A cuestión nacional no século XIX

No último terzo do século XIX, a imaxe do acontecido noutros lugares de Europa, en España desenvolvéronse os rexionalismos e nacionalismos. Estes movementos, opostos á política centralizadora da Restauración, xurdiron sobre todo en territorios periféricos ( Cataluña, País Vasco e Galicia) dotados de elementos culturais diferenciados sobre os que se foi xerando unha conciencia política a través do pensamento elaborado por intelectuais e eruditos vencellados coa burguesía.

A partir da década de 1880 do s. XIX domina o denominado rexionalismo que non discute a unidade nacional de España nin o seu modelo territorial de Estado, pero que reivindica unha autonomía e un desenvolvemento de institucións propias que, ao non recibir resposta positiva dos gobernos da Restauración, vai radicalizando a súa postura desembocando no s. XX en posturas de tipo nacionalista. O nacionalismo persegue dotar de organización política propia a un territorio sobre o que existe unha identidade de pertenza diferenciado por unha lingua propia, uns costumes, unhas tradicións e unhas figuras xurídicas propias que se foron forxando ao longo da historia. Se o concepto de nación española como suxeito político, que aspira a estar dotado dunhas institucións de goberno propias,  xurde co liberalismo das Cortes de Cádiz; no último terzo do XIX, como consecuencia da influencia do Romanticismo, os territorios periféricos descobren a patria pequena fronte a convulsa construción do Estado- Nación español. A feble nacionalización española, o descontento pola marcha do país, especialmente despois do desastre do 98, a centralización e o unitarismo do réxime da Restauración son factores que explican a formación deste movemento político.  A partir da creación dun relato histórico centrado nun agravio na relación con España (Cataluña na perda dos fueros en 1714, País Vasco na perda dos fueros en 1876 e Galicia no atraso) estes territorios reivindican outro modelo territorial e outra relación con España para poder desenvolverse como país. Defenden as súas comunidades como unhas nacións diferenciadas da española con dereito a dispoñer de soberanía política e goberno propio.

No caso catalán, á altura de 1830 o movemento literario da Renaixença impulsou un proceso de recuperación da cultura e a lingua propias. O paso do catalanismo cultural ó político tería lugar nos anos 80, cunha orientación rexionalista, que aspiraba a lograr un maior autogoberno para Cataluña sen discutir a unidade nacional de España. O primeiro paso foi o de Valentín Almirall, fundador do Centre Catalá que redactou o Memorial de Agravios que presentaron ante o rei Alfonso XII onde se demandaba unha organización rexional e realizábase unha defensa da lingua catalana. A creación da Unión Catalanista en 1891, e as súas demandas de restauración das institucións históricas e traspaso de competencias, suporían un novo paso no proceso de afirmación catalanista. A redacción das Bases de Manresa, un texto que ten vocación de estatuto de autonomía, é a culminación desta etapa. Será a principios do século XX cando adopte unha orientación nacionalista, baixo o impulso de Prat de la Riba e despois do desastre do 98 onde Cataluña sente que o seu futuro político debe desenvolverse de forma propia e que a súa integración en España só lle conduce a un estancamento. En 1901, Prat de la Riba e Cambó funda a Lliga Regionalista, un partido nacionalista de tipo conservador e burgués, que competiu electoralmente con éxito contra os partidos monárquicos do sistema da Restauración e que dominará a escena política catalana ata que a crise de 1917 fíxolle perder influencia en favor dun nacionalismo máis progresista e republicano.

No caso vasco, a evolución foi diferente e estivo marcada por un feito político: a abolición dos fueros en 1876. As protestas levaron a Cánovas a aprobar os Concertos Económicos dous anos mais tarde, recoñecendo a autonomía fiscal das Provincias Vascas. Con todo, a demanda da plena reintegración foral daría lugar a un movemento reivindicativo encabezado por Sabino Arana. O seu ideario identificaba a etnia, o integrismo católico, a lingua vasca, os privilexios vascos e cultura tradicionais como elementos identitarios do territorio que denominou Euskadi. O seu nacionalismo é conservador e historicista ao estilo das correntes dominantes no pensamento nacionalista alemán. Desenvolve un discurso crítico cara o proceso de transformación industrial que experimenta o País Vasco que atrae traballadores de fóra, aos que despectivamente denomina maquetos, e que conduce a unha transformación dos valores xenuínos vascos.  O seu desprezo por todo o español condúceo a unha postura independentista. Para defender a su independencia fundou en 1895 o Partido Nacionalista Vasco, un partido de dereitas,racista e ultracatólico. Para Sabino Arana, o País Vasco corría risco de españolizarse e converterse en un territorio ateo e liberal. En 1898 lograron os seus primeiros éxitos electorais. En 1911 fundaron o sindicato Solidariedade de traballadores Vascos para contrarrestar a influencia do socialismo e anarquismo entre a clase traballadora. A morte do seu fundador conlevou co tempo a unha fractura interna entre unha tendencia posibilista e autonomista fronte a outra independentista e máis radical.

O galeguismo tamén experimentou unha lenta evolución na segunda metade do século XIX. Nunha primeira etapa, iniciada en 1840, o provincialismo de Antolín Faraldo alentaría a progresiva toma de conciencia das particularidades e necesidades de Galicia. Este primeiro movemento acabará nos fusilamentos  de Carral que pon fin ao pronunciamento progresista fracasado en 1846. Chegouse a crear en Santiago unha Xunta Suprema do Goberno de Galicia.  Ese impulso precursor viuse reforzado nos anos 60 polo Rexurdimento, o movemento cultural iniciado por Rosalía de Castro, que aspiraba á revitalización do galego como lingua literaria. Con todo, será a partir de 1880 cando xurda o rexionalismo, defensor do dereito á autonomía política, e que tivo como figuras mais destacadas o liberal Manuel Martínez Murguía e o conservador Alfredo Brañas. O galeguismo, no século XIX, foi un movemento obra de intelectuais e profesores de universidade e non tivo o respaldo de amplas capas da poboación ata ben entrado o século XX. Parte dunha reflexión sobre o atraso de Galicia e o esquecemento do Goberno central sobre as necesidades deste territorio.

Murguía define os criterios que fan de Galicia un territorio con dereito a unha autonomía política mentres que  Brañas defendeu a idea da dobre patria e avogou pola creación de institucións de goberno propias para as rexións que así o pediran. Para Brañas era o catolicismo un dos trazos definitorios da alma galega e o corporativismo social e gremial a base das institucións políticas rexionais.

Neste tempo foron fundándose xornais en galego e as primeiras organizacións galeguistas ( Asociación Rexional Galega, a Liga Galega)  así como a creación da Real Academia Galega da Lingua.

Non será ata 1916 coa creación das Irmandades da Fala en que o rexionalismo torne a unha postura nacionalista