A Restauración (sistema canovista, constitución de 1876, o caciquismo e o fraude electoral)

Tras rematar a Primeira República e despois de case un ano do réxime personalista de Serrano van triunfar as ideas de Cánovas del Castillo para devolver a España a un réxime monárquico da man da dinastía dos Borbóns. O Manifesto de Sandhurst, emitido por Alfonso XII, serve de presentación do novo monarca aos españois e as súas intencións políticas. Neste período chamado Restauración Borbónica son coñecidas tres etapas: o reinado de Alfonso XII (1875-85), a rexencia de María Cristina de Habsburgo (1885-1902) e o reinado constitucional de Alfonso XIII (1902-23).

Porén, a volta de Alfonso XII a España vaino facer da forma clásica no s. XIX,a través dun pronunciamento, o protagonizado por Martínez Campos en  decembro de 1874. Este acto disgusta a Cánovas del Castillo que desexaba un regreso dos Borbóns non pola vía do alzamento militar. Alfonso XII  nomeou como presidente do Goberno a Cánovas del Castillo (liberal conservador pero pragmático) que sentou as bases políticas do novo réxime. Este político analizou a estabilidade do modelo político de Gran Bretaña e a propia historia de España para xustificar a recuperación do sistema de dobre confianza entre o rei e a Cortes propio do liberalismo doutrinario. A Coroa representaba a tradición e a unidade española e as Cortes representaban a vontade da nación. 

Segundo as súas ideas a monarquía debía ser constitucional doutrinaria e o Goberno debía contar cunha dobre confianza: a da Coroa e a da Cortes. O Goberno debía ser nomeado pola Coroa pero para desempeñar a súa tarefa tiña que contar coa maioría parlamentaria nas Cortes. Se era necesario, utilizábase a manipulación dos resultados electorais a través da fraude e dos caciques.

Cánovas baseaba a estabilidade no bipartidismo: dous grandes partidos monárquicos (un no Goberno e o outro na oposición) que se alternarían no exercicio do poder. Aplicouse o modelo inglés en España e desta maneira apareceron o Partido Conservador liderado por Cánovas, que incluía os antigos moderados e membros da Unión Liberal, e o Partido Liberal dirixido por Sagasta formado polos progresistas e demócratas. Ademais, consideraba indispensable unha alternancia pacífica de Goberno baseada na quenda de mutuo acordo entre os partidos para evitar o recurso ao pronunciamento. Cando un Goberno tiña dificultades ou sufrira un forte desgaste, a Coroa nomeaba como presidente ao xefe do partido da oposición e a continuación disolvía as Cortes convocando unhas eleccións que necesariamente tiña que gañar o partido do novo Goberno. Utilizábanse redes de influencia do rural co caciquismo para conseguir os votos necesarios no ruralo que levou ao sistema a un proceso contínuo de fraude electoral e falseamento dos procesos electorais. 

Outra idea importante deste sistema era a necesidade de apartar ao exército da vida política e evitar os pronunciamentos. De aí a importancia do acordo na quenda de goberno entre liberais e conservadores para garantir estabilidade  ao sistema. Ese acordo alonxaría a tentación do pronunciamento. Outro piar do seu pensamento político en aras da estabilidade era o de devolverlle á Igrexa o seu prestixio perdido durante o sexenio democrático, principalmente no campo educativo. Por último, era esencial que en materia de dereitos á cidadanía, os partidos do sistema realizaran os avances a partir dun pacto, o que se denominou transaccionismo. 

Cánovas convocou eleccións constituíntes e as novas Cortes, con maioría de deputados do Partido Conservador, aprobaron a Constitución de 1876 que era un híbrido entre a doutrinaria do 45, para as cuestións principais de funcionamento institucional e orgánico, e a do 69, en materia de dereitos. Establecía un réxime oligárquico rexido por unha monarquía constitucional doutrinaria conservadora. A soberanía estaba compartida entre o rei e as Cortes. A Coroa gozaba de prerrogativas xa que nomeaba libremente ao presidente dos ministros, sancionada e promulgaba as leis, tiña dereito de veto, exercía o mando supremo das forzas armadas e dirixía a vida política internacional. Como consecuencia, o rei ademais de reinar tamén goberna. Todos estes poderes debían ser exercidos por ministros responsables ante as Cortes.

As Cortes bicamerais estaban constituídas polo Congreso cuxos membros serían elixidos polos cidadás de acordo cunha lei electoral posterior e o Senado formado por membros vitalicios asignados polo propio rei, por dereito propio ou elixidos polos maiores contribuíntes. As dúas cámaras compartían a iniciativa legal co rei.

Os dereitos e liberdades aparecían recollidos, pero redactados de forma xenérica polo que necesitaba un desenvolvemento en leis posteriores de inferior rango. Isto permitía un tratamento máis restritivo e a necesidade dun consenso entre o partido de goberno e oposición.

Esta Constitución establecía o Catolicismo de Estado aínda que tamén se recoñecía a liberdade de conciencia e de culto.

Para fabricar os resultados e o reparto de escanos, o ministro de Gobernación reúne aos gobernadores civis de cada provincia para proceder a nomear aos candidatos e os escanos que se repartiría cada partido de acordo co papel asignado nesa convocatoria. Deste xeito, o partido do novo goberno tería un amplo dominio dos escanos da cámara. A este proceso denominouselle encadramento. 

Para que este proceso culminara de acordo ao previsto era imprescindible contar coa intervención dos caciques. O estreito control do voto que exercían os caciques, base do sistema, sobre as eleccións períodicas, xerou unha cadea de favores e adhesións persoais que impedía a celebración dunhas eleccións libres, especialmente no ámbito rural. No medio urbano era máis complicado ese control do voto. Todo isto traducíase na existencia de distritos electorais enfeudados onde unhas poucas familias tiñan o dominio político da provincia. Cada cambio de goberno, pactado entre conservadores e liberais, implicaba o relevo de numerosos cargos en todas as escalas da administración do Estado que vivían a costa dese sistema de quenda política.

Este sistema corrupto que utilizaba calquera recurso para falsear os resultados electorais (pucheirazo, resurreción de persoas finadas no censo electoral, ausencias inxustificadas no censo que impedían votar aos que non interesaban, extravíos...) foi criticado duramente polo Rexeneracionismo e pola oposición política ao sistema da quenda (republicanos, socialistas).

Non obstante, neste período, mentres viviron as dúas figuras clave, Cánovas e Sagasta, o sistema foi funcionando xa que rematou co conflito carlista (1876) coa conseguinte anulación dos fueros do País Vasco e o establecemento do cupo vasco; a paz de Zanjón, en 1878, que apagou momentaneamente o conflito cubano; e permitiu avances lexislativos, cando gobernaron os liberais, como a lei de asociacións que legalizaba aos partidos e sindicatos (1888), un novo código civil (1889), a lei que instaura definitivamente o sufraxio universal (1890). A morte prematura do rei non impediu que o sistema seguira funcionando tras o pacto do Pardo entre conservadores e liberais. Porén, a finais do século aumenta considerablemente a conflictividade social e política (atentados anarquistas que se cobran a vida de Cánovas) que, ao sumarlle o desastre do 98, provoca o inicio dunha grave crise na rexencia de María Cristina, minando a credibilidade do sistema e  sumando ao exército nunha crise que o converte de novo nun actor político, pero nunha versión involucionista. Deste modo, en 1902 o trono español pasa a mans de Alfonso XIII e o sistema da Restauración Borbónica comeza a desgastarse de forma notable nos dous primeiros decenios da nova centuria  .

https://www.bne.es/es/blog/blog-bne/cuando-pucheros-servian-urnas