización de Citroën.

Cabe destacar que durante este segundo período aínda que  se produciu un desenvolvemento económico en España , o mercado interior non foi capaz de absorber a man de obra excedente polo que nesta década se produciu un gran incremento da emigración tanto do rural ás cidades como cara ao exterior, especialmente aos países europeos.

O crecemento económico non tivo en conta o impacto  ambiental nin unha axeitada política urbanística polo que o desenvolvemento do turismo, que foi conxuntamente coa construción un dos motores do despegue económico, transformou dun xeito notable o litoral mediterráneo.

Todo este desarrollismo finaliza coa crise económica do 73, cando se produce a suba dos prezos do petróleo, que en España se traduce en inflación e conflitividade laboral, deixando un legado de difícil xestión para a etapa política da Transición