CONTIDOS DAS COMPOSICIÓNS DAS ABAU. Século XX
Temática sobre as que poden estar baseadas as composicións
O resultado da Guerra Civil (1936-39) foi a consolidación do réxime ditatorial que os sublevados contra a República democrática comezaran a construír na denominada "España nacional" dende outubro do 36. Nos seus case 40 anos de existencia, o franquismo mantívose, con escasos cambios, como unha férrea ditadura militar, moi conservadora, baseada na represión feroz dos seus opositores e a eliminación dos dereitos e liberdades dos españois.
A vitoria dos militares sublevados na Guerra Civil significou a liquidación da experiencia democrática republicana e a instauración dun réxime ditatorial baseado nos chamados ideais do 18 de xullo:
- Un estado forte e centralizado que garantise a unidade de España e unha orde social e moral baseada na doutrina da igrexa e no ideario fascista da Falanxe (o nacional- sindicalismo, o corporativismo): familia tradicional (submisión da muller), catolicismo, propiedade privada, centralismo e orde.
- A concentración do poder en mans do xeneral Franco: o Caudillo reuniu na súa persoa a xefatura do Estado, do Goberno, das Forzas Armadas, do partido único e o poder lexislativo. Empregou un poder absoluto e represor, suprimindo os dereitos e liberdades e exaltando a figura do líder ao estilo fascista. Concentrou nas súas mans un poder ilimitado do que segundo el só respondería “ante Deus e ante a Historia”.
- A defensa da proclamada verdadeira tradición española, asociada ao mitificado esplendor da España imperial dos séculos XVI e XVII, contra a influencia estranxeira do liberalismo, a masonería, o socialismo, o comunismo…
Basicamente tratouse dunha ditadura militar, moi conservadora e católica (nacional-catolicismo) que mantivo sempre un carácter represivo e contou cunha forte oposición, pero que gozou tamén dun notable apoio social. O exército e a igrexa foron as columnas vertebrais do réxime. Compartían o poder con outras familias políticas do réxime: os falanxistas, os monárquicos, os católicos e os tecnócratas do Opus Dei.
Impulsou un ríxido control social e ideolóxico a través da educación e a censura de prensa, cine e cultura. Tamén utilizou os medios de comunicación para exaltar a figura do caudillo e convencer aos españois dos logros e beneficios do réxime. A Fronte de Xuventudes e a Sección Feminina axudaban a adoutrinar a poboación.O franquismo caracterizouse por unha extraordinaria capacidade de adaptación tanto ao contexto internacional como aos cambios socioeconómicos experimentados polo país durante este longo período. Ao comezo da Segunda Guerra Mundial, mentres as forzas do Eixe tiveron éxitos militares, o réxime amosábase identificado cos valores fascistas e ainda que oficialmente mantivo a neutralidade apoiou á Alemania nazi co envío de materias primas e a División Azul. A partir de 1942 cando comeza a mudar o signo da guerra o réxime opta por ir eliminando ese entusiasmo fascista para evitar ser identificado como un aliado. Esa suavización das formas fascistas non impediu á ONU emitir unha declaración de illamento internacional á ditadura de Franco por tela identificada co fascismo. A chegada da Guerra Fría abriulle ao franquismo a posibilidade de presentarse ante USA como o primeiro réxime que derrotou a ameaza de revolución comunista en Occidente. A partir de aí o réxime recibe o recoñecemento de USA e o Vaticano o que lle permitirá saír do illamento internacional e iniciar unha nova fase dentro do seu autoritarismo característico, algo ao que nunca renunciou.
A ditadura só se xustificaba a se mesma pola vitoria obtida na Guerra Civil. Para poder perpetuarse debía lexitimarse a base de construír un entramado pseudoconstitucional, a base dunhas leis fundamentais que responderon as necesidades políticas de cada momento e que definiron o réxime como unha democracia orgánica fronte á democracia parlamentaria:
- Foro de traballo (1938): Regulamentaba o mundo laboral, complementado pola lei de Unión Sindical de 1940, creando así o sindicato vertical ao que se terían que afiliar todos os traballadores organizados en corporacións. Tres áreas de afiliación: mundo campesiño, o mundo do mar e o industrial que daba como resultado a Organización Sindical do Movemento. O Foro do Traballo imitaba a Carta di Laboro italiana e regulaba o traballo nocturno, o descanso dominical, festivos e contemplaba subsidios de vellez, invalidez, enfermidade e maternidade.
- Lei de Cortes (1942): Creaba as novas Cortes orgánicas con función deliberante e consultiva. Non había división de poderes polo que esta cámara so serviu para reunir en Cortes ás estruturas de apoio ao réxime. Os seus membros denominábanse procuradores. Eran membros destas Cortes os ministros, os representantes dos Sindicatos Nacionais, os conselleiros da FET e das JONS, os alcaldes das capitais de provincias, rectores das Universidades e os nomeados por Franco.
- Foro dos Españois(1945): Táboa de dereitos e deberes a modo de Carta Outorgada. No artigo 2 dise que "Os españois deben fiel servizo á patria, lealdade ao Xefe do Estado e obediencia ás leis". É dicir subordinación a Franco e aos principios fundamentais do réxime.
- Lei de Referendo (1945): Daba participación á opinión pública para sancionar as leis fundamentais que decidía o Xefe de Estado. No tempo da ditadura celebráronse dous referendos nos que poderían participar os homes e mulleres maiores de 21 anos: para aprobar a Lei de Sucesión e para aprobar a Lei orgánica do Estado.
- Lei de Sucesión (1947): España quedaba definida como un reino; Franco era ratificado como Xefe do Estado. Realmente o franquismo no restaura a monarquía senón que instaura unha nova monarquía deseñada dende o respeto e fidelidade aos principios do Movemento Nacional. Franco tómase a liberdade de elixir ao seu sucesor. En 1969 elixe como sucesor a Juan Carlos de Borbón en detrimento do seu pai Juan de Borbón que non tiña boas relacións con Franco precisamente polo carácter que debería ter a futura monarquía.
- Lei de principios do Movemento (1958): Establecía os principios inmutables e permanentes do réxime: unidade de España, centralismo, condición de reino católico, sometemento dos individuos ao Estado e intervencionismo deste nas relacións económicas e sociais e fixaba as unidades naturais na vida social: familia, municipio e sindicato. A única formación política autorizada sería a do Movemento Nacional, as demais serían perseguidas.
- Lei orgánica do Estado (1967): Compendio definitivo da democracia orgánica, síntese e actualización das anteriores normas. Intento publicitario do réxime de dar unha imaxe de democracia ante o exterior. Unha novidade é a elección de dous procuradores por provincia a Cortes polos cabezas de familia. Control do Movemento Nacional e do Sindicato Vertical sobre vida municipal na elección dos alcaldes e concelleiros.
Unicamente a morte co ditador, en Novembro do 1975, abriría o camiño cara a democracia onde se aprobaría a Lei para a Reforma Política (1977) que sería a última lei fundamental do sistema político franquista aprobada tras a morte do ditador e que paradoxicamente signifcaba a fin do réxime.